domingo, fevereiro 15, 2015

KERIS

Entre as varias manifestacións culturais indonesias que me fascinan (e da man da música gamelan, do teatro de sombras -wayang kulit-, da arquitectura tradicional ou dos tecidos de algodón batik) está o kris, ou keris, un tipo de daga malaia asimétrica que funciona ao mesmo tempo como arma, coma obxeto estético e como artefacto relixioso e simbólico. É por todo isto que o kris está inscrito dende o ano 2008 na listaxe de Patrimonio Inmaterial da Humanidade da UNESCO.

























Pasando aos elementos que compoñen estas pezas o primeiro a notar é a empuñadura (hulut), habitualmente de madeira tallada ou de óso.  As formas que adoptan son moi variadas: en Bali é típico que sexan figuras antropormorfas, representando deuses e diaños do panteón hindú; nas zonas musulmanas (Xava, Sumatra), a proibición coránica das imaxes fai que as representacións tornen abstractas, apenas recoñecibles xa como paxaros ou homes, e que predominen as volutas e decoracións florais; na illa de Célebes é típico entre os bugis un mango moi curvado en forma de pistola; en Malasia,  é habitual o mango pekaka (literalmente, 'picapeixe', anque en realidade o seu pico curvado no remate non estexa inpirado no paxaro, senón que sería unha forma estilizada do antergo deus Shiva).

























Segue a continuación o mendak, unha peza metálica (en prata, ouro, bronce ou alquime) xeralmente circular e que ás veces inclúe incrustacións de pedras preciosas ou semi-preciosas.


















A terceira parte é, por forza, a máis importante: a bilah, ou folla. Esta presenta unha enorme variedade de formas (dapur), anque en xeral non son demasiado longas e presentan unha serie de curvas (luk), sempre en número impar. Típico é tamén que presenten un deseño a dúas cores, froito da mestura na forxa de ferro e níquel, dando lugar a uns deseños que se coñecen coma pamor.



































Para rematar, temos a baiña (warangka), onde se garda ao keris. Soen ser de madeiras nobres, anque en parte poden incluír anacos en marfín, é típico decoralas por diante con placas de metal labradas en volutas de flores.

























Alén da súa beleza e emprego como símbolos de estatus, os keris son obxetos case relixiosos e sometidos a reverencia: na forxa tradicional, o mestre ferreiro (o empu) sometíase a varias prácticas relixiosas e ascéticas, e dependendo da súa pericia podía saír unha arma 'afortunada' ou 'maldita', axeitada ou non ao carácter do dono, ou dotada de poderes máxicos e mortais.

Se tedes máis interese nestas pezas podedes botarlle un ollo a este documental en inglés, ou se o vezo é máis superficial, tedes estoutro, moito máis pequeno:


Sem comentários: