sábado, julho 29, 2017

O Vernero que foi - Maio '06

Nas vacacións da Semana Santa do 2006 aproveitei que os compañeiros comparatistas estaban de Erasmus en Bolonia para facer unha pequena escapada ao norte de Italia, a segunda visita que facía á bota europea (a primeira, uns anos antes, fora cunha excursión de arqueoloxía, centrándose en Roma, o museo arqueolóxico de Nápoles, Pompeia, Herculano e Paestum). Daquela estadía gardo memorias entrañábeis e -por desgraza- poucas fotos. Mirando atrás vexo que prometía cronicar a estadía, e como tantas outras promesas virtuais, non cheguei a cumprila. A día de hoxe, a memoria, que sempre é mala historiadora, de seguro me falla se desexo exercitala nisto...

Lembro, por exemplo, unha certa estupefacción que me causara o aeroporto de Forlí, ao que cheguei nun voo barato de certa infausta compañía irlandesa que comezaba a coller sona daquela. A sorpresa viña tanto do nome e localización do aeroporto (Bolonia-Forlí sería un equivalente noso de, digamos, Santiago-Serra de Outes) como polo seu aspecto (unha escasa parede de cemento e pouco máis separaba a zona de aterraxe da rúa exterior). 

Chegado a Bolonia en transporte público, lembro tamén o desacougo da estación metropolitana, tan desleixada e acompañada de figuras sospeitosas como soe acontecer nestes non-lugares. Mentres agardaba que os poetas galaicos me viñesen buscar, pousei unha ollada máis grata na Porta Galliera que abre o camiño ao casco vello da cidade e á Via Indenpendenza. Chamárame poderosamente a atención a súa maxestade barroca, reminiscente dun Arco de Triunfo, cunha xigantesca tiara, escudo e chaves papais facendo de recordatorio e memoria pétrea do control que os Sumos Pontífices exerceron sobre a cidade, mal que lle pesase a esta, ao longo da maior parte da súa historia. Os outeiros dos Chigi, grandes banqueiros sieneses ao servizo da Santa Sede, coroaban as esquinas superiores e repetíanse no escudo cos carballos dos della Rovere: as armas de