No moi frío inverno de comezos do 2006 (unha friura climatolóxica que conxugaba cunha friura espiritual, da que lembro moi escasos flashbacks - ausencia de amigos en Compostela, a habitual tristia erótico-festiva, capítulos do doutor House no televexo, estadía nun minúsculo piso en Doutor Teixeiro, carreiras nocturnas pola Alameda e a Costa de Vite, camiñatas diurnas cara a facultade en mañás de sol frío, absorto nun libro de poemas que leo mentres ando-) víame acosado por soños opresivamente intensos, que exorcizaba na escrita de textos íntimos e indiscretos. Lía tamén a Bauman (Lexisladores e Intérpretes) que acaba de falecer non vai moito, e cuxas sabias anque tristeiras reflexións tampouco axudaban a levantar o ánimo. Todas as imprensións melancólicas de xaneiro escorrendo, implacábeis, como as famosas augas do río de Lao Tzu que aos poucos esfarelan a rocha e a montaña, ou coma as pingas que se filtran nas rochas calcáreas para formar estalactitas nas covas interiores: a verdade e coñecemento non son compañeiros necesarios da felicidade, anque cando un pode ver as cousas dende unha distancia estoica, valen máis ca esta.
segunda-feira, janeiro 30, 2017
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário