Alguén interesado en grosos volumes da antigüidade?
As areas do tempo e a neglixencia dos homes roubáronnos innumerables obras mestras da literatura grega antiga. Boa parte do que permanece foinos transmitido só en fragmentos mutilados ou seleccionou textos máis curtos e menos ambiciosos. E porén, algunhas obras monumentais conseguiron pasar entre as gretas, e por iso debemos unha gratitude interminable aos amanuenses (literalmente, “serventes de man”) que traballaron durante séculos para manter estes textos vivos até a era da imprenta e da reproducibilidade sinxela. Entre os superviventes con maior número de caracteres podemos contar as Historias de Heródoto, a Geographica de Estrabón, os Deipnosophistae de Ateneo e a Bibliotheca historica de Diodoro Sículo. E na mesma liga están tamén as Vidas paralelas de Plutarco de Queronea (s. I–II d.C.), unha colección enorme que abrangue entre 230.000 e 250.000 palabras.
A verbosidade, con todo, pode ser unha beizón ambivalente. No caso de Plutarco, a escala descomunal das Vidas fixo que aínda non teñamos unha tradución completa e verdadeiramente moderna desta obra, a pesar da súa importancia histórica, estética e intelectual, en língua inglesa. O estándar segue a ser a edición bilingüe Loeb, traducida por Bernadotte Perrin entre 1914 e 1926, en once volumes, mais recentemente, Penguin publicou un mosaico duns cincuenta relatos biográficos, que cumpre ter en conta (útil mais lastrado por encadernacións fráxiles, papel opaco e unha disposición temática pouco natural). Oxford World’s Classics, con Robin Waterfield como tradutor, tamén comezou a abordar as Vidas de novo, aínda que só algúns volumes foron seleccionados ate o de agora. Mentres non chegue unha edición moderna de seu, temos que conformarnos co que hai, e na reseña de hoxe iso significa The Rise and Fall of Athens: Nine Greek Lives, traducido por John Marincola e Ian Scott-Kilvert.
Mais volvamos a Plutarco: quen era el?
Un grego, por suposto, nado nunha familia acomodada en Queronea, preto de Tebas —mais tamén un cidadán romano que viviu nos primeiros séculos do Imperio (fins do s. I e comezos do s. II d.C.), sobre todo baixo os Antoninos. Estudou na Academia platónica, tratou con nobres romanos destacados e exerceu diversos cargos locais (maxistrado da súa cidade natal, sacerdote en Delfos, organizador dos Xogos Píticos e, xa ao final da súa vida, procurador honorario de Acaia). Como intelectual, escribiu de maneira ampla, aínda que moito se perdeu; a súa obra máis duradeira, sen dúbida, son as Vidas paralelas, adoradas desde o Renacemento até a Ilustración (Shakespeare inspirouse nelas para as súas obras romanas, e os Pais Fundadores dos EE.UU. atoparon nelas unha lectura inspiradora).
Horacio resumiu a paradoxa cultural do mundo de Plutarco nun verso que os gregos acharían consolador para a súa impotencia política baixo Roma: Graecia capta ferum victorem cepit et artes intulit agresti Latio —“Grecia, conquistada, prendeu ao seu fero conquistador, e trouxo as artes ao rústico Lacio”. A frase non era só enxeñosa, senón certa: o Imperio Romano convertérase no estado helenístico universal que Alexandre non lograra construír, bebendo ata a última pinga da cultura grega —a súa arte, escritos, filosofía e lingua, que todo romano cultivado dominaba— e reforzándoa cun pragmatismo latino en habilidade militar, goberno, enxeñaría e dereito.
Como moitos dos seus contemporáneos, Plutarco atopou consolo nesta síntese e tomouna como base dun proxecto ambicioso: un vasto conxunto de biografías que emparellaban un grego célebre cun homólogo romano, simbolicamente cimentando o lazo entre a Grecia cativa e o Lacio rústico. Mais o proxecto tamén estaba fortemente marcado polo moralismo de Plutarco. Nisto seguiu non tanto a Grecia como a Roma —máis concretamente a Cicerón e ao seu dito: Historia vero testis temporum, lux veritatis, vita memoriae, magistra vitae, nuntia vetustatis. Para Plutarco, tamén, a historia xustificábase sobre todo como fonte de instrución ética: un tesouro de exemplos a imitar e de mazás podres a evitar.
E Plutarco goza do papel de moralista. Encántalle trazar conexións entre a aparencia externa e o carácter interior, e aínda que xeralmente é un escritor atractivo, o resultado pode soar moralizante, simplista e excesivamente centrado en anécdotas e minucias. Con todo, as Vidas paralelas son tanto un rexistro histórico decente (sobre todo para aquelas figuras das que pouco sabemos doutras fontes) coma unha exploración da natureza humana. Neste último sentido lembran a Teofrasto, sucesor de Aristóteles no Liceo, que compuxo un libriño sobre os Carácteres (Χαρακτῆρες), con bosquexos de diferentes tipos de personalidade, coa intención de expoñer vicios e ofrecer instrución moral.
The Rise and Fall of Athens preséntanos as biografías de nove gregos: oito atenienses e un espartano. As biografías foron elixidas para formar unha especie de mini-historia de Atenas, desde a súa fundación mítica ata o seu esplendor no século V, coa constitución democrática e a súa derrota e caída na guerra do Peloponeso, equivalente grego ao que para nós foron a Primeira e a Segunda Guerra Mundial. Excepto as dúas primeiras biografías, o período abrangue pouco máis dun século: desde a batalla de Maratón, en 490 a.C., até a capitulación de Atenas e a demolición das súas Murallas Longas ao son das frautas, en 404 a.C. As nove biografías son as seguintes:
-
Teseo: rei lendario de Atenas, un segundo Heracles, famoso por matar ao Minotauro e suposto fundador das institucións da cidade (incluíndo unha cuasi-democracia e o remate da monarquía).
-
Solón: lexislador e poeta de comezos do s. VI a.C., que promulgou reformas para aliviar as débedas, ampliar a participación política, evitar a guerra civil e sentar as bases da futura democracia ateniense.
-
Temístocles: un dos primeiros líderes do partido popular, arquitecto do poder naval ateniense e artífice da vitoria en Salamina (480 a.C.) contra Persia; máis tarde foi ostracizado e morreu no exilio.
-
Arístides: coñecido como “o Xusto”, rival de Temístocles e cabeza do partido aristocrático; respectado pola súa xustiza ao xestionar as finanzas da Liga de Delos e modelo de servizo público incorruptible.
-
Cimón: fillo de Milcíades (o comandante en Maratón), xeneral que expandiu o poder ateniense despois das guerras médicas, asegurando vitorias contra Persia pero aliñado politicamente con Esparta.
-
Pericles: o estadista por excelencia da Idade de Ouro ateniense; defensor da democracia, patrocinador do Partenón e líder durante os primeiros anos da guerra do Peloponeso.
-
Nicias: xeneral ateniense rico, supersticioso e excesivamente cauteloso, cabeza do partido aristocrático; negociou a Paz de Nicias (421 a.C.); liderou desastrosamente (contra a súa vontade) a Expedición Siciliana, onde foi capturado e executado.
-
Alcibíades: o político e xeneral máis brillante pero tamén o máis imprudente do período; cambiou de lealdade entre Atenas, Esparta e Persia; converteuse nun símbolo do carisma arruinado pola ambición.
-
Lisandro: almirante espartano que derrotou Atenas en Egospótamos (405 a.C.), pondo fin á guerra do Peloponeso; non era persoalmente avarento, mais si amoral e defensor dunha hexemonía espartana implacable; morreu na guerra de Corinto, en Haliarto (395 a.C.).
Como dixemos, as biografías entrelázanse, tecendo un tapiz da historia ateniense: a gloria das guerras médicas, o ascenso do imperio, a consolidación da democracia e a longa loita con Esparta polo dominio de Grecia. As historias son moi lexibles, cheas de encanto narrativo e de anécdotas. Plutarco fai un esforzo sincero pola exactitude, citando moitas fontes que hoxe se perderon (Teopompo, Éforo e outros), mais o seu método achégao máis a Heródoto, co seu gusto compartido polo rumor e o detalle dubidoso, ca a Tucídides e a súa análise rigorosa.
Tamén se deixan sentir os seus prexuízos, aínda que xeralmente de maneira atenuada: tende a unha visión moderada, lixeiramente pro-aristocrática, presentando a democracia e o partido popular cunha ollada máis escéptica, mentres que a miúdo retrata as figuras aristocráticas como máis fiables. As súas visións filosóficas e relixiosas tamén revelan un espírito de moderación e equilibrio: aínda respecta os oráculos e a relixión tradicional, mais ao mesmo tempo admite explicacións naturalistas do destino e dos fenómenos naturais que xurdiran, con polémica, na Atenas do s. V. Case de maneira averroísta, preséntanos fe e razón non como inimigas senón como complementarias, e ofrece reflexións nesa liña ao longo da obra.
En resumo, o libro é unha lectura altamente entretida que refresca a memoria sobre os fundamentos históricos da nosa civilización e ao mesmo tempo invita a reflexionar sobre os límites das fontes que nos chegaron. Pode que aínda esteamos á espera dunha tradución completa, fresca e moderna das Vidas paralelas, pero este volume ofrece un excelente aperitivo.
No que atinxe a traducións, non me consta que haxa nada verquido ao galego. En castelán hai unha versión completa, editada como merecen ser editados os libros, en Gredos, e traducida en 14 volumes por unha equipa de helenistas (entre eles Aurelio Pérez Jiménez, José García López, Antonio Guzmán Guerra, etc.), ao longo de varias décadas e que está descatalogada e carísima (con algo de sorte, quizaves poidas atopar algúns exemplares en bibliotecas escolares ou municipais). Hai reedicións de ínfima calidade física por parte de RBA (que absorbeu a Gredos cando ésta pechou).
Sem comentários:
Enviar um comentário