quarta-feira, dezembro 28, 2016

Dobre reseña: Libro de Alexandre / Un universo gravitacional

Un universo gravitacional. Agujeros de gusano, materia oscura y espacio-tiempo

Mónica G. Salomone e Ángel Gómez Roldán 

2016, Batiscafo

* * * * * (excelente)

Estupenda obra de divulgación científica explicando variados aspectos da forza da gravidade.

------------------------

Libro de Alexandre

Anónimo (edición a cargo de Jesús Cañas)

2003, Cátedra

* * * * (bo)

Un clásico medieval, modelo de Cuaderna Vía, anque algo pesado por veces

As dúas obras que nos ocupan hoxe non teñen máis común denominador, alén de coincidiren na miña lectura, no tema da paixón polo saber que ámbolos dous ilustran: no Libro de Alexandre, tal desexo reflíctese dende a negatividade (querer saber demasiado é unha mostra de soberbia que non ficará sen castigo); no Universo gravitacional, consoante cos nosos tempos e valores modernos, é parte da pescuda gloriosa de ampliar o saber e os límites da ciencia, e representada por unha galería de nomes honorábeis.

O libriño de Salomone e Roldán, parte da serie 'Descubrir la ciencia' da que xa temos falado, é un moi ben redactado e entretido parcours tanto polo descubrimento e mudanzas no noso coñecemento encol da gravidade coma por unha presada de experimentos e descubrimentos recentes relacionados con ela (materia e enerxía escura, o LIGO e a detección de ondas gravitacionais, os buracos negros e algunhas posíbeis liñas de investigación no futuro).

Saltamos case mil anos no tempo á Castela do Gótico e ao quase-enciclopédico Libro de Alexandre, que alén de narrar (por veces, con moita imaxinación) as fazañas do heroe da Antigüidade, segue o espírito dos seus tempos na súa intención moralizante e relixiosa de pintar un espello do príncipe ideal, a imitar polos reises medievais, á par que redacta un extenso sermón sob o título do 'Contemptus Mundi': incluso o rei máis poderoso, sabio e valente, aquel que conquistara tódolos reinos da terra, estaba condenado a perdelo todo coa morte: moito máis axeitado prepararse para a vida eternal e sen mácula, onde a roda de Fortuna ficará en στάσις, e a alma en έκ-στασις.

Ámbalas dúas son obras moi encomiábeis; a da colección Conciencia é pequena e moi asequíbel, malia o contido científico; o poema medieval vese dificultado pola linguaxe, pola extensión (máis de 2500 estrofas, arredor de 10000 versos, sen pausas temáticas ou capítulos) e pola natureza tan 'outra' do mundo e do imaxinario feudal que representa, mais paga a pena seguir as súas liñas ata o final.

Sem comentários: