quinta-feira, julho 31, 2014

Libros do Mes

Dende o 22 do presente mes ándovos novamente por terras niponas, así que vos deixei esta entrada auto-publicábel con aquelas cousiñas que rematei de ler antes da viaxe, ou que deixei para rematar á volta... 

Courtier and Commoner in Ancient China: Selections from the History of the Former Han de Burton Watson

Japanese Farm Food de Nancy Singleton Hachisu [E] 

China de John Keay [E]

*India: A History. Revised and Updated de John Keay [E]

*Kuei Hsing: A Repository of Asian Literature in Translation de VVAA.

*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E]  

*The Japanese Tea Ceremony, Cha-No-Yu de A.L. Sadler [R]

segunda-feira, julho 21, 2014

O Mandarín Marabilloso - Redux

Catro anos atrás, case tal día coma hoxe, anunciábavos o meu acceso ao mandarinato coma profesor de ensinanza secundaria (inglés). Con aínda maior satisfacción anuncio hoxe que, superadas as opos deste ano pola quenda de novas especialidades, paso a ser tamén profesor de xeografía, historia e arte, con dereito a un alfinete de lapis lazuli na monteira e un bordado de seda, veludo e fío de ouro para o peito con representación dun pavón.  


terça-feira, julho 08, 2014

Lotería

15. Canadá e EE.UU.: aspectos físicos e humanos.

31. Os reinos peninsulares nos séculos XIV e XV. Conflitos sociais. Diversidade cultural.

35. O pensamento político moderno: do Humanismo á Ilustración.

40. Transformacións agrarias e proceso de industrialización na España do século XIX.

48. Fascismo e neofascismo: caracteres e circunstancias nas que se desenrolan.


segunda-feira, junho 30, 2014

Libros do Mes

Kyoto, City of Zen de Judith Clancy [E] 

Curry, a Tale of Cooks and Conquerors de Lizzie Collingham [E] 

*Japanese Farm Food de Nancy Singleton Hachisu [E] 

*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E] 

*Courtier and Commoner in Ancient China: Selections from the History of the Former Han de Burton Watson 

*The Japanese Tea Ceremony, Cha-No-Yu, de A.L. Sadler [R] 

quinta-feira, junho 26, 2014

Apagouse a Raíña Ardid

Só unhas breves liñas para lembrar o pasamento de Ana María Matute, a inspirada autora de Olvidado Rey Gudú, entre outros libros. Foi este volume unha grata sorpresa que descubrín prácticamente cando saiu, aló polo ano 1996 (a edición en tapas duras de Alfaguara), e unha das escasas incursións canónicas nunha literatura fantástica que se vé repetidamente na obriga de xustificar a súa existencia de 'xénero menor' (cousa que aínda testemuñan os obituarios recentes que falan da obra e da autora). É este un dos tristes legados, imaxino, da por veces aburridísima e prosaica literatura burguesa e vangardista dos últimos tres séculos, e raro se fai que non excomungaran á Ilíada e á Odisea, cheas de deuses, cíclopes e bruxas malevas que transmutan tripulacións en porcos.

Tornando a Ana María Matute e a súa gorentosa anque tristísima novela, sempre a imaxinei como a encarnación física da Raíña Ardid que poboa as súas páxinas. Por iso despídome dela aproveitando algunhas das verbas coas que narrou ela mesma no pasamento do seu alter ego literario:

"Soledad, y nada más que soledad, era ahora el Reino de la Más Joven Reina, de la Única y Última -tal como dijera Gudú- Reina de Olar. Soledad y oscura sinrazón. Húmedas historias incompletas, que lloraban los muros, lágrimas que recogían las hierbas telebrosas, para alimentar su prevalecedora e injusta vida eterna, sobre tantas efímeras y fugaces campanillas, y rosas de espino, y margaritas silvestres. Y Ardid se dijo que toda su ciencia era un vano intento de rasgar el velo del mundo; como vano intento fuera el de Volodioso y era el de Gudú cruzar la linde de lo desconocido, y hallar el último reducto del deseo. 'Triste es el mundo, y tristes sus criaturas' murmuró, tapándose los oídos, para no oír ni ver a los que hablaban de hermosura donde ella sólo podía ver ahora fealdad, miseria y larga estepa, estepa sin fin".
 

domingo, junho 01, 2014

Libros do Mes (ups!)

Pois co gallo dos exames e das oposicións, o certo é que este mes douse algo que non me pasara desde que teño memoria, é que anque lin cousiñas varias, non atopei o tempo para ler e rematar un volume completo, agás o pequenísimo e moi deleitable libro de contos galegos da tradición oral (o conto dos tres irmáns e do criqueiro, antolóxico). Seguimos pendentes cos do mes pasado, e moito me temo que xuño vai a ser case igual...

Antoloxía do conto de tradición oral de VV.AA.

*Japanese Farm Food de Nancy Singleton Hachisu [E]

*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E]

sábado, maio 31, 2014

Averroes II - a saga continúa

O aniversario da República falábavos eu doutro aniversario, e do cabazo doce ao que alcumara co nome do multifacético pensador arábigo. Porén, ao día seguinte aconteceu a catástrofe, e un caracol larpeiro e malevo devorou a planta sen misericoria. Tranquilos, que houbo vinganza, caracolín mediante. Mais anque esta planta morreu, unha súa irmá conseguiu escapar á ollada dos gasterópodos, e hoxe expande co nome de segunda Averroes... Agardemos que teña máis sorte, bote flor en breve e boas cabezas en outono...


sábado, maio 24, 2014

正名

Zhèngmíng, a 'rectificación dos nomes', é unha das teimas confucianas máis importantes, e ten máis a ver coa harmonía social que coa filoloxía repunante. A idea ben a ser que as cousas teñen que ser chamadas polo seu nome correcto, con alcumes que reflexan a realidade non só de xeito descriptivo, senón prescriptivo. Así, un pai ten que ser bondadoso e protector, un fillo filial e agradecido, un xuíz xusto e ecuánime, e así sucesivamente. En esencia, é unha censura da mentira e da hipocresía e unha defensa das responsabilidades morais das persoas consigo mesmas, cos demais e coa realidade.

Mais non quería levar hoxe a auga por este muíño. Máis ben tomo emprestado o concepto para parolar arredor doutra rectificación de nomes: a que afecta ás prantas e árbores exóticas.

De certo, cando un proba unha comida descoñecida, un recurso elemental do cerebro é a analoxía. Alén da estrañeza do que estexamos a ver e saborear, o maxín busca semellanzas con comidas familiares. No caso das árbores froiteiras de orixes exóticas, estes parecidos máis ou menos razoábeis conxúganse ás veces cos intentos de marketing e de enaltecemento de produtos aos que doutro xeito só miraríamos de esguello nos andeis do supermercado ou da froitería. Porén, moitos destes alcumes chaman a engano e poden levar a lóxicas decepcións no consumidor.

Por exemplo: as Cherimoias son unha froita exquisita e saborosa onde as haxa, máis o hábito anglosaxón de chamalas 'sugar apple' ou custard apple' (mazás de zucre, ou de natillas) resulta demasiado larpeiro. Hai unha dozura e unha cremosidade na froita que sustenta a comparanza, mais o sabor é máis ben dun etéreo tropical, doce e cunhas pequenísimas notas de acidez que nunca agardaríamos no doce tradicional de leite e ovos.

Mais ousada aínda é a nominación do Sapote Negro (Dyospiros Digyna), chamado 'Chocolate Pudding Fruit' (froito de pastel de chocolate). A maioría dos que enguliron, larpeiros, unha froita cun nome tan gorentoso láianse de que certamente o aspecto, a cor e a textura do froito maduro pode asemellarse ao pastel de chocolate, mais o sabor, pola contra, é só lixeiramente doce e case insípido. Unha verdadeira mágoa.

Do mesmo xeito temos a Inga Edulis, unhar árbore leguminosa de Suramérica que produce vaíñas algo semellantes ás das algarrobas. O sabor da polpa destas levou a entusiastas a alcumula 'Ice Cream Bean' (faba de xelado). A realidade é máis prosaica e decepcionante: os que a proban apuntan a un lene ton avainillado e pouca carne que aproveitar.

Máis próximas están tódalas árbores ou especies asociados no nome aos 'amorodos' e que ben pouco comparten do rico sabor destas baias: Así, para os irlandeses, o insípido madroño é o 'strawberry tree'. Do mesmo xeito, e malia o seu interese e sabor complexo, as Goiabas 'amorodo' (Psidium Cattleianum) ou a árbore dos amorodos chinesa (Myrica Rubra) non saben para nada a amorodos. As feixoas (Feijoa Sellowiana) que tan ben se dan na horta galega, encaixan moi mal co alcume de 'pineapple guava' (goiabas de piña): o seu sabor é moi peculiar, e non sabería describilo ben -textura de pera rugosa, xelatinosa no medio, recendo e sabor arómático forte e raro, como a crema facial comestible-, pero dende logo teño claro que non ten nada que ver co do ananás.

O soño, entón, de xantar productos de confitería que medren nas árbores terá que agardar á chegada das árbores de diñeiro, ou suplirse mesturando as froitas con altas doces de zucre, de tona e de graxas. Culpa tena tamén o meu padal estragado, aficionado aos sabores intensos e que loita moi duramente por axeitarse ás miñas dúas gastronomías familiares simplonas e toscas de máis para o meu gusto (galaica e xaponesa) mentres suspira pola comida india, mexicana ou incluso británica....
  

quinta-feira, maio 08, 2014

Sweet tooth

'Ter dente doce' é como lle chaman os ingleses a ser un larpeiro adorador do zucre, unha enfermidade xeralizada no homo sapiens mais especialmente prevalente no mundo anglosaxón e no padal de FraVernero.

Unha mostra do vicio é a miña escasa tolerancia por froitas de clima temperado con moita acidez. Os amorodos, por exemplo, que son a miña froita favorita en confituras (ata o estremo de que podería sobrevivir durante décadas a base de torradas de manteiga e mermelada de amorodo) resúltanme desagradábelmente acedos ao natural, ou incluso en compota. Só se salvan os amorodos salvaxes, que malia o pequeno tamaño, adáptanse de xeito perfeito aos caprichos da miña gula.

Moito peor que os amorodos son os pexegos, que topo a tal punto insoportábeis que me custa entender a razón pola que son froita tan popular en xeral e na miña casa en particular. Incluso os máis blandiños e maduros que teño inxerido presentan para min un insportábel  ton agrio e avinagrado. Ao respeito, tendo a botarlle a culpa disto á nosa climatoloxía, humida e fría de máis para conseguir óptimos de madurez nesta froita de remota orixe chinesa, mais o certo que os pexegos mercados noutros lares resúltanme igual de acedos e de indixestos, e só desexo soterralos baixo montañas de zucre ou de mel.

Tampouco pensedes que son absolutamente hostil a toda mostra de acidez. Pola contra, unha das combinacións que máis me gorenta é a do doce co acedo (o que os ingleses chaman tangy), ao estilo daquelas gominolas e caramelos que nos vendían de rapaces, ou de certas tónicas non empalagosas, como a Boylan.

Porén, se se trata de comer a froita crúa e sen elaboración, creo que ningunha cousa do país pode superar a cremosidade larpeira dunha cherimoia, a dozura mol dun mango, a aromática riqueza dunha pampelmusa, ou a adictiva melosidade dun figo ben maduro (anque estes últimos, cun verán seco como o do ano pasado aínda se poden comer eiquí). Insuperábel tamén a curiosidade por probar algúns outros que son lonxanos e escasos visitantes dos nosos lares: lúcumo, sapodilla, pomarrosa, mangostán, mamey, canistel, tamarindo, caimito...

quarta-feira, abril 30, 2014

Libros do Mes

The Early Chinese Empires: Qin and Han, de Mark Edward Lewis [E] [R]
 
Titus Andronicus de William Shakespeare [R]

*Antoloxía do conto de tradición oral de VV.AA.

*Japanese Farm Food de Nancy Singleton Hachisu [E]

*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E]

segunda-feira, abril 14, 2014

Averroes

Xa que Google festexa hoxe o 888 aniversario do filósofo hispano-musulmán ʾAbū l-Walīd Muḥammad bin ʾAḥmad bin Rušd, máis coñecido polo seu alcume latino de Averroes, quérome sumar á celebración bautizando co seu nome este pequeno exemplar de Cucurbita Moschata, un cabazo que aprezo moito pola dozura do seu sabor e que agardo remate en rica sopa, crema ou pumpkin pie cando cheguen os días de outono / inverno...


sábado, abril 05, 2014

Aurea Mediocritas

Agora que podo permitirme gastar algo máis en libros, collínlle certo vezo por edicións coidadas dos clásicos. Idealmente, deberan ser de tapas duras, cosidas, con bo papel alcalino do que non amarelea, e en edicións académicas ben anotadas. Porén, e cando se trata sobretodo de clásicos anglosaxóns, non resulta tan doado conseguir este tipo de volumes, xa que as opicións dispoñibles soen ser de dous tipos:
-Clásicos ben editados e baratos, mais en formatos endebles e perecedeiros (os libros de Penguin, por exemplo).
-Clásicos ben editados, en bo formato pero absurdamente caros (pensados, ao parecer, para bibliotecas académicas, que non temen rañarse os petos con custes superiores aos 100 euros por volume).

Un pensaría que existe un mercado intermedio, con volumes ben editados que non pasen dos 40-50-60 euros. Despois de todo, estas obras non teñen que pagar dereitos de autor, e os académicos rara vez cobran, ou agardan cobrar, polas vendas dos seus traballos.

Máis curioso resulta que, polo que toca ao español, resulta máis doado topar este tipo de obras, grazas á boa labor da Real Academia Española e (algo máis cara, pero máis completa) da Biblioteca Castro...

segunda-feira, março 31, 2014

Libros do Mes

Confucius and Confucianism: the Essentials de Lee Dian Rainey [E] 

The Poet Shen Yüeh, the Reticent Marquis de Richard B. Mather 

The Book of Documents de Bernhard Karlgren [E] 

Crónicas de Jerusalén de Guy Delisle [K] 

Han Civilization de Wang Zhongshu 

*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E] 

domingo, março 30, 2014

Pódese dicir máis alto...

Lendo o xornal este domingo topo unha entrevista a José Antonio Marina que me sorprende gratamente, é que malia o título de pedagogo que a coroa, o seu contido está lonxe dos lugares comúns e orneos varios aos que nos teñen acostumados os militantes que frecuentemente visten a tal etiqueta. Eis unha mostra, e a ver se escoitan...

-O noso sistema educativo é memorístico. Ten sentido nun mundo onde buscar información é sinxelo?

Non penso que teñamos un sistema memorístico. Ao contrario. Os estudantes empezan a lembrar moi poucas cousas. Nos últimos anos temos insistido demasiado na importancia dos procedementos, nas actividades, na pescuda de información. E temos descoidado a segunda parte: hai cousas que teñen que aprender. Hai un estúpido descrédito da memoria. Non hai nada máis parvo que dicir que a memoria é a intelixencia dos parvos. É a dos parvos e tamén a dos listos. Pensamos a través da memoria e inventamos a través da memoria. Comézase a estender a idea de que para qué vou a aprender unha cousa se a podo topar no computador. Isto é un disparate. Un burro conectado a Internet segue sendo un burro. Os estudantes deben saber cousas para aproveitar a riqueza das posibilidades que da Internet. Se non saben nada, non atoparán nada.

sábado, março 15, 2014

Mostly Miniatures

Repasando o tema de Arte Islámica, descubro que no apartado de miniatura tan só se mencionan dúas obras: as ilustracións das 'Estancias' de Hariri por Wasiti e a imaxe da 'garza que leva ao cangrexo a un lugar seguro', de Calila e Dinma.  Ámbalas dúas son obras que descoñezo, malia que no último ano, e por obra e gracia sobretodo de Orhan Pamuk e da súa novela 'Chámome Vermello', pasei a estar algo familiarizado coa miniatura persa e a súa derivada, otomana. Anque a persa é a que representa o maior esplendor do xénero, é bastante serodia (posterior ás invasións mongolas do século XIII, e acadando o máximo desenvolvemento creativo e artístico nos séculos XV e XVI) polo que imaxino que os dous exemplos que aparecen no temario son de miniatura árabe, restos excepcionais nunha tradición en xeral iconoclasta e anicónica, e a maoría de cuxas obras terían desaparecido en todo caso no saqueo de Bagdad a mans dos citados mongois (contan as crónicas que o Tigris mudou eses días á cor negra, pola tinta esluída de milleiros de manuscritos destruídos, e á vermello, polo sangue verquido na matanza).

Navegando a Rede, xa que logo, descubro que o tal Hariri é Muhammad al-Qasim ibn Ali ibn Muhammad ibn Uthman al-Hariri, máis brevemente coñecido coma Al Hariri de Basora, cidade de triste memoria polas recentes guerras e disturbios do Iraq. Descubro que o seu periplo vital abarca a segunda metade do século XI e comezos do XII, e que alén de escritor e poeta, serviu de alto cargo na corte dos turcos Seljuquíes. Descubro tamén que, alén dun poema sobre erros gramaticais, a súa obra máis destacada, escrita nunha especie de prosa rimada (Saj‘) chámase en realidade "As Asambleas" (Maqamat), un xénero entre a retórica e a picaresca no que un lercho crisóstomo alcumado Abu Zayd de Saruj protagoniza un medio cento de calotes.
Canto ao ilustrador da obra, Wasiti sería Yahya ibn Mahmud al-Wasiti, un artista do século XIII nado na cidade de Wasit (de onde ven o seu alcume). Buscando as súas obras, recoñezo unha clásica que aparece en case tódolos libros de historia e que debe ser unha caravana de peregrinos ou comerciantes. Outra que se me fai coñecida é esta escea de soldados dacabalo. Outras esceas con barcos, xardíns, banquetes, camelos ou mezquitas non me resultan familiares.   

O segundo exemplo custoume máis atopalo. Coñecía o Calila e Dinma como unha traducción e colectánea de contos patrocinada por Afonso X o sabio (unha obra de longuísimo percorrido, xa que tería nacido como Panchatantra na India, pasando logo ao Pahlaví e Siríaco, logo ao Árabe, recalando finalmente no Castelán). A fábula do cangrexo e a garza (porque fábula é) podedes lela aquí. A miniatura foime máis difícil de topar. Ao parecer, é persa, e non árabe. Aparece nun manuscrito de Kalila e Dimna do Herat (actual Afganistán) datado da primeira década do século XV e conservado na Biblioteca Gulistan de Teherán.

Para rematar, engádovos unha miniatura dun zodíaco ou tratado astrolóxico persa, unha de cuxas ilustracións me resulta familiar dende a nenez por un libriño de astroloxía que teño dende vai máis de 20 anos. Ao parecer, trataríase dun manuscrito exipcio dos séculos XIV ou XV que reproduce un tratado persa do século IX: o Kitâb al-Mawalid de Abu Ma'shar (o 'libro das natividades', ou 'das revolucións dos anos de nacencia').