(Por certo, aledarache saber que o outro día me lembrei de Vicente Risco, anque a pequecha relectura na biblioteca de Filosofía duns anacos de Mitteleuropa fora a causa de que, despois dunhas risas, comezara a babexar raiba contida en espumiñas brancas pola comisura dos beizos...).
O segundo (na liña das entradas ás que intitulei nun pasado recente con este frontis) é glosar algo dos libros e lecturas cos que estou a pelexar por estas datas. Por correo acaban de chegarme tres novos volumes. Un deles é 'Art of Discworld' de Terry Pratchett e Paul Kidby; trátase dunha peza curiosa que se une ao curruncho dos libriños grandes de arte que teño na parte outa da estantería, e que ilustra de xeito maxistral as personaxes do acervo imaxinativo do Gran Terry (non Eagleton, anque este tamén sí que sabe...). Sendo un libro de arte, puiden lelo bastante rápido, amais...
Un dos compañeiros de viaxe do anterior foi a traducción inglesa do Der Untergeher ('O Perdedor'), de Thomas Bernhard, un autor polo que sinto certa simpatía na que non xoga un papel menor o alcume que se gañou a pulso no seu país natal, que o aborrece: Nestbeschmutzer -un que mancha o propio niño-. O cosmopolita desarraigado que agocha en mín trenza un fío eléctrico de solidariedade. Amais, se se mete moito cos Austríacos, ese verdadeiro país do Mal (1), ten que ser bo á forza.
O libro ten unha pinta terríbelmente artesanal e barateira, mais unha rápida ollada ás páxinas interiores garante que me ha de entreter horrores cando teña un chisco máis de tempo. Como de costume, as apariencias enganan...
O terceiro home de papel e tinta é In Theory, de Aijaz Ahmad, unha colección de ensaios marxistóns e rancios que atacarán sen piedade aos defensores da crítica postcolonial. O Ahmad é un profesor roxo de Nova Delhi que se fixera famoso fai uns anos por unha sonada polémica con Edward Said arredor do tema e do concepto de 'Literatura do Terceiro Mundo' (parte da cal foi incluso publicada en galego, na 'Trabe d'Ouro').
En camiño xa debera estar 'Cyber Cities', de M. Christine Boyer, anque os libreiros non me dan respostado á pesquisa de se mo poderían mandar por correo urxente -faríame falla botarlle un ollo para o Congreso de Literatura e Cidade en París ao que vou a ponenciar dentro de poucos días, e dubido que polo correo normal chegue antes de que lisque-. Polo momento, paciencia...


