Estes días estou a ler a tradución inglesa (obra de Ian Johnston) do Mozi, un dos clásicos do pensamento filosófico chinés de arredor do século V a.C. Velaiquí uns breves apuntamentos:
*O primeiro que me está a sorprender é a semellanza do pensamento Moísta co Confucianismo, que era o seu acérrimo rival. Lendo esta obra, non son quen de comprender o odio que lle adican Mengzi ou Xunzi, agás que a razón sexa simplemente a estreita competición entre escolas moi semellantes (xa se sabe que na práctica, o herexe é máis detestado que o infiel). As diferenzas que existen -enterros, espíritos, etc... - antóllanseme moi menores.
*O concepto de 'amor universal' sí podería ser a fonte de maiores enfrentamentos, mais de novo, a propia noción confuciá de ren (仁) tamén é bastante universalista, incluso se a súa perfecta posta en práctica se restrixe aos 'sabios' (聖) e aos 'cabaleiros' (君子).
*Cousas que o Moísmo comparte con escolas á súa vez moi opostas, coma a Confuciá ou a Legalista, son a súa visión meritocrática, autoritaria, estatista e de arriba a abaixo á hora de organizar a sociedade. Curioso que non lles resultará concibíbel no século V unha forma máis horizontal de goberno, ou quizaves sí o pensaron mais eses textos non chegaron a nós.
*De feito, a imprensión que me está a xerar a lectura é a de que o Confucianismo configúrase coma un punto medio entre dous estremos - non tan cínimo, instrumental e amoralista coma o Legalismo (pero aplicando moito do pragmatismo deste na organización política diaria, anque sempre coa boca pequena), e non tan idealista e utópico coma o Moísmo (malia compartir a maior parte das súas crenzas).
*Noutro orde de cousas, o pensamento de Mozi antóllasame un chisco bilopar dende a perspectiva actual - dúas caras de Xano, cunha fitando para o pasado (crenza en pantasmas e espíritos, e nunha 'xustiza divina' que castiga e recompensa aos humanos nesta vida) e outra cara o futuro (pacifista, filosóficamente utilitarista, 'as necesidades dos máis predominan sobre as necesidades dun')
Sem comentários:
Enviar um comentário