domingo, outubro 04, 2015

Reseñas - Obra completa de Lois Pereiro

Obra completa (Edición bilingüe)

Lois Pereiro;  prólogo de Pere Gimferrer; introducción de Xosé Manuel Pereiro; traducción de Daniel Salgado

2011, Xunta de Galicia - Libros del Silencio

* * * * (bo)

A opera omnia do noso poeta máis punk, subversivo e mitteleuropeo. Hai máis que dicir?

[Eis outra das reseñas publicadas na prensa pasada e que non aparece nos fíos da Rede de Redes. Repasando algunhas das cousas que poño -sobretodo no derradeiro parágrafo-, non deixo de sorprenderme coa manga ancha que me permitían, ás veces.]

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, sempre contamos coa sorte dunha presada de novos volumes arredor da vida e obra do homenaxeado. É algo que se agradece dobremente cos textos de Lois Pereiro, varios deles dispersos e de difícil chegada para o lector, que pode ver satisfeito na edición de Libros del Silencio o devezo de termar nunha man e nun volume con tódolos poemas que escribiu o poeta-punk de Monforte, e coas propina dun ensaio e dunha novela inacabada.

Xúntanse, xa que logo, nas máis de 700 páxinas que seguen os tres poemarios do autor que denantes viran a luz en edicións Positivas e Espiral Maior: Poemas para unha Loia, Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995). Segue a noveliña Náufragos do Paraíso, que vira certa luz dende as páxinas da revistas Luzes de Galicia, a swiftiá Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, e remátase cunhas notas literarias escritas na agonía dos derradeiros días do autor: Conversa ultramarina.

Varios son os aspectos que chaman a atención desta edición, máis alá da intrínseca calidade dos textos que por si soa xa recomendaría a lectura e adquisición da Obra Completa. Comezamos cun prólogo de Pere Gimferrer, que sitúa, apoia e dignifica a voz poética de Pereiro (e das escritas ibéricas á marxe do castelán), rachando cos tópicos e prexuízos que quixeran soñar nunhas poesías en língua local ‘telúricas e enxebristas’, vivindo nunha aldea idealizada e nun pasado eterno e etnográfico a exhibir en museos cos traxes rexionais. Non: Gimferrer (da estirpe dos poetas lúcidos e xenerosos que, como Gamoneda, son quen de valorar que a lírica galega está nas cotas máis altas de calidade e modernidade de toda a península) arrinca nunha breve pero intensa perspectiva onde aparecen os espectros internacionais que danzan os seus ritos de palabra e veleno nos versos do monfortino: “Lois Pereiro transita por la geografía de los mapas y por la cartografía universal de la modernidad. Una poesía doblemente itinerante y peregrina, en la que la muerte adquiere acentos sobrecogedores y visionarios, dignos de Valente o Paul Celan”.

Tamén de grande interese resulta o percurso vital que traza Xosé Manuel Pereiro sobre os días do autor, desnovelando unha pequena biografía coa que contextualizar os escritos e coa que imaxinar os días de Lois Pereiro, ‘rosa intransixente co poder’, en Madrid, Monforte e Compostela; os contactos poéticos (de amor e desamor) e a fundamental ligazón con Manolo Rivas, que o proclamaba ‘o clásico que a literatura galega ten sen sabelo’. Un clásico do que agora xa todos sabemos (anque algúns xa léramos con entusiasmo anos atrás os seus versos), e que brincou a edicións completas como esta e a bolsas de supermercado e stensils das paredes galegas.

Chama a atención, quizaves, para o descoñecedor (e foi motivo de varias críticas veladas e subterráneas) o recoñecemento dun autor cunha obra relativamente escasa, testemuñada coa división do volume do que falamos na versión orixinal e na traducción castelá da obra. Mais a sombra desta censura impertinente non merece máis resposta que a de apuntar cara os textos deste libro, cuxa calidade, interese, frescura, innovación, fixeron del xa dende fai tempo un portavoz e un modelo para contracanons, e un poeta admiradísimo pola xuventude que os defensores do idioma teñen o deber de cortexar (e quizaves este Día das Letras non deixa de ser unha chiscadela para este público). Polo demais, o que aquí lles escrebe aborrece da prolixidade, e garda unha íntima e insobornábel paixón por aqueles autores que saben escribir os libros escasos e os versos xustos e escolleitos: un Kavafis, un Dylan Thomas, e dende logo, un Pereiro.


