domingo, março 31, 2013

Frivolitas

Estou aproveitando os días ociosos da Semana Santa para toparme de novo cunha serie verdadeiramente retro que xa descubrira anos atrás, alá polo 1991, nas altas horas da madrugada da grella británica: Mahabharat é unha serie da India na que, ao longo dos seus 94 episodios, se glosan as aventuras e desventuras do máis famoso dos poemas épicos do subcontinente. Podédela disfrutar gratuitamente en youtube.

Daquel primeiro visionado parcial a verdade é que lembro ben pouco, porque os ingleses emitíana no orixinal hindi sen subtítulos (si presentes noutra serie histórica hindú que tamén emitían: A espada de Tipu Sultán). O posterior coñecemento das lendas e narracións narradas permíteme recoñecer nos currunchos da memoria dúas esceas da serie: a conquista de Draupadi por Arjuna, e a humillación de Draupadi, evitada por Sri Krsna.  

Alén de para familiarizarse cun clásico da literatura universal, o certo é que a serie ten un elemento, diríamos, choqueiro, polo rudimentario dos efectos especiais e o ton de telenovela que se da por certos intres. Mais o que me fixo estoupar en homéricas gargalladas foi un comentario dun trasno malevolente ao capítulo noveno da serie: "Dhrtarashtra looks like ron jeremy, he trully is the king".

En efecto, como poderedes aprezar se mirades o capítulo (por exemplo, no minuto 6.18), o rei cego de Hastinapur, Dhrtarashtra (o actor é Girija Shankar) garda un parecido máis que razoábel co célebre 'porcoespiño', actor e pianista de Nova Iorque...

Sem comentários: