Ven a ser noticia nos últimos días que as tropas españolas están a repregarse de Herat, en Afganistán. Para os soldados que a deixan, seguramente non sexa máis que un torrido nesporeiro humano que celebran abandonar; para a maioría dos españois é tan só un significante sen significado, catro letras escuras de molde cuxa circumferencia tan só circumscribe imaxes ailladas de perigos, burkhas e lonxanías. Porén, Herat é moito máis ca iso.
É que a cidade, unha vez alcumada a 'Pérola do Khurasán' ou a Florencia do Oriente, é un dos máis fascinantes teatros do esplendor da cultura clásica de Persia, xunto coa veciña e máis sonada Samarcanda. Patria dunha historia milenaria, as súas orixes históricas asócianse ao Imperio Aqueménida (550-330 a.C.), que a bautizou co nome de 'Auga Dourada'. Pasou logo a circular, coma moeda corrente, por varias mans: as dos macedonios, os sasánidas, os hunos, os árabes e as dinastías locais de Safávidas, Samánidas e Gaznávidas. Mais o seu grande florecemento é máis serodio, e comeza coa chegada das hordas mongolas a Oriente Medio.
O comezo non puido ser máis desafortunado, xa que as tropas de Genghis Khan arrasaron a cidade e convertérona nun deserto durante décadas. Mais aquilo que che feriu tamén che sanda, como a lanza de Aquiles, e o 'coxo de ferro' Tamerlán, o descendente de Genghis, o destructor das cidades de Persia cuxas riquezas, homes e arquitectos levaba de volta para adornar a Samarcanda -visitada tamén daquela polos españois da embaixada de Ruy González de Clavijo, cuxas aventuras aínda podemos ler en fermoso castelán-; Timur Leng, dicía, e mailos seus descendentes timúridas tornaron a Herat na metrópole das artes e das ciencias, da cultura, dos pazos e das mezquitas; baixo o seu goberno ilustrado, as prazas enchíanse de xardíns adorables, pequenas miniaturas do paraíso, e as rúas inzábanse de tantos músicos, miniaturistas, calígrafos e poetas inspirados que o maior deles, Mir ‘Alī Shīr Navā’ī, gabábase de que bastaba petar no chan para que abrollase uns cantos feixes de alquimistas do verso (tal e como na nosa Galicia contemporánea, anque imaxino que con algo máis de arte). E de Herat procedía tamén o meirande entre os meirandes, o xenio supremio dos mestres iluministas persas: o mestre Kamāl ud-Dīn Behzād, cuxas imaxes aínda causan admiración e estupor entre todos aqueles que as contemplan.
Xa non florecen os versos e rosas nos seus xardíns, nen aqueles deliciosos melóns dos que tiñas saudades o Gran Mongol Babur cando tivo que deixar a terra natal para conquistar o seu imperio na India. A guerra semeou minas e metrallas, e abondosa colleita de opio e de heroína para os mercados internacionais que antes lle mercaban especias e miniaturas. Por iso neste intre de marcha dos cruzados serodios, lamento que a cidade non poida queimar os seus campos de mapoulas e caer nun soño narcotizado; un soño que non só fique nos esplendores de antano, senón que fora que de tecer un futuro mellor e tan nobre e tan bo para as súas xentes como aquel seu glorioso pasado.
Sem comentários:
Enviar um comentário