The Two Cultures
C.P. Snow (introducción de Stefan Collini)
2012, Canto Classics
* * * * (bo)
Unha das primeiras e intersantes chamadas de atención arredor dun problema recurrente e non resolto: o do coñecemento humanístico e científico nas nosas sociedades e o equilibro destes.
Coma un deses fractais que eternamente se descompoñen en versións pequenas de sí mesmos, a problemática arredor da relevancia e posición dos coñecementos humanísticos na sociedade actual conforma un relato de caída libre na que nunca parece que se chegue ao fondo. Con preguizosa rutina chegan titulares de prensa sobre doutores de letras vivindo da caridade pública, universidades xaponesas decididas a pechar as súas facultades de humanidades ou a inminente desaparición da filosofía no bacharelato español. E xunto coas novas, algún enésimo artigo, libro, reflexión ou discurso sobre a crise das humanidades, con posibles solucións (poucas) e defensas destes saberes fronte ao materialismo utilitarista da sociedade actual. O libro que reseñamos hoxe é unha pedra miliaria nestes debates, un título que sempre se cita como polémico punto de partida das non-bodas de Ciencia e Filoloxía.
Antes de ler o discurso de Snow, que xa sabía de boa tinta que fora atacado inmisericordemente por F.R. Leavis e lexións de humanistas posteriores, xa partía por eses mesmos motivos dunha simpatía inicial cara o autor e a súa tese (non pola virtude, tan galega, do autoodio, senón por outras causas das que podemos falar noutra ocasión). A simpatía confirmouse, anque tamén teño que dicir que aspectos da tese de Snow me decepcionaron un pouco.
A respecto desta: a idea principal que desenvolve o autor neste discurso público pronunciado en 1959 é a da fractura na vida intelectual de Occidente entre a cultura e os saberes humanísticos e os científicos, cos conseguintes problemas de comunicación entre os estudosos e de acción moral conxunta. Mais detrás desta tese xeral agóchanse outras máis partisanas entretecidas con esta: o rexeitamento do sistema educativo inglés, demasiado centrado para Snow nas Humanidades (para a élite) e na separación temperá de disciplinas; a arrogancia neoludita e pesimista dos 'intelectuais de letras', que desprezan a modernidade, o progreso e a acción moral e adoptan políticas inmorais (Pound, Eliot, D.H. Lawrence); e a necesidade de tender pontes entre os dous saberes (co exemplo notorio do descoñecemento, por parte da xente 'culta' de letras de principios básicos da ciencia como a Segunda Lei da Termodinámica).
Como dicía antes, en boa medida tópome dacordo coas ideas de Snow, anque sen dúbida algunhas envelleceron non pouco co paso dos anos. A súa confianza inxenua en que a labor científica, de por sí, crea persoas máis 'socialmente conscientes' do que a labor humanística topaba xa un desmentido xenial na 'Vida de Galileo' do seu contemporáneo Bertold Brecht; do mesmo xeito, a reducción dos campos de saber aos dous polos de cultura humanística vs. científica é moi simplista, anque podería aceptarse como válida tendo en conta que representan os dous polos estremos nun campo de coordenadas cartesián do Saber Humano; neste campo, o estremo esquerdo representaría as disciplinas máis accesibles ao método científico e á producción de verdades 'epistemolóxicas' e o estremo dereito a aquelas disciplinas que, sen caer por iso nun 'todo vale', son irreducibles de momento a leis universais e necesarias con experimentación recurrentes. No medio e entre os dous estremos toparíamos un amplo espazo para múltiples matices, proximidades e diferenzas.
O longo prólogo de Collini é tamén digno de encomio á hora de contextualizar as ideas e o debate arredor das 'Dúas Culturas', anque non quixera deixar de comentar que a súa deformación profesional (é humanista á fín e ao cabo) lévalle a soltar, á hora de criticar os esencialismos diferenciadores de Snow, a eterna, cansina e falsa cantinela postmoderna arredor dos 'cambios' no eido científico nas últimas décadas que terían relativizado o carácter verdadeiro e incuestionable do saber científico 'forte': sempre as mismas citas a Feyerabend e Kuhn (coma se estes representasen a opinión maioritaria no eido da Filosofía da Ciencia, ou como se algún científico se tomase en serio o que dín), as mesmas imcomprensións mal dixeridas da relatividade, a indeterminación, etc...
Sem comentários:
Enviar um comentário