terça-feira, abril 30, 2019

Libros do Mes

What We Cannot Know de Marcus du Sautoy [E]

Curvas Peligrosas de Josep Sales e Francesc Banyuls

*The Fifth Elephant de Terry Pratchett [E]

*An Introduction to the language of Mathematics de Frédéric Mynard 

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

Shopping Basket






terça-feira, abril 23, 2019

O Vernero que foi - Abril '08

Logo dunha longa seca, as flores de abril do 2008 traían de novo un cortexo de entradas miñas. A pausa imaxino -que xa non lembro- motivada pola preparación bastante disciplinada das oposicións de historia e da ponencia sobre cibercidades que ía levar unhas semanas despois ao Urbes Europaeae de París. Penso que xa vos falei nalgunha ocasión do accidental do tema do parladoiro, que me fora recomendado polo profesor Abuín como tema algo máis interesante que o que lle propuxera de 'Compostela nos textos da Xeración Nós'. Peor aínda que accidental, xa que logo da reunión con Anxo estiven a cavilar en qué demonios sería iso das 'cibercidades' e qué parte literaria ía poder traballar aí. Mais sempre fun seguidor daquela cita de Roosevelt (o do garrote) que dí aquilo de que sempre respostes que sí cando che dín se podes facer algo, para logo rápidamente aprender a facelo. E coma noutras ocasións, o resultado foi bastante satisfactorio (tanto é así que aínda hoxe, o tema/teima da miña sempre aprazada tese doutoral é unha variación/extensión encol do mesmo do que falei en París).

Vexo nas primeiras entradas que aínda non me chegara o Cybercities de M. Christine Boyer que agardaba con impaciencia, que axudou a clarificar ideas e que sería un dos piares fundamentais do que ía a escribir, xunto coas novelas de William Gibson e o Cybercities Reader de Steve Graham. Tamén Edward Soja, un grande xeógrafo ao que citaba nunha das entradas e ao que daquela vía como un chisco de máis posmoderno, coas súas visións alephescas de LA, e que mesturaba cos delirio lumínicos e virtuais de Baudrillard no seu libriño América. Luces da cidade e da Internet que riman tenebrosamente coas recentes chamas de veludo e amaranto que lamberon a Notre Dame, e que no tempo do que vos falo  reducían a pó -cortesía dos Talibáns- as estatuas colosais dos Budas de Bamiyan.

sábado, abril 13, 2019

Ad Vocatio (5)

Rematábamos a entrada anterior cos comezos dos meus estudos de doutoramento. Por aquelas mesmas datas decidíame, coa excusa de que ía ter que botar alomenos 2 ou 3 anos máis en Compostela entre o DEA e o CAP, a comezar unha segunda carreira: Filoloxía Inglesa. Coma en tantas ocasións na miña vida, seguramente tomei a decisión correcta anque por motivos equivocados. Entre estes últimos imaxino que estaban a facilidade que lle supuña aos estudos ingleses, dado que xa posuía un dominio efectivo da língua, o meu crecente interese pola literatura e a inercia de seguir estudando no canto de tirarme á piscina da pescuda laboral. 

Novamente, non podo dicir que a carreira me decepcionase. Desta volta as miñas notas foron aínda mellores, e puiden colleitar unha carretada decente de matrículas, que alixeiraron en non escasa medida o custo dos estudos. Arredor dun tercio das materias eran de língua, outro tercio de literatura e cultura e un último bloque mixto de gramática, historia da língua e cousas varias. Foi eiquí onde topei sorpresas agradables, e tamén os ósos que case me tiraran para atrás á hora de plantexarme unha filoloxía, mais sobrevivín ás gramáticas, e tamén á fonética.

En paralelo con Historia, tamén eiquí descubrín 3 cousas relavantes, anque desta volta caeron na cesta do positivo, a saber:

1) Estes estudos tiñan moitas máis saídas laborais que os previos. Non é que iso tivera influído na escolla (aínda máis: nen sequera me plantexaba, por aburrida,  a saída de profesor de secundaria - inglés), pero nos últimos anos da carreira comecei a gañar algúns cartos coma tradutor. Nada para facerse rico, anque naqueles anos de burbulla inmobiliaria e subvencións, un podía gañarse modestamente a vida no verquido bidireccional de palabras e libros.

2) Se a investigación histórica aburría ás ovellas, descubrín, pola contra, que a literaria me resultaba moi entretida. Isto foi fillo sobretodo dunha optativa de literatura comparada baixo a éxida de Anxo Abuín, que conseguiría captarme para escribir algúns artigos de revistas e para percorrer algunhas cidades do continente cos congresos do Urbes Europaeae.

3) A terceira descuberta non foi exactamente de cousas, senón de persoas: nos anos da segunda carreira socialicei moito máis, incluso con persoas normais, e coñecín e fixen contactos con xente do máis interesante: Pablo e David, Tomás e a súa pandilla de xogadores de rol, ou os poetas do grupo Comparatista de Compostela.

Mais todo chega ao seu final. Apenas unhas semanas de rematada a carreira e de rematar (iso pensaba) coa ensinanza regrada comecei a pescuda dun traballo estábel e 'do meu' na administración, preparando oposicións de secundaria para Xeografía e Historia. Mais diso falaremos noutra xornada.

domingo, março 31, 2019

Ad Vocatio - Interlude

Un coñecido xornal galego saca hoxe coma suplemento unha guía de estudos superiores para o curso académico 2019-2020. Logo de curiosear un pouco nela, e anque hai moita información útil e relevante (notas de corte, lugares onde se imparte o grado / ciclo, ponderacións, materias básicas, saídas laborais...) boto en falla, sobre todo nas carreiras de Humanidades e Ciencias Sociais, datos algo máis relevantes, por exemplo que as meras saídas. Moi útil sería coñecer as porcentaxes aproximadas de egresados nesas saídas e nas derradeiras promocións (bo material para comerse a cabeza e tentar guiar mellor a toma de decisións o saber, digamos, que o 35% dos graduados en Historia rematan coma docentes de secundaria, e o 0.001% de docentes universitarios).

Libros do Mes

Fermat’s Enigma de Simon Singh

Landscape and Power in Early China de Li Feng [E]

Brahmagupta de Iolanda Guevara e Carles Puig

*An Introduction to the language of Mathematics de Frédéric Mynard 

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*What We Cannot Know de Marcus du Sautoy [E]

domingo, março 24, 2019

Ad Vocatio (4)

Toca recalar, nesta xeira de entradas, nos anos da miña primeira carreira universitaria. Os que seguides esta serie poderiades pensar, vendo a miña actual traxectoria, que a licenciatura de Historia me resultou decepcionante; nada máis lonxe da realidade.

En efecto, estaba a facer uns estudos nos que tódalas materias eran especializacións da miña teima favorita, e polo tanto, todas potencialmente interesantes. A facultade en sí era un edificio monumental, belido e antigo (e niso tan diferente á horrenda construcción de Matemáticas onde fixera a selectividade), e as súas mesmas pedras e retratos pendurados parecían confirmar o carácter sacral deste templo dos saberes de Clío. Sumádelle a isto que os meus compañeiros de aulas na súa maioría non eran alumnos vocacionais, senón rebotados, o que facilitaba que con relativamente escaso esforzo podía seguir sendo, coma no bacharelato, un dos máis listos da clase. Ás veces comenta o amigo Ramón Blanco que eu nunca estudaba para a carreira, o cal non é estritamente certo; o que ten de verdade tal comentario é que raras veces pasaba a noite ou o día anterior aos exames memorizando, xa que con ir lendo e ir facendo, nas aulas e no ocio, en xeral chegábame para pasar e aínda arrincar algunhas matrículas de cando en cando.

Porén, non todo eran froitos suculentos no Xardín do Edén. Malia estar estudando Historia todo o tempo, había materias tamén que me interesaban moi pouco ou nada: en xeral, as de Prehistoria, Arqueoloxía e Paleografía, polos contidos, e as de Historia Moderna; neste último eido o problema era que o departamento estaba (e seguirá estando, imaxino) copado pola escola/seita de Antonio Eiras Roel,  cun enfoque absolutamente centrado en historia económica e a demografía. A liña estándar dos seus traballos (digamos por concretar nun exemplo imaxinario, "Taxas de mortalidade e natalidade na comarca do Morrazo no século XVII") resultábanme totalmente carentes de interese, anque podía aceptar que eran traballos que podían ter o seu mérito, e que alguén tiña que facer (nunha liña non moi disimilar á do mantemento dos alcantarillados urbáns).

A serpe dos modernistas, porén, había seguir rillando no meu maxín e creando as primeiras sombras encol do meu futuro académico e laboral. Neses anos aínda seguía imaxinando que a miña principal saída laboral ía ser a docencia universitaria (e coma moi lonxana segunda perspectiva, quizaves a docencia en secundaria), mais nos últimos anos da carreira e nos cursos do doutorado fun descubrindo varias cousas desacougantes. 

A primeira foi que a investigación histórica (algo máis da metade do traballo dun profesor universitario) ía en xeral, en case tódolos departamentos, na liña dos modernistas, se non nas teimas estatístico-economicistas, sí na liña da elaboración de traballos aburridos, secos, triviais sobre aspectos concretos da historia de Galicia. Nada de escribir 'A Sociedade Feudal', a Méditerranée ou a Decadencia e Caída do Imperio Romano, senón monografías sobre mosteiros remotos, os seus tumbos e as súas propiedades; o foro e a propiedade da terra na Galicia contemporánea, ou as escavacións dos restos dunha vía secundaria romana a carón da túa aldea.

A segunda foi que en realidade, eu era moito menos listo do que pensaba; o meu expediente académico era bo, pero non excelente, e incluso no segundo dos casos, as posibilidades reais de acadar un posto profesional na Santa Casa eran realmente escasos, e requerían un longo peregrinar de anos polo deserto das bolsas e da precariedade. Ao pouco de comezar os estudos de doutorado, lembro ao meu titor, don Ermelindo Portela, sinalando a uns dos malpocados bolseiros que pululaban polos corredores perto do teito da facultade e dicíndome, no seu entrañábel e solemne castelán de Cantar de Gesta: "Acaba usted de comenzar el camino que le llevará a llegar ahí". Non lle contestara nada, pero sí cavilei que a meta que me propoñía era bastante decepcionante, e que o camiño que eu desexaba comezar era o de chegar a ser coma él. Creo que fora ese mesmo día, antes de aceptar a miña incorporación aos cursos de doutoramento, cando me inquiriu sobre perspectivas laborais futuras, dadas as malas perspectivas do noso oficio e alí faláralle (anque sen demasiada convicción interna) de que tiña pensado preparar oposicións de secundaria. A partir dese día, fun tendo claro que as miñas opcións para gañarme a vida a conta de Clío ían ter que pasar por ensinar a adolescentes e superar os exames de acceso á función pública.

sábado, março 23, 2019

Busy Teacher (3)

Xa vos daríades conta da miña parsimonia recente nesta casa dixital. Non pensedes que é cousa de preguiza, senón que ando moi ocupado con varios mesteres entre os que se inclúen o pequeno Mamoru, as aulas, algunhas lecturas moi densas e a tournée por diferentes Escolas Oficiais de Idiomas impartindo formacións (a semana pasada, Ourense e Viveiro; a que ven, a segunda de catro visitas a Vilagarcía). Nuns días quizaves tope o tempo para proseguir cos meus percorridos vocacionais, así que tede un chisquiño de paciencia, que todo chega.


sexta-feira, março 15, 2019

quinta-feira, fevereiro 28, 2019

Libros do Mes

Old London Bridge de Patricia Pierce

The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

Cross-Language Mediation in Foreign Language Teaching and Testing de Maria Stathopoulou

Documentos europeos varios sobre educación (White Paper on “Teaching and Learning: Towards the Learning Society” (1995); Recommendation of the European Council and Parliament on key competences (2006); Council Recommendation on key competences (2018)[E] [Art]

*An Introduction to the language of Mathematics de Frédéric Mynard

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA

*Landscape and Power in Early China de Li Feng [E]

sábado, fevereiro 23, 2019

Ad Vocatio (3)

No verán de 1998, logo da Selectividade, fixen a solicitude de matrícula na USC, poñendo a licenciatura de Historia coma primeira petición; miña nai conta que se enfadou un chisco cando llo contei, anque eu non o lembro así, e teño a impresión de que xa dende tempo atrás lles deixara moi claras as miñas intencións aos meus pais, ás que eles non tiñan a intención de oporse. Penso que a memoria da mater amabilis conxela a súa pequena frustración resignada a que o fillo con bo expediente académico non se metese a estudar unha carreira de proveito coma Mediciña.

O caso é que anque quixese daquela satisfacer os desexos familiares, o que eles quizaves non entendían é que a decisión xa se tomara moito antes, e non só polas miñas preferenzas: a escolla dun intinerario de Letras Puras en Terceiro de BUP (con 15/16 anos), impoñía xa unhas severas restriccións ao que, dous anos despois, ía poder estudar na universidade. E a escolla desa modalidade de bacharelato coceuse nos dous primeiros anos deste.

Dicíavos na entrada anterior que con 12 anos, a Historia era de longo a miña materia predilecta, mais isto non presentaba necesariamente un correlato coas outros humanidades. A afinidade con Clío veríase reforzada no IES Virxe do Mar polo maxisterio dun gran profesor que disfrutei 3 anos seguidos, Fernando Prieto Valdés (que hoxe exerce de vice no IES Arcebispo Xelmírez II da capital galaica) anque novamente penso que a esas alturas os malos profesores non ían poder quitarme o disfrute da asignatura. Porén, sí que tiña unha desinterese e antipatía manifestas polas materias de língua (galega ou española) e por todo o que se relacionase con gramáticas e análises sintácticas. Creo lembrar que en segundo curso víamos algo de literatura, e ésta resultoume moito máis potábel, sobretodo na súa vertente histórica (o medieval, os romances, e os anacos de literatura do século de ouro no libro de texto).

No eido científico-tecnolóxico, a bioloxía era a que máis me interesaba, e penso que non se me daba mal. A química resultábame moderadamente interesante, pero a física e as matemáticas compensaban de sobra polo outro lado -destas últimas tiven que ir a aulas de reforzo para poder tirar para adiante sen materias pendentes. Nos dous casos lembro notas paupérrimas nalgúns parciais.

Novamente, non creo que a culpa do malquerer se lle poida adxudicar aos docentes, anque neste caso, e no reverso de Fernando, non lembro que fosen nada bos, senón máis ben o contrario; de todos xeitos, o problema é que atopaba os problemas de física absurdamente complicados e carentes de interese, e ás matemáticas abstractas e traballosas. Non diría que vía as materias como pouco útiles, xa que ao contrario, partillaba xa daquela dunha mentalidade señoritil que miraba por riba do ombro a calquera coñecemento 'práctico' e 'aplicado'. Simplemente, usando unha metáfora economicista, o rendemento en autoestima e pracer intelectual que tiraba por esforzarme nestas materias non compensaba en relación con outras.

Neste caso falo de mín mesmo, pero sospeito que o problema da motivación e desa aparente habilidade intrínseca á que os adolescentes lle chaman 'dáseme ben' vai atada en moita xente ao binomio, ou divina proporción entre dificultade / recompensa; a falta de guías ou de presións, un vai escorando (e gustando) daquilo que se lle da ben e que lle require un esforzo razoábel. Só cando estás enganchado á materia e/ou a empregas para construír o amor propio estás disposto a lidiar con dificultades crecentes e a velas en positivo coma retos -sempre e cando os poidas superar, claro está; o docente sempre está a buscar esa zona 'Riciños de Ouro' onde o que ensina nen é demasiado doado (e aburrido) nen demasiado difícil (e desmotivador).

Coa historia no horizonte e un certo aprezo pola vida mol e estética e intelectualmente interesante do estudo das letras castelás, galegas e latinas, encarreireime, como digo, pola senda das Letras, onde había aprender e aprezar moitas cousas de interese. Non podo dicir que me arrepinta, anque sabendo o que sei agora, quizaves tería feito as cousas doutra maneira -só quizaves, porque en xeral son unha persoa moi feliz co que lle saiu na vida, anque tamén consciente da enorme sorte que tiven malia tomar moi arriscadas decisións de futuro en máis dunha reviravolta; mais iso xa daría para reflexións doutro tipo, alén do seguemento dos pasos perdidos que me levaron a ser o que son e a facer o que fago. E na seguinte entrada desta serie iremos debullando os meus acordes e desacordos cos estudos de Historiador na Alta Casa Compostelá.

quarta-feira, fevereiro 13, 2019

Shopping Basket

Eis as compras de febreiro. Tiveron un engadido extra motivado pola chegada das remesas estraordinarias que xeraron os meus parladoiros en Compos e Pontevedra.






domingo, fevereiro 03, 2019

O Vernero que foi: Febreiro / Marzo '08

Nos dous meses que nos ocupan, a pluma de FraVernero secou totalmente; Tentando pescar nas lagoas da memoria,  non son quen de lembrar o que motivou esta seca, anque imaxino unha suma de factores diversos. Por riba do habitual estado melancólico-depresivo e da ausencia dos Comparatistas que tanta vida lle deran á bitácora, o factor decisivo creo que foi o traballo: neses días estaba co estudo das opos e a preparación da programación, ámbolos dous grandes chuchadores de tempo; a maiores, estaba a choiar  en varios eidos, como a miña participación no Urbes Europaeae de París (facendo lecturas e escribindo a ponencia), e algo máis adiante, nas Xornadas de Añón, nunha visita guiada e lectura poética por Compostela para as estudantas alemanas da doutora Bischoff e nunha presentación sobre blogs para a USC...

Non estou no certo, pero creo que foi por esta época cando a miña familia mudou o piso da rúa Capela pola casa pétrea da rúa Xurisdicción, dende a que sigo a escribirvos. Entre as entradas do mes de abril vexo unha das primeiras fotos do meu dormitorio, xunto cos escasos libros que adornaban os seus anaqueis. A privacidade do espazo acubillaba os libros máis 'frikis' (Ciencia-ficción, Fantasía, Rol, Cómic), xunto con postais e iconos marxistas varios. A día de hoxe son tres os estantes que ocupan o mesmo espazo, e o maior engadido o desterro acá dos volumes postestructuralistas/posmodernos e a presenza destacada de arredor de douscentos libros de matemáticas e física, o actual hobby-horse que vou debullando de vagariño...


quinta-feira, janeiro 31, 2019

Libros do Mes

Robinson Crusoe de Daniel Defoe

*Cross-Language Mediation in Foreign Language Teaching and Testing de Maria Stathopoulou

*Old London Bridge de Patricia Pierce

*Algebra: Structure and Method de R. Brown, M.P. Dolciani et al.

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

domingo, janeiro 20, 2019

Ad Vocatio (2)

'Decíamos ayer' que as vocacións e os intereses son froito dun azar difícil ou imposíbel de clarificar. Continuamos hoxe cun pequeno exercicio de arqueoloxía persoal e dos camiños que fun tomando para rematar facendo o que fago e gustando do que gusto.

Acudindo á biografía familiar, houbo dous factores relevantes e contradictorios que penso influíron en alto grado nas miñas futuras escollas: a miña familia era (para o estándares dunha aldea galega dos 80) bastante próspera e acomodada ('Indianos' retornados de Inglaterra que botaron case unha década vivindo de rendas e intereses bancarios); ao mesmo tempo, o seu trasfondo era o de persoas case sen estudos, e que difícilmente podían encarreirarme e recomendarme lecturas; por outra banda, sí lles parecía moi ben que lese e que destacase na escola, cousa que non lles pasaba á maioría dos meus compañeiros de primaria. Todo isto supoño que levou a que a miña práctica lectora fose algo máis anárquica e autodidacta do habitual.

Sempre me gustou ler; gardo memoria, con poucos anos, de mirar para as letras grandes e con debuxos dun libro infantil coa frustración de non poder desnovelar os signos, e a memoria secundaria da miña nai dicíndome que aprendín a interpretalos a idade moi temperá. Entre as lecturas infantís, e da man de cousas máis predecíbeis (Mortadelo e Filemón, os tomos de Astérix, fábulas ilustradas, cousas de Disney...) xa ocupaban un espazo destacado os libros de mitoloxía e de historia. O primeiro destes que lembro é a Crónica da Humanidade publicada en 1987, e que penso foi un agasallo de Reis un tempo despois de ver o volume en Follas Novas e de pedir insistentemente por el. Por suposto que non fun capaz daquela de debullar as súas máis de mil duascentas páxinas, mais sí que lín moitas das entradas encol do Antigo Exipto, Mesopotamia, Grecia e Roma, e disfrutei das fermosas imaxes que as acompañaban. 

Lembro outro par de libros tamén, ou máis ben case cómics, sobre a vida cotián dos romanos, e outro similar que abarcaba á China de Han, aos Mongois, Nubios, Celtas, Bizantinos...

Algo máis tarde, con 11 ou 12 anos, a Historia xa se convertera na miña materia predilecta, e xa ampliara as lecturas a cousas máis concretas, varias delas collidas da miña estadía británica: a era das navegacións e exploracións oceánicas do século XVI, a Guerra Civil Inglesa, a Armada Española, os Austrias, as grandes batallas de tódolos tempos, a Idade Media e as dúas Guerras Mundiais, tanto en libros propios coma emprestados das bibliotecas de escolas e concellos. Libros que seguín engulindo e mercando nos tempos do instituto (por exemplo, os Atlas culturales del mundo, ou os 26 exemplares da Historia de España de Salvat).

Porén, esta narración parece algo teleolóxica, vista en perspectiva. Porque de pequeno tamén lía e gorentaba de moitas outras cousas que simplemente non toparon continuidade e non tiñan nada que ver cos escuros soños de Clío: lembro varios libros de bioloxía (dinosaurios, a vida na terra, o corpo humano; o que máis me fascinaba eran os virus e as bacterias), uns cantos de astronomía (Urania pouco lle tiña que envexar á outra musa na miña pre-adolescencia) e algunha outra cousa variada. Quizaves a ausencia máis salientábel era a falta de obras literarias de ficción, co cal volvo (e remato por hoxe) co trasfondo doméstico: na miña casa non se lía apenas, e menos obras de ficción; o apropriadamente filisteo era agasallarme exemplares de cousas prácticas e realistas, temperando o gusto polo fantástico dos nenos e empurrándome sibilinamente cara algunha futura profesión respectábel como a medicina ou o dereito.

quinta-feira, janeiro 10, 2019

Shopping Basket

Por mor da extra de finais de Decembro e da autocelebración do meu natalicio, as compras de Xaneiro soen ser o dobre de espléndidas (e caras) do habitual.  Desta volta permitinme ser aínda máis xeneroso, ao ter cobrado tamén varios traballos extra de finais do ano pasado.






quinta-feira, janeiro 03, 2019

O Vernero que foi - Xaneiro '08

Anque aínda non listaba os libros que lía cada mes, a lectura diagonal das entradas do comezo do 2008  fai de efectiva aide-mémoire: engulía, e disfrutaba moito, da Gloriana de Moorcock, unha ben forxada e ben curiosa peza, homenaxe, tocata e fuga de Mervyn Peake e da Faerie Queene de Spencer; tema/teima máis tenebrosa a de Ravensbrück, de Jack G. Morrison, encol das terríbeis condicións das presas deste campo de concentración alemán; de mulleres valentes tamén, e de parodia/imitación de Shakespeare, ía o Wyrd Sisters de Pratchett (R.I.P.). Dentro das lecturas académicas só albisco o Hypertext de George Landow, o primeiro dunha presada de textos posmodernos cos que ía preparando unha ponencia sobre 'cibercidades' para o Urbes Europaeae dese ano.

Xa vos falei de cómo, no decembro do 2006, fora convidado a asistir a unhas xornadas de literatura e cidade na Universidade de Kiel; tratábase dun proxecto europeo que continuaría con varios episodios máis, e na miña segunda quenda (París 2008) ía ter que preparar e presentar ponencia propia. Cavilando sobre qué facer, lembro propoñerlle (quizaves neste xaneiro que agora lembro?) ao profesor Abuín algo sobre a imaxe literaria de Compostela en Ferreiro, Risco e Pedrayo (non facía moito que rematara 'A Tecedeira de Bonaval' e tiña nas máns o risquián 'Dedalus en Compostela'); porén, as suxerencias do meu cicerone ían por outros eidos, e recomendoume facer algo sobre 'cibercidades'. Malpocado de mín, que xamais escoitara semellante palabro, nen tiña moito idea de a qué podía referirse! Mais coma sempre fun moi amigo da cita de Roosevelt (o do garrote) que dí aquilo de 'cando che pregunten se sabes facer algo dí que sí e ocúpate rápido de aprender a facelo', aceptei o reto e encarguei un libro por internet que lería nun chispás e que me resultou útil, elocuente e divertente: Cybercities, de M. Christine Boyer, ao que habían de seguirlle nos meses seguintes The Cybercities Reader de Stephen Graham, Internet Culture de David Porter, Postmodern Geographies de E. Soja, Cyberpunk and Cyberculture de Dani Cavallaro, Terminal Identities, de Scott Bukatman e moitos máis que habían de confluír no meu artigo/presentación Mapping the Unmappable’: Giro espacial, ciudad posmoderna, Ciberciudad, e que xerou o meu primeiro powerpoint (mais diso xa falaremos noutra xornada...).

segunda-feira, dezembro 31, 2018

Libros do Mes

Shih-ching de Ezra Pound (tr.)

The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.) [R]

*Cross-Language Mediation in Foreign Language Teaching and Testing de Maria Stathopoulou

*Robinson Crusoe de Daniel Defoe

*The Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning de Michael Byram (ed.) [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

sexta-feira, dezembro 21, 2018

Shopping Basket

Completando a sección fixa na que nos/vos apunto os libros que lín no mes en curso, dou paso tamén a unha nova na que vos/nos amoso os volumes que merquei nos últimos 30 días. Neste decembro caeron catro: tres de matemáticas e un de literatura inglesa.



sábado, dezembro 15, 2018

My Tess

Uns días atrás, co gallo da ponte da Constitución, aproveitei para facer unha visita rápida ao Reino Unido e pasar un tempo cos familiares que teño alá. Porén, unha das xoias que rescatei de xeito imprevisto foi esta foto do meu primeiro colexio anglosaxón, o Corpus Christi de Boscombe, alá polo curso 1989/90. 


Anque en xeral gardo boas memorias escolares, este grupo e este ano académico son os que acubillo con máis afecto nos recunchos da miña memoria por varias razóns. Unha delas é que era un estudante bastante popular e aprezado polos meus compañeiros (algo que poucas ou nulas veces había acontecer despois); outra é que entre esta tropa xurdiu o primeiro dos meus mellores amigos, Darren (comezando dende atrás, de esquerda a dereita, o cuarto rapaz da segunda ringleira), que foi case coma un irmán para mín e do que lamentei amargamente ter que separarme naqueles días anteriores ás redes sociais cando o cambio de país implicaba unha ruptura total de contactos. 

A terceira razón tamén ten nome, apelidos e posición na foto; na terceira ringleira, en sexta posición, podedes ver sentada a Teresa Frith, a primeira persoa da que o Mantedor estivo tolamente namorado (head over heels, coma din os ingleses), cunha desas querencias limpas, puras e infantís que só son posíbeis denantes da pubertade e son pasto da nostalxia no devalar adulto. O afecto e a persoa só vivían dende moitos anos atrás no máis profundo do meu maxín, fosilizado en imaxes fermosas coma flores topadas entre páxinas dun vello libro, serenas coma o silencio que segue ás badaladas dunha igrexa rural e afastada; mais grazas a esta descuberta podo volver a poñerlles carne (ou celuloide), comprobando que o recordo, que é traizoeiro, non mentía desta volta.

Van case trinta anos dende que se tirou esta estampa. Gorentaríame moito volver a conectar con esta xentiña -con todos-, e máis que nada, volver a saber do Darren e da Teresa, de cómo lles foi a vida, e quizaves quedar nun futuro imperfecto e non moi lonxano a tomar unha pinta con eles e parolar un chisco. Co primeiro xa contactei: acabou traballando de actor e agora vive en Polonia. Coa segunda, xa se verá.