sexta-feira, março 31, 2006

Os Versos Satánicos - Salman Rushdie




Na pantalla, representaba ao 'prigado' -o pailán que se namora da bela e que non é quen de ver que ela nunca se namoraría del nun millón de anos-, ao tío gracioso, ao parente pobre, ao paleto local, ao criado, ao estafador incompetente, ningún dos cales era o tipo de rol no que lle tocase algunha vez unha escea amorosa. As mulleres mallaban nel, abofeteaban, quentábano ou ríanse del, pero nunca, no celuloide, fitaban para el ou danzaban ao seu redor con amor cinemático nos seus ollos. Fóra da pantalla, vivía só en dúas habitacións baleiras perto dos estudos, e tentaba imaxinar cómo serían as mulleres cando se ispen. Para sacar a cabeza do tema do amor e do desexo, estudou, converténdose nun omnívoro autodidacta, devorando os mitos metamórficos de Grecia e Roma, os avatares de Xúpiter, o rapaz que tornaba en flor, a muller-araña, Circe, todo; e a teosofía de Annie Besant, a Teoría Unificada dos Campos, e o incidente dos Versos Satánicos na carreira temperá do Profeta, e a política no harén de Mahoma despois do retorno triunfal á Meca; e o surrealismo dos xornais, nos cales bolboretas podían voar dentro das bocas das mociñas, pedindo seren consumidas, e nacían nenos sen cara, e os rapaces soñaban con imposíbel detalle as súas anteriores reencarnacións, por exemplo, nun Forte dourado cheo de pedras preciosas. Encheuse de Deus sabe qué, pero non podía negar, nas pequenas horas das súas noites de insomnio, que estaba cheo dalgo que nunca usara, e que non sabía como comezar a usar, isto é, o amor. Nos seus soños era atormentado por mulleres de beleza e dozura inaturábeis, polo que prefería estar esperto e forzarse a sí mesmo a ensaiar algunha parte do seu coñecemento xeral para borrar o sentimento tráxico de estar dotado dunha máis-que-habitual capacidade de amar sen unha soa persoa no mundo a quen ofrecerlla.

sábado, março 25, 2006

Jean Rhys - Sorría, por favor

Libros

Antes de que puidese ler, sendo case un bebé, imaxinaba que Deus, esa estraña cousa ou persoa da que escoitaba falar, era un libro. Algunhas veces era un libro grande que se erguía de pé, medio aberto, e podía albiscar os caracteres impresos no interior, mais carecían de sentido para min. Noutras ocasións o libro era máis pequeno, e dentro había cousas afiadas e brillantes. O máis pequeno era -agora estou segura- o libro de coser de miña nai, e as cousas brillantes e afiadas as súas agullas co sol a bater nelas.
Tardei tanto en comezar a ler que os meus pais comezaban a preocuparse. Entón, de súpeto, coma se cun brinco, podía lidiar con palabras bastante longas. Non pasou moito tempo e xa era quen de entender os contos de fadas que me enviaba a miña avoa irlandesa -o vermello, o azul, o verde e o amarelo-. Despois envioume Os heroes, As Aventuras de Ulises, Perseo e Andrómeda. Lía todo o que chegaba ás miñas mans. Contábamos co habitual estante de libros con cuberta de cristal no fondo da sala de estar, mais a chave perdérase e nunca estaba pechado. A única advertencia era que había que mantelo arrimado, xa que había que protexer aos libros dos insectos.
Aínda podo ver os volumes da Enciclopedia Británica -que nunca tocaba-, unha Biblia grande, varios libros de historia, novelas de lombo amarelo e no alto da estantería unha curiosa colección de poetas: Milton, Byron, despois Crabbe, Cowper, Mrs. Hemans, tamén Robinson Crusoe, A Illa do Tesouro, As viaxes de Gulliver, O camiñar do peregrino.
Á miña coidadora, que se chamaba Meta, non é que lle gustase moito, e armada cun libro xa era demasiado. Un día topoume envurullada na escaleira e lendo unha versión expurgada das Mil e Unha Noites e de minúscula letra.
Dicíame: 'Se todo ti les tanto, sabes o que che vai pasar? Vanche caer os ollos, e vanche fitar despois dende a páxina'.
'Se me caesen os ollos, non podería ver', retrucaba.
Ela reafirmouse: 'Caen, menos os pequenos puntiños negros cos que ves'.
Crina a medias, e imaxinei as miñas pupilas como cabezas negras de alfiler, o resto desaparecido. Pero seguín lendo.

terça-feira, março 21, 2006

Kitsch Socialista

O primeiro que nos ven á mente, en arquitectura, son as 'Sete Irmás', os sete rañaceos da Moscova de Stalin que fusionaban heteróclitamente as torres barrocas do Kremlin coas góticas catedrais da europa medieval e coas ascendentes torres norteamericanas dos anos 30.
Tamén o 'agasallo' do líder soviético ao pobo de Varsovia: o Pazo da Cultura e a Ciencia, que aparece de fondo no debuxo de Marzo dese calendario rancio e sovietista que me mandou David dende Polonia.
Contaban os nativos que o Pazo era o lugar coas mellores vistas de Varsovia: era o único lugar da cidade dende onde o edificio mesmo non era visíbel...
Só en extremo oriente, nembargantes, segue florecendo o estilo. Concretamente, en Pyongyang, onde os escasos visitantes occidentais poderán disfrutar da Torre da Idea Juche; da Gran Casa de Estudo do Pobo; do Arco do Triunfo, na rúa Kaeson; do Gran Monumento de Mansudae...
E sobre todo, o máis coñecido: o Monumento á Fundación do Partido:




Alén das clásicas fouce e martelo, o que parece unha lanza é, en realidade, unha brocha, símbolo dos intelectuais.
A mesma imaxe poderédela topar na novela gráfica 'Pyongyang', de Guy Delisle, que agardo ler en breve...

domingo, março 19, 2006

Im Grau

"No Grís é o punto e final do meu periodo dramático"
(Kandinsky en 1936 a Hilla von Rebay, pintora e coleccionista)


'No Grís' é un dos escasos traballos da época rusa de Kandinsky. Unha breve consulta ao volume de Taschen danos a súa data (1919) e algúns detalles: complexa composición sen dirección clara, 'óleo en xeroglíficos abstractos que xiran e flotan nun fondo gris indefiníbel (...). A pintura da época moscovita parace máis sobria e fría grazas a grandes superficies abstractas de cores'. A súa obra futura, moi influída polos suprematistas e os compañeiros da Bauhaus xermana, seguirá un camiño máis 'visual abstracto-xeométrico'.
Anque deteste o biografismo simplón, é posíbel empregar este cadro fascinante e lixeiramente deprimente como metáfora da insatisfacción do pintor no país dos Soviets. Director do Instituto para a Cultura Artística, Kandinsky tópase co rexeitamento das súas posicións entre os vangardistas, que as consideran 'subxetivas e irracionais'. Eses mesmos que o critican, nembargantes, contarán co dubidoso honor de compartir con cadros seus unha futura exposición na Galería Tretiákov de Moscova, en 1937: contra unha parede, os cadros 'Nublado', de Kandinsky; a 'Composición núm. LXIV', de Rodchenko; 'Suprematismo dinámico' e 'Cadrado negro sobre fondo branco', de Malévich. En tiras de papel, a frase: "A arte da burguesía, no calexón sen saída do formalismo e a autonegación".
Agora o biografismo barateiro é cando se estende a min mesmo, pois hoxe teño un deses domingos preguizosos e estériles, no que as ideas escapan e o gris tórnase nota dominante -tan dominante como para empregar o cadro de Kandinsky como excusa para unha entrada-.
Estou enpantanado co Mark Twain e o seu 'Huckleberry Finn', que non dou rematado. Estame a resultar unha novela aburrida (case un oxímoron), e cústame crer que haxa persoas que a inclúan entre as obras que loitan polo mítico, griálico título da 'gran novela americana' (NOTA: se alguén quere discutirme as súas virtudes, agradézolle os argumentos de antemán, anque son escéptico). Tamén me pesa a mala conciencia e a necesidade de atacar con rigor os temarios das Oposicións para acceder ao mandarinato inferior...
No inmediato, estou a debatir internamente se me resisto aos cantos de serea do Heroes of Might and Magic IV ou dou comezo ás miñas programadas 'sesións de opera' dominicais: escoitar os cedés no computador ao tempo que os sigo cuns librettos en rede.
Mentres me decido, podedes ir botándolle un ollo a isto, que xa me mandaron o outro día: os comparatas atacan de novo. O último exemplar da Revista das Letras está adicado aos novos poetas de filoloxía, e non podían faltar os meus queridos bologneses...

quinta-feira, março 16, 2006

Antoninus Heliogabalus

'...Gustáballe sobremaneira facer bromas aos seus escravos, obrigándoos incluso a que lle trouxeran mil libras de teas de araña, e ofrecéndoas como recompensa; e conseguiu reunir ata dez mil libras, e entón sentenciou que calquera se daría conta por isto de qué grande cidade era Roma. Tamén lle gustaba enviar aos seus parásitos xerros con rás, alacráns, cobras e outros reptís, como se lles mandase a ración anual de provisións, e pechaba unha enorme cantidade de moscas en xerros deste tipo, chamándolles 'abellas domeadas'.
Con frecuencia introducía as cuádrigas do Circo nos pórticos e salas do banquete mentres xantaba ou ceaba, incitando aos seus convidados a conducilas, malia que moitos eran homes maiores e algúns rexentaran cargos públicos. Incluso cando chegou a Emperador, daba ordes para que lle presentasen dez mil ratos, mil denociñas, ou mil musarañas. Tan habilidosos eran os seus pasteleiros e leiteiros que tódolos tipos de comidas que servían os demais cociñeiros (xa fosen de carne ou de froita) as replicaban, facéndoas desta volta con productos lácteos ou de confitería.
Aos seus parásitos servíalles ceas feitas de vidro, e ás veces enviaba ás súas mesas só panos tecidos con debuxos das viandas que tiña diante súa, tan abondosas en números como pratos el ía comer, de tal xeito que aos lambóns só se lle servían estas representacións feitas con agulla e dedal. Noutras ocasións, en cambio, tamén se lles servían pinturas , de tal modo que anque lles presentaran toda a cea, estaban atormentados coa fame. Tamén lle gustaba misturar xoias con mazás e flores, e arrebolábaa polas xanelas tanta comida como a que lle servía aos seus amigos'.

domingo, março 12, 2006

After Theory - Thomas Docherty

Esta música postmoderna, compositiva, pode retrotraerse exitosamente ao Prelude à l`après-midi d´un faune, de Debussy, que deixou sentada a idea de que era posíbel compoñer sen empregar unha única, sólida clave como fundamento. A música torna, dalgún xeito, desarraigada e desterritorializada, como o escandoloso baile de Nijinsky, os movementos do cal suxerían unha orientación erótica cara o pracer autónomo do corpo implícito nunha desterritorialización. Aínda máis, a música de Debussy, tante nesta peza como noutras, como La mer, cumpre outra importante función máis tarde extendida á música do século XX: o abandono dunha progresión narrativa explícitamente lineal. O que temos aquí é unha música que prefigura os desenrolos da narrativa de autores como Joyce ou Gide, ou máis recentemente, a completa anti-linealidade dos nouveaux romanciers (Robbe-Grillet, Sarraute, Butor, Sollers, Pinget), e o traballo importantísimo e innovador de Wittig, cuxos textos esquivan as narración lineares como unha forma masculinista.
Con Debussy, por suposto, pode un engadir a Stravinsky e a Schoenberg como innovadores nos que se albisca un fugaz destello de posmodernidade. Stravinsky abandoa a clave, sustituíndo ese chan cun asentamento máis explícitamente temporal no ritmo nunha obra como Le Sacré du printemps; e Schoenberg abandoa (ao seu pesar, quizaves) a tonalidade e a harmonía. Estes son os principais feitos no denserolo da nova música e nas orientacións políticas destas obras. Atali argumenta que con Schoenberg, Berg e Webern,

a música forzou á ruptura coa tonalidade antes de que a acumulación económico forzara a ruptura coas leis da economía da representación. A harmonía -o principio represor do real-, despois de ter creado o romanticismo -o principio utópico do real, a exaltación da morte na arte- convértese na morte do arte é destruída polo real. Un exceso de orde (harmónico) dá lugar a pesudodesorde (serial). A antiharmonía é a ruptura do medre combinatorio, ruído. Ao final do significado, integra ao aleatorio, ao sen-sentido, quérese dicir... a repetición.

Para Atalli -e como se podería suxerir, para Lyotard, Baudrillard e outros pensadores postmarxistas- a sociedade actual, ensombrecida pola música da repetición, e unha na que nada pasa, 'coa excepción de pseudoeventos creados artificialmente e violencia azarosa que acompañan o poñer-en-lugar dunha sociedade repetitiva'. O clásico texto teatral aquí é, por suposto, o Agardando a Godot de Beckett, no que os silencios están puntuados por actos de violencia, e toda a peza suxire a súa propia, interminábel auto-repetición, unha repetición que se torna explícita na posterior Comédie de Beckett.

terça-feira, março 07, 2006

Cinco Libros e Cinco Mulleres

Fai moitos anos adicáralle a un dos meus mellores amigos un estraño cumprido: 'es unha mistura de libro e muller'. Anque poida soar extravagante, a formulación consegue xuntar as dúas cousas que máis pracer me dan e que máis desexo, respectivamente.
Dado que na miña outra casa xa fixen unha entrada sobre libros de historia que tiña que mercar e ler urxentemente, hoxe vai tocar aquí unha lista doble de libros -non de historia- a mercar e ler a medio prazo (alomenos, despois dos da lista anterior), e de mitos eróticos do mantedor. Nalgúns casos, unha cousa solápase coa outra, como veredes...

5 Libros
-'O bosque dos raposos aforcados', de Arto Paasilinna; este home é, ao parecer, un novelista de culto no seu país, Finlandia. A obra foi vertida ao galego polo meu amigo Tomás González Ahola, polo que alén do interés meramente literario entran en xogo factores sentimentais. É tamén o primeiro proxecto, creo (xunto con 'Seda', de Baricco), dunha nova e valente editora adicada á traducción de textos ao galego: Rinoceronte Editora.

-"Vida y visiones de Hildegard von Bingen", publicado por Siruela, con cd de música e pinturas da propia autora. Hildegarda é unha ben coñecida mística, visionaria, escritora, compositora... e abadesa de mosteiro. Neste caso confésovos que o seu espectro persegue as miñas pulsións libidinosas, anque ao contrario de Patti Smith, non me masturbe coas imaxes de escritoras mortas

-"O Anti-Edipo. Capitalismo e Esquizofrenia"
, de Deleuze e Guattari (publicado por Paidós no 73) ten fama de ser unha obra densa e inintelixíbel, aínda dentro da habitual retórica barroca dos filósofos posmodernos. Encargárao fai uns meses nunha librería, pero terei que probar de novo...

-"Heike Monogatari": incríblemente, este clásico da literatura xaponesa acaba de ser traducido e publicado por Gredos (unha famosa colección de tapas gris e marrón que habedes coñecer, e que saca libros carísimos e interesantes).

-e last, not least, o primeiro tomo de "Mito y Epopeya", de Dumézil, un clásico da mitoloxía comparada que está editado por Seix Barral.
5 Mulleres

-Sophie Scholl: a loitadora antifeixista e membra da 'Rosa Branca' está agora de nova actualidade polo estreo na carteleira dunha producción alemana, nominada aos Óscar e dirixida por Marc Rothemund. Nalgunha ocasión ideara un texto cursi sobre ela e outras víctimas do Totalitarismo, incluíndo a metamorfose en raposa amarela de sete colas, que afortunadamente non cheguei a escribir...

-Rosa Luxemburg: ben lembramos aquilo de que 'a liberdade é sempre liberdade para disentir'. A demasiado lúcida revolucionaria e teórica alemá (ou polaca, ou xudea...) foi asasinada o día anterior á miña onomástica, e arrebolada con Liebknecht a unha canle que visitei cando estiven en Berlin.

-Virginia Woolf é para min a grande escritora modernista, e a novela 'Ao faro' ('To the Lighthouse'), unha das lecturas máis pracenteiras das que teño memoria (anque nos comezos atascárame algo na primeira parte; a central ('Time passes') é unha auténtica delicia, trala cal xa estás enganchado á novela). Coñézolle dúas fotos, nunha das cales sae moi avellentada, pero na outra, de nova, está estupenda e lixeiramente espectral.

-Ingerborg Bachmann é unha das miñas poetas favoritas. A nativa dunha Carintia rural e reaccionaria seguiu os pasos de Goethe e de Zacarías Werner na pescuda do limoeiro florecido; publicou poucos pero selectos títulos (recoméndovos dous en Hiperión: 'Invocación á Osa Maior' e 'Non sei doutro mundo mellor').

-Para rematar, acabo coa xa citada Patti Smith, musa rockeira, e a única que segue viva destas particulares mitoloxías que dibuxei hoxe para vós ('Pandoroloxías' sería máis axeitado). É unha das poucas mulleres á que son capaz de perdoarlle estéticamente a poboada mata que coroa os seus sobacos (anque creo que iso xa é cousa do pasado, cando cultivaba aquel look andróxino de Raíña-Poeta do Punk; tralo matrimonio con Fred Smith pasou a tocar o clarinete e a voltar a encaixar nun imaxinario feminino máis clásico).

sábado, março 04, 2006

Caoimhneagdh Roisin - Easter 1916

Too long a sacrifice
Can make a stone of the heart.
O when may it suffice?
That is Heaven's part, our part
To murmur name upon name,
As a mother names her child
When sleep at last has come
On limbs that had run wild.
What is it but nightfall?
No, no, not night but death;
Was it needless death after all?
For England may keep faith
For all that is done and said.
We know their dream; enough
To know they dreamed and are dead;
And what if excess of love
Bewildered them till they died?
I write it out in a verse -
MacDonagh and MacBride
And Connolly and Pearse
Now and in time to be,
Wherever green is worn,
Are changed, changed utterly:
A terrible beauty is born.

A versión musicada, eiquí.

Xogo para Arnaut Noel (e quen queira sumarse)

Como ben saberá o meu amigo e poeta, acosado polos monxes de Montaudon ("mas us fols mots c´om non enten"), o soneto é unha forma literaria de moi tardía introducción nas Illas Británicas. Hai que agardar ao século XVI e ás obras de Sir Thomas Wyatt e o Earl of Surrey, ou ao famoso volume de Philip Sidney 'Astrophel and Stella' (1591).
Certamente, Sir Thomas Wyatt tivo unha vida pintoresca (amante de Ana Bolena; embaixador ante o Papa e o rei de España-Emperador Alemán Carlos; varias veces preso na Torre de Londres, onde contemplou a execución da súa amada; e seu fillo á cabeza da famosa rebelión de Wyatt contra a raíña católica e o seu católico esposo, 'Philip of Spain'). Das súas viaxes por Italia parece que recolleu un hálito petrarquista, xa que traduciu moitas das súas rime ao inglés.
Velaiquí tedes unha mostra:

I find no peace, and all my war is done:
I fear, and hope; I burn, and freeze like ice;
I fly above the wind, yet can I not arise;
And nought I have, and all the world I seize on;
That locketh nor loseth holdeth me in prison,
And holdeth me not, yet can I 'scape nowise:
Nor letteth me live, nor die at my devise,
And yet of death it giveth me occasion.
Without eyen I see, and without tongue I 'plain;
I desire to perish, and yet I ask health;
I love another, and thus I hate myself;
I feed me in sorrow, and laugh in all my pain.
Likewise displeaseth me both death and life,
And my delight is causer of this strife.


Agora, a pregunta é (resólvase sen facer trampas e mirar no google, anque hai permiso para fuzar o que se queira no 'Cancioneiro'): ¿de cal das rime é este soneto unha transliteración?
A resposta, xunto con algúns comentario, deberá traer -a ser posíbel- o poema orixinal.

quarta-feira, março 01, 2006

Convite

A Editorial Toxosoutos e o Colectivo Sacou teñen o pracer de convidalo á presentación do libro Orfeu en soños de Ramón Blanco.

Acompañarán ao autor Iria Lago García, presidenta do Colectivo Literario Sacou, e Xosé Agrelo Hermo, director de publicacións da Editorial Toxosoutos.


Venres, 3 de marzo de 2006
Ás 20:30 h.
Casa da Cultura de Noia

sábado, fevereiro 25, 2006

Carlo Ginzburg - O queixo e os vermes

61
[CULTURA DOMINANTE E CULTURA SUBALTERNA]

En varias ocasións vimos abrollar, por debaixo da profunda diferenza de linguaxe, sorprendentes analoxías entre as tendencias de fondo da cultura labrega que tentamos reconstruir e as dos sectores máis avanzados da alta cultura do século XVI. Explicar estas analoxías mediante a simple difusión de arriba a abaixo, significa aceptar sen máis a tese, insostíbel, segundo a cal as ideas nacen exclusivamente no seo das clases dominantes. O rexeitamento desta explicación simplista implica, por outra banda, unha hipótese moito máis complexa sobre as relacións que se producen neste periodo entre cultura das clases dominantes e cultura das clases subalternas.
Mais complexa e, en parte, indemostrábel. O estado da documentación reflicte, como é lóxico, o estado das relacións de forza entre clases. Unha cultura casi exclusivamente oral como é a das clases subalternas da Europa preindustrial tende a non deixar pegadas, ou a deixalas deformadas por inherencia. Daí o valor sintomático dun caso límite coma o de Menocchio, que replantexa con forza un problema do que tan só agora se comeza a ver a envergadura: o das raíces populares de boa parte da alta cultura europea, medieval e posmedieval. Figuras coma Rabelais ou Brueghel non foron probábelmente espléndidas excepcións. Nembargantes, poñen punto e final a unha época caracterizada pola presenza de profundos cambios soterrados, en ámbalas dúas direccións, entre alta cultura e cultura popular. Pola contra, o seguinte periodo está marcado por unha distinción cada vez máis delimitada entre cultura das clases dominantes e cultura artesá e labrega, así como polo adoutrinamento en senso único das clases populares. Podemos situar a cesura cronolóxica destes dous periodos cara a metade do século XVI, en non menos significativa coincidencia coa acentuación das diferenzas sociais impulsadas pola revolución dos prezos. Mais a crise definitiva teríase dado unhas décadas atrás coas revoltas campesiñas e o reino anabaptista de Münster. Foi entón cando se lles platexa dramáticamente ás clases dominantes o imperativo de recuperar, tamén no ideolóxico, ás masas populares que ameazaban con sustraerse a calquera forma de control dende arriba, pero mantendo, incluso acentuando as distancias sociais.
Este renovado esforzo hexemónico adopta diversas formas nos distintos países de Europa, pero a evanxelización do agro por obra dos xesuítas, e a organización relixiosa capilar, sobor do núcleo familiar, realizada polas igrexas protestantes, poden conciliarse dentro dunha tendencia única. A ésta corresponden, no plano represivo, a intensificación dos procesos de bruxería e o ríxido control de grupos marxinais coma vagabundos e xitanos. Sobre este fonde de represión e de aniquilamento da cultura popular inscríbese precisamente o caso de Menocchio.

quinta-feira, fevereiro 23, 2006

Maras da Noite

Como ben sabedes, os ingleses teñen unha palabra peculiar para denominar aos pesadelos: nightmares.
Na definición orixinal do termo, tal como aparece no famoso diccionario do Doutor Johnson, apúntase a unha das claves para entender estes soños malignos, que incluirían "unha opresión mórbida na noite, semellante á opresión dun peso sobor do peito".
Os pesadelos considerábanse antano obra de diaños, que sentaban sobre os peitos dos durmintes. En inglés antigo, o ser en cuestión era o mare or mære (do proto-xermánico *marōn, relacionado co Antigo Alto Alemán e Antigo Escandinavo mara); a traducción literal sería, xa que logo, algo así como 'maras da noite'. Unha representación gráfica tédela no famoso cadro de Henry Fuseli: 'The Nightmare'.



Alén de persoas, os maras tamén podían 'montar' cabalos (deixándoos suorosos e cansos pola mañá) ou incluso árbores, ligando as polas entre sí (aínda hoxe os pequenos e retortos piñeiros que medran nas rochas da costa reciben en Suecia o nome de martallar -piñeiros dos maras).
Por iso, non vos esquenzades esta noite de atrancar ben as portas e tapar os buracos das pechaduras.
Felices soños.

segunda-feira, fevereiro 20, 2006

Breviario - Conversas con Méndez Ferrín

¡Por fín! Despois de case dous meses, volto a estar conectado á Rede de Redes dende a miña casa, o que facilitará unha maior regularidade nas miñas entradas.
A semana pasada estiven lendo 'Contra Maquieiro' (o novo poemario de X.L. Méndez Ferrín) e un libro de entrevistas algo caótico que lle fixo Xosé Manuel del Caño. Para o voso deleite, atoparedes nas miñas dúas bitácoras unha pequena escolma de fragmentos escollidos.
Aquí tocan os do libro de entrevistas. Velaiquí vos van:

(sobre a normativa)

-Canto menos se toque, mellor.
-Dende logo; en realidade, tampouco cambiou moito. Máis ou menos quedou como estaba, con melloras. Non hai que cambiar nada, porque formas que antes estaban simplemente toleradas, pasan a estar recomendadas, pero xa se aceptaban. Penso que esa ortografía é boa. A Academia Galega aí estivo á súa altura, ao tratar de asimilar elementos discordantes, como eran, concretamente, eses cus de mal asento do BNG e outra xente. Agora déuselles entrada e fíxose en concordancia con eles unha normativa. Segue habendo discrepantes, que son os chamados reintegracionistas, pero eses, á parte de ignorantes, avergónzase de ser galegos. Teñen unha bisavoa cun pano á cabeza, que falaba galego, e iso dálles vergonza. Queren ter unha avoa cunha fita ao pescozo e fumando en boquillas longas, lisboetas. Unha vez máis son desleais coa Patria.

(sobre Saramago)

-...Saramago, en vez de defender a Fidel Castro, dixo en castelán: “Hasta aquí hemos llegao”. Acabouse; Saramago non defende Cuba xa.
-Saramago foi un escritor comprometido co Partido Comunista Portugués.
-Saramago era ou é membro do Comité Central do Partido Comunista. Máis tarde descubriu unha especie de fascinación por España, moi típica de certos autores portugueses que non queren saber nada da existencia de Galicia.
-¿Qué xuízo lle merece, literariamente?
-Saramago é un escritor que non me interesa nada.
-¿Qué opina vostede da gran balsa ibérica que camiña polo mar?
-Iso é unha apoloxía do iberismo, ao contrario do que defendía Álvaro Cunhal e a liña que eu aprecio do Partido Comunista portugués. Saramago é un españolista. Despreza a Galicia cordialmente. Saramago no fondo é un home sen formación histórica. Dicíalle hai tempo Sánchez Dragó, con moita graza: “Ti escribes novelas filosóficas”, como as que escribía Voltaire no século XVIII. É o contrario do que eu penso que debe ser a literatura. Escribe nun portugués moi limitado, moi pobre, cun léxico de moi baixo potencial. Se o comparas con Antonio Lobo Antunes e toda a forza creativa que ten, é coma o día e á noite. Saramago é un produto feito en Madrid.

(sobre Vargas Llosa)

-Falando do compromiso na literatura, chama a atención o caso de Vargas Llosa, que escribe coma se fora de esquerdas, pero logo non ten reparos en presentarse como candidato á Presidencia do Perú nunha formación de dereitas.
-É un oportunista. Coñecín a Mario Vargas Llosa cando lle entregaron en Madrid o premio Clarín (coido) por un libro de contos titulado Los jefes. Ríase de min con grande soberbia, no café Xixón, porque eu non era do Partido Comunista. Pensaba que ser do PCE supuña a preeminencia. E agora sabe que para recibir privilexios hai que aliñarse cos Estados Unidos. É un vendido. E en pago ten que escribir cada vez peor, cousas menos interesantes.
-Ten libros bos.
-Doutra época, dunha etapa anterior. El cambia no momento en que escribe unha especie de imitación, que se titula La guerra del fin del mundo. Aí é onde se fai liberal e vai ás eleccións coa extrema dereita do Perú. Vargas Llosa era comunista, cando iso producía certos beneficios aos intelectuais. Vargas Llosa, no fondo, é un home sen cultura.

(sobre Beiras)

-Durante un tempo deu a impresión de que Xosé Manuel Beiras lograría construir a grande alternativa do nacionalismo.
-Beiras é unha figura excepcional, unha figura única, un grande home político, pero como todos os grandes homes políticos comete importantes equivocacións. Os grandes erros prodúcense sempre en polítiva cando non hai partido. Beiras entrou el só na casa de Francisco Rodríguez. Abandonou o PSG para entrar no Bloque Nacionalista Galego, en Riazor, confiando nas súas forzas e na súa intelixencia. Pensou que podía lideralo; entón os coroneis, a garda pretoriana de Francisco Rodríguez, acordaron darlle carrete, como cando tes enganchado polo anzol un salmón. E Beiras mantívose, a cambio de non intervir nas escisións sindicais, nas purgas nin apoiar o seu propio grupo, que pasou a chamarse Esquerda Nacionalista. Pero esa preponderancia era toda de portas para fóra.
-Tiña o apoio do electorado, pero non dominaba o aparato do partido.
-Non dominaba o partido nin dominaba nada. Cando o partido move un dedo, entendendo como tal o grupo de Francisco Rodríguez, guíndao fóra e pon a Anxo Quintana, que non é ninguén. Ten un discurso incoloro, inodoro e insípido. Non dí nada. Beiras dicía cousas. A xente pensa que o que dicía Beiras era verdade. O Bloque era Beiras. Beiras poñía un zapato enriba da mesa e dicía que estabamos asoballados.
-Beiras é un home que ten talla intelectual.
-Ten. Pero no campo da economía, da historia e no mundo intelectual hai moito nacionalismo que non está no Bloque, aínda que colabore e vote a esa formación política. É un partido formado cunha espiña central, feita por persoas moi resentidas, que no fondo sempre envexan a Beiras. Ódiano, Aí hai unha novela psicolóxica. Pero ben, como se trata dunha casa que non é a miña, que se vaian cocendo no seu propio prebe.

terça-feira, fevereiro 14, 2006

Onde Vai a Nosa Flor de Lis?

Xa levaba uns días de media ausencia. Mais de súpeto, os Fíos de Harmonía deixaron de tecerse. ¿Qué ou quén arrincou á miña blogueira favorita e mimada, e atormenta entre dedos crueis as pétalas desfolladas da Fleur de Lys?

Then pluck a reed
And bid me sing to thee,
For I would feed
Thine ears with melody,
Who art more fair
Than fairest fleur-de-lys,
More sweet and rare
Than sweetest ambergris.

Ou quizaves ela mesma foi arrastrada pola Espiral na que tanto lle gustaba contemplarse. Transmuta en Medea 'a experta en velenos', sacrifica para o noso estupor as súas verbas fillas e ascende en carro dourado tirado por dragóns de volta a unha outra Colchis.
Mais o Lume do Manto Envelenado arde xa nos Creóns e Glauces, derrete as nosas carnes como cera. Teremos que saír na túa procura, erguendo -se fai falla- todas e cada unha das laxes de Compostela.
É despois de todo, tes unha copa pendente comigo -probáblemente especiada cunha conversa na que se inclúan versos da Rosseti que che citan e unha longa discusión sobre as orixes da flor de lis (malia os especialistas en heráldica, que defenden a flor de loto, as alabardas ou o lirio, aposto sobre seguro pola Sprekelia formosissima).



Habémonos ver (agardo) fóra das ondas virtuais.

segunda-feira, fevereiro 13, 2006

Días de Ocio no País de Yann

Para aqueles de vos que sexades aficionados ao 'Mitos de Cthulhu' (e máis aínda se líchedes o volume antolóxico que baixo o mesmo título publicou Alianza Editorial), Lord Dunsany e o seu mundo onírico e de fantasía resultaránvos espectros familiares. No relato que presta o título a esta entrada navegamos co autor río abaixo entre espléndidas vistas, cidades fermosas e desacougantes, postas de sol sobre lonxanas cúpulas de marbre rosado; no tapiz desnovelado de imaxes e densa prosa barroca, tramas e personaxes carecen de toda importancia. Só queda disfrutar da viaxe e do ambiente.

'And now as the sun's last rays were nearly level, we saw the sight that I had come to see, for from two mountains that stood on either shore two cliffs of pink marble came out into the river, all glowing in the light of the low sun, and they were quite smooth and of mountainous altitude, and they nearly met, and Yann went tumbling between them and found the sea'

Mais non quería falarvos hoxe de viaxes imaxinarias, badaladas na distancia, durmintes que só espertarán cando os deuses morran; tampouco da traducción perralleira que teño da 'Filla do Rei do País dos Elfos'. Tomo emprestado os días de ocio do irlandés para lembrar os da semana pasada, coa estadía por terras compostelás do meu amigo David e da súa encantadora moza polaca, Ewa Chmielewska.
Foron días de opíparas paparotas (David é home de abondoso xantar), paseos pola cidade pétrea, visita ao Pórtico da Gloria, concerto no Auditorio e longuísimas conversas sobre todo. Polonia é un país curioso, e a vida aventureira do pai de Ewa daría para unha novela de aventuras: ateo e comunista raiboso nun país ultracatólico, na súa mocidade director de orquesta, profesor na Universidade, mariñeiro e organista.
Ao tempo, o meu lado rancio disfruta escoitando que baixo o socialismo non se vivía tan mal, e sorpréndese porque a carreira de Mediciña (como en Cuba) non dá acceso a un estatus privilexiado, como aquí, o que a converte nalgo vocacional.
Dentro dun mes continúa a viaxe, anque desta volta o escenario será Bologna e o norde de Italia. Xa me tardan os mosaicos de Ravenna, os canais venecianos, as boas xeladerías...
E o máis importante de todo, claro: a compaña dos amigos ausentes.
De todo o cal sacarei, supoño, algunhas liñas que escribir aquí para que, coma no texto dunsaninián, todos os que queirades poidades viaxar comigo. Ben sabedes que estades convidados...

segunda-feira, fevereiro 06, 2006

Do Escuro Pensamento dos Reptís

A Vida, esa enorme Universidade de Perversidade Lúcida. E non me refiro aos significados máis toscos da metáfora, ou ás imaxes que é doado fiar arredor dela, con mestres impartindo aulas en auditorios de cadáveres momificados; ou a eterna repetición do panóptico taboleiro de Xadrez na Trinidade Laica de Colexio-Cárcere-Empresa...
As dispersas hebras do coñecemento -Cabezas Agresivas de Hidra- devorándose con tenrura, amor e un apetito insaciábel. O coñecemento desfaise en fíos cada vez máis finos; miopía da hiperespecialización: materias tan absurdas e baleiras de contido como a mesma existencia.
Nunha aula sen xanelas, paredes de negro e crocodilos disecados flotando do teito, un profesor cego, tolo e mudo explícalle animadamente aos rapaces o tópico semanal: o escuro pensamento dos reptís.
O docente desenpoa vellas xenealoxías, restos fosilizados e tratados de bioloxía. Entre os nosos antergos non ten que remontarse moi atrás para atopar no periodo Pérmico (fai 299 millóns de anos) a estraños mamíferos-reptís, tíos lonxanos nosos: os Terápsidos. Algúns parecíanse a ratas grandes; outros (entre eles o famoso Dimetrodon, do que adxunto esquelete) pasan por dinosauros a simple vista.



Polo que o tema do pensamento reptílico transmuta en asunto de familia. Anque a verdade, non tiñamos que remontarnos máis alá das nosas propias cabezas.
O sistema límbico é a parte máis anterga e pequena do cerebro humano. Formouse fai centos de millóns de anos, e ten moitas semellanzas co cerebro actual dos reptís.
As funcións deste pequeno bulto, situado xusto no comezo da espiña dorsal, céntranse nas emocións básicas -amor, odio, medo, desexo- e nos procesos inconscientes -respiración, autoxestión cerebral, ritmo cardíaco estábel, mecanismos de loita/fuxida-.
Carece de linguaxe. Os seus impulsos son instintivos e rituais.
Poderíamos dicir, xa que logo, que séculos de Complexo Pensamento Racional e Sofisticado limítanse a capas algo máis sofisticadas coas que se foi cubrindo o froito orixinario -o noso Universo nunha cáscara de Noz; e a Razón sobre e arredor dela, flotando coma aceite ou reviravoltas de xelado de vainilla.
Curioso...
Rematou a clase. E o alumno aquel que adora ás serpes (e que cando se pon nervioso pasea instintivamente a língua polos beizos) vai meditando nas súas afinidades con Miña Señora Cobra.
O alumno era eu.
Mais os detalles da miña ofiolatría deberán quedar para outra xornada.

quinta-feira, fevereiro 02, 2006

Kandinsky





"O punto xeométrico é unha cousa invisíbel. Polo tanto, debe ser definido como unha cousa incorpórea. Considerado en termos de sustancia, equivale ao cero […]. Deste xeito, vemos un punto xeométrico como a derradeira e máis singular unión do silencio e da fala. Ao punto xeométrico ténselle dado a súa forma material, en primeira instancia, na escrita. Pertence á linguaxe e significa silencio." (Punto e liña sobre plano)

domingo, janeiro 29, 2006

Íntimo e indiscreto (II)

Unha pantasma percorre Europa -non, dende logo, a do Comunismo; ben sabemos xa do naufraxio dos metarrelatos, e de como a escuma dos días conversa en praias remotas con taboas apodrecentes-.
É o frío.
O bafo dun espírito maligno sopra dende Siberia, e as súas verbas tecen un manto de neve. Branca, fermosa, hipnótica.
Rescato a emoción dunha tarde, xa fan moitos anos: nevaba en Compostela. Durante horas contemplo a caída das folerpas detrás dos vidros do meu antergo piso.
Desconfío da brancura. Ben o sabía Melville, e deixouno cifrado no capítulo 42: "Da branqueza da Balea".
Tamén desconfío de tí.
En xeral, os meus soños, por interesantes que sexan, non teñen tendencia a repetirse. E menos aínda a repetirse contigo ocupando o espazo da Amante. Anque tamén é certo que antes non che coñecía, o que dificultaba notoriamente a túa invasión.
Estabamos nun xardín frondoso. Árbores e cursos de auga. Dalgún xeito, percibo uns muros e paseos na lonxanía (estamos, logo, no paraíso - avéstico pairidaeza, xardín pechado).
No primeiro plano, un banco de pedra. E a catedral de Santiago.
Convén aclarar ese estraño ser-e-non-ser das cousas do mundo onírico. Porque o pequeno edificio que tiñamos diante -anque fose unha igrexa minúscula, de portada románica- era a catedral de Santiago.
Xogueteamos no banco. Mancábache lixeiramente. Por uns instantes, souben que o desexo fora arrebatado en carro de lume. E ti con el.
Polo que entrei no templo. Por suposto, o interior era moito máis grande que o exterior, e dunha decoración ao estilo do barroco brasileiro: neno Xesús de Praga, abundancia de estucos, dourados e florituras; flores reais e de escaiola. A igrexa está ateigada. Fabrico unha máscara de sorriso sardónico e ton enfermizo; converso animadamente co público na hora da comunión.
E como no soño previo, a igrexa vaise tornando paseniñamente nunha biblioteca. Anaqueis de libros correndo daquí para alá.
Non me malinterpretes. O meu concepto do paradisíaco certamente inclúe libros. Sería algo así como os fondos de Historia ou Filoloxía: olor a rancio, ringleira tras ringleira de volumes, pouca xente e todo o tempo do mundo. Como un é carnal despois de todo, tamén farían falta discretos cubículos apartados por veos de muselina onde disfrutar de huríes e ríos de mel e opio.
Nembargantes, desacóugame o lugar que últimamente ocupan as Igrexas/Librerías nos meus soños: estraño interludio entre momentos de erotismo.
Xa me explicarás o que quere dicir...
Despois camiñábamos xuntos. O resto é indiscreto. Digamos tan só, coma Othello que

"She gave me for my pains a world of kisses"(I.iii.157–158)

Agora, agardo unha explicación. Despois de todo, algúns pobos consideran o Mundo dos Soños tan real coma o Mundo da Vixilia. E teño dereito a esixirche que expliques esta entrada de cazadora furtiva.
E como mínimo, unha de dúas: ou unha disculpa ou unha declaración de amor. Coma o Desexo e máis eu somos persoas moi mal avenidas, sospeito que será o primeiro. Mais a esperanza é o último que se perde, ¿non?.
Mentres agardo, pérdome. No Labirinto da Espiral de Tinta que Tan Ben Coñeces poderás atoparme cando queiras...
Pero non tardes moito. A paciencia e unha das numerosísimas virtudes das que carezo.

Bicos

Eu.

P.S.: Caso de que necesitaras algunha outra pista para auto-recoñecerche, recoméndoche que a busques no poema 'Concerto Barroco' de Ramón; daraste conta que o cadro lírico que describe non era moi desemellante ao que nós mesmos trazamos.

terça-feira, janeiro 24, 2006

Orfeu en Compostela

Brevemente, aproveito este espazo virtual para facer saber a tódolos lectores e lectoras desta bitácora que o XOVES, 26 de Xaneiro terá lugar a presentación do poemario 'Orfeu en Soños', de Ramón Blanco Fernández, en Santiago de Compostela. O acto desenvolveráse na Galería Sargadelos a partir das 8 da tarde, e estará presentado por David Pérez Iglesias e Paulino Vázquez.

Se podedes, non deixedes de acudir.


"Esperta este Orfeu en soños de vedraia tumba de marbre, nun illote fronte ás costas de Tracia, erguendo a fonte limpa do seu canto e a súa profética sombra (Pantasma de dubidoso aspecto) dende as primeiras páxinas do libro. Mais non recalará a súa lira nas costas mediterráneas –homérico mar, escuro coma o viño–. Na súa singradura escorregan ronseis e hexámetros clásicos sobor das ondas, e os timoneis –de Ulises a Derek Walcott e Manuel Antonio– sucan por mares nunca de antes navegados. O obxetivo son as Illas Afortunadas, metáfora ou paráfrase incompleta da Arte e da Poesía Boa. Cada poema é arquipélago de seu; os versos, as imaxes corren en carreira desbocada, iluminan uns instres antes de apagarse –como chama– e seren sobrepasadas na carreira. Recalada nunha illa: rubimos entre o recendo de rústicas flores a tortuosa xeografía da sintaxe".

segunda-feira, janeiro 23, 2006

Intimo e Indiscreto

Baixo un titular tan á maneira de Jane Austen quería fiar hoxe algunhas reflexións arredor da chegada ao vixesimo-sexto Inverno do meu Descontento.
Parece mentira que unha persoa aínda nova lle dé tantas voltas ao problema de envellecer. Non ha de ser inocente quizaves o influxo zodiacal: os Capricornio temos sona de Saturninos (é o noso planeta rexente; e as túnicas longas, reloxos de area, fouces e carros tirados por dragóns non son símbolos que animen precisamente á xovialidade e esperanza...).
Maiores culpas acugulan as miñas tendencias enfermizas cara a nostalxia e a autocompaixón. E nembargantes, as nosas virtudes e defectos soen ser as dúas caras da mesma moeda: a fronteira entre a nostalxia aguda e o amor paixonal polo coñecemento do pasado (persoal ou non) ven a ser, no fondo, difícil de trazar. Ámbalas dúas funcionan ben como fontes de inspiración (estou pensando en textos melancólico-críticos, como as excelentes novelas de Mervyn Peake e o castelo de Gormenghast).
A sensación de vivir sobre tempo prestado, e o cambio inminente e non desexado... Ou o recoñecemento de que xa é hora de resolver os flecos pendentes, e o temor paralizante...
A miña traxicómica vida sentimental, por exemplo. Hai coma un frío de pedra que nos vai invadindo polos pes, insensibilizándonos pouco a pouco. Se deixamos que a rixidez da cicuta se apodere dos nosos membros, acabamos cedendo ao Tempo e deixándonos apreixar na comodidade das nosas vidas de ámbar e as súas pequenas ledicias rutinarias.
Os soños...
Os soños, por exemplo. No meu caso, soen ser agradables e creativos, e máis pracenteiros que a vida-de-día. Son serios competidores dos libros, da música, das películas. E o seu consumo dá moitísimo menos traballo.
Misturando un pouco de todo: o outro día soñei coa miña primeira moza: unha rapaza encantadora, comunista, intelixente, do 'Arrabaldo do Norde', San Sebastián de los Reyes. Como en tódolos soños que se precen, o seu remate viña dado por un bico, co subseguinte espertar...
Mais abonda de lavar a colada. Para os curiosos da miña vida persoal, esta pequena dose de indiscreción terá que chegar por un tempo. Para os demais, paciencia con esta pequena auto-indulxencia...
E para Tania, onde queira que estexas, ti que nunca lerás estas liñas, os mellores desexos de felicidade.
E un bico.