Botando unha olladela, comprobo que o Nadal do 2005 foi unha época propicia para a escrita, cunhas oito entradas arredor dos hobbyhorses que na aquela altura rondaban o meu maxín; entre as novas de actualidade estaba a saída do primeiro libro de poemas de Ramón Blanco, Orfeo en soños, que marcando un eterno retorno acaba de ser agasallado co Premio Eusebio Baleirón polo poemario Se pedra na brétema. Do mesmo xeito que aquel, o novo volume ha xerar unha presada de reseñas e comentarios a adornar os ocos da bitácora en canto teña o libriño entre as mans.
Seguía pelexando naqueles días coas lecturas encol do posmodernismo (Lipovetsky e Foucault en Santa Compaña) e outras, máis clásicas (os libros de historia de Herodoto). A sombra das línguas tamén pairaba como unha branca neve que descende, sen vento, na miña memoria: linguas reais, coma o Osetio, ou inventadas, coma o Ithkuil. E quizaves a metáfora da neve debe algo máis que ao Dante á lembranza do xélido Gulag e doutra lectura dun volume de Tomasz Kizny extraído dos anaqueis da facultade de xornalismo, que moito visitaba daquela...
A neve e a repetición fanme pensar e sentir, quizaves, unha certa στάσις intelectual con respecto ao que lía e pensaba once anos atrás: agora adícolle pouco tempo aos posestructuralistas, e cunha mirada máis hostil; un libro de Dumézil sobre Osetios e Escitas segue agardando, paciente, a que o lea; moita máis paciencia terán que ter os volumes irmáns da Histoire de la sexualité...
Sem comentários:
Enviar um comentário