Para rematar, só quixeramos mencionar o carácter bilíngüe desta edición, que non deixou de desconcertarnos. Non polo traballo do traductor (impecábel e tan correcto como se pode pedir), senón pola necesidade en sí dunha edición bilíngüe dada a proximidade e facilidade lingüística do galego para calquer español-falante que poña algo de vontade. Se a decisión obedece a un encomiábel esforzo por difundir os versos do monfortino por todo o estado, para que cheguen a máis ollos que os dos Gimferrer e Gamoneda, aledarnos habemos; nembargantes, desconcerta, dicimos, este interese da Xunta (co-patrocinadora da edición) nunha presunta defensa das nosas letras no exterior nos intres en que tan silandeira e sibilinamente traballa para derrubalas no interior.

quarta-feira, setembro 30, 2015

Libros do Mes (and back to work)

Setembro é un mes de eterno retorno, e por iso gardei este video para os primeiros días que, ao final, comparto convosco o derradeiro:


Choqueiradas aparte, aquí tedes a lista das lecturas mensuais...

Mirror of the Invisible World de Peter J. Chelkowski

The White Castle de Orhan Pamuk [E]

Jingo de Terry Pratchett [E]

Piers Plowman de William Langland

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*The Iliad de Homer / Ennis Rees (tr.) [E]

*Historia de la literatura griega de Albin Lesky [E]

*Philosophy: 100 Essential Thinkers de Philip Stokes [E]

terça-feira, setembro 29, 2015

The Powers that Be

É esta que vos poño no título unha expresión idiomática do inglés para referirse ás élites, tirada das traducións da Biblia de William Tyndale e de el-rey Xaime, e que glosa o grego αἱ δὲ οὖσαι ἐξουσίαι. Venme hoxe á mente porque relendo estes días a Ilíada de Homero e as fazañas dos seus reis e guerreiros, non deixa de sorprenderme o pouco peso dunha orde sacerdotal-clerical non só nesta obra, senón en toda a historia da Hélade e baixo a república e imperio romanos. Isto é algo ben característico e excepcional da civilización greco-latina (equiparable tan só, noutros lares, coa civilización sinítica e xaponesa). En case tódalas demais civilizacións premodernas, o podio do goberno é compartido case que a partes iguais entre unha aristocracia guerreira / funcionarial / terratenente, dunha banda, e unha casta relixioso-eclesiástica pola outra, que moitas veces pretende impoñerse por riba do poder civil (pensemos na nosa Idade Media, por exemplo).


quinta-feira, setembro 17, 2015

"You have your moments...

..., not many of them, but you do have them".

Tal é a frase que lle adica a princesa Leia a Han Solo nunha escea do Imperio Contraataca. Cólloa emprestada hoxe para me referir a un dos poucos passus, ou capítulos (concretamente o XVI) do poema inglés medieval Piers Plowman que resulta estéticamente interesante e non demasiado aburrido. É, defeito, a lectura que máis me está custando rematar da que teño memoria, ao mesmo nivel que o Hiperión de Hölderlin.

Vaia por diante que o mantedor é un friki habitual da literatura medieval, o que podería facer sorpresivas as dificultades de lectura que me está a provocar esta obriña, que mentalmente non podo deixar de comparar, negativamente, co Dante. Temos eiquí un longo e confuso poema alegórico sen unha clara trama aparente, agás da moi difusa pescuda de Verdade e Salvación por parte dunha personaxe anónima (máis adiante, e indirectamente, enterarémonos de que se chama William Langland). A personaxe cae durmida cada dous por tres, experimentando soños, visións e soños dentro de soños nos que, dun xeito repetitivo, monótono e heteroxéneo, vanlle aparecendo figuras alegóricas (a Santa Igrexa, a Conciencia, a Dama Estudo, o Clero, Pedro o Labrego, a Alma, a Paciencia...) máis secas que unha folla de bacallau, xa que case ningún nos presenta rasgos distintivos e propios, e que emiten longuísimos, interminables discursos non necesariamente relacionados co concepto que encarnan, e nos que con case predecible regularidade se critica a corrupción, o poder e o materialismo da igrexa da época -sobretodo no caso dos frades das ordes mendicantes. Polo medio hai tamén pequenos tableaux, esceas ou narracións alegóricas con algo máis de interese e valor estético, como a descripción inicial da 'Fermosa Chaira das Xentes', a fábula dos ratos, a prisión e xuízo da Dama Proveito ou a representación dos Sete Pecados Capitais.

A trama, dicimos, non parece avanzar nunca, xa que logo de encontro tras encontro con cada alegoría, un non ten a sensación de que as preguntas e respostas que se xeran sexan acumulativas e coerentes, e vaian xerando un extra de coñecemento que leve claramente á Verdade e Salvación que busca o protagonista. Esta é quizaves unha lectura severa, e certos críticos sí defenderían unha certa 'progresión', mais aínda admitindo que teñan razón, a tal progresión é unha escura noite da alma (e do lector) a través dun xardín de sendeiros que se bifurcan, de tal maneira que farían á obra merceredora de aprezo e inclusión no canon posmoderno como exemplo de escrita da différance do Derrida, que se a chega a atopar, adicaríalle de certo as súas boas dúas ou terceiras partes da Gramatoloxía. Noutra orde de cousas, tampouco axuda nada a língua en que está escrito o poema: unha versión enrevesada do inglés medio en verso aliterativo que fai parecer sinxelo e actual a Gonzalo de Berceo, e case intelixible sen transcripción moderna ao seu carón.

De todas maneiras, son consciente de que estou a ser inxusto coa obra, ao xulgala cuns parámetros que o autor e a sociedade que a crearon, de seguro, rexeitarían. Ningún dos dous entendería -ou aceptaría- a frivolidade da escrita cunha fín totalmente estética e allea ao didáctico-educativo; as preocupacións que inzan a obra (sobretodo, o porqué da aparente decadencia da sociedade cristiá medieval en vivir dacordo cos seus propios valores e idearios, ou o xeito correcto de enfrentarse á pobreza e á mendicidade) ou non son as nosas, ou xa non teñen urxencia ou xa recibiron respostas, satisfactorias ou non. Porén, e como lector actual, non podo menos que pensar no proveito intectual e artístico que lle saco a esta lectura, e alén dun maior coñecemento da mentalidade, o estilo, a linguaxe e as preocupacións da Inglaterra do século XIV, non lle saco moito.

Dito iso, a obra ten os seus momentos. Por iso recomendo ao curioso como introducción a lectura do passus XVI, no que autor decide deixar de lado (e para ben) os discursos longuísimos, e presenta unha serie de alegorías visuais efectivas, breves e doadas de entender: a Árbore da Caridade, que medra no xardín dos nosos corazóns; os tres piares que a soportan e que a defenden dos Tres Inimigos (o Mundo, o Diaño e a Carne), e que representan ás 3 figuras da Trinidade; os froitos da Árbore (matrimonio, castidade e virxindade), que cómicamente rouba o demo cando caen, e que transmutan entón nas almas dos xustos que viviron antes do Mesías e que por iso deben agardar no Limbo a súa chegada; a imaxe de Cristo como un cabaleiro da época, que loita nunha 'xusta' no Calvario contra o demo; ou ao remate, o encontro con Abrahám / a Fé, que segue explicando con símiles a Trinidade, asociándoa ao matrimonio. De gorentarche o que liches, podes seguir adiante e xustar ti tamén, coma Cristo co Demo,  co poema enteiro. 

terça-feira, setembro 08, 2015

Sir Terry - to read or not to read?

Recentemente saiu unha crítica moi criticada no Guardian, a cargo de Jonathan Jones, que podedes ler eiquí. Resumindo, o que ven a dicir é que na súa opinión, o finado Terry Pratchett é un sobrevalorado autor mediocre de bestsellers, que o rebumbio polo seu pasamento foi moito maior que o que seguiu á marcha de Günter Grass ou de García Márquez "verdadeiros titáns da novela", que na sociedade posmoderna en que vivimos se desdibuxan impunemente as fronteiras entre o éxito pecuniario/popularidade e a grandeza literaria, e que a vida é breve de máis para ler potboilers cando hai tantos clásicos aos que nunca daremos chegado por unha cuestión cronolóxico-vital. 

Porén, obviando o pésimo gusto de falar mal dos mortos e a miña persoal e coñecida devoción polas novelas do Mundodisco, o certo é que podo empatizar coa maior parte dos argumentos do señor Jones, anque non con algunhas das súas conclusións, ou a reviravolta pedante coa que se gaba de non ter máis que folleado algunha novela de Pratchett, e de non necesitar máis para emitir o seu xuízo de valor. 

Pódese emitir un xuízo sobre un autor e unha obra con tan pouco input de lectura? Un tendería a dicir que non, que é arrogante, simplista e cómodo. No caso que nos ocupa, Sir Terry ten unha producción de case medio cento de exemplares, entre os que hai diferentes grados, madurez, cualidades e calidades estéticas. O cal non quita para que, aplastados polas montañas de papel que se publican, moitas veces teñamos que guiarnos por criterios indirectos e autoridades para escoller o que ler. Son este tipo de criterios os que me levan a mín, por exemplo, a rexeitar de antemán adicarlle tempo á 'Casa de la Troya', de Pérez Lugín, ás múltiples sombras de Grey ou á poesía española do XVIII. Mais sería intelectualmente deshonesto que escribise unha crítica publica e censura publicada destas obras sen antes pasar polo case seguro calvario da súa lectura previa.

Sen dúbida podo aceptar o argumento, digamos, 'altocultural' de Jones: que existe a Literatura con l maiúscula, composta de obras 'clásicas' de grande complexidade formal e conceptual e calidade estética, de lectura non sempre sinxela, e que atesouran a potencialidade de ampliar os nosos horizontes morais, intelectuais e históricos; que as tales 'grandes obras' son pouco lidas e menos aprezadas na sociedade de consumo tardocapitalista, xa sexa dende a dereita (apoiándose nun utilitarismo tosco, no libre mercado e na conversión da lectura nun mero ocio mol, opiáceo sinxelo e pouco esixente) ou dende a esquerda (apoiándose no rexeitamento aos valores ideolóxicos evidentes ou soterrados dos 'homes brancos mortos' que compoñen a maioría do canon). Mais aceptar este argumento segue sen implicar un acordo á súa peculiar cruzada anti-Pratchett. O porqué, razoarémolo na seguinte entrada (ou entradas).

segunda-feira, agosto 31, 2015

Reseñas - O Museo da Inocencia

O Museo da Inocencia (no orixinal, Masumiyet Müzesi)

Orhan Pamuk

2009, Galaxia

* * * * (bo)

Curioso percorrido entre o folletín sentimental e romántico e as antinomias dunha Turquía a modernizarse. 

[Rescato a seguinte reseña dunha das que fixen no seu día para a prensa e que non chegou, ou xa esvaeceu, dos currunchos dixitais. 'O Museo da Inocencia' era daquela a última novela de Pamuk e, por paradoxos, a primeira que eu lle lín, dando comezo a unha feliz singladura que continúa nos días do presente...]

Foi labor dos grandes pensadores decimonónicos e da escrita modernista o de botar por terra os antigos ídolos nunha sorte de nova iconoclastia. Así, don Carlos (non de Schiller, senón de Tréveris) bradaba contra o fetichismo da mercadoría nos interiores do Kapital,  o ‘matasáns vienés’ Freud desenmascaraba a razón humana como fráxil gamela envolta nun mar de adversidades e un Nietzsche sifilítico avisábanos do crepúsculo dos ídolos. É nun espírito similar no que o premio novel Orhan Pamuk leva adiante na magnum opus ‘O museo da inocencia’ un desmonte crítico e tenro á vez dunha serie de ídolos, espectros e fetiches que oprimen á Turquía e ao Estambul natais.

Nunha primeira lectura, ‘O museo da inocencia’ aparenta un clásico romance de amor e paixón frustrada: a do protagonista Kemal, mozo de clase medio-alta do Estambul dos anos 70. Pouco antes do seu casamento, a personaxe topa cunha parente lonxana, Fusün, da que se namora perdidamente e coa que vive un breve idilio que o marcará de por vida, e que lle servirá de estímulo para crear un ‘museo da inocencia’ a partires das lembranzas, memorias e artefactos variados que lle lembren o que el mesmo alcuma ‘o momento máis feliz da miña vida’: os días de romance e máis especificamente, a derradeira tarde coa muller amada na que esta perde un pendente, primeiro obxecto do particular ‘museo’ de Kemal.

Entretecido coa creación do museo temos un amplo fresco da sociedade turca dos últimos 30 anos, onde é doado albiscar o conflicto e as tensións entre unha clase media-alta que escolleu o camiño da modernización occidental marcado polo pai dos turcos, ‘Ataturk’ (non en van o protagonista leva o mesmo nome que o heroe nativo) e unha masa popular e unhas tradicións que apuntan ao pasado islámico (brillantemente exemplificado na Festa do Sacrificio) e ás formas opresivas e tradicionais de matrimonio e sexualidade. A xeración de Kemal vive a tensión entre os dous polos, dándolle as costas a unha pasado aínda presente de pobreza e tradición que retorna, coma todo o reprimido, con vinganza, e que tece un abafante marco de presión social e de conformidade que impiden o florecemento da paixón amorosa, mais alá da forma enfermiza da colección de obxetos-fetiches cos que lembrar o que foi, xa non é e nunca voltará a ser. Os obxetos tentan eternizar no seu ámbar estático e material o instante fugaz, e poderíamos dicir que toda a composición da novela, composta de pequenos capítuliños e semblanzas, é de por sí outro ‘museo da inocencia’, coas palabras e as experiencias, e que organiza Kemal en paralelo ao museo ‘físico’ das lembranzas de Füsun. Porque as verbas e a linguaxe son outro fetiche co que o narrador tamén xoga: un narrador intrusivo en primeira persoa que non dubida en aconsellar e dirixirse directamente o lector, non sen certa ironía, como cando aconsella o salto de páxinas nas que o sexo coa amada aparece explicitamente descrito.

 É ‘O museo da inocencia’ unha silva complexa e múltiple de variada fermosura e sabedoría como só saben contela as boas e vellas novelas antano, cando a novela era certa e a forma definitiva e clásica para cristalizar a vida contemporánea na súa complexidade. Para un fresco dunha sociedade complexa, entre o perto e o lonxano (Pamuk desmonta visións reduccionistas e exóticas de Turquía xa dende o xogo irónico da foto da portada, que na edición galega agocha na lapela a Hagia Sophia que enclava á novela no imaxinario europeo de Istambul), ao tempo que para unha lectura entretida e de calidade, a última obra de Pamuk, afortunadamente traducida ao galego, é xa unha referencia indispensábel.  

Libros do Mes

The Peripheral de William Gibson

A Significant Season: Cai Yong (Ca. 133-192) and His Contemporaries de Mark Laurel Asselin

A Millennium of Turkish Literature de Talat S. Halman [E]

O Castelo Branco de Orhan Pamuk

Venus and Adonis de William Shakespeare [R]

*The White Castle de Orhan Pamuk [E]

*Readings in Chinese Literary Thought de Stephen Owen [E]

*Piers Plowman de William Langland