É un lugar común, no que mesmamente o mantedor mesmo ten caído, o de gabar a vetusta antigüidade das universidades europeas. Porén, e como case tódolos exercicios de interpretación histórica, poñer a énfase no que une ao Studium Generale medieval coas institucións académicas actuais, aínda cando compartan nome, espazo, edificios e carimbos, non deixa de ser unha verdade (ou mentira) a medias.
Igual de lexítimo que seguir a función continua da entidade docente sería verquer a historia en matemática discreta; Dende esta nova perspectiva, poderíamos dicir que as universidades de investigación que nacen, a comezos do XIX, coa Revolución Francesa e as reformas Humboldtiás teñen nada, ou moi pouco que ver, coas súas antecesoras de Antigo Réxime.
Non é que nos seus setecentos anos anteriores o organismo universitario non experimentase mudanzas; é que cualitativamente, a universidade premoderna non presenta rupturas importantes. Entre os cambios habería que citar, quizaves, un proceso lento (moi, moi lento) de superación da máis estricta supeditación a igrexa, e o aumento númerico (especialmente notábel coa chegada do Renacemento) das universidades; No eido da continuidade temos un número de carreiras limitado -coa Teoloxía como raíña, e cos escasas compañeiras: Dereito (nas vertentes civil e canónico) e Medicina-, no pensamento intelectual, un tremendo conservadorismo e reaccionario, ancorándose na escolástica e no pensamento aristotélico, cos profesores adicados a predicar a doutrina dogmática, e en xeral cunha atitude de desdén patricio cara a Revolución Científica dos séculos XVII-XVIII, moitos de cuxos científicos e pensadores buscaron acubillo nas Academias dezaoitescas, auténticos 'laboratorios de investigación' da época. Unha mostra é o xenial Gottfried Wilhelm Leibniz, que antes que enreixarse a ensinar nos muros da mediocre universidade de Altdorf preferiu percorrer media Europa coma mensaxeiro, diplomático e historiador ao servizo dos Electores de Hannover.
Sem comentários:
Enviar um comentário