No MundoDisco de Pratchett, o número oito ten unha especial significación máxica. Evoca tamén a oitava cor, octarina, que só poden ver os magos, e o famoso Oitavo, o grimorio cos oito feitizos que empregou o Creador do Universo cando se puxo a choiar nun tan absurdo como para flotar nun disco enriba de catro elefantes e unha tartaruga cósmica...
Pero o oito que me trae eiquí non é ese, senón outro meme que nesta ocasión me empaquetou o
Mario. Como neste caso se trata dun octaedro de libre escolla, de 8 cousas calisquer que o Mantedor queira listar/comentar/narrar, o epicúreo dentro de mín escolle 8 momentos de notoria felicidade e satisfacción existencial...
1 - A primeira é, claro, o primeiro amor. Ou máis exactamente, a noite que me decatei, non sen moitos esforzos (dada a mítica torpeza da FraVernero no referente a descifrar a psicoloxía feminina) de que esa comunista madrileña que se empeñaba en provocarme estaba en realidade toliña por mín. Despois dunha mirada desas magmáticas que derretirían ás pedras, o Mantedor marchou contente, baixo un ceo estrelado e con esa ledicia explosiva que non che cabe no corpo e che obriga a brincar, danzar, moverte...
2- Fai uns anos tivera lugar un congreso de Poesía en Compostela, organizado polo PenClube, co gallo do Día Mundial da Poesía. Foron uns días entretidos e interesantes, nos que o meu fetichismo se veu satisfeito ao escoitar e entrevistar a xente como Wole Soyinka, Derek Walcott e outros, menos coñecidos pero tamén moi bos (como Charles Tomlinson, ao que lle andaba a facer as beiras e que por algún motivo me provoca unha inmensa timidez ao tentar abordalo). O Congreso daría para moitas entradas, pero agora quédome co recital que fixeron os meus colegas Sacousos, Manuel Lôpez e Ramón Blanco, a primeira noite. Sentado no Momo, Gin-Tonic na man e versos deles a escorregar, tiven o nirvana dos instantes extáticos e irrepetíbeis...
3-Voume ter que facer máis breve, ou o post será interminábel... Estar no Prado na mesma sala co 'Xardín das Delicias' do Bosco e 'O triunfo da Morte', de Brueghel (os meus dous cadros favoritos) fíxoseme moi breve. Só unha hora para admirar como se merecen, en vivo, as dúas xigantescas pezas.

4- Hai moitos libros e novelas que, como fanático lector, me tiveron enganchadísimo, e me provocaron a euforia que habitualmente só causan certas sustancias sólidas, líquidas e fumables... No tempo en que seguía as bibliotecas de Borges e as traducía a Paraíso Persoal, rescatei da colección poeirenta de libros ingleses da biblioteca da Serra unha edición moi chula do 'Nome da Rosa' de Eco, e tamén me perdín na biblioteca de dentro da ficción... Días despois tentaría tamén facer a tarta da que se dá a receta nas páxinas dese 'proxecto de novela posmoderna definitiva' (anque daquela, do demo se sabía o que 'posmoderno' significaba, malia ter lido a algúns dos seus escritores canónicos).
5- Voltando á mitomanía, a primeira vez que o noso colectivo trouxo a Ferrín para unha charla-coloquio sobre 'O ventre do silencio' (saíra por aquelas datas) tamén foi unha xornada de nerviosismo e alegría. No noso maxín mitificador, víamos ao autor sacando un nove curto de Moncho Reboiras á menor provocación, pregunta espiñenta ou tratamento do reintegracionismo. Pola contra, estivo moi simpático, alén de demostrar unha paixón desmesurada polos calamares frixidos...
6- Premio! Ou non... Neste caso, o blogueiro
Nadador, naquelas datas amigo íntimo do mantedor, presentárase dun xeito rocambolesco a un premio literario de cuxas posibilidades era realmente escéptico (e iso que xa publicara un libro nese selo editorial). Eu expresáballe a miña confianza cega en que ía a conseguir gañar o certame, e no medio dunha película que xa non lembro, na aula de imaxe e son (podía ser
Matrix? Ou
Sospeitosos Habituais? Sei que me perdín o momento climático), chegaron para avisarme a mín (Nadador dera o meu teléfono) de que chamaban do certame. A emoción facíame baixar as escaleiras de 5 en 5. Ao final non gañara o premio, pero queríanlle publicar o libro igual (varias visicitudes seguiron a iso, e o libro ao final non veu a luz)...
7- Agora, a inversa (máis ou menos), é que un amigo meu, o fotologueiro
Varela, nun dos meus recurrentes periodos de depresión galopante, tristeza e depresión absoluta, deu en sorprenderme co agasallo inesperado dunha edición de luxo do comic '
Watchmen', de Alan Moore. Por suposto, a ledicia non ven do agasallo (anque tamén se agradece, claro) senón do detalle, e da demostración empírica do moito que che queren os teus amigos cando máis necesitas deles.
8- Para rematar, e como bo galego, tería que saír un episodio gastronómico. Mais a prezo de decepcionarvos, e de irar aos lectores que xa me acusan de nostálxico, teño que mencionar os días da LOU, que para mín foron como un amor e borrachera de dous meses e o celme da felicidade colectiva. A Revolución debe ser mellor, pero esa creo que xa me provocaría un infarto. Mais a ledicia sempre se paga, e a resaca daqueles días, no político e tamén no sentimental (xa que o corazón gastado tamén vibrou, e non só por amor colectivo) aínda a sigo pagando relixiosamente, como unha hipoteca.
Aí tedes. Fica pasar o relevo. Como non quero ser cruel, indultarei á metade, e só lle deixo o encargo a Leopold Bloom, novo nestas lides blogueiras e memeiras, a Suroeste, que estes días está moi calada, ao Nadador, pola parte que lle toca, e a Pris, que nunca me dí que non a un meme e xa me encasquetou algúns...