Lendo estes días un volume con textos de Hesíodo e apócrifos homéricos, anacos variados de poesía grega arcaica (maiormente épica, en hexámetros), estas dúas cousas, entre outras, chamárone a atención:
A primeira é un dos versos da Titanomaquia, onde se narraba o combate entre os deuses olímpicos e os xigantes (os seus primos, os Titáns) polo dominio do mundo. O poema como tal perdeuse, anque atopa versión resumida na Teogonía hesiódica e en obras de arte -por exemplo, os frisos do Altar de Pérgamo-. Nestas verbas acubilladas nas obras de Ateneo, lemos que:
Eumelo nalgún lugar introduce a Zeus danzando; dí "No medio deles danzaba o Pai dos Homes e dos Deuses".
Alén da curiosa imaxe do deus danzarín, estatua mental dun Shiva europeo e neoclásico de marbre pulido, tamén capturou o meu maxín o Epigrama número XIII, tamén cunha presenza oblicua do Crónida enviados flocos, un poema moi axeitado ás friaxes do inverno, aos avatares persoais do mantedor, e lucindo cunha cadea de metáforas sinxelas e seductoras, tal un brazalete de ouro ou de oricalco dos que desenterraba Schliemann en terra troiana:
XIII
Os nenos son coroas do home, torres da cidade; os cabalos son a gloria da chaira, e asemade os barcos do mar; as riquezas fan un casa grande, e os príncipes reverentes sentados en asamblea son cousa gorentosa de ver para o pobo; Mais un lume ardente fai unha casa máis acolledora de ver nun día de inverno, cando o fillo de Cronos envía e neve dende enriba.
Sem comentários:
Enviar um comentário