Estes días estou a ler, entre outras cousas, unha introdución ao pensamento ético: How Should We Live?, de Louis P. Pojman. Atopei especialmente relevante o seguinte dilema que plantexa para aqueles que seguen un modelo ético secularista. Neste caso, un ten que escoller entre obxectividade ou relativismo.
por instinto, considérome un realista moral, o que quere dicir que asumo que certos principios morais son verdadeiros e universalmente válidos, con indiferencia de que sexan recoñecidos e acatados como tales por alguén. Asemade, considérome unha persoa atea. Mais xuntar estas dúas crenzas permite doadamente que se me plantexen dúas preguntas incómodas:
1) Incluso se estiveras dacordo comigo en que algúns principios morais son certos, porqué deberían as persoas acatalos se van en contra dos seus intereses particulares e poden vulneralos con impunidade? E qué acontece se ditos principios contradín os da sociedade na que un está inserido?
2) Se non existe unha deidade lexisladora, cal sería a fundación obxectiva de ditos principios morais? De onde veñen?
Deixando de lado as posíbeis respostas de momento, un podería pensar que o outro camiño, o do relativismo, podería dar mellores froitos, e asumir que os principios morais sempre dependen dunha serie de motivacións extrínsecas, e que son continxentes, as mellores razóns dentro dun marco determinado e tendo todas as cousas en consideración. Pero persoalmente, téñolle urticaria ao relativismo. Asumilo converte á ética nunha especie de parente próximo da estética, cousas de gustos, subxectiva. No libro, o autor tenta deseñar algo que chama 'moralidade obxectiva' a partir da asunción dunha natureza humana común e dun conxunto de regras que son as máis conducentes a unha sociedade na que os humanos podemos sobrevivir e florecer. Pero este tipo de 'obxectivismo' paréceme que é continxente, en última instancia, na aceptación de certos axiomas, un pouco como as verdades e os teoremas en matemáticas.
Qué pasaría se nun futuro non moi lonxano a natureza humana sufre cambios de bulto, ou se descubrimos a seres non humanos que posúen razón e conciencia? E se futuros cambios nas condicións de supervivencia da especie esixen de nós condutas que co sistema 'obxectivo' actual consideramos inmorais?
Como case todo en filosofía, son preguntas para pensar, e seguramente non para responder de xeito definitivo...
Sem comentários:
Enviar um comentário