Viaxando nesta peculiar máquina do tempo a Abril do 2006, vexo a miña curiosidade polas ruínas do Palast der Republik, metáfora acaída da fin do Socialismo Real e que antes ou despois desta data tivera oportunidade de contemplar en vivo. A nova Europa posmoderna do pastiche e dos mercaderes paira de novo cos seus guindastres enriba da obra, cun pomposamente bautizado Humboldt Forum que recreará por fora a codia do pazo dos Hohenzollern e o mal gusto, pesado e hortera, da súa veciña catedral.
Entre as lecturas (que non anotaba daquela) vexo, alén dunha cita resultona do Barthes, unha de Albert Soboul e do seu 'Comprender a Revolución Francesa'. A Grande Revolución é un eido que sempre me interesou, e do que teño lido unha pequena presada de libros (incluíndo un par deles, en inglés, da biblioteca de Outes). Dentro dos temarios das oposicións de historia, un dos meus favoritos -o 37- ía precisamente arredor da Historiografía (que non a Historia) da Revolución Francesa, e que tería escollido con certo gusto a falta de que caesen os meus temas mellor preparados (os idade media, mundo clásico, historia política moderna e contemporánea e arte). Soboul é un dos maiores representantes da tradición 'Clásica' ou Marxista, xunto con Lefebvre, unha tradición que (talmente o Palast der Republik) os historiadores revisionistas, con François Furet na cabeza, andiveron a derruír.
Sem comentários:
Enviar um comentário