Os que seguides esta pequena bitácora xa poderíades comprobar que o seu mantedor é un adicto dos libros: de lelos e de mercalos. Unha adicción que me resulta tanto máis desconcertante en canto vexo a diario o espectáculo xeral da indiferencia e rexeitamento que provocan. Un tende a pensar que o que lle gorenta e causa ledicia habería de satisfacer a outras persoas, mais día a día os lectores imos voltando a inmensa minoría...
Máis recente é o meu pracer por facer listas, que seguramente se relacione cun deixe meu algo obsesivo e ordenancista, con gusto por rutinas e planificacións. Algúns coleccionan cromos, bolboretas, paxaros, perfumes ou persoas (cfs. The Collector, John Fowles). No meu caso, entre os rexistros e series que acumulo destaca a dos libros que penso mercar no ano en curso e na Rede de Redes, repartidos en cadanseu mes, libreiro e cuantía estimada. Actualmente só leva uns tres meses de adianto, mais ten contado cos libros para todo o ano seguinte. E en xeral, o seu marxe de variación é escaso, anque fluctúa cando certos volumes deixan de estar dispoñibles ao prezo que agardaba pagar por eles.
Pescudando na xenealoxía destas relacións topo, na miña bitácora anterior, unha lista do 2006; dos seus nove volumes, rematei por mercar a día de hoxe uns 5, e de ler outros 2; había de historia medieval, marxismo e teatro clásico, que seguen sendo frikadas miñas, anque seguramente desprazadas no inmediato presente por outras rivais do estremo oriente...
No propio Pazo de Trasalba, e alén das listaxes dos libros que engulo ávidamente cada mes, topo senllas entradas de finais do 2008 e mediados do 2009 moi na liña dos traballos cos que andaba daquela, e que quizaves algún día non moi lonxano agromen en tese, arredor de te(i)mas de urbanismo, arte e literatura, comunidades virtuais, cultura de masas, ciencia ficción, simulación e simulacro e cultural studies...
Mais a día de hoxe as listas escaparon á modesta gaiola de bits da miña bitácora e/ou computador: en tres páxinas de amazon (a americana, a británica e a española) e na de abebooks teño os carriños da compra cheos cos libros 'de compra próxima', amais doutras listas, de acceso público, con libros de compra máis lonxana (aquí a americana e aquí a española).
Eis unha auténtica barricada, un enorme imperio de papel co que resistir os embates, dardos e frechas da nosa sociedade audiovisual. Ou unha balsa coa que navegar o posmoderno mar de adversidades do presente, e coa súa axuda, vencelo.
Sem comentários:
Enviar um comentário