E non só a ela. Un cotexo sumario dos grados que nesa modalidade ofertan as universidades galegas fornece resultados que se computan cos dedos dunha man. Os poucos que hai son, amais, froito dunha estratexia claramente desesperada por salvar de peche e extinción a grados que non son quen de atraer alumnado presenzal. A ensinanza a distancia amósase, pois, como a derradeira bala na recámara, un desagradábel último recurso ou táboa de salvación ao estilo de Xudas Tadeo.
Persoalmente, non dou entendido a indiferenza destas institucións por un porcentaxe nada desdeñábel de alumnos potenciais, habida conta de que o imparábel declive demográfico da nosa terra vai facer con cada ano que pasa máis e máis difícil que consigan reclutar estudantado nas aulas. Quizaves pesen as inercias tradicionais en institucións que son pola súa natureza reacias a todo tipo de mudanza: as universidades post-humboltiás -híbridos bifrontes de institución docente e investigadora- desexarían poder reducir a ensinanza a mínima potencia (xa a evitan na medida do posíbel os catedráticos; hai unha lóxica profesional tamén nisto, xa que postos e prebendas adxudícanse por criterios estritos de investigación / publicación, e non de alumnos ben ensinados e satisfeitos coas aulas). Unha docencia virtual seguramente aumentaría as horas educativas. Por outro lado, tamén son consciente (téndoo experimentado este ano en carne propia na epidemia en curso) das dificultades de improvisar unha boa docencia a distancia; as universidades poden ter razón en obxetar as improvisacións pouco acertadas da Xunta que xa pretendía ir encarreirando as institucións de ensino superior por estes eidos de xeito semi-permanente. Porén, non é excusa para que as universidades non espabilen dunha vez e comecen a atender as necesidades e a demanda dos sectores, seguramente amplos, da poboación que por motivos laborais e familiares non podemos asistir diariamente ás aulas dunha ensinanza regrada. Fágase con cautela, con formación, con novos medios dotados pola administración; pero comece a facerse dunha vez, sen excusas, sen procastinacións e sen paso de caracol.
Sem comentários:
Enviar um comentário