O seguinte texto non é unha fabulación de Borges, anque podería selo. Trátase dun fragmento do Clásico do Té (茶經, Cha Ching), o primeiro libro da historia arredor desta sustancia, e obra do erudito e esteta da dinastía T'ang Lu Yü. Vexamos o braseiro sobor do cal o noso home cociñaba o famoso beberaxe:
No meu braseiro tópase escritura na antiga caligrafía en cadanseu dos tres pés, sumando un total de vinteun caracteres. Nun dos pés pon "K'an enriba; sun deibaxo, e li no medio". Noutro pé a inscripción reza "Forxado o ano seguinte á destrucción dos Mongois pola Grande Dinastía T'ang". A terceira inscripción dí "Harmoniza os cinco elementos no corpo e expulsarás ás cen enfermidades".
Hai unhas xaneliñas no braseiro entre os pés. A parte do fondo ten o buraco de ventilación e o lugar para recoller as cinzas. Enriba de cada xanela hai máis caracteres na antiga escritura, sumando un total de seis. Hai dous caracteres enriba de cada xanela, e xuntos din "Para a familia Lu, para ferver o té".
Dentro de cada xanela hai unha reixa. Nunha está gravado un faisán. Agora, o faisán é un paxaro de lume. O seu trigrama é li. Noutra hai un pequeno tigre, que é unha besta de vento, e ten o trigrama sun. Na terceira hai un peixe, criatura de auga e do trigrama k'an. Sun goberna ao vento, li goberna ao lume e k'an goberna á auga. O vento pode erguer o lume, e o lume pode ferver a auga. Esta é a razón pola que conta cos tres trigramas. Outra ornamentación incluse deseños xeométricos, flores entrelazadas, follas de viña pendurantes e cursos de auga.
Sem comentários:
Enviar um comentário