sábado, maio 30, 2020

Libros do Mes

Historia de la literatura griega de Albin Lesky [E]

Letters and Epistolary Culture in Early Medieval China de Antje Richter

Manuel II Paleologus (1391–1425): A Study in Late Byzantine Statesmanship de John Barker [E]

The Trial of Socrates de I.F. Stone [E]

*The Book of Documents de Bernhard Karlgren [E]

*Plato de Benjamin Jowett (tr.)

*Plato and the Trial of Socrates de Tom Brickhouse e Nicholas Smith [E]

*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz

quarta-feira, maio 27, 2020

Back to square 1

Como xa vos teño comentado, este curso púxenme a choiar de xeito académico coas mates; porén, visicitudes xerais e particulares fixeron que non dispuxese do tempo que necesitaba investir nelas, e seguramente pequei de ambicioso na idea de cursar tres materias nun só ano. Nos meses que fican ata setembro, vou ver se son capaz de resolver a de Lenguaje Matemático, Conjuntos y Números, e ei empregar un anaco desta bitácora coma diario de autoaprendizaxe onde ir colando notas, reflexións e comentarios.

Acabo de refacer os 12 exercicios do tema 1 do libro. Cometín máis erros dos que agardaba: cousas a ter en conta:

-O 5a (un exercicio de transformar unhas frases de linguaxe ordinaria en proposicións lóxicas) penso que non o teño mal, xa que hai un certo grado de subxectividade á hora de decidir qué constitúe unha proposición; as frases eran 'Si salto en vertical, entonces caigo en el mismo sitio. He saltado y no he caído en el mismo sitio. Luego, no he saltado en vertical'. O que se agardaba era que reflexásemos a lei 'modus tollendo tollens', a saber, (p → q) ∧ ¬q ⇒ ¬p, donde p: "salto en vertical" e q: "caigo en el mismo sitio". Eu creei tres proposicións a partir destas frases, a saber, p: "salto", q: "me desplazo verticalmente" e r: "caigo en el mismo sitio", e as expresión lóxicas que me saía eran (p∧q) → r; p∧¬r; ¬q ou (tentando sintetizar todo) p∧¬r → ¬q.

-O exercicio 8 era un de creación de proposicións clausuladas, o cal non é excesivamente complexo, pero sí latoso (como nunha multiplicación por moitas cifras, é doado colar un despiste que che dea ao trate coa calculación). Tiven 3 erros (nos subapartados a, c e e), pero foron todos o mesmo, a saber: cando tes unha disxunción e unha das proposicións é unha tautoloxía (= 1), a disxunción tamén é unha tautoloxía: p∨1 = 1. Aquí metín a zoca porque é moi similar ao caso cando tes conxunción en vez de disxunción, e nese caso, o resultado é a proposición mesma: p∧1 = p.

-O exercicio 11 dérame problemas a primeira vez que o fixera e volveumos a dar agora, básicamente porque o que pide é algo que non se explica no libro de texto. O exercicio proporciónache os resultados da táboa de verdade dunha proposición (por exemplo, 0110) e logo pídeche que atopes un par de proposicións equivalentes a esa táboa. O xeito máis sinxelo é o que segue: ao ter catro ringleiras, esta táboa de verdade é o resultado das combinacións de dúas proposicións nucleares, p e q.  A táboa con tódolos posíbeis valores destas dúas e as súas negacións sería:

p       q      ¬p     ¬q

0       0      1        1 
0       1      1        0
1       0      0        1
1       1      0        0

Para o exemplo, 0110, primeiro mira en qué posicións a proposición ten valor de 1 (neste caso, segunda e terceira). Vas ás correspondentes filas da táboa e buscas as proposicións que teñen valor 1 nesas filas - neste caso, q e ¬p na fila 2, p e ¬q na fila 3. Se combinamos cada par destas proposicións con conxunción (que só emitirá un valor de 1 se as dúas proposicións teñen 1 tamén), o resultado é (¬p∧q) e (p∧¬q), cos valores 0100 e 0010 respectivamente. Se xuntamos agora estes dous con disxunción (que emite valor de 1 sempre e cando algunha das dúas proposicións teña 1 na mesma posición) o resultado é 
(¬p∧q)∨(p∧¬q), que reúne a táboa de verdade requerida (0110).

Para conseguir unha segunda proposición equivalente podemos manipular a proposición obtida mediantes reglas lóxicas (por exemplo, a distributiva). Outro método é aplicar a mesma estratexia que antes pero 'ao revés': no canto de fixarnos en cándo as proposicións teñen valor 1, fixámonos en cándo teñen valor 0; neste caso, sáennos p e q na fila 1 e ¬p e ¬q na fila 4. Se as combinamos con disxunción temos (p∨q) e (¬p∨¬q), cos valores 0111 e 1110 respectivamente. Se xuntamos agora estes dous con conxunción  (que esixe que as columnas equivalentes teñan ámbalas dúas 1 para dar un resultado de 1), conseguimos o resultado que necesitábamos: (p∨q)∧(¬p∨¬q), que reúne a táboa de verdade requerida (0110).

segunda-feira, maio 25, 2020

O Vernero que foi - Abril-Maio '09


Do mesmo xeito que este ano andiven liadísimo coa conversión forzosa da docencia ao formato dixital e co homeschooling do meu pequeno, nos dous meses da primavera de 2009 tampouco é que me sobrara o tempo libre, e testemuño son as (para aquel tempo) escasas entradas que ornan a bitácora, as máis delas moi breves, imaxes ou vídeos. Aos derradeiros traballos do Máster do Universo nos seus respectivos módulos sumábaselles o de organización, xestión e participación no Urbes Europaeae -lamentábelmente, a súa derradeira edición-, que como era de agardar, resultou molto divertente, con excursións a Portugal e ponencias interesantes. Creo lembrar a Tina Bischoff falando da 'Cidade Apocalíptica' de Torrente Ballester, ou ás italianas da Università degli Studi di Napoli "L'Orientale" sobre o "Viaje de Turquía" de Cristóbal de Villalón que me levaría a mercar o libro.

Falando de libros, albisco que lía daquela os meus primeiros tomos de K. Dick, na eterna preparatoria da miña tese doutoral que durme o soño dos xustos nunha pirámide ata o día que teña tempos exploratorios de ocio; algunhas das outras lecturas riman de xeito non buscado con algunha inquedanzas e volumes do presente destas liñas - os Arabesques de Bukharin coa súas memorias que penso mercar un día próximo, o neoplatonismo de Grabar coa miña lectura actual dos Diálogos do Filósofo, o Roman Games de Auget co Spectacles of Death de Kyle que once anos despois por fín me decidín a mirar...

Porén, o máis importante é o que non se escrebe: neses dous meses tiveron lugar os comezos da miña relación coa que a día de hoxe é a miña dona, e nai de Mamoru pequeno, e de días e de lembranzas moi felices que preludiaban unha nova era nos estadios psicolóxicos e vivenciais de FraVernero: o tempo das tebras remataba, e no seu canto abríase un escenario de luz dourada e escintilante tal que o pan de ouro dos mosaicos e iconos bizantinos aos que tanto aprezo lle teño.

quinta-feira, maio 21, 2020

Kαι συ, youtuber?

Ben sei que vos teño un chisco abandonados no Pazo; parte deste desleixo débese ao traballo e á paternidade, cada un dos cales chucha intensamente no tempo libre do que antes gozaba o Mantedor, e ámbolos dous vense intensificados pola epidemia e o confinamento. E logo, claro está, o tempo para lecturas segue a ocupar un lugar prominente coma o único ocio / formación ao que só renuncio de moi mala gana. Porén, hai algo máis que me resta tempo para a escrita virtual, é a elaboración de vídeos: na miña canle de youtube estou a pendurar lecturas comentadas dos poemas da antoloxía chinesa 唐詩三百首 (Trescentos poemas da dinastía Tang) e notas/resumos doutra lectura coetánea dos diálogos de Platón. Se calquera destes eidos vos interesa podedes ir a botarlle un ollo, anque advirto de antemán que as estou a facer na koiné universal, a língua de Shakespeare.

quarta-feira, maio 06, 2020

segunda-feira, maio 04, 2020

Computer Regained

Logo dunha pequena viaxe de recuperación, voltamos ao paraíso e a sentar no dourado trono, ao tornar o meu caro portátil novamente ás miñas mans. Síntese un xa medio cyborg ante a dependencia da maquinaria (moito máis en tempos de confinamento), só lixeiramente compensada  (compartida) co novo móbil que merquei e que me permite escoitar podcasts e ler libros, entre outras funcións. 

quinta-feira, abril 30, 2020

Libros do Mes

The Most Venerable Book (Shang Shu) de Confucius / Martin Palmer (tr.)

Zero: The Biography of a Dangerous Idea de Charles Seife

Agency de William Gibson

*Historia de la literatura griega de Albin Lesky [E]

*Letters and Epistolary Culture in Early Medieval China de Antje Richter

*Plato de Benjamin Jowett (tr.)

segunda-feira, abril 27, 2020

Computer Lost

Pois iso, que levo xa un par de semanas co computador ausente, á espera de que me digan se ten arranxo e canto me vai a custar, e dada a dificultade engadida de escribirvos doce canto en maquinaria allea, ides ter que amosar algo de paciencia, caros lectores. Pensemos que, coma no libro de Milton, esta caída (ou tropezo) será afortunada e dure ben pouco, 

¨...till one greater Man
Restore us, and regain the blissful Seat¨

Mentres agardo o seu retorno do τὰ κατώτατα, o purgatorio do servizo técnico, algunhas ideas para a escrita non me faltan, incluíndo algunha reseña e un espistolario de confinamento ás persoas boas e xenerosas que non podo ver neste Ano da Peste que está a agardar por un Defoe que o vista literariamente.


sábado, abril 04, 2020

忠

"Cando Zhu Di, entón príncipe de Yan, accedeu ao trono imperial pola forza co título de Yongle en 1402, pediulle persoalmente ao eminente mandarín Fang Xiaoru e ao vicecensor da capital Lian Zining que o servisen (...). Cando Lian se negou, e rifou co príncipe pola súa usurpación, Zhi Di fixo que lle cortaran a língua para calalo. O príncipe de Yan logo xustificou a súa ocupación da capital imperial e o ascenso ao trono do emperador Jianwen dicindo que 'o meu único desexo era o de emular ao duque de Zhou, que acudiu en apoio do mozo rei Cheng*. Dise que Lian meteu entón un dedo na boca e empregando o seu sangue escribiu no chan a frase 'Onde está o rei Cheng?'.

No caso de Fang Xiaoru, a confrontación coa súa maxestade imperial foi igualmente aterradora. O príncipe de Yan, educadamente nun principio, esixiulle a Fang, que fora confidente do emperador Jianwen e seguramente o último oficial en velo con vida, que redactase o anuncio coa sucesión do príncipe ao trono. Cando Fang se negou e alcumou a Zhu Di de criminal, os dous enleáronse nunha acalorada discusión:

Príncipe: Sigo o modelo do duque de Zhou, que serviu ao rei Cheng; non hai máis.
Fang Xiaoru: Onde está o rei Cheng?
Príncipe: Queimouse a sí mesmo no pazo.
Fang Xiaoru: Porqué non nomeas ao seu fillo emperador?
Príncipe: A nación require dun líder maduro.
Fang Xiaoru: Entón porqué non pos no trono ao irmán menor do rei Cheng?
Príncipe: Estes son asuntos da miña familia; non hai máis que dicir.

O príncipe, axitado, pasoulle un pincel a Fang Xiaoru para que escribise o anuncio da ascensión. Fang guindou co pincel no chan, e chorando e chego de carraxe, continuou coa discusión:

Fang Xiaoru: Se teño que morrer, que así sexa. Non penso escribir o borrador do anuncio da ascensión.
Príncipe (en alto): Como podes agardar que a morte veña tan súpeto? Non che preocupa que vaian morrer contigo os teus familiares ata o noveno grado**?
Fang Xiaoru: Como se o fas cos familiares de ata o décimo grado!

O príncipe de Yan, dándose conta de que Fang Xiaoru -que sabía o que lle acontecera ao emperador Jianwen- nunca o recoñecería coma o novo emperador ordeou aos seus lacaios que lle abrisen con coitelos as comisuras dos beizos de Fang ata as orellas. Logo pecharon a Fang nunha prisión, a onde lle traeron aos seus amigos e seguidores un a un. Cando Fang se negou a velos, matáronos. Dise que Fang agoniou por sete días, e que ata que morreu continuou a burlarse das pretensións de Zhu Di, legando un famoso poema á posteridade".

En A Cultural History of Civil Examinations in Late Imperial China, de  Benjamin A. Elman

*O duque de Zhou fixera de desinteresado rexente para o seu sobriño, o rei Cheng, e abdicara das súas funcións coa maioría de idade deste. Zhu Di era tamén tío do emperador Jianwen, mais o que fixo foi rebelarse contra él e, á cabeza do exercito, conquistar a capital e prenderlle lume ao pazo imperial, onde morreu o seu sobriño.
**Para certos crimes, era habitual na China Imperial estender o castigo (neste caso a pena de morte) ás nove relacións do criminal (pais, avós, irmáns, primos, fillos, netos, etc...).



quarta-feira, abril 01, 2020

terça-feira, março 31, 2020

Libros do Mes

The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

The Great Conversation de Robert M. Hutchins

The I-li (vol. 2) de  John Steele (tr.) [E]

Greek Iambic Poetry de Douglas E. Gerber

*Plato de Benjamin Jowett (tr.)

*The Practice of English Language Teaching de Jeremy Harmer

*Historia de la literatura griega de Albin Lesky [E]

segunda-feira, março 30, 2020

O Vernero que foi - Marzo '09

Os días marzais deste ano asisten a un andazo epidemiolóxico que difícilmente se podía albiscar non xa no lonxano 2009, senón tan só uns cantos meses atrás, agás nas novelas de William Gibson (a primeira dunha nova xeira, The Peripheral, ten lugar no remol dunha misteriosa catástrofe sanitaria e medio-ambiental alcumada 'The Jackpot' que elimina á grande maioría da poboación humana; nuns días conto con recibir a continuación, que se publicou no último Xaneiro). Once anos atrás o que me desacougaba era a catástrofe política da derrota do bipartito; malia o insatisfeito que estaba coas súas reformas e xestións, non por iso deixaba de ser un xuízo negativo sobre unha xeración (a miña) e unha lousa sobre as súas esperanzas e expectativas de futuro.

A autocrítica pairaba sobre a bitácora, anque lendo as súas entradas penso que faltaba unha pouca máis cara os meus propios esquemas de pensamento. Inxenua (e erróneamente) botáballe a culpa do afundimento á moderación de Anxo Quintana e puña esperanzas (moi traizoadas, por certo) en Xosé Manuel Beiras, cando monsieur Beiras era alguén. Ao tempo, e anque fose con ironía, seguía enguedellado intelectualmente nas redes dun posmarxismo estéril con algúns ribetes posmodernos. A día de hoxe, o pouco que aprezo do horizonte mental do FraVernero daquela é unha certa flexibilidade crítica e predisposta a escoitar as razóns dos Outros, anque os seus grolos fosen amarges e irascíbeis coma os do whisky. Porque vivir na incerteza (tamén a intelectual) é unha tortura de gota fría para unha persoa coma mín, de predisposición dogmática e teolóxica, mais parece un sino imposíbel de fuxir dos tempos posmodernos. Leo recementemente na Historia da Literatura Grega de Albin Lesky unha defensa da sofística, por mín sempre deostada (é o meu insulto favorito para os pensadores posmodernos e post-estructuralistas), e que sería unha sorte de precursora da Ilustración da Europa dezaoitesca. Porén, os relativistas do presente (e os do pasado, alomenos tal coma os pintaba Platón) só parecen habelenciosos nas demolicións intelectuais, e non nas arquitecturas constructivas.

sábado, março 21, 2020

De Garrulitate

O verballoas achégasechelle en todos lados, turrando da túa túnica e barba e petando nas túas costelas coa man coma se se tratasen dunha porta. 

Os pés son o máis valioso entón,

Segundo Arquíloco, e por Zeus, tamén segundo o sabio Aristóteles, pois cando un falabarato o estaba a anoxar e a repetir 'Non é sorprendente, Aristóteles?', retrucoulle 'O que realmente é unha sorpresa é que alguén con pés non escape do teu carón' 

sábado, março 07, 2020

sábado, fevereiro 29, 2020

O Vernero que foi - Febreiro '09

Botando a ollada atrás, o que máis me chama a atención das entradas do mes da Lupercalia é o meu interese por intelectuais en estremos opostos do arco cromático da política: o doutor Goebbels e Nikolai Bukharin. Deixando de lado o moito que os separa, mesmamente na relevancia e valía especulativa -o alemán é un pigmeo a carón do ruso-, sospeito que o elo que os une no meu maxín, daquela e agora, é a súa voluntaria suspensión da racionalidade perante a Causa e o Grande Líder. Éste é un pecado, unha trahison des clercs, á que son moi dadas as persoas da intelligentsia (o que vos escreve estas liñas estivo nesa poza de cheo). Facendo unha interpretación psicoanálitica (unha pseudociencia na que, polo demais, descreo cordialmente), diría que no fragmentado e incerto mundo da Modernidade, moitos pensadores botaban (botamos!) de menos un asideiro firme que permita construír un fortín contra as relatividades e as dúbidas: These fragments have I shored against my ruins, ou quizaves pensemos nun estadio mental de non-superación daquel mundo reconfortante da infancia onde as cousas son brancas e negras, e os problemas complexos teñen solucións doadas. Sospeito que a maioría dos adultos non espertan deste soño dogmático, e os escritores e filósofos non son tampouco excepción.

Na lealdade ata o derradeiro intre do coxo de Rheydt, ou no sacrificio pola causa do Rubashov de Koestler (trasunto apenas velado do 'fillo predilecto do partido') hai unha luz de nobreza, mais tal luminaria encaixa mal coa vileza dos patróns polos que se sacrifican: o pintor de brocha gorda e o caucasiano do Kremlin respectivamente. Moito mellor neste senso a ofrenda corporal dos mártires cristiáns, que alomenos agardaban recompensa de eternidade no alén e haxiografías e mosaicos dourados desta beira do Leteo. O Moloch totalitario moderno non só devora aos seus fillos, senón que, coma ben reflexionaba Orwell, busca destruír toda traza da súa existencia, e facelos morrer coma bos conversos que aplauden gorentosamente a súa propia eliminación.

Naqueles días ofrecía tamén recompensa de orellas ao que satisfixeran certo meme larpeiro. Penso que non se fixo o pago pertinente, ou sexa que se o gañador/a aínda len estas liñas, están a tempo de reclamar os intereses. Eis unha mostra que fixemos un par de semanas atrás.


Libros do Mes

The Dream Cycle of H. P. Lovecraft de H. P. Lovecraft [E]

How to be a Conservative de Roger Scruton [E]

Zuo Tradition, volume three de Stephen Durrant et al.

* The I-li (vol. 2) de  John Steele (tr.) [E]

*The Great Conversation de Robert M. Hutchins

*The Practice of English Language Teaching de Jeremy Harmer

*Greek Iambic Poetry de Douglas E. Gerber

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu

terça-feira, fevereiro 25, 2020

The Fungibility of the Past

Lín estes días un artigo (María Khayutina, 'Western "Capitals" of the Western Zhou Dynasty: Historical Reality and Its Reflections Until the Time of Sima Qian) que me fai cavilar no sinxelo que é esquencer e manipular o pasado en sociedades anteriores á nosa. A esencia do artigo ven a ser que na memoria das xentes da dinastía Zhou Oriental (770-256 A.C.) esluiu algo tan esencial como a lembranza das capitais do Imperio no periodo inmediatamente anterior (e baixo a mesma dinastía) de Zhou Occidental (1045-771 A.C.). Para que vos fagades unha idea, é coma se na Idade Media, os Bizantinos 'esquecesen' que Roma fora a primeira cabeza do Imperio, e pensasen que os Emperadores sempre reinaran dende Constantinopla.

Porén, neste caso non se trata soamente de desmemoria e desleixo: o artigo explica cómo os intereses de diferentes grupos (os reises, sensíbeis a minimizar a derrota e humillación que sufriran diante dos bárbaros en 770, coa perda do oeste e as capitais e a conseguinte debilidade do seu poder; os aristócratas da capital do leste, Luoyi, que non querían teren que compartir terras e privilexios cos exiliados do oeste, e preferían sustentar a ficción de que 'a capital sempre estivo eiquí') levaron primeiro ao silenciamento e logo ao esquecemento de que os monarcas de Zhou tiveran en tempos pretéritos pazos e centros en Qi, Feng e Hao, e reinaran durante séculos no territorio 'dentro dos desfiladeiros'. Mais a pervivencia dalgunhas referencias marxinais en textos clásicos e de certa memoria rexional no territorio orixinario axudarían, moitos anos despois, ao meu moi admirado Gran Historiador Sima Qian a 'redescubrir' e defender polémicamente a verdade sobre ese País Estraño que é O Que Foi.

Non só estraño, senón evanescente, o pasado existe tan só na memoria das xentes, nos seus restos (pedras, textos...) e na continuidade de costumes, de asentamentos e de prácticas que tecen o elo entre os que viñeron antes e os que viven agora. Mais en sociedades de moito peso da oralidade e do consuetudinario, non é estraño que o fío se torza e se trence de novo, axeitándoo ás necesidades (e aos prexuízos) do presente. Isto podémolo ver como unha caída, un fracaso ou un falseamento, pero é precisamente no que consiste manter unha Tradición viva: o continuo relear entre o Vello e Novo no que algunhas cousas seguen -Esquilo, Shakespeare ou Cervantes-, outras modifícanse, adáptanse, reinterprétanse a teor das esixencias dos vivos -as leis, as monarquías, as interpretacións relixiosas; Paulo de Tarso refacendo o Cristianismo para o mundo helenístico- e outras desaparecen, obsolescentes ou infortunadas, nas areas do tempo -a crenza e culto aos Olímpicos, ou a maioría dos poemas de Safo-. Porque o conservadurismo ben entendido non vai de manter un pasado impoluto e inmutábel baixo unha vitrina de groso cristal, coma as momias embalsamadas de Ramsés II, Mao e Lenin, senón en renovar o diálogo e manter a conversa entre o que fomos, o que somos e o que seremos.

segunda-feira, fevereiro 03, 2020

sábado, fevereiro 01, 2020

sexta-feira, janeiro 31, 2020

Libros do Mes


Spectacles of Death de Donald G. Kyle [E]

Zuo Tradition, volume one de Stephen Durrant et al.

Zuo Tradition, volume two de Stephen Durrant et al.

*Zuo Tradition, volume three de Stephen Durrant et al.

* The Dream Cycle of H. P. Lovecraft de H. P. Lovecraft [E]

*The Princeton Companion to Mathematics de Timothy Gowers (ed.)

*The History and Art of Chinese Seals de Sun Weizu