sábado, março 31, 2007

Joan Miró

O meu idilio co arte abstracto ven de lonxe*. Lembro a primeira vez que me enfrontei en serio cunha peza non figurativa: tratábase dunha versión en branco e negro da primeira acuarela abstracta, de Wassily Kandinsky. Malia o rexeitamento inicial, o que me fascinou da peza foi, quizaves, o reto intelectual de comprendela. Deu comezo entón a caza de libros e láminas de arte, incluído o tratado "Do Espiritual na Arte" e o libro de Taschen adicado ao pintor ruso. E conseguino: fiquei prendado del ata o día de hoxe (época na que segue sendo, discutíbelmente, o meu pintor favorito), mais ao tempo abríronseme as amplas portas da Abstracción: o Suprematismo bolchevique de Malévich, as formas puras e ascéticas do movemento De Stijl, as poéticas 'action paintings' de Pollock e o Expresionismo Abstracto, ou as bandas monócromas de Rothko...
Na época en que estaba no Instituto escribira un pequeno artigo na revista Casa da Gramática de afán proselitista e intitulado un tanto arrogantemente "Como entender un cadro abstrato". Despois dunha breve introducción da Vangarda pasaba a falar das 3 figuras que máis me chistaban daquela: Kandinsky, Malévich e Miró. Non estivo exento de anecdotario o artigo ese: sen que eu o soubera, os maquetistas tiveron a ben sorprenderme con tres dibuxos a cor que o complementaban perfectamente: a 'Impresión número 5', a 'Composición Suprematista' e a 'Libeliña de élitros vermellos perseguindo a unha serpe que se desliza en espiral cara un cometa'. Tamén foi o comezo dunha cómica discusión (clásico retorno á lea entre críticos e artistas) cun pintor, amigo dun amigo, que discrepaba das cousas que dixera.
O artigo, como podedes supoñer, non era gran cousa, mais un sempre lle retén ese cariño que se lle ten aos fillos, por deformes e malos que saian. Por iso vos castigarei hoxe, alén de coa imaxe, cos lugares comúns que trazara para divulgar a pintura de Miró...







 
















-Miró: É o principal surrealista abstracto. Os seus cadros son deliciosamente coloristas e de cores vivas (vermellos, marelos, azuis) cubertos de extrañas formas (como estrelas, lúas...) que proveñen da realidade pero repartidas ó chou e sen un aparente sentido.
Miró, catalán, mete nos seus cadros a luz mediterránea. Como surrealista, gústalle reflectir nas súas obras o subconsciente, o mundo dos soños e alucinacións, todo o máxico e o absurdo. Para conseguir isto válese do automatismo psíquico: colócase diante do lenzo e pinta o primeiro que se lle ven á mente, sen planealo. Para iso, recoñecían os seus compañeiros pintores, tiña unha habilidade prodixiosa. Miró deulle ó Surrealismo un sentido humorista e "infantil" de fantasía, cos seus signos, animais, cores e formas. Todo é froito da súa grande imaxinación, e dá lugar á creación do universo persoal de Miró, reflectido nos seus cadros. En definitiva, ábrenos a porta a un mundo cheo de grande simbolismo, "poético e colorista".


*En realidade, o meu primeiro contacto co arte abstracto pode retrotraerse algo máis, a unha carpeta con dibuxos de Mondrian que levaba a clases de Inglés con 7 anos, ou á entrada na Crónica da Humanidade adicada á 'Outra Revolución Rusa", na que aparecían as formas flotantes do Suprematismo...

quarta-feira, março 28, 2007

Salt Lake City - Jean Baudrillard

Na liña da pequena homenaxe que fai uns días insertábamos co gallo da morte do intelectual francés, hoxe podedes ler esta traducción dun anaquiño do seu libro 'America', unha peza curiosa, mistura de postais hilarantes e poéticas observacións sobre a que Baudrillard chama a 'única cultura primitiva que queda - a nosa".

SALT LAKE CITY

Pomposa xeometría Mormona. Marbre por todos lados: funeral, inmaculado (no Capitolio, no órgano do Centro de Visitas). E nembargantes, tamén unha modernidade Los-Angélica (con tódolos chirimbolos necesarios para crear un confort minimalista e extraterrestre). A cúpula coroada con Cristo (tódolos Cristos eiquí están copiados de Thorwaldsen e parécense a Bjorn Borg) parece sacada de Encontros na Terceira Fase: relixión como efectos especiais. De feito, toda a cidade ten a transparencia e a antinatural e alieníxena limpeza dunha cousa do Espazo Exterior. Unha abstracción simétrica, luminosa, todopoderosa. En cada encrucillada na zona do Tabernáculo -todo rosas e marbre, e marketing evanxélico- canta un reloxo de cuco electrónico: tal obsesión Puritana é sorprendente baixo esta calor, no corazón do deserto, a carón dun lago de chumbo, as súas augas tamén hiperreais pola pura densidade do sal. E máis alá do lago, o Gran Deserto do Lago Salgado, onde tiveron que inventar a velocidade de coches modelo para enfrontarse á absoluta horizontalidade... Mais a cidade en sí mesma é como unha xoia, co seu aire puro e a inmersión en vistas urbás máis sorprendentes que as de Los Angeles. Qué brillantez máis chocante, qué veracidade máis moderna amosan estes Mormóns, estes banqueiros ricos, músicos, xenealoxistas internacionais, polígamos (o Empire State de New York ten algo deste mesmo Puritanismo funerario elevado á enésima potencia). É o orgullo capitalista e transexual deste pobo de mutantes o que lle da á cidade a súa maxia, igual e oposta á de Las Vegas, a gran prostituta do outro lado do deserto.

segunda-feira, março 26, 2007

O Komkitch noso de cada día dánolo hoxe...

Para os habituais desta casa xa é ben coñecida a súa tortuosa afición non só á ideoloxía marxista, senón á súa estética.
Rematada a biografía anecdótica de Simon Sebag Montefiore sobre a Corte do Tsar Vermello (teño outra entrada na recámara sobre os escritores tirada dela que gardarei para máis adiante...), estou pensando agora en botar man a unha de tres opcións: as memorias e cartas de Felix Edmundovich Dzerzhinsky ('Felix de Ferro', o heroe revolucionario incorruptíbel e primeiro encargado da Cheka), os 'Arabescos Filosóficos' de Nikolai Bukharin, o fillo predilecto do Partido, ou a presunta novela deste último que, segundo as miñas fontes, acaba de saír en castelán (Editorial Pre-textos).
Despois están os libros a sacar da biblioteca universitaria. Lembro de pasada unha voluminosa historia da Terceira Internacional que teñen no fondo de Historia (o malo é que está en francés), e debería comprobar se teñen algunha peza do bolchevique heterodoxo e proletkulteiro Alexandr Bogdanov (autor da novela comunista de ciencia ficción Estrela Vermella e de investigacións sobre Cultura e Marxismo e sobre a disciplina por el creada da Tectoloxía, unha importante precursora da Cibernética).
Nembargantes, a miña lista da compra inclúe algo máis que ranciadas (tamén estaría ben pillar un libro de Babha ou o 'Death of a discipline' de Gayatri Chakravorty Spivak), e como teño que alternar o meu tempo entre as distintas aficións, o máis probable é que me dedique a outras lecturas durante os próximos días.
Non me esquezo de engadir o necesario elemento de Kitch Socialista (ou Comunista), que hoxe transmuta en forma oriental, para os fans da alteridade. O seguinte é un cartaz do Partido Comunista de Bangladesh, conmemorando o 50 aniversario do movemento Tebhaga, unha exitosa campaña de axitación que desenrolou o Partido no que daquela aínda era Bengala co obxeto de limitar o poder dos terratenentes.
Outro día, outra cousa.

Saúde!

[addendum: a día de escribir esta nota -26 de xaneiro do 2018- lamento que o devalar das ondas virtuais fixo desaparecer a imaxe que mencionaba]

quarta-feira, março 21, 2007

Koba, Mandelstam, Pasternak

A ilusión do desxelo veuse confirmada cando Yagoda se presentou na casa de Stalin e recitou un poema de Osip Mandelstam que, do mesmo xeito que a súa amiga, a fermosa poetisa de Leningrado Anna Ajmátova, escribía versos dunha claridade emocional abraiante e que seguen brillando no medio desa penumbra da humanidade como destellos de sinceira honradez. Naturalmente, a ámbolos dous custáballes adaptarse á mediocridade soviética.
Yagoda pagou a Mandelstam co irónico cumprido de aprenderse de momeoria o seu poema, dezaséis versos nos que Stalin era condenado e convertido en obxeto de escarnio, chamándoselle bigotudo "rupestre morador do Kremlin" e "matador de labregos", cuxos "grosos dedos" eran tan "aceitosos coma vermes". O poeta Demian Bedni queixáraselle a Mandelstam de que Stalin deixaba a pegada graxenta dos seus dedos nos libros que constantemente lle pedía emprestados. Os demais dirixentes eran "unha banda de xefazos de finos pezcozos", verso que escribiu Mandelstam ao darse conta de que o pescozo de Molotov sobresalía do da súa guerrera e do pequena que tiña a cabeza. Stalin sentiuse ofendido, malia comprender o valor do poeta. Daí a despiadade orde enviada a Yagoda, que parecía referida a unha porcelana de gran valor: "Debe ser conservado, pero aillado".
A noite do 16 ao 17 de Maio, Mandelstam foi detido e condenado a tres anos de desterro. Namentras, os amigos do poeta correron a pedirlle axuda aos mecenas que tiñan entre os xerarcas bolcheviques. A súa muller, Nadezhda, e o poeta Boris Pasternak apelaron a Bujarin en Izvestiya, mentres que Ajmátova foi recibida por Yenukidze. Bujarin escribiulle unha carta a Stalin dicindo que Mandelstam era un "poeta de primeira clase... anque non demasiado normal... PS. Boris Pasternak quedou absolutamente estupefacto pola detención de Mandelstam e de que ninguén saiba ren". Un detalle sumamente revelador é que Bujarin lle lembraba a Stalin que "os poetas sempre teñen razón, a historia está da súa parte".
-¿Quen autorizou a detención de Mandelstam? -exclamou Stalin-. ¡Que vergoña!
No mes de Xullo, consciente de que a nova da interese amosada no asunto ía a propagarse coma as ondas na superficie dunha lagoa ante a proximidade do congreso de escritores, Stalin chamou por teléfono a Pasternak. As chamadas que lle facía aos escritores tiñan xa o seu propio ritual. Poskrebishev telefoneaba primeiro para avisar ao destinatario da chamada de que o camarada Stalin quería falar con el: debía agardar. Cando se produciu a chamada, Pasternak atopábase no piso colectivo que ocupaba e díxolle a Stalin que non o daba escoitado ben, porque no pasillo había uns nenos berrando.
-O caso de Mandelstam estáse a revisar Todo vai ir ben -dixo Stalin, antes de engadir-: Se eu fose un poeta e un compañeiro meu tivera problemas, faría calquera cousa por axudalo. -Pasternak tentou, como é natural, definir o seu concepto de amizade, pero o primeiro secretario interrumpiuno-:
Pero é un xenio, non?
-Iso non é o que importa.
-Entón, que é o que importa?
Pasternak, que se sentía fascinado por Stalin, dixo que desexaba entrevistarse con el e latricar un pouco.
-Sobre qué? -preguntoulle este.
-Sobre a vida e amorte -respostou o poeta.
Stalin, cheo de perplexidade, colgou. En calquer caso, a conversa máis significativa tivo lugar máis adiante, cando Pasternak tentou convencer a Poskrebishev que o puxera outra vez en comunicación. O asistente negouse a facelo. O poeta preguntoulle entón se podía repetir o que falaran. A resposta foi un sí contundente.
Stalin gabábase de ser un gran entendido: "Indubidábelmente trátase dun gran talento" dicía nunha carta a propósito doutro escritor. "É sumamente caprichoso, pero así son as persoas que posúen un don especial. ¡Que escriba o que queira e cando queira!".
A extravagancia de Pasternak pode que lle salvase a vida, pois máis tarde, cando se propuxo a súa detención, parece que Stalin retrucou:
-A ese deixádeo en paz. Se está nas nubes!

sexta-feira, março 16, 2007

quarta-feira, março 14, 2007

Indoeuropeística - O Oso

A palabra para "oso" ten tamén algúns problemas. Soe dicirse que en Indoeuropeo era *rkþos. Mais históricamente, este termo falta en moitas das súas línguas. Os seus principais testemuños son sánscrito ŕksas, armenio arj, grego άρκτος, albanés ari, irlandés art e latín ursus, de onde deriva o noso oso. Malia que a palabra está ausente en moitos e importantes grupos coma o xermánico, o báltico e o eslavo, non pode poñerse en dúbida a súa ascendencia indoeuropea ao estar testemuñada en ámbolos dous estremos -oriental e occidental- do conxunto das línguas indoeuropeas. A explicación da súa ausencia en tales línguas debe buscar noutros eidos. Tamén entre os indoeuropeos era o oso un animal sagrado, totémico, e a súa figura inspiraba respecto e temor, ate o punto de que se evitaría pronunciar o seu nome. Este tipo de comportamento énos coñecido noutros ámbitos relixiosos e culturais. Os xudeos, por exemplo, evitaban pronunciá-lo nome do seu deus, que remataron por sustuír por unha perífrase: Yaveh, "o que é". O carácter sacro do oso entro os indoeuropeos conservouse ate épocas históricas nalgúns pobos. Entre os celtas da Galia existía unha deusa "osa" da que deixou testemuño unha inscripción latina Deae Artioni "á deusa osa". Entón, entre os indoeuropeos existiu a tendencia a evitá-lo nome do oso. E coñecemos incluso a perífrase -ou mellor, unha das perífrases. coa que se sustituía: consistía nunha palabra composta, que entre os indoeuropeos eran abondosas, co significado de "comedor de mel". En sánscrito conservouse tanto o nome xa citado como o da perífrase: madhvád. Entre os eslavos, a tendencia a evitá-lo nome do animal debeu de tornar en completa proibición, de tal xeito que o nome se perdeu e só ficou a perífrase: medu-edб, "o comedor de mel". Por razóns similares debeu de ser sustituída a vella palabra indoeuropea para oso nas línguas xermánicas, onde o inglés bear e o alemán Bär derivan dun mesmo adxetivo indoeuropeo de cor, *bheros "castaño, pardo", qu se aplicaba a diversos animais con esta cor no pelello. Pola contra, o nome indoeuropeo de oso atópase no vasco hartz "oso", malia que o vasco, como é ben sabido, non é unha língua indoeuropea. Do mesmo xeito atopámolo como nome propio de persoa -Harsus- na Aquitania prerromana que, segundo sabemos hoxe, estaba poboada polos antergos dos vascos e que falaban unha lingua que podemos chamar sinxelamente vasco antigo. No vasco debeu de entrar esta palabra coma préstamo das linguas celtas polas que estaba rodeado tanto nas Galias como en Hispania.

segunda-feira, março 12, 2007

Žižek en Compostela

Sochantre, gosto máis de ouvirche ca de fornicar
Álvaro Cunqueiro



O venres pasado, o furacán Žižek boureaba por Compostela. Podedes topar crónicas do suceso na edición dixital do País e na páxina do Consello da Cultura Galega. Eiquí, pola contra, imos tan só a darlle unha lixeira volta ás ideas, pensamentos, sensacións que o Filósofo-Espectáculo xerou en FraVernero, un dos moitos asistentes ao acto.
O primeiro, confirmar que o esloveno é todo un showman de pes a cabeza, como predicían os videos en rede das súas conferencias. Hiperactivo, suoroso, parecía que acababa de chantarse doce doses de adrenalina nas veas; as ideas escapaban como balas de metralleta ou chispas de cortocircuito, encendendo ao público cunha habilidosa mestura de cultura pop, psicoanálise lacaniá e marxismo vulgaris. Alomenos comigo a súa estratexia de seducción funciona (non será alleo a isto, nembargantes, que a malia os meus denodados esforzos por converterme nunha persoa normal, a mostra de intelixencia estrema excítame do mesmo xeito que a proximidade dunha muller de beleza evidente).
Parte dese carácter espectacular é a que lle leva, supoño, a buscar escaparse continuamente do guión: o texto proposto como tal, que nos colgaran días antes na páxina do Consello foi, por suposto, obviado na súa case totalidade. Unha danza frenética levounos por moitos dos exempla que ilustran sobretodo o seu 'Repetir Lenin', cousa que podía comprobar doadamente calquera que tivese a súa lectura fresca (ou a falla diso, que tivese o libro a mán).
Chamaba tamén a atención o seu forte carácter agonal: boa parte da charla (e do coloquio) incluía unha intensa loita cara a cara coa maior parte dos intelectuais (pos)modernos, incluídos amigos seus. O exemplo emblemático incluiu unha crítica feminista á que ao aparecer puxera a caer dun burro nos seus primeiros traballos e coa que pasou pola situación embarazosa de pedirlle desculpas. Os ataques variaban da benevolente discrepancia (cun Badiou, por exemplo) a unha maior dureza (Hardt e Negri, aos que veu a definir indirectamente coma 'atrapados no pozo cenagoso do pensamento feble e do mesianismo infantil 'a revolución ás portas') ata a descalificación máxima, que se reservou para Emmanuel Lévinas, cuxa ética era equiparada ao 'mal absoluto', ou alomenos, a un proxecto contra o que Slavoj se posicionaba á contra con unllas e dentes.
Un detalle menor que pasou desapercibido, mais que escureceu en boa parte unha das imaxes coas que fedellou o señor Žižek é, ao meu ver, as súas verbas arredor do 'veciño' a coñecer, legado da tradición Xudeo-Cristiá e nó fulcral en debates do Outro. O chiste que se perdía é que a palabra sae dunha expresión feita na Biblia inglesa, que traduce o que nos pasamos por 'Ama ao teu irmán' por 'Love thy neighbour'. Non foi o único problema de traducción, sendo o outro a chapuceira cabina que montaron para a ídem espontánea, coa voz do esforzado homiño escoitándose en toda a sala, sen cascos, case ao mesmo nivel que a do Filósofo. Un eco molesto (e non falamos de Umberto...), o cal sería tamén un xeito breve, en 3 palabras, de definir toda a conferencia do esloveno. Un eco molesto para os defensores da Democracia Liberal, e do pensamento Feble.
Pra rematar, fica aledarse por conseguir levar a Žižek a unha posición algo máis clara e menos contradictoria no que ás súas ideas (e ideais) políticos se refire, xa que tende a ser esquivo como unha anguía ao respeito: provocadores títulos retromarxistas dos seus libros, e coqueteos con imaxes do Stalinismo e cos conceptos do Hismat-Diamat que non esconden unha posición tremendamente crítica co Socialismo Real e coa imposibilidade de repetir algunhas das prácticas do seu legado (algo que tamén se podía sacar da explicación final do título 'Repetir Lenin' no libro homónimo). En definitiva: “Pode que sexa mago”, ironizou o pensador, “pero non teño sombreiro nin coello que sacar del. Fico sendo un marxista no sentido de que o capitalismo global, hoxe por hoxe, aínda ten unhas tensións antagónicas no seu interior e a día de hoxe non foi capaz de resolvelas”.
Mentres seguimos agardando polo Mesías (Benjaminián) e confiamos na estratexia das favelas e do comandante Chávez, déixovos coa imaxe do documental-película que fixo e que me tarda ver.

sexta-feira, março 09, 2007

Coma Lobos - Carlos Casares

Atendendo ao convite de Marcos, decidimos incluír hoxe como pequena homenaxe a Carlos Casares, finado fai 5 anos, o seu relato 'Coma Lobos', parte do libro 'Vento Ferido', no seu día unha das mostras máis interesantes da Nova Narrativa Galega.
Fai 5 anos asistíamos ao homenaxe na Igrexa de Bonaval. Hoxe, moitas bitácoras galegas acenden outro facho e pezas de música polo Limao tristemente partido.


Agora pasóu xa e non hai paragüeiro que o arranxe i é millor calar por si acaso, por si volven e te untan e che dín veña vostede connosco, que cho poden decir, e te levan, que te poden levar e métente alí naquil cuartiño e pregúntanche ¿ónde estaba vostede o sábado ás dúas da mañá?, eso por che preguntar algo, e ti non sabes qué decir e sóltanche un viaxe i aguantas porque inda que non queiras, aguantas, Eduardo, aguantas ou te perdes, aguantas como aguantan todos, anque despois os amigos che digan que ti non tes o que ten que ter un home porque si mo fan a min mórdolles o corazón, que todo o mundo é moi valente, todo o mundo, pero xa se víu que cando entraron na taberna e preguntaron polo Roxo, ninguén se atrevéu a defendelo i eso que todos eran amigos dil, pero cando lle dixeron Roxo, veña vostede connosco, ninguén protestóu. I agora o Roxo está podrecendo i o mal foi dil que morréu por se meter onde non debía, que o tiñamos ben avisado, que lle tiñamos ben dito mira, Roxo, que vas acabar mal, mira que vas por mal camiño, pero il era testarudo e non fixo caso, porque volta que todos os homes somos iguales e que temos dereitos, home sí, eso sabémolo todos, me cago na puta, tamén o sei eu, pero non se pode falar, que non, home, que non se pode i hai que aguantar e deixar os dereitos i as valentías a unha beira e si mexan por ti, deixa que mexen, que pró que han levar... E de nada che val que vaias alí e lle digas aiquí estóu eu que son irmau do Roxo e veño a lles preguntar qué fixeron do meu irmau, que lle como o figado ó desgraciado que fose, que non che val de nada e vanche decir que eles non saben, que alá o xuez i ó millor cóllente e mañá apareces ti tamén tirado nunha cuneta. I ó que te azuce e che diga que non eres home, que non eres merecente de ser irmau do Roxo, dille que cale, que a vida é así i o que manda, manda i o que non, non manda nada, dígocho eu, Eduardo, dígoche de corazón que a ti non te nomearon pra nada, pra nada, Eduardo, pra nada, porque o meu fillo é testigo de que soilo lle dixeron ten que vir connosco pra arranxar un asunto i o teu irmau díxolles que non iba, que il estaba bebendo e que non tiña ningún asunto que arranxar fora de alí i entón iles sacaron as pistolas e xa non falaron máis i o Roxo miróu prós compañeiros e preguntóulles ¿e que xa non hai homes? e iles calaron coma mortos pois outra cousa non se podía facer si non querían morrer todos alí e naquil intre chegou a Sara e díxolles ¿ónde levan ó meu home?, pero non lle contestaron nada, que eu penso que iles iban cocidos, que o Roxo era moito home e tiñan medo de que se lles repuxera. Mandárono subir á camioneta blanca e marcaron con il cara o monte do Sarnadoiro. O demáis xa o sabes ti. Aparecéu morto dun tiro na cabeza. Agora xa pasóu. I é millor calar. Tamén calóu o médico cando lle levaron ó fillo. Sonche cousas da vida e dos homes, que somos lobos unhos prós outros, coma lobos, Eduardo, dígocho eu, coma lobos.

quinta-feira, março 08, 2007

A Morte de Baudrillard non tivo lugar

Mais lamentábelmente, é certa (alomenos, na implicatura física; como sempre nestas ocasións, fican os seus libros). E non deixamos de sentir como tremenda perda e golpe tenebroso que un pensador tan lúcido nos deixe orfos, sumándose á Santa Compaña dos Finados Postestructuralistas-Postmodernos.
Deixamos na súa memoria unha coroa de espellos fumegantes e unhas verbas extraídas do seu artigo 'Pensamento radical'. Máis adiante recibirá maior espazo e reflexión dos que caben nas fórmulas dun obituario.


"A crenza na verdade é parte das formas elementais da vida relixiosa. É unha debilidade do entendemento, do sentido común. Ao mesmo tempo, é o derradeiro bastión dos defensores da moralidade, dos apóstolos da legalidade do real e do racional, segundo os cales o principio da realidade non pode ser cuestionado. Afortunadamente, ninguén, nen sequera os que o ensinan, viven dacordo con este principio, e iso por unha boa razón: ninguén cre de verdade no real. Tampouco cren nas evidencias da vida real. Sería demasiado triste".

Paul Klee - Morte e Lume

domingo, março 04, 2007

Alberich III

1.-GALERIE DES GLACES

[luxoso salón envolto en brétema; apenas visibles molduras, candelabros, estatuas...; no centro da composición, fortemente iluminado por unha luz branca, érguese ALBERICH III, escoltado a dereita e esquerda por sendos espellos barrocos de tamaño desmesurado e dubidoso gusto, nos que se ve reflectido]

ALBERICH III: eu son Alberich TERCEIRO “o das cousas que serán” rei dos Albas Alberich o negro Alberich da noite rei dos nibelungos anano espírito da noite irmán de Mime pai de Hagen maldicente do amor creador do anel ideador do Tarnhelm co que me convertera en serpe e en sapo moro no corazón do solo na catedral da terra no imperio plutónico no meu fogar castigo os meus servos HELF´ ICH EUCH LAHMEN? - o pobo triste de escravos DER NIBLUNGEN NÄCHT´GES HEER - que súa e traballa na escuridade de Nibelheim ¡¡cavade galerías furade tuneis pasadizos mazmorras raspade-lamede na mollada e dura pedra!! por séculos construían a Metrópole subterránea roubáronlle a TERRA NEGRA NAI os seus tesouros que amorearon aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea forxaban flores de ferro armas de morte a espada Tyrfing o anel Draupnir o colar Brisingamen LIBRE CORRÍA A RIQUEZA COMO UN RÍO aos meus pés baixo a tépeda luz das forxas as máquinas da Metrópole subterránea dedos torres lanzas que se erguen e feren ás bóvedas soterradas sen luz onde o nocturno tropel dos Nibelungos raza escrava se multiplica como moscas danme escravos fillos de escravos netos de escravos toda a raza que para min súa e traballa na escuridade de Nibelheim...
Voltan outra vez máis como mulas de carga asfixiándose baixo o peso das xoias do ouro da prata amorean DORT ZU HAUF /SCHICHTET DEN HORT! mais desta vez será distinto xa que estou farto do corazón do solo da catedral de terra do imperio plutónico do meu fogar e ata do castigo aos meus servos érgome e canto sobre min mesmo:

OS QUE DURMIMOS
SOBRE LEITOS DE MARFÍN,
RECOSTÁMONOS EN DIVÁNS
COMEMOS CARNEIROS DO RABAÑO
E CUXOS DO ESTABLO
OS QUE CANTAMOS A BERROS
AO SON DA ARPA
E NOS INVENTAMOS, COMO DAVID
INSTRUMENTOS DE MÚSICA;
OS QUE BEBEMOS O VIÑO EN ÁNFORAS
E NOS UNXIMOS CO PERFUME MÁIS FINO,
POR ISO AGORA IREMOS DESTERRADOS
Á CABEZA DOS CAUTIVOS
E CESARÁ O XÚBILO DOS SIBARITAS

érgome a toda présa e antes de que os servos poidan reaccionar escapo a correr túnel arriba na ardente escuridade greto os meus pés descalzos coas rochas afiadas coma coitelos o sangue flúe docemente sobre o seixo as micas os esquistos os basaltos vago por horas -o tempo fluía como un río- sen rumbo co eco das voces dos meus escravos diluíndose como unha música de fondo cada vez máis lonxana atopo unha fenda unha luz cegadora e ferinte como nunca vira igual ascendo repto por ela saio do útero e volto despois de mil anos á superficie da terra e ao pobo dos homes...

[no interludio narrativo o Autor, para relaxarse, plántase por uns minutos diante da televisión -“Worship!” cried the clown, “I´m a T.V. making bandsmen go clockwork”- onde asiste estupefacto a un “western” mexicano lonxanamente reminiscente a “Que viva México” con Bud Spencer, Terence Hill e o actor de “Tuco” en “O Bo, o Feo e o Malo”. Tuco fai desta de “Kakopoulos”, e atado polos outros dous, permítese un excurso lírico sobre a súa ascendencia grega: “o meu avó era grego, como Sófocles, como Platón, como Ulises –e como Ulises, viaxou moito”. A cultura clásica aínda serve, logo, para facer guións. Noutras cadeas tertulianos teatrais recrean os temas “voyeurs” e a “literatura do ouriñal” do teatro e dos novelóns naturalistas. Cavilando despois o Autor na posibilidade de insertar nunha (imposible) representación teatral este pequeno excurso, fago que Alberich III se coloque por riba unha máscara do Autor ou, na súa falla, do teatro clásico, con pitillo nos falsos beizos e copa de whisky na man; un televexo posto en escea pode emitir varias imaxes para que as vaia comentando ao seu gusto]

ALBERICH III-AUTOR: A súa paixón por retornar cos humanos e buscar o verdadeiro amor que só se dá entre libres arricara a Alberich das covas / da escuridade / do reino tenebroso mais aínda tardou un tempo en acostumarse á natureza e aos raios ferintes do sol a nova vida florecía fortaleceuno e fíxoo sentir máis novo máis forte púxose por meta a Cidade da Pedra e cara alí encamiñou os seus pasos entrando nela como un Conquistador que retorna mais que o único tesouro que trae de volta das súas viaxes é el mesmo nela viviu aprendeu sorprendeuse creu e loitou por causas que cría nobres namorouse quereu e non foi querido perdeu ilusións / esperanzas ardeu e consumiuse no Lume Amargo das cinzas sempre amargas sairía un novo Alberich O ICH TROPF! ICH TRÄUMENDER THOR! WIE DUMM TRAUT´ICH DEM DIEBISCHEN TRUG! FURCHTBARE RACHE RÄCHE DEN FEHL! (quítase a máscara de Autor) voltei para o meu piso xa non contemplaba os bicos obscenos que lanzaban as lampreas dende as súas gaiolas da Rúa da Tristeza deixei de buscar ás doncelas do Rhin deixei a facultade mediocre que só salvaban as ringleiras de libros abandonados que ninguén le pero entre as que é agradable pasear refuxieime no piso Napoleón engulía reinos e testas coroadas HEGEL PERCORRÍA AS RÚAS DA CIDADE ARDENTE E SAQUEADA COA FENOMENOLOXÍA DO ESPÍRITO NOS PETOS MENUDOS PETOS DEBÍAN SER eu traguei libros e mais libros e con eles erguinme unha outa fortaleza un castelo impenetrable de verbas e pensamentos as obras acugulábanse en almeas troneiras dinteis elevadas lanzas foxos pontes levadizas e sobre a entrada dous dísticos gravados a lume:
“SÓ AQUEL QUE DESPREZA A FELICIDADE CHEGA AO COÑECEMENTO”
e
“SENTIMENTO NO INTRE DUN ESTADO SEMELLANTE Á MORTE: TÓDOLOS HOMES SON DIGNOS DE AMOR. AO ESPERTAR, SENTES A AMARGURA DO MUNDO; NELA ESTÁ TODA A TÚA CULPA IRREDENTA; A TÚA POESÍA É UNHA EXPIACIÓN IMPERFECTA”
lambía Alberich as feridas do seu corazón doído e lume sobre terra pechouse en sí mesmo O INFERNO SON OS DEMAIS voltouse escéptico e amargado con tódalas causas e grandes principios só usaba do seu saber para humillar os que estaban por baixo escondendo a Gran Renuncia detrás dunha nova bandeira “¡VIVA LONGOS ANOS / A POSMODERNIDADE!” e así foi como renunciou ao amor:
“SO VERFLUCH´ICH DIE LIEBE ”

quinta-feira, março 01, 2007

Traballos de Amor perdidos

'I Get a Kick Out of You' é unha canción bastante famosa de Cole Porter, que aparece por primeira vez no musical Anything goes (1934). Moitas veces versionada, unha das clásicas é esta de Frank Sinatra, cortesía do Youtube, que tedes en ligazón ao final.
O que estaba a buscar en realidade é a versión cómica que fixo dela Timothy Spall (no papel de D. Adriano de Armado) na adaptación cinematográfica de 'Traballos de Amor Perdidos', de Kenneth Branagh, pero non houbo tanta sorte. A translatio de Shakespeare ao formato do musical romántico de Hollywood pareceume unha idea excelente (creo que o director a repite ata certo punto na pastoral xaponesa do ano pasado en que transmuta 'As you like it' que aínda non tiven posibilidade de ver). A acción transladábase á Europa do ano 39, mesturando cancións do Broadway dos anos 30 e montaxes estilo noticiario.
Quizaves algúns actores non daban a talla, e os bailes e cancións soaban algo a falsete. En calquera caso, a película foi un desastre absoluto en taquilla...
...e a falta do video en cuestión, que tanto me presta polo seu tratamento tan autoirónico da convención amorosa (xa Maiakovski, romántico ferido ate as cachas, sentía a imposibilidade de non caer na cursilería coas formas manidas de abrir o seu corazón aos demais), déixovos polo momento con Sinatra rasgando as súas cordas vocais, eu mesmo cantándoa dende as patas para a miña Amada Inmortal. Un exercicio sinceiro de paixón sentimental e autodeprecación aos que son tan dado, como ben saben os que me coñecen...
Que vos preste!

segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Jeroen van Aken

é máis coñecido como Hieronymus Bosch, 'O Bosco'. A maiores, é o meu pintor favorito dende a primeira vez que ollei un cadro seu ('O Carro de Heno', unha das ilustracións da 'Crónica da Humanidade' que me agasallaron con seis anos, e que daquela servíame máis que nada de estímulo visual e mitolóxico). É o seu, como ben sabedes, un mundo fantástico de intensas cores, froitas estrañas, corpos nús e fantásticas criaturas entretecidas nun curioso tapiz de símbolos, saturados do denso perfume dos Bestiarios.
Anque tódalas súas pezas son extraordinarias ('As Tentacións de San Antón', 'Os Sete Pecados Capitais', o 'Xuízo Final'...) a estrela é, sen lugar a dúbidas, o tríptico do 'Xardín das Delicias', no que percorremos a Creación do Mundo, do Home, a Aparición do Pecado e a Condeación. O panel esquerdo reflexa o Edén, co Home e os animais vivindo sen interacción. Curiosamente, a Morte xa está presente (un gato leva un rato consigo, e un león anda a roer nun antílope. No panel central, dos 'praceres sexuais', homes e animais coexisten e mesturan. No panel dereito, 'Inferno Musical', os animais torturan aos homes, pechando o bucle que vai dende simples criaturas a superiores antropomorfos.

Outro admirador das fantasmagorías bosquianas foi o católico rei Felipe (en cambio, non lle encheu o ollo outro artista que tamén está moi alto na miña estimazón: Δομήνικος Θεοτοκόπουλος, 'O Greco'). A iso lle debemos o feito de que contemos na Península con varias pezas del. Entre elas, o mencionado 'Xardín das Delicias', unha mole de tres metros de alto e moitos máis de ancho e que comparte sala no Prado co meu segundo pintor favorito, Pieter Brueghel o Vello (neste caso, a coincidencia é con Castelao, que o imitou nun cadro seu e escribiu prolixamente sobre as súas pezas no seu 'Diario'). Mais ao 'Triunfo da Morte' adicarémoslle outra xornada...
Un dos problemas do enorme tamaño do 'Xardín' é a dificultade para aprezar os detalles. O tríptico está que reventa de imaxes surrealistas e suxerentes, cada unha pintada ata os mínimos rasgos con esa precisión coa que os artistas flamencos do Renacemento buscaban atrapar a realidade (os italianos, pola contra, escolleron o camiño da Perspectiva, co engadido Venecián da Cor). Por iso, os libros de arte tampouco lle poden facer xustiza, máis que nalgúns fragmentos que aínda así fican moi lonxe do orixinal.
Non deixarei, polo tanto, de animarvos a que pasedes polo Prado en persoa, adicándolle o tempo que precisedes ao seu disfrute (no meu caso, unha hora non foi dabondo, e xa me tarda voltar). E como propina, alén das ligazóns de alta resolución, tedes este anaco de Inferno.

sexta-feira, fevereiro 23, 2007

O Amor - Jüri Talvet

é mandamento, así pensaba
Kierkegaard. Mellor será
-penso eu- amar, sen facer
caso dese mandamento.
Recoñecéndose
a alma coa alma,
respostando
o sangue ó sangue,
sen saber, en pleno
voo -cara arriba
ou cara abaixo-,
cal será
o lugar de destino.

domingo, fevereiro 18, 2007

As Víctimas do Franquismo en Muros e Outes

Eis un anaco do tríptico que, co gallo do Ano da Memoria, sacou a nosa asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e que se repartirá na estrea dunha placa-homenaxe a Maximino Martínez.

PASEADOS NO 36
21 de Agosto Luis Barrena, deputado en Cortes de Izquierda Republicana. Asasinado no Freixo.
22 de Agosto Pedro Pregue, veciño de Torea. Tiroteado en S. Xusto (Lousame).
1 de Setembro José Álvarez, (D. Álvaro) mestre de Louro. Abatido no camiño de Taxes (Muros).
Data indeterminada Xesús "O Grecho" e "Cantoño", de Muros

FUSILADOS DURANTE A GUERRA
En Luarca (Asturias) Maximino Martínez, de Ceilán, sindicalista, fuxido no bou Sta. Rosa e capturado trala caída da fronte.
En Boisaca (Santiago) Cipriano del Río, sindicalista veciño de Tarás.
El lugar indeterminado Libertad Alonso, mestra de Esteiro (Muros).

PRISIÓN
Avelino Freire, sindicalista de Ceilán, tamén fuxido nos bous que partiron de Muros e capturado trala caída de Asturias.
Xosé Veloso, de Esteiro, alcalde en funcións de Muros, condeado a pena de morte (conmutada por cadea perpétua) pola incautación dos bous nos que lograron fuxir os dirixentes republicanos.
Pedro García, sindicalista de Muros, condeado a pena de morte, logo conmutada por prisión.
Xosé Tubío, mestre de Esteiro, fuxido o 25 de Xullo e capturado trala guerra.
Isidro Caramés, de Muros, condeado a reclusión perpétua por "auxilio á rebelión".
Manuel Lago, garda municipal de Muros, cadea perpétua por igual motivo.
Peregrino Lestón, de Muros, condeado a igual pena no mesmo proceso.
Eduardo Romaní, de Esteiro, exiliado trala guerra en Francia, foi capturado polos nazis e pereceu no campo de exterminio de Mauthausen.

EXILIO
Na Arxentina Manuel Ramos de Ribademar (Outes), fuxido nos bous que saíron de Muros cara a Bilbao.
En Francia Lino Tieles, de Muros, que conseguiu fuxir da cadea na que estaba recluído pola axuda á incautación dos dous bous.
En Uruguai Manuel Tubío, alcalde de Muros, tamén fuxido nos bous Sta. Rosa e Sta. Eulalia.
En Francia Xoán Malvárez Baamonde, sindicalista de Muros, posto a salvo na odisea daqueles bous.
Tamén en Francia Xoán Malvárez Pérez, de Muros, acompañante do anterior na súa fuxida.

sexta-feira, fevereiro 16, 2007

L' inutile beauté

As mulleres de singular beleza están condeadas á infelicidade. Incluso aquelas ás que as circumstancias benefician, as favorecidas por nascencia, riqueza ou talento parecen perseguidas ou posuídas por un impulso de destrucción delas mesmas e de tódalas relacións humanas nas que entran. Un oráculo sitúaas perante unha alternativa de fatalidades. Ou ben empregan a beleza para conseguí-lo éxito, e entón pagan coa infelicidade esa condición, porque, ao non poderen amar, envelenan o amor cara elas e fican coas mans baleiras; ou ben o privilexio da beleza dalles ánimo e a seguridade para asumi-lo intercambio, toman en serio a felicidade que se prometen e non escatiman nada de sí mesmas, confirmadas pola inclinación que todos senten cara elas, no senso de que o seu valor non deben somentes amosalo. Na súa xuventude poden escoller. Pero iso fainas volúbeis; nada é definitivo, todo pode en calquer momento substituírse por outra cousa. Moi cedo, e sen consideralo moito, casan e sométense así a condicións pedestres, despóxanse en certo senso do privilexio das posibilidades infinitas, redúcense a seres humanos. Pero ao mesmo tempo aférranse ao soño infantil do poder sen límites que a súa vida parecía prometerlles, e non deixa de desprezar -anque non á maneira burguesa- o que mañán puidera ser mellor. Tal é o seu tipo de carácter destructivo. Precisamente o feito de que unha vez foran hors de concours sitúaas nun segundo plano da competencia, á que agora se entregan maníacamente. Aínda lles fica o xesto da irresistíbel cando os motivos xa esvaeceron; o encanto afúndese cando, no canto de representar unha esperanza, aséntase no doméstico. Pero a víctima é agora a resistíbel: fica sometida á orde sobor do que antes tan só esvaraba. A súa xenerosidade sofre o seu castigo. Tanto a perdida como a obsesionada son mártires da felicidade. A beleza integrada converteuse co tempo en elemento calculábel da existenza, en mero sucedáneo da vida inexistente sen que rebase mínimanente esa nulidade. Rachou, para sí mesma e para os demais, a súa promesa de felicidade. Pero a que aínda manten rodéase dunha aura de desventura, e é ela mesma capturada pola desventura. Aquí o mundo ilustrado absorbeu por completo ao mito. Só a envexa dos deuses sobreviviu.

sábado, fevereiro 10, 2007

As partículas elementais

Non, amigos. Non pretendo hoxe facer unha reseña ou comentario da célebre novela de Houllebecq (nese caso aproveitaríavos mellor o artigo que Ur Apalategui escribiu sobre a variada producción do autor francés e que expuxo no congreso de Kiel). Malia ser FraVernero un home de letras, non pode negar certa fascinación diletante pola Ciencia Pura, e notoriamente, pola Física e as Matemáticas, que algún día agarda poder entender a nivel de leigo.
A este respeito, lembro unha asignatura que a USC creou o ano que naceron as asignaturas 'específicas' de Libre Configuración, e que tiven a sorte de facer; chamábase 'Historias do Universo para non expertos' (en román paladino, Astrofísica for dummies). As aulas dábanse na facultade de Física, un dos últimos círculos do infernal Campus Sur (digamos Caína, cos aparatos medidores de refulxente cobre atrapados non no xeo do Cocito, senón nas vitrinas de cristal). Dous profesores (un deles o antigo rector Carlos Pajares) desnovelaban para nós as partículas elementais, os quarks, tixolos da materia de cromática unión e poéticos nomes; as danzas do espín (tamén poema de Outeiriño, por certo) e as galaxias sempre expandindo. Libro recomendado de lectura era a 'Historia Natural do Tempo' de Stephen Hawking, que conseguín barato en Follas Vellas, e fíxoseme tan ameno que o seguín algo despois con outro famoso bestseller científico como é 'Os primeiros tres minutos do Universo', de Stephen Weinberg.
Hai unha beleza natural nas fórmulas da matemática e na xeometría das teorías físicas que escapa os burdos intentos (poesía-matemática?) de tender a ponte co mundo das letras e das artes. Só dúas mostras que lembre lle fan algo de xustiza aos dous mundos (e probábelmente máis ao estético), coma son o poema 'π' de Wisława Szymborska ou algunha desas láminas de vidro (nitróxeno ou helio líquido?) nas que o CERN, o superlaboratorio sito en Suiza, consegue grabar o choque e as traxectorias das partículas que fan chocar e estoupar a tremendas velocidades.
E para o voso disfrute (e o meu), velaí unha mostra:


sábado, janeiro 27, 2007

Shoah

"Nach Auschwitz noch ein Gedicht zu schreiben ist barbarisch" é unha das citas máis famosas de Theodor W. Adorno. En román paladino: "escribir poesía despois de Auschwitz é unha mostra de barbarie". E nembargantes, o mesmo sabio se desdicía pouco tempo despois: "O eterno sufrimento ten tanto dereito de expresión coma o que teñen os torturados para berrar... e quizaves foi errado dicir que non se podía facer poesía despois de Auschwitz".
Unha boa mostra (anque sexa tópico e reduccionista) é a vida e obra de Paul Celan, seguramente un dos mellores poetas que nos deixou o século pasado. Alén dos seus dos coñecidos poemas Todesfuge e Engführung, que poderedes topar con facilidade na rede se non os tedes en libro, tamén deixou dito o seguinte:

"Só unha cousa permanece ao alcance, cercana e segura no medio de tódalas perdas: a linguaxe. Sí, a linguaxe. Malia todo, permaneceu segura contra o perigo de perda. Mais agora tiña que pasar pola súa propia carencia de respostas, a través dun silencio terrorífico, a través das mil escuridades do discurso asasino. Atravesouno. Non me dou palabras para o que estaba a acontecer, pero atravesouno. Atravesouno e puido rexurdir, 'enriquecido' por todo isto"

Eis unha pequena chama e acordanza na noite do Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Tanto máis necesario hoxe cando a xusta carraxe contra o abuso aos palestinos e o emprego xustificatorio da Shoah como carta branca por parte do estado de Israel se equilibra co inaceptábel rexurdimento dos 'revisionistas' e as negacións da Traxedia.

sábado, janeiro 20, 2007

segunda-feira, janeiro 15, 2007

Espazos

Nunha das interminables conversacións que teño cun dos meus amigos poetas, éste veume a facer unha especie de autopoética na que me expresaba a importancia que tiñan os espazos nos seus versos. Un espazos que son testemuña pasiva e memoria oculta dos sucesos que tiveron lugar a carón deles, sucesos que a súa poesía pretende ás veces evocar.
Tamén tiña unha proxecto ('Aldeia-Almofada') de fotos e poemas que non chegou a realizar, pero tempo ao tempo... .
Un espazo de Compostela bastante anodino máis cheo de significados para mín é un portal que hai indo por Galeras, algo antes de chegar ao Hospital Vello. Nun venres de Inverno e Chuvia acubilleime nel mentres arrastraba a maleta cara a Facultade e, despois, Estación de Autobuses. Por esas datas, estaba totalmente enganchado a un pequeno libriño do historiador alemán Joachim Fest sobre os derradeiros días de Hitler (un historiador moi ameno de ler, anque me resultara particularme ingrato ideolóxicamente; era dos que estaban con Ernst Nolte e contra Habermas e Wehler na famosa Historikerstreit, a disputa continuada nos xornais entre historiadores alemáns sobre o tratamento do Holocausto e as relacións entre a Alemaña Nazi e a Rusia Soviética). Pouco despois saía nos cines unha película baseada no libro: Der Untergang, de Oliver Hirschbiegel (máis coñecido nestes lares pola teleserie 'Rex, un policía diferente')
Baixo o portal, coa chuvia constante de cortina de fondo, continuei ávidamente coa lectura, tan divertida e inevitábel que parecía unha febre que me amarrase ao seu duro banco. Diante dos meus ollos desnovelábanse as últimas batallas do Terceiro Reich nas colinas enlamadas de Seelow, e o espectáculo -entre o cabaret e a ópera paródica de patacón- da atmósfera de irrealidade do Führerbunker e da cidade asediada. Imaxes que despois me servirían para un texto...
E o espazo lémbrase, e lémbrame. Os dous nos lemos mutuamente cando pasamos o un diante do outro, cadaquén carregado de significacións para o outro...

sexta-feira, janeiro 05, 2007

Twelfth Night

En efecto, hoxe é a 'Noite de Epifanía, ou o que gustedes', unha das mellores comedias de William Shakespeare e o último día das festividades tradicionais do Nadal na Inglaterra Isabelina. Doce días que facían as veces do noso carnaval -abondosa comida e copas cheas, roles sociais postos patas para arriba, e o goberno do 'Señor da Desorde', contra o que tanto berraban os teólogos, católicos e protestantes.
A obriña de Shakespeare (como tantas de época) foi no seu día parte das celebracións (concretamente, na noite de epifanía de 1612 ten lugar a súa primeira posta en escea, no Middle Temple Hall de Londres).
Nada mellor para festexá-lo aniversario e o remate das vacacións que o visionado da adaptación cinematográfica de Trevor Nunn. E quizaves, tamén (xa que a película non a podo compartir convosco) unha imaxe e unhas liñas. A imaxe é a de Laurence Olivier facendo o papel de Malvolio na montaxe da Royal Shakespeare Company de 1955:

"My masters, are you mad? Or what are you? Have you no wit, manners, nor honesty, but to gabble like tinkers at this time of night? Do you make an alehouse of my lady's house, that ye squeak out your coziers' catches without any mitigation or remorse of voice? Is there no respect of place, persons, nor time in you?"
II.iii.83-89

(Meus señores, sodes uns tolos? Ou qué sodes? Non tedes acaso sentido, modais ou honestidade máis que para apostar coma compoñedores a estas horas da noite? Facedes unha taberna da casa da miña señora, berrando as vosas cancións de borrachos sen remorso ou mitigación da voz? Non tedes respecto ningún por sitio, persoas ou hora?)

E non deixaremos de facernos eco da resposta de Sir Toby, que igual vale para tódolos esmorgantes de tódalas épocas e lugares fronte aos aburridos puritanos:

"Dost thou think because thou art virtuous there shall be no more cakes and ale?"

(Ou pensas que porque es virtuoso non debería haber festa para ninguén?)

Só unha última recomendación: non deixedes de escoitar, se cae nas vosas mans, un Cd de cancións isabelinas do que xa teño falado nesta bitácora. Unha das máis bonitas é 'Oh mistress mine', que pertence a esta peziña de teatro.

quarta-feira, janeiro 03, 2007

Campo Vermello das Lascas de Sílex

Eis o poético e estrafalario nome co que -etimoloxía ao xeito de San Isidoro- traducía para mín a rúa en que nos hospedamos durante o noso periplo xermánico: Flintkampsredder, 11. Un sinxelo exercicio de mnemotecnia aderezado cunha lectura á inglesa das palabras alemás, e pensando nos nosos sufridos diálogos cos taxistas na pescuda da residencia perdida.
Os profesores paraban máis abaixo, no centro-cidade, a carón da Igrexa tardogótica de San Nicolás e do Alter Markt, unha das varias praziñas nas que agromaran os tenderetes para a feira de Nadal.




A foto pode dar unha impresión enganosa, anque só sexa porque estivemos nela en pleno inverno e sen bandeira ondeando a un vento cortante coma pedernal. Dende a xanela do meu dormitorio podía contemplar polas noites unha paisaxe digna de Caspar Friedrich, coas árbores desfolladas axitando as pólas baixo un romántico ceo, mil tonalidades de grís e reflexos nouturnos das tremelocentes luces de Nadal.
E malia o seu carácter industrial e aséptico, a rápida sensación de fogar. Das Heim. Seguramente axudaban a calefacción alta, o ter unha galega no cuarto do lado e os chocolatiños de xenxibre e mandarina enriba do escritorio. Despois, outro galego entrando pola porta aberta e dando comezo a unha amena conversa; logo as estonias, falándonos en inglés e buscando onde apousentá-la cabeza.
Enriba do escritorio, unha presada de papeis: guías de buses, mapas parciais da cidade, publicidade da Universidade Christian-Albrechts... Todos materiais que me puxen a estudiar con fervor nun intento parcialmente exitoso por absorver a xeografía descoñecida, e mapear as rutas cara o dispersísimo campus que teríamos que percorrer os días seguintes.
A nosa residencia é un dos espazos que lembro con nostalxia de Kiel, e que me permito antropomorfizar coma unha sorrinte rapaza alemana coa toda a luz do Báltico atrapada nos ollos, montando nunha bicicleta cara estas liñas, os meus pensamentos e, quizaves, algún texto do futuro.
Os espazos nunca vistos (como a Max-Reichpietsch-Platz, adicada ao mariñeiro socialista executado por axitación en 1917. Ou a estraña habitación de cristal e luces vermellas onde -segundo me xurou un amigo estonio- podía verse o espectro de Marx pola noite, ou talvez un retrato) fican para unha próxima, improbábel, visita, ou para o reino da imaxinación. Despois de todo, menos nesta última, somos seres limitados.
Feliz Aninovo a todos!!

domingo, dezembro 31, 2006

Línguas Minorizadas de Europa - Baixoalemán

Unha das escasas sorpresas desagradábeis que me deparou a miña recente estadía en Alemaña foi a de comprobar a escasa (case nula) sensibilidade que a Europa comunitaria ten cara as línguas minorizadas, e máis sinaladamente, cara as súas propias falas territoriais. No caso do norde de Alemaña falamos do Baixoalemán (Plattdeutsch). Os presuntos nativos amosaban unha certa indiferencia no caso do coñecemento, e os alemáns chegados doutras partes, unha case total falla de interese.

Fai uns anos saía en Galiza un libriño moi interesante de Xosé Henrique Costas: "Guía das línguas de Europa". O autor prometía unha segunda parte adicada á babel lingüística que é a Federación Rusa, mais aínda estamos agardando. Sobre o Baixoalemán dicía o seguinte:

O baixoalemán ou baixosaxón é unha variedade alemá falada por case 2.000.000 de persoas (65%) nas provincias holandesas de Groningen, Drenthe e Overijssel, en parte da de Gelderlande e nun concello de Frisia. Fálano tamén un alto número de habitantes da Baixa Saxonia e do Mecklemburgo alemáns, quizabes 3.000.000 máis.
En Alemaña recoñeceuse recentemente como língua rexional e empezouse a introducir o seu estudo optativo nas escolas da Baixa Saxonia, pero a nula conciencia dos seus falantes, crentes de que é unha variante rexional alemá, propicia que se perpetúe a diglosia complementaria entre a língua coloquial (baixosaxón) e a língua oficial (alemán), co conseguinte esmorecemento da língua "coloquial" entre as poboacións novas.
En Holanda o baixoalemán só ten algún recoñecemento teórico por parte dalgúns gobernos provinciais. A súa proximidade estructural e a súa doada intercompresión co holandés fai que o seu uso non presente problemas de uso oral na administración, na xustiza, no mundo escolar, etc, se ben os usos escritos e "oficiais" son escasos. No anaco de Frisia onde se fala a variedade baixosaxona denominada "stellingwerf" esta ensínase nas escolas.

segunda-feira, dezembro 25, 2006

Paul-Eerik Rummo - Ser unha paisaxe

Sí, xa sei que estou a abusar da vosa paciencia, meus benqueridos lectores, con este exceso de poesía. As miñas intencións eran boas, e despois da enchenta propia destas festas quería insertar unhas liñas lixeiras para facer a dixestión. Mais terán que agardar. Sigo cos poetas estonios, e o señor Rummo deixoume cautivado coa súa escolma. Só deixarei constancia dun poema que, incluso na traducción, me parece redondo. E dí así:

SER UNHA PAISAXE, SER UNHA PAISAXE MAXESTUOSA
nos cumios glaciarios coroados de abetos rebordantes de piñas;
unha paisaxe nívea, con veas como as pegadas do vento,
ser unha paisaxe, unha paisaxe fidalga cruzada
por un río que transporta un acio de nenos no seu xeo,
pivotando, circense,
pero tamén descende, verdoso, sobre os sedimentos,
como saias de auga, mantelos de auga;
ser unha paisaxe na que un vello muíño de lá
vira o eixe paseniño, dando tombos
silandeiro... mundo sen fín;
unha paisaxe na que os corvos famentos poden laiarse;
unha paisaxe de boca de lobo, unha paisaxe pre-solar,
unha paisaxe para rotar o eixe dos cabaliños,
para instalar un miradoiro, para instalar un arco de vidro,
ser unha paisaxe, ser unha paisaxe maxestuosa

pendurada na parede do museo local,
unha paisaxe relucente, encadrada nuns lindeiros esvaecidos;
moedas e ósos decolóranse nunha escuadra de vitrinas,
tediosos turistas están a bocexar;
ser sendo, sabendo que ningunha verba
se atopará para poñerte nome; sabendo
que non a poderán atopar endexamáis;
ser unha paisaxe, ceibar luz nívea;
ser unha paisaxe, ficar en paz despois dunha tormenta de neve
ata que alguén a quen non lle cabe
o corazón no peito cruza a sala ás alancadas
e espeta un coitelo no lenzo.

sexta-feira, dezembro 22, 2006

Hando Runnel - Ilus On Maa

Ando por estes días a ler unha antoloxía trilingüe de poesía estonia (galego-estonio-inglés) que baixo o título "Vello Ceo Nórdico" editaron fai uns anos Arturo Casas e Jüri Talvet. Eis unha fértil mostra de colaboración e achega entre dúas literaturas minoritarias con máis pontos en común dos que permite adiviñar a distancia xeográfica.
Aquí vos queda o segundo poema do ciclo "Unha terra fermosa", agardando que vos preste tanto como a mín.

ÉRGUETE E VAMOS,
xa cae a rosada, e o chan estase a humedecer,
érguete e vamos,
non podemos quedar máis;
quererás se cadra aínda abrazar o meu colo,
collerme os dedos, collerme do brazo,
pero as xoias que che desapareceron do colo,
un día inda me has pedir que chas volva;
levanta e vamos,
non podemos quedar máis,
a noite é curta - sexa tarde ou cedo,
non podemos dicir ren.

Fermosa, fermosa é a terra,
fermosa é a terra
que eu quero.

domingo, dezembro 17, 2006

O País do Chocolate

Ése é en efecto Alemaña, como a miña estadía e un capítulo dos Simpsons puideron demostrar. E non só chocolate: calquer tipo de larpeirada estaba dispoñíbel por estos días nas prazas de recendo medieval, tixolo vello, de Kiel. Curiosos tenderetiños de madeira vendían champiñóns salteados, pretzels con beicon e queixo, cámemberts rebozados, biscoitos navideños de Dresde, viño quente con especias de forte hálito shakespearián, corazóns de chocolate e galleta... Nada menos que o banquete de Lúculo ou as bodas de Camacho para un larpeiro coma mín...



Mais non pensedes que as causas da miña estadía eran gastronómicas. O profesor Abuín tivo a ben convidarnos a Noel Blanco e a mín mesmo a asistir, con algúns outros galegos, vascos, estonios e franceses a un seminario internacional sobre Literatura e Cidade. Organizaba o Profesor Javier Gómez-Montero, catedrático de Línguas Románicas na Universidade Christian-Albrechts de Kiel.
Foron dúas semanas intensas que produciron unha fecunda colleita de ponencias, discusións e contactos... O percorrido polos lugares (e non-lugares) da literatura podedes contemplalo sumariamente no programa de actos.
O anecdotario é amplo, polo que iremos aos poucos. Polo momento só cronicaremos un acto á marxe do programa: o recital-xusta poética que tivo lugar o penúltimo día na Literaturhaus da cidade. Recitaba Juri Talvet, e competían varios poetas alemáns co simpatiquísimo granadino Juan Andrés García Román (libro en Hiperión) e o noso Noel Blanco Mourelle. Nunca vira un recital tan ateigado de xente...
E aconteceu o que tiña que pasar. O noso poeta, laborioso encetador de mecánicas celestes, foi coroado de loureiros, cal novo Petrarca. O profesor Victor Ferretti facía de papa Piccolomini, e todos brindamos metafóricamente con champán (xa que a non metafórica botella que se lle agasallou ao gañador fica aínda sen abrir).
Por iso, e polas festas inminentes de Nadal, Fra Vernero alza de novo a copa. E añora as dúas semanas no país do Chocolate...

sexta-feira, dezembro 08, 2006

O ceo sobre Berlín

Pois sí, aprezados lectores. O voso FraVernero anda estes días (en realidade, xa leva case unha semana) por terras alemanas co gallo dun congreso sobre Literatura e Cidade. O noso centro neurálxico é Kiel, centro pesqueiro rente ao mar do Báltico (moi apropiado para Zacarías, que inscribe nas arquitecturas da cidade un imposíbel caderno de retorno ao país natal). Mais este fín de semana temos translado, e paseamos polas rúas de Berlín, 'Capital Irreal', que dicía Heiner Müller.
Unha curiosa carambola quixo que parásemos eiquí no mesmo hotel (un hostal para a xuventude no barrio vermello, a carón da Igrexa Derruída adicada a Guillerme I) e -case me atrevería a xuralo- na mesma habitación da última vez: o mesmo octógono de literas e vista ao cartel grande da rúa de enfronte... A historia, dicía Marx, repitése como traxedia e como comedia. Agardaremos un final feliz...
O tempo remata no computador do hotel... Unha manchea de crónicas prusianas agardo que enchan nuns días as páxinas desta bitácora.
Un saudo para todos, e un brinde co alcool quente con especias que tanto toman eiquí os alemáns.

quinta-feira, novembro 16, 2006

Premonición

Por estes días estou a ler a monumental 'La Revolución Rusa (1891-1924). La tragedia de un pueblo', do historiador de Cambridge Orlando Figes. Como podedes supoñer pola escolla de título (e máis aínda coñecendo o nome do traductor ao español...), a versión dos feitos é claramente negativa, sobordinándoos á teodicea da democracia liberal-burguesa tan grata para o autor. E nembargantes, é a obra dun profesional, e malia o sesgo ideolóxico, demostra ser de gran interese.
Lendo sobre os precursores xacobinos e populistas de Lenin, aparece no ano 1862 a seguinte proclama de Zaichnevsky. O seu caracter premonitorio apenas require comentario...

Cedo, moi cedo, chegará o día en que comezaremos a enarbolar o grande estandarte do futuro, a bandeira vermella, e co poderoso brado de "¡Viva a República Rusa social e democrática!" avanzaremos cara o Pazo de Inverno para exterminar a tódolos seus habitantes. Pode que sexa suficiente con matar únicamente á familia imperial, é dicir, arredor dunhas cen persoas; mais tamén pode suceder, e isto é o máis probábel, que tódolos partidarios do Imperio se arremuíñen coma un só home arredor do tsar, porque para eles será un asunto de vida ou morte. Se isto sucede, coa fé en nós mesmos e coa nosa forza, apoiados polo pobo e no glorioso futuro de Rusia (cuxo destino é ser o primeiro país que leve adiante o triunfo do socialismo), lanzaremos o berro de batalla: "Ás machadas" e mataremos aos partidarios do Imperio cunha misericordia non maior da que eles nos amosan agora. Matarémolos nas prazas, se os suxos porcos ousan aparecer por alí. Matarémolos nas súas casas, matarémolos nas estreitas rúas das cidades, matarémolos nas avenidas das capitais, matarémolos nas aldeas. Lembrade: calquera que non estexa connosco é o noso inimigo, e calquera método pode ser empregado para exterminar aos nosos inimigos.

terça-feira, outubro 17, 2006

Dúas versións

Isto, xunto a outras estupendas traduccións, podedes topar nun volume da Editorial Galaxia ao que lle desexamos unha feliz andaina: "Poesía Inglesa e Francesa", vertida ao galego por Plácido Castro, Lois Tobío e F.M. Delgado Gurriarán.
Na peculiar antoloxía de cada recopilador (presentaron un feixe de poemas traducidos a concurso, sendo todos publicados nun volume común en Bos Aires no ano 1949) tan só se dá unha coincidencia: o poema 'Pluie', de Paul Verlaine. Dúas versións ricas e difenciadas de Florencio e Lois Tobío que chamarán a atención tanto pola súa calidade como pola curiosidade das escollas da cada un, froito inevitábel desa alquimia estraña que é todo proceso de traducción.

CHOIVA
(versión de Gurriarán)

Il pleut doucement sur la ville
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
E na vila a chover;
¿Que estraño esmorecer
Sente o meu corazón?

Nos tellados, a choiva,
Canta un canto teimoso
Pró corazón saudoso,
¡Doce canto o da choiva!

¿Por que te queixas, di,
Corazón magoado?
Se non es traizoado...
¿Por que te queixas?, di.

Mais non aturo a dor
Que me causa o ignorar,
Que sen querer nin odiar
Sinta tan forte dor.


CHORA O MEU CORAZÓN
(versión de Lois Tobío)

Il pleut doucement sur la ville.
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
Como chove na vila.
¿Que é este vago langor
Que enche o meu corazón?

Doce rumor da chuvia
Por terra e nos tellados.
Pra un alma que se anguria,
¡Ouh, o rumor da chuvia!

O meu cor, sen razón,
Chora saudosamente.
¿Ninguén me traizoou?
Pró meu dó non hai razón.

Non hai máis fera pena
Que non saber por que
Sen amor nin xenreira
Sinto tan fonda pena.

quarta-feira, setembro 27, 2006

Interludio, Entr'acte, Verwandlungsmusik

Despois dunhas longas vacacións, e case dous meses de silencio, FraVernero volta aos teclados e promete reanudar o ciclo de emisións regulares.
Neste tempo de cortinas pechadas non tivéchedes máis que unha orquesta de silencios. Mais ben sei que non sodes dos públicos alborotadores, e John Cage xa reivindicou o baleiro co seu 4′33″.



Facendo tamén da necesidade virtude, lembro/homenaxeo co interludio unha estraña peliculiña de 1924 baseada nun libro de Francis Picabia. Este "Entr'acte" foi un curioso espectáculo dadaísta, con música de Satie e (des)dirixido por René Clair. Grazas ás novas tecnoloxías, xa podedes disfrutar en rede deste pequeno divertimento.
Disfrutada da peza. Se non vos chega con ela, xa irei meditando algunha penitencia coa que compensarvos polo tempo que vergoñosamente desperdiciei, como tódolos veráns, nos meus vicios segredos...
Noutra orde de cousas, quizaves vos interese saber que o (máis ou menos) finado Colectivo Sacou acaba de sacar unha nova bitácora á blogosfera na que Fravernero e outros membros irán tecendo textos, historias e anecdotario variado do que foron as nosas accións. Podedes topar un vínculo aquí mesmo, a carón dos outros blogs galegos que se publicitan en Trasalba.

quinta-feira, julho 20, 2006

Pericles, Príncipe de Tiro

Ben, sabíades que isto ía a pasar. A ese fanático bardólatra que é Fravernero, modelo do intelectual colonizado, espello de cosmopolitas sen raíces, xa lle tardaba meter unha entrada sobre o Cisne de Avon e as súas obras.
A crítica, baseándose no primeiro Folio das obras de Shakespeare, tende a dividir éstas en tres grupos: as Historias, as Traxedias e as Comedias. Outros prefiren separar da última sección o que chaman os 'Romances Cabaleirescos'. Os Romances serían obras tardías do autor (de 1607 en diante), cercanas aos romances medievais. As súas características máis suliñables: tramas enrevesadas con reencontros familiares e final feliz; elementos máxicos e fantásticos; frecuentes Deus ex machina na forma de deuses gregos; e a mestura de esceas 'pastorais' e de ''civilización".
O Pericles é unha desas obras, e probábelmente, unha das peores (xa comentarei noutra ocasión a miña filia coas obras malas de Shakespeare). A autoría é compartida con George Wilkins, coñecido proxeneta da época e resposábel das primeiras (e sosas) nove esceas do Pericles.
Só contamos cunha versión moi corrupta desta obra (non foi incluída no Folio), un texto pirata probábelmente reconstruído de memoria por algún asistente ao teatro (igual que a versión 'mala' de Hamlet de 1603). No seu día, foi un dos maiores éxitos do seu autor, con varias edicións contemporáneas e unha versión novelada, The Painful Adventures of Pericles que nunha nota proclama seguir a mesma estructura que a obra de teatro.
Malia os seus defectos e unha trama rocambolesca, a obra ten momentos de beleza desacougante. Dende as cabezas cortadas nas portas portas de Antioquía ao poeta medieval John Gower facendo de prologuista á estatua parlante ou o emotivo reencontro de Marina e Pericles na escea 21:

"I am great with woe, and shall deliver weeping.
My dearest wife was like this maid, and such
My daughter might have been. My queen´s square brows,
Her stature to an inch, as wand-like straight,
As silver-voiced, her eyes as jewel-like,
And cased as richly, in pace another Juno,
Who starves the ears she feeds and makes them hungry
The more she gives them speech. -Were do you live?"

Só queda recomendarvos, cando teñades tempo, tecer o fío solto das esceas do Pericles. Pois o mosaico incompleto e fragmentario ten unha estética que na actualidade estamos a reivindicar. E que o disfrutedes tanto coma min.

sábado, julho 15, 2006

Espectros

Un dos primeiros sitios que visito cando estou nunha capital estranxeira son os seus cemiterios. Nada de morboso ou de filias estrañas, non pensedes mal. O meu legado católico actívase no inconsciente e lévame polo camiño común do culto ás reliquias. Neste caso, a peregrinaxe soe incluír a grandes escritores, artistas, filósofos e algún dos escasos políticos que respeto.
Cando estiven en Berlín, a visita obrigada tería sido, quizaves, o Friedrichsfeld, que é onde repousan os meus admirados Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg alén doutros revolucionarios asasinados. Pero non: na guía coa que contaba, o único de interese que aparecía era o Dorotheen, a carón da Oraniemburger Strasse. Neste caso, tocaban dous dramaturgos xeniais como son Bertold Brecht e Heiner Müller e dous filósofos (nada menos que Hegel e Fichte, ámbolos dous soterrados un a carón do outro).
Igual ca hoxe, era un calurosísimo día de verán; o sol batía como unha capa de chumbo, o que se xuntaba en conspiración coas bochas dos pés para ralentizar o meu percorrido. Na mesma rúa de Orianemburg parei un chisco para visitar a Gran Sinagoga da capital, unha curiosa mestura de influencias neo-bizantinas e mouriscas coroada cunha enorme cúpula dourada. Estrañoume a esaxerada presencia policial arredor e dentro dela.




O Dorotheen resultou ser un cemiterio exemplar, moi estético: tumbas neoclásicas e vexetación exhuberante, un bo lugar polo que pasear un pouco e darlle algo de respiro ao corpo lonxe do sol de xustiza berlinés. Algunhas das tumbas que buscaba atopeinas con facilidade: Brecht estaba a carón da entrada, e o dúo Hegel-Fichte un pouco máis adiante.
E foi a carón destes dous cando sucedeu: como aparecido da nada, un home de mediana idade estaba sentado nun banco de pedra, detrás miña, garabateando cousas nunha libreta. O alemán, moi amábel, dirixiume unha pregunta en inglés, e durantes uns minutos intercambiamos unha amena conversación sobre a cidade e os filósofos enterrados aí.
O caso era que a face do alemán timbrábame algún tipo de corda interior. Eses lentes, ese cabelo, ... tiña a impresión de telos visto nalgures. Lembrei unha revista teatral co texto de Hamletmachine, e para o meu desacougo, o meu conversador resultábame estremadamente parecido á foto que viña co texto.
Algún truco mental, pensei. Unha suxestión, froito do ambiente especial, da mala memoria e da activación deses neurotransmisores (como a acetilcolina) que se activan cando estamos soñando. Ou quizaves o interlocutor meu podía ser o fillo da personaxe da foto. Non me atrevín a preguntarllo, e ao máis que ousei foi a preguntarlle polo que o meu subconsciente me berraba que era a súa propia tumba:
"Do you know where Heiner Müller´s grave is, sir?"
O alemán sorriu enigmáticamente. Fixo un xesto vago indicando descoñecemento, ao tempo que me indicaba un lugar cara á esquerda onde, segundo el, estaban soterrados os persoeiros da extinta DDR.
Saín noutra dirección, e despois dun tempo de pescuda, atopei a tumba de Heiner Müller. No lugar erguíase unha columna de ferro oxidado con algúns pitillos na parte superior.
Pouco despois saía do cemiterio. Da zona onde estaba o alemán coa libreta flotaba unha pequena nube de fumo de cigarrillo. Pouco acostumado a este tipo de enfeitizamentos, preferín non mirar atrás e gardar como un tesouro o máis parecido a unha experiencia sobrenatural que un ateo confeso coma mín é capaz de recoñecer.
Agardo toparmo se algunha vez volto a Berlín. Desta volta xa teño máis cousas lidas del, polo que serei menos tímido nas preguntas. Terei que levarlle tamén algúns cigarrillos turcos, xa que sospeito que este morto os apreciará mellor que a sangue animal...
"A sheep to Tiresias only, black, and a bell sheep.
Dark blood flowed in the fosse,
Souls of Erebus, cadaverous dead, of brides (...)
I sat to keep off the impetuous impotent dead,
Till I should hear Tiresias
".

quarta-feira, julho 12, 2006

Máis kitch socialista





Hai cousas máis interesantes no arquivo de propaganda de Alemaña do Leste. Sobretodo, ide dentro da sección de Posters a "Wall newspaper material" para ver o cartel número 15 (7. November 1917 Beginn einer neuen Epoche), onde poderedes contemplar o debuxo da camiseta que mercarei en breve, e que o computador non me deixaba colgar aquí...

quinta-feira, julho 06, 2006

Sebastian Haffner - A Revolución Alemana

Franz Kafka no seu relato Vor dem Gesetz (Diante da lei) conta a historia dun home que solicita entrar a un implacábel gardián, e que pasa toda a súa vida agardando perante a porta, sendo rexeitado unha e outra vez, mais sen perdé-la esperanza, tentando inútilmente persuadilo. Finalmente, na hora da súa morte, o gardián bérralle ao "oído que xa vai perdendo": "Esta entrada estaba especialmente reservada para ti. Agora marcho e péchoa".
A historia do Reich e da socialdemocracia alemáns lembran este relato kafkián. Ao xurdir case simultáneamente, parecían estar feitos o un para o outro: Bismark trazou o marco estatal no que podía desenrolarse a socialdemocracia e ésta agardaba que algún día podería dotalo de verdadeiro contido político de forma duradeira. Se o tivese acadado, quizaves aínda hoxe existiría o Reich alemán.
Pero xa sabemos que non o conseguiu. O Reich caeu nas mans equivocadas, e afundiuse. A socialdemocracia, que xa dende o primeiro momento se sentiu chamada a dirixilo e que quizaves o tería salvado nunca reuniu nos 74 anos de existencia do Imperio nen o valor nen o vigor suficientes para facerse con el. Como a personaxe do relato de Kafka, a socialdemocracia instalárase xa cómodamente diante da porta. E tamén a ela a Historia podería terlle berrado no oído en 1945: "Esta entrada estaba especialmente reservada para ti. Agora marcho e péchoa".
Pero ao contrario que na historia de Kafka, nesta hai un instante dramático no que todo parece mudar. En 1918, diante da derrota inminente, os gardiáns do Reich abríronlle aos propios dirixentes socialistas a porta de entrada, pechada durante tantos anos, e deixáronnos pasar voluntariamente ás antecámaras do poder, non sen segundas intencións; e entón as masas socialdemócratas precipitáronse cara o interior, empurrando aos seus dirixentes e arrastrándoos perante a derradeira porta, ata o mesmo poder. Tras medio século de espera, parecía que por fín a socialdemocracia alemá acadara o seu obxetivo.
E entón sucedeu algo incríbel. Os seus líderes, que só acadaran rosmando o trono vacante conquistado polas masas socialdemócratas, movilizaron inmediatamente aos antigos gardas do pazo, agora sen señor, e mandaron botar de novo aos seus seguidores. Un ano despois, os mesmos líderes voltaban a toparse fora, ante a porta pechada, e para sempre.
A Revolución Alemá de 1918 foi unha revolución socialdemócrata sofocada polos dirixentes socialdemócratas: un suceso sen par na Historia.
Este libro presenta escea por escea cómo aconteceu. Pero antes de que subamos o telón deste escuro drama é recomendábel botar unha breve ollada ao seu longo preludio: o medio século de impaciente espera socialdemócrata perante as portas do poder.

segunda-feira, junho 26, 2006

sábado, junho 17, 2006

Rescoldos

Fai 63 anos, un xoven estudante xudeu do conservatorio de Kolozsvár vía os seus estudos interrumpidos. Sometido a traballos forzados, a súa familia era deportada ao trístemente célebre Auschwitz-Birkenau. Só sobreviviu a súa nai.
Despois da guerra, o rapaz proseguiu os estudos. As músicas populares de Romania e Hungría misturábanse coas atonalidades da Vangarda, arrincadas segredamente das emisións de radio occidentais. No 56 aproveita a revolta contra o Exército Vermello e fuxe a Austria, onde traballará con grandes experimentais do século XX como Stockhausen e Gottfried Michael Koenig.
Algunhas das súas pezas acadaron merecida sona, tanto na esfera culta como na popular. Dende a décima peza da Musica Ricercata (censurada polo réxime comunista por 'decadente'), ao seu Requiem (que contrapuntea, xunto con outros fragmentos roubados, o 2001 de Kubrick), á ópera escatolóxica Le Grand Macabre, ou o Poema Sinfónico para 100 metrónomos.
Estamos a falar, por se non vos enterastes, do compositor György Ligeti, que como oportunamente avisou o Sir Gawain, faleceu 5 días atrás. E dende esta casa, non podemos menor que honrar a súa memoria, e animarvos encarecidamente a facelo da mellor maneira posíbel: escoitando as súas pezas e compartindo algúns dos seus intereses (que alén do musical incluían a xeometría fractal de Mandelbrot e os escritos de Lewis Carroll e Douglas R. Hofstadter).

Noutro orde de cousas...
A época dos exames nótase ás claras no blogomillo. Apenas teño tempo de insertar entradas, e non digamos de ler e comentar as alleas. A liberación, próximamente nas súas pantallas a partir do 7 de Xullo.
Entre as cousas que non debería facer pero fago está o de planear as partidas roleiras a dirixir para a asociación que estamos a montar en Compostela: Casco Vello. En breve haberá páxina web (coa súa ligazón correspondente eiquí). Fuzando no vello manual de Warhammer 'Realms of Chaos -Slaves to Darkness', ocórrenseume unha campaña concatenada en varios xogos (de Rol e de taboleiro) cos PXs personificando a Guerreiros do Caos. Mesmo fun deseñando xa unha figura para min mesmo: Gabrad o Carnal, Campión do Caos de Slaanesh.




Máis xogos e máis propostas para máis adiante. Iso sí, voltando a outro xiro copernicano, transmítolle mensaxe cifrada a Sir Gawain -creo que xa descubrín o camiño de saída naquel asunto que tiñamos que discutir. As chaves que abren as portas levan os nomes (vai pensando...) de Levinas, 'Espectros de Marx', relixión postmoderna...

domingo, junho 11, 2006

O Demiurgo

"Agora, o arconte, que é feble, ten tres nomes. O seu primeiro nome é Yaltabaoth, o segundo é Saklas ("necio"), e o terceiro é Samael. É impío na súa arrogancia, que está nel. Porque el dixo 'Eu son Deus e non hai outro Deus alén de min', xa que é ignorante da súa forza, e do lugar de donde viu."

quarta-feira, maio 31, 2006

A Biblioteca de Stalin

Cando Stalin morreu, deixou tras de sí miles de libros no seu apartamento do Kremlin e na súa dacha de Kuntsevo. Había literatura dos emigrados, dos Gardas Brancos, e libros dos vellos coñecidos que fixera asasinar: Trotsky, Zinoviev, Kamenev, Bukharin. Os seus libros, confiscados en tódolos lugares do país, vivían na súa biblioteca. No periodo de Khrushchev a colección foi repartida, e só ficaron os libros anotados por Stalin. O lacónico Koba deixara un gran número de notas nas marxes dos seus libros, e estas anotacións ofrécennos un camiño curioso cara os pensamentos privados do Gran Conspirador. No Arquivo do Partido boteille unha ollada a dous destes libros, ámbolos dous sobre o terror. O primeiro era 'Terrorismo e Comunismo' de Trotsky (1920). En calquera lugar onde Trotsky apelaba ao terror e á violencia revolucionarias Koba anotaba entusiásticamente: 'Exacto', '¡Ben dito!', '¡Sí!'.

O segundo libro era 'Terrorismo e Comunismo' do socialdemócrata alemán Karl Kautsky (1919). 'Os líderes do proletariado' dicía o autor 'comezaron a empregar medidas extremas, medidas sanguinarias, o terror'. Koba suliñara estas palabras, e escribira 'ha-ha' nas marxes.

Edvard Radzinsky, Stalin.

sábado, maio 27, 2006

sábado, maio 20, 2006

Slavoj Žižek - Benvidos ao Deserto do Real

A idea do Acto político radical como saída deste punto morto democrático non pode, obviamente, senón provocar a reacción agardada dos liberais. A crítica estándar alude ao carácter pretendidamente 'absoluto' da ruptura radicalo, que fai imposíbel distinguir entre un Acto verdadeiramente ético e, digamos, unha monstruosidade nazi: ¿non é certo que un acto está sempre situado nun contexto socio-simbólico específico? A resposta a este reproche é clara: por suposto, un Acto é sempre unha intervención específica nun contexto socio-simbólico; no mesmo xesto pode ser un acto ou unha ridícula postura baleira, dependendo do contexto (por exemplo, facer unha declaración ética en público cando xa é demasiado tarde convirte unha intervención valente nun xesto irrelevante). ¿Onde reside entón o malentendido? Hai algo máis que perturba aos críticos do concepto lacanián de Acto: é certo, un Acto está situado sempre nun contexto determinado; nembargantes, isto non quere dicir que esté de todo determinado polo seu contexto. Un Acto implica sempre un risco radical, o que Derrida, seguindo a Kierkegaard, chama a loucura dunha decisión: é un paso no baleiro, sen garantía nengunha de éxito. ¿Por qué? Porque un acto cambia de forma retroactiva as coordenadas nas que intervén. Esta falla de garantía é o que os críticos non poden tolerar: queren un Acto sen risco, e non só sen riscos empíricos, senón sen o 'risco trascendental' moito máis radical de que o Acto non só fracasesenón que sexa un erro radical. En poucas palabras, e parafraseando a Robespierre, os que se opoñen ao 'Acto absoluto' opóñense ao Acto en canto tal, queren un Acto sen Acto. O que queren é homólogo do que querían os oportunistas 'demócratas' que, como dixo Lenin en 1917, queren unha revolución 'lexitimada democráticamente' como se un puidera organizar un referéndum e só despois, tras obter unha clara maioría, tomar o poder... Aquí podemos ver de qué xeito o Acto non pode encaixar nos límites da democracia (concebida como sistema positivo de lexitimación do poder mediante eleccións libres). O Acto acontece nunha emerxencia, cando un ten que correr o risco e decidir sen lexitimación, comprometéndose nunha especie de aposta pascaliana coa idea de que o propio Acto creará despois as condicións dunha lextimización 'democrática' retroactiva. Por exemplo, cando en 1940, trala derrota francesa, de Gaulle chamou á prosecución da guerra contra os alemáns, o seu xesto non tiña unha 'lexitimación democrática' (naquel momento, unha grande maioría dos franceses apoiaba sen nengunha ambigüidade ao mariscal Petain, Jacques Duclos, dirixente comunista francés, escribiu que se se tivesen celebrado 'eleccións libres' na Francia de 1940, Petain tería obtido o 90 por 100 dos votos). Nembargantes, e malia esta falla de 'lexitimación democrática', a verdade estaba de parte de de Gaulle, que esta a falar de feito no nome de Francia, do pobo francés como tal. Isto tamén nos permite respostar ao reproche demócrata fundamental: o acto absoluto (autorreferencial) carece de calquer control externo que poida previr excesos terríbeis; é dicer, ¿pode lexitimarse algo de forma autorreferencial? A resposta está clara: como amosa o caso da Francia de 1940 (entre outros), a democracia non pode ter unha garantía semellante, non hai garantía contra a posibilidade do exceso. Hai que asumí-lo risco, é parte do eido da política.

domingo, maio 14, 2006

Details of KZ Camp Mottos

Arbeit macht frei (literalmente=O Traballo libera). ¿Orixe? A primeira referencia (como título dun libro): Lorenz Diefenbach: Wien 1872 / (impreso como libro) Bremen 1873. Coñecido como lema dunha pegatina da pro-Nazi Deutscher Schulverein (~Asociación Escolar Alemá), Wien como moi tarde de 1924 (probablemente 1922). A orixe precisa do uso como lema de campo de concentración é descoñecida. Algunhas páxinas sen nomear a fonte atribúenlle o uso do Arbeit macht frei como lema ao Ministro de Propaganda Joseph Goebbels (1897-1945). Harold Marcuse en: "Legados de Dachau. Os Usos e Abusos dun Campo de Concentración 1933–2001", Cambridge 2001, referíndose a Johannes Tuchel: "Die Inspektion der Konzentrationslager 1938-1945. Das System des Terrors. Eine Dokumentation", Berlin 1994, atribúelle o emprego do Arbeit macht frei como lema ao primeiro SS Kommandant do KL Dachau e despois xefe da SS KL inspection (IKL) Theodor Eicke (1892-1943). Véxase tamén o libro de Eric Joseph Epstein e de Philip Rosen: “Dictionary of the Holocaust. Biography, Geography, and Terminology”, Westport 1997, referíndose a Tom Segev: ”Soldiers of Evil: The Commandants of the Nazi Concentration Camps”, New York 1987. O primeiro SS Kommandant do KL Auschwitz Rudolf Höss (1900-1947) na súa autobiografía escrita na cadea mentres agardaba o seu xuízo: “Kommandant in Auschwitz”, primeira edición Warszawa 1951, dá unha interpretación persoal do uso de Arbeit macht frei como lema dun campo-KZ.

Un elemento importante para entender o lema de Arbeit macht frei como expresión drástica das presuntas intención orixinais e 'reeducativas' dos campos de concentración vese testemuñada polas chamadas 'pedras miliarias de Himmler: ”Es gibt einen Weg zur Freiheit. Seine Meilensteine heißen: Gehorsam, Fleiß, Ehrlichkeit, Ordnung, Sauberkeit, Nüchternheit, Wahrhaftigkeit, Opfersinn und Liebe zum Vaterland! ” (~“¡Hai un único camiño cara a liberdade. As súas pedras miliares chámanse: Obediencia, Dilixencia, Honestidade, Orde, Limpeza, Sobriedade, Dicí-la verdade, Espirito de Auto-Sacrificio e Patriotismo!”), que estaban pintadas con letras enormes no KL Dachau (no tellado do edificio da cociña/lavandería/almacén), no KL Sachsenhausen (as palabras distribuídas nas portas dos barracóns), no KL Neuengamme (sobre o tellados dos barrancóns-cantinas) e probábelmente nos KL Buchenwald and KL Auschwitz (I). Ningunha destas decoracións Miliares sobreviviu ata hoxe, pero existen fotos excepto para o KL Buchenwald e o KL Auschwitz (I).

segunda-feira, maio 08, 2006

Meditacións Dreiserianas

"A woman should some day write the complete philosophy of clothes. No matter how young, it is one of the things she wholly comprehends. There is an indescribably faint line in the matter of man's apparel which somehow divides for her those who are worth glancing at and those who are not. Once an individual has passed this faint line on the way downward he will get no glance from her. There is another line at which the dress of a man will cause her to study her own."
Theodore Dreiser, "Sister Carrie"


Estaba a varios centos (máis ben miles) de pes de altura, camiño dos meus bologneses, cando comecei a engulir unha das obras de lectura obrigatoria deste curso: "Sister Carrie", de Theodore Dreiser. Fan unhas dúas horas que cheguei por fín á derradeira páxina (a 499, para ser exactos) e ocórrense algunhas ideas ao respeito da obriña.
A primeira vez que escoitara falar do autor foi co gallo doutra obra súa, máis coñecida: "An American Tragedy". Durante a súa breve estadía nos Estados Unidos, Serguei Eisenstein propuxéralle á Paramount -entre outros proxectos- facer unha película inspirada no libro de Dreiser. A proposta foi, por suposto, ignorada.
Pero voltando con Carrie, unha das cousas que me sorprendeu -tanto para ben como para mal- foi o sólido materialismo que trasuda a novela. No que parecería unha ilustración literaria das teorías de Marx sobre o Fetichismo da Mercadoría, asistimos ás voces dos distintos productos chamando á protagonista con recurrentes promesas de felicidade e do benestar, e cos horrores da miseria nas sociedades opulentas como música ambiental e telón de fondo. Os cantos de serea son desenmascarados, nembargantes, como o que son: falsos sustitutivos que alimentan unha ardente caldeira de insatisfaccións.
Por suposto, o ton realista, a falta de ordes morais e finais felices, o azar omnipotente, o aplastante peso do medio por riba de desexos e esforzos -o individuo-títere atrapado nas arañeiras do tecido social- axudan a explicar a súa deriva política (fíxose membro do Partido Comunista antes de morrer; con anterioridade, e sempre fichado polo FBI de Hoover, visitara Rusia e a España Revolucionaria).
Como soe pasar, a maior virtude leva no xérmolo o maior defecto: ese naturalismo realista peca ás veces de simplón e reduccionista, inseríndose nesa veta tan de moda en certos escritores e pensadores decimonónicos que cultivaron tamén os escritos de Engels, Zola e os torpes intentos de aplicar o Darwinismo na esfera social.
Mais con todo pesado, o saldo sae a favor. Non podo menos que rematar recomendándovos a súa lectura, sendo especialmente útil para longos momentos de viaxe o de cola, como as tres horas e cuarto que me aliviou na porta da Galería dos Uffizi poderían testemuñar.

sexta-feira, maio 05, 2006

Dende o Palazzo Paleotti

Só unhas breves liñas para lembrarlle aos escasos lectores desta bitácora que estou por Italia de vacacións, polo que o meu acceso a internet (e tempo libre) son escasos. Acabo de colarme no famoso 'Palazzo Paleotti' da Universidade bolognesa (famoso porque é dende onde os comparatistas me envían os seus comentarios) para fedellar un chisco pola rede e botarvos unha botella con mensaxe, agardando que teñades paciencia por uns días.

A recompensa, se vos prace, tomará a forma dalgunhas crónicas das miñas experiencias locais, xunto con imaxes das cousas que vín. Podemos comezar con algunha vista da capela dos Scrovegni, decorada por Giotto e que visitei hoxe en Padua.