Á caza (metafórica) de elefantes
No seu perfil de Twitter, Robin Hanson ten a seguinte frase: “Let’s skip witty banter & talk deep Qs.”, que máis ou menos ven a dicir "Non perdamos tempo facéndonos os listos, e pasemos a falar das preguntas importantes". Collendo a indirecta, imos ir directos ao allo e resumir de que vai este libro antes de pasar a avaliar os seus contidos.
A tese central de The Elephant é bastante sinxela de formular: moito do que fan os humanos débese a motivos ocultos e egoístas que precisamos ocultar aos demais e, de maneira algo contraintuitiva, a nós mesmos. O(s) Elefante(s) no Cerebro representan todos eses motivos que prefeririamos ignorar, isto é, impulsos egoístas, orientados á pescuda de status, á formación de coalicións, á exhibición de valor sexual e ao aumento do noso prestixio. A parte consciente do noso cerebro é algo así coma un portavoz ou encargado de relacións públicas deses impulsos nosos, construíndo narrativas públicas plausibles sobre por qué facer certas cousas que nos benefician resulta ser (vaia coincidencia afortunada!) o correcto. Mais, coma cos auténticos encargados de relacións públicas, o noso portavoz ou ben ignora a verdade ou inventa narrativas minimamente convincentes que cumpran a súa función, ou alomenos tenta darlles aos nosos desexos unha defensa retórica decente.
A pregunta inmediata que habería que facerse sería por qué nos veríamos forzados a participar en semellante exercicio de autoengano. Os autores sosteñen que isto ten moito sentido desde un punto de vista evolutivo: os humanos son animais parcialmente colaborativos con capacidade para adiviñar os pensamentos e intencións alleas. Na carreira darwiniana por colaborar co grupo en termos de teoría de xogos para maximizar o noso éxito e desertar sempre que sexa posible para maximizar os beneficios individuais, ten sentido que acabemos crendo, ata certo punto, as nosas propias mentiras interesadas, xa que non hai mellor mentireiro ca o que se cre as súas propias falacias. Isto encaixa con argumentos máis amplos, tomados (creo eu) da psicoloxía evolutiva, sobre a razón pola que os humanos desenvolveron a habilidade de razoar. É esta unha ferramenta útil para rastrexar verdades, ou para gañar discusións e xestionar coalicións? Simler e Hanson (a partir de agora, S&H) inclínanse claramente pola segunda interpretación, que ten sido etiquetada como a Hipótese da Intelixencia Maquiavélica.
Os autores de The Elefant beben moito da psicoloxía evolutiva (pero tamén de marcos máis aliñados coa economía, dada a carreira profesional de Robin, como a teoría da sinalización e a importancia dos incentivos). As hipóteses de fondo son, como se di, darwinianas: a psicoloxía humana evoluiu en contornas de grupos pequenos nos que o status, as alianzas e a reputación determinaban a supervivencia e a reprodución; por iso evoluímos non só para buscar vantaxes, senón para ocultar esa pescuda xa que se se nos percibe como buscadores do interese propio de xeito moi evidente, isto reduce a confianza social que necesitamos acumular.
A partir deste resumo, poderíades ter a impresión de que este libro é bastante cínico, cunha visión sombría da natureza humana. Creo que hai certa xustiza nesa afirmación, pero matizaríaa un chisco. Primeiro, se un asume que hai evidencia suficiente para que sexa polo menos parcialmente certa, non importa que non nos guste; á realidade non lle importan os nosos sentimentos. Ademais, S&H non afirman que só teñamos motivos egoístas para as nosas accións, senón máis ben que estes están presentes e que normalmente os minimizamos e ignoramos porque nos convén facelo. Poderíase dicir que este é un campo de investigación insuficientemente atendido, e só isto xa xustificaría que os autores lle adiquen un libro e intenten enmarcar todas as áreas que estudan baixo ese prisma ofuscador e interesado. Finalmente, na conclusión do libro, defenden que ser conscientes das nosas inclinacións non é unha escusa para entregarnos a elas, e que aínda se pode tentar canalizalas e aliñalas dun xeito que leve tanto ao beneficio persoal coma ao colectivo.
Todo isto cobre a primeira metade do libro. A segunda pasa a explorar distintas áreas e comportamentos humanos, como a linguaxe corporal, a risa, a conversa, a arte, a caridade, a medicina, a relixión e a política, e para cada un deles temos unha pequena exploración e 'arqueoloxía' na que o “Elefante” oculto é descuberto e desenmascarado. Ás veces isto resulta máis convincente ca noutros casos, pero S&H fan unha defensa razoable da súa humildade epistémica, recoñecendo que están propoñendo explicacións que, dadas as súas áreas limitadas de especialización, poderían ser erradas.
Sorprendentemente non sorprendente
Creo que este libro sería unha lectura excelente para un tipo de persoa inxenua, buscadora da verdade e con inclinacións racionalistas, e en xeral para calquera idealista que manteña unha visión excesivamente optimista encol da condición humana e dos nosos impulsos. No que respecta a min, encaixo parcialmente nese perfil, pero nos últimos dous anos máis ou menos estiven lendo moito material relacionado coa economía, a bioloxía e a psicoloxía, o que significa que xa me topei con moitos destes argumentos nas obras de Jonathan Haidt, Richard Dawkins, Joe Henrich, Bryan Caplan ou Geoffrey Miller (todos eles citados no libro), así como en artigos en liña e entradas de blog do propio Robin Hanson e de filósofos anti-realistas como David Pinsof ou Lance Bush, e en foros como Less Wrong e o Effective Altruism Forum. Isto significa que eu xa estaba basicamente convencido da tese e apenas me sorprenderon os argumentos e exemplos do volume. Isto, por suposto, non é culpa do libro nin dos autores, mais probablemente restoulle algo de valor e gozo á miña lectura, e tivo un efecto algo irónico, dado que, se algo se pode dicir de Robin Hanson, é que as súas ideas e argumentos tenden a ser moi provocadores e inagardados.
Tamén me falta a competencia técnica para xulgar canto de convincentes son os devanditos argumentos. Aínda aceptando a tese xeral de que os humanos actúan por razóns egoístas máis a miúdo do que nos gustaría recoñecer (ou do que sequera somos conscientes), as proporcións están moi lonxe de resultarme claras para cada un dos temas tratados. Algúns parecen bastante transparentes (como a caridade, ou a educación como sinalización na súa maior parte), outros non tanto (como a súa visión da medicina como unha posta en escena performativa do coidado). Aínda que os autores tiñan boas razóns para centrarse no que fixeron, segue parecendo que un cadro completo requiriría aceptar tamén a importancia de hipóteses non egoístas. Moitos dos capítulos parecen sosterse nun traballo empírico sólido (normalmente aqueles que sintetizan investigacións feitas polos autores mencionados con anterioridade). A nivel persoal (e iso inclúe ter en conta as miñas propias aporías e os elefantes que non son capaz de ver en min mesmo), aínda que concordo con moito do que di o libro, non son capaz de ver ata que punto moita da influencia social e das pelexas por posición funcionan comigo, polo menos nun grao significativo. Pero claro, eu son un tipo de raro moi peculiar (non demasiado ambicioso e satisfeito coa miña vida, o meu traballo e a miña familia; moi introvertido; extremadamente limitado no número das miñas interaccións sociais; persoalmente e case relixiosamente obsesionado coa pescuda da verdade e con non permitirme crer falsidades reconfortantes). E gústanos extrapolar a partir dos nosos casos individuais.
No que atinxe a traducións, penso que non hai ningunha do libro de Hanson ao castelán, e obviamente, tampouco ao galego, o cal é unha mágoa. É unha lectura que vos recomendo.

Sem comentários:
Enviar um comentário