quarta-feira, dezembro 25, 2019

O Vernero que foi - Novembro '08

Ollando para as entradas do decimoprimeiro mes do 2008, véxoas moi coloreadas polas lecturas e traballos do máster de Teoría da Literatura co que pelexaba naqueles días. Non comezara aínda o meu costume de  anotar as lecturas mensuais, mais seguindo o novelo das verbas idas, é obvio que me relambía cunha das pequenas tartas de nata de Jorge Luis Borges (concretamente, Otras Inquisiciones nunha edición pequeniña de Alianza decorada con esceas de Brueghel). Relía o Criticón de Gracián (que xa debe de ir pola terceira volta a estas alturas) e un estudo encol da 'Arte do Século 20' en dous volumes que me agasallaran os Comparatistas polo meu natalicio e que lembro coma lectura agridoce, bon correlato dos textos filosóficos posmodernos discutíamos con paixón; en ámbolos dous casos esforzábame eu por empatizar (en parte por modestia, en parte por un exercicio de abrir a mente) con teses antagónicas ás miñas, uns esforzos aos que xa vai tempo que renunciei; o soterrado conservadurismo que medra cos nosos anos facilita que me sinta cómodo a día de hoxe ignorando os postulados intelectuais e estéticos do que pasaba por arte no que xa é o século pasado. 

Moi enfocados cara a cibercultura estaban o Hipertexto de Landow (reseñado na entrada do 9/11) e La narración como realidad virtual de Marie Laurie Ryan. Das promesas vangardistas do primeiro (unhareiteración don lugar común da forma 'tal innovación tecnolóxica / moda literaria é o correlato exacto de tal moda intelectual') poderíase dicir hoxe o mesmo que Cervantes daquel bravucón que aparece no seu "Al túmulo del rey Felipe II en Sevilla":

"Y luego, incontinente,
caló el chapeo, requirió la espada,
miró al soslayo, fuese, y no hubo nada".

Do libro de Ryan creo lembrar unha portada de cores algo psicodélicos coma de cóctel tropical; alén do anecdótico, creo lembrar que foi a lectura máis interesante e formativa destes textos pra cursos, introducíndome aos temas/teimas e conflitos de ludólogos e narrativistas e da literatura como xogo e/ou inmersión. As súas ideas sobre o cinema interactivo, a partires da experimental 'I'm your man' déronme o ponto de partida para unha ponencia sobre o cinema hipertextual de Peter Greenaway que no seu día levei á Cidade Condal e que durme o sono dos xustos agardando un outro día en que pula e poña por escrito aquelas notas e as publique decentemente nun artigo. Deixáronme tamén as páxinas de Ryan unha lectura pendente do novelista Neil Stephenson (do que xa disfrutara da quijotesca e postcyberpunkarra Snow Crash), The Diamond Age, ou o soño dun libro interactivo e inmersivo, que agardo por fin poder levar a bo porto no 2020. É Stephenson escritor curioso que merecería unha entrada, e ten a habelencia de sempre ir tocando paus que por absoluta e non premeditada coincidencia conectan con vezos e intereses en diferentes intres da miña. Por exemplo, cos intereses matemático-filosóficos do meu presente habíame gorentar a súa Anathema máis do que calquer outra lectura. Veremos se topo o tempo de probar con as dúas...

Sem comentários: