quinta-feira, julho 07, 2005

Don Quixote Liberado

Eis o título dunha peziña teatral de Anatoly Lunatcharsky, Comisario do Pobo para a Instrucción Pública, 'bolchevique entre os intelectuais, intelectual entre os bolcheviques'. Seguindo os modelos do teatro simbolista, o personaxe cervantino resucita, e continúa a percorrer as terras manchegas, sendo desta volta un testigo idealista de revolta e revolución.
A imaxe liberada penso que me acae ben a min mesmo, agora que estou 'liberado' de exames (que non dalgúns traballiños que farei este fín de semana; do que saque nun virá outra entrada neste blog). Estando xa en vacacións, xa podo dar comezo (ou máis ben, continuación) ás lecturas que tiña atascadas ou en punto morto.
Terei que retomar, xa que logo, o Tristram Shandy, a excelente e subversiva novela de Sterne. Ía polo sexto libro cando tivera que deixalo aparcado. Igualmente, o 'Libro dos Mortos' exipcios leva semanas botando pó. Xa mo han de reclamar na biblioteca da Serra...
E os libros de entretemento: nas horas mortas nas que quería pasar o tempo pero non comezar unha lectura seria ou densa, adicábame a dous textos de distinto signo: Heródoto (os 9 libros de Historia; tamén vou polo 6º) e Terry Pratchett (autor das hilarantes novelas sobre o MundoDisco). Ámbolos dous lense con tremendo gusto. O tipo de libros que che enganchan pola lapela da chaqueta e non che soltan ata que os tes rematados, exaustos, enriba do sofá ou da cama. Sacas un cigarro e comentas as melloras xogadas.
Non deixa de ter un efecto desacougante, de todas maneiras, o feito de que ningún dos dous produce unha maior impresión de realidade que o outro. Quizaves porque o xeito de facer Historia do cidadán de Halicarnaso xa nos quedou moi atrás, sendo empregando na actualidade só nas pezas literarias. As cidades, os coregos, estrategas, e ministros persas e tiranos revoltados de Xonia parecen tan reais ao lector contemporáneo como as pestilentes calexas de Ankh-Morpork, os silencios inquedantes do Patricio ou as cómicas patochadas de Rincewind, aprendiz de Mago.
Lembro que fai moitos anos fora a victoria ateniense de Salamina contra o invasor (lida nos 'Persas' de Esquilo e non na voluminosa obra herodotea) a que me inspirara un artigo chispeante nos días do 'Glorioso Movimento Asambleario' da L.O.U. (xa me sae a vena rancia...). O Artigo perdeuse, e quizais para mellor (alomenos no que a calidade literaria se refire). Comparaba nel aos estudantes cos atenienses sitiados por Darío -víl sátrapa- e auguraba una Salamina que se esborranchou e esluiu totalmente...

Eala þeodnes þrym! Hu seo þrag gewat, genap under nihthelm, swa heo no wære
'...¡Como pasou aquel tempo baixo o xelmo negro da noite, como se nunca fose!'

4 comentários:

seneschalkay disse...

Só unha breve entrada para deixar claro que neste blog non se van a permitir de ningún xeito ataques persoais nen insultos de prostituta ebria a ninguén. Tales comentarios serán eliminados sen nengunha clase de aviso.
Outra cousa serán as críticas racionais que con toda a dureza que se lles queira dar, se manteñan dentro dos límites do decoro. O demais, queda para as espaldas, no que moitos son excesivamente hábiles quizais.

Sir Gawain disse...

LUNATCHARSKI salvou da morte a Bakhtin, aínda que non puído o salvar da miseria dunha Asia Central ben distinta da das ambivalentes pero brillantes estepas de Borodin. Os desterrados, os apátridas e os exiliados son figuras de producción asociadas a culturas tan distintas como a China dos sabios poetas desterrados ou a longa viaxe de Dante, estranxeiro de si mesmo (...carichi treni che dall'Albania portano tanti stranieri in Siberia... desculpa a tópica asociación guilleniana).

Congratulámonos do teu descanso vacacional aínda que agardamos que non sexa un período completamente inactivo de xeito que saian reflexións que todos agardamos. Lunatcharski e as súas proxeccións na Galiza (do norte, que diría o dramaturgo), Os Ricardos e o cinema ou o eixo etoestético Benjamin-Trotski (ou Franza e a Serra de Outes)...

como xa teño dito nalgunha ocasión non andamos sobrados de descolonización e talento...

xa sabes, sola scriptura, que diría o alemán...

seneschalkay disse...

Certamente, agardo que o verán (sempre agardamos de máis...) teña como saldo final alomenos 2 ou 3 textos literarios e 2 ou 3 artigos sisudos sobre algún tema. Traballo inmediato son unhas 10-15 páxinas arredor do 'Tito Andrónico' de Shakespeare, que comezarei mañán.
Algún dos proxectos citados probablemente saia á luz como proxecto común de colaboración...
Xa que falas da tristeza erma das estepas asiáticas, non me resisto a colar uns versos do Mandelshtam desterrado polo stalinismo a Vorónezh (e despois á morte). Bakhtin destruiu un libro para poder ter papel de fumar. Mandelshtam tiña que escribir e gardar os poemas na memoria...
Alén, a data destes versos coincide co meu cumpleanos. Aí vai:

¿Qué facer coa morte das chairas
Coa fame alongada da súa milagre?
Pois o que cremos é espazo aberto
Vémolo nós, cando durmimos.
¿Cara onde van -medra a pregunta- e ¿de onde veñen?
E ¿non se arrastra por elas lentamente
Aquel que arrinca o noso berro en soños,
O Xudas dos pobos vindeiros?

...E de exiliados chineses, só recomendar o excelente relato gráfico 'Exiles', incluído no décimo e último volume da saga 'The Sandman' de Neil Gaiman (The Wake).

Sir Gawain disse...

Correlato estético absurdo que se me acaba de ocorrer: Mandelstam é a Paul Celan como Leopardi a Rilke.

Deséxoche un feliz e fructífero verán. Zone depresse...?