Tal era o odioso lema que ornaba a maioría das pegatinas dunha coñecida marca de boleiría nos anos 80 e 90. A promesa de xantar de balde outro pasteliño de chocolate ficaba adiada ata mellores ocasións, anque sempre podías xuntar algunhas monedas soltas para escorrentar novamente o espectro da gula.
Tópome en peor situación agora no que toca ao acceso a outra mercadoría na que sempre me toca seguir pescudando: os libros. Por desgraza, os meus excéntricos gustos ao respecto (nos últimos tempos, tocaron case exclusivamente boas traduccións de clásicos chineses e xaponeses, edicións caras dos ingleses e agora está comezando a agromar a interese polos textos máis canónicos da literatura e da arte persa) tampouco é que axuden moito, mais as editoriais tamén conspiran na miña contra, ao faceren tiraxes reducidas destes volumes que despois resultan inatopábeis, agás mediación -normalmente extorsionadora- do mercado internacional de segunda man...
Acúdenme numerosos exemplos para ilustrar a situación da que vos falo. Así, os tres volumes nos que ata o de agora traduciu o profesor David Knechtges o Wen Xuan e que no seu día editara Princeton University Press desapareceron do mapa, agás en terríbeis edicións de segunda e terceira man, ou o que é pior, de bibliotecas, a arredor de 300 euros o volume. E por suposto, á editora (á que contactei ao respecto) nen se lle pasa pola cabeza ningunha posibilidade de reedición.
Na mesma situación nos topamos no esforzo por mercar as escasas e irregulares traduccións inglesas da Khamsa de Nizami. O Haft Paykar, un dos seus cinco compoñentes, foi verquido en 1995 ao inglés pola doutora Julie S. Meisami. A día de hoxe, atopar o volume a un prezo decente constitúe un traballo digno de Herakles, limpando os estábulos de Auxías dos numerosos portais de venda on-line de volumes. No que toca a libros de arte, a situación agrávase, se cabe, xa que á escaseza súmase moitas veces o peso e tamaño dos libros en cuestión, cuns gastos de envío que non baixan dos 30 ou 40 euros para comezar. Dous son os volumes que máis me atormentan pola súa distancia, semellante á da estrela polar e a bóveda celeste: Bihzad, Master of Persian Painting de Ebadollah Bahari e The heritage of Japanese ceramics de Fujiyo Koyama
Por desgraza, os únicos recursos que acuden en axuda dun nestes terreos pantanosos son os da sorte e os da piratería, o que non deixa de ser unha mágoa, porque un estaría bastante contente de poder mercalos e darlle algo a gañar os seus merecidos traductores. Realmente non entendo porqué non se lle obriga ás editoriais que teñen un libro xa 'non dispoñible' a facer dispoñíbel unha versión económica en pdf das obras en cuestión, ou a cederlle de inmediato os dereitos de publicación a calquera editorial disposta á reeditalas e a satisfacer ao público lector. Imaxino que cara iso camiñaremos nun futuro non moi lonxano co libro dixital, que pola súa natureza é un recurso inesgotábel mentres siga funcionando a Fada Electricidade...
Sem comentários:
Enviar um comentário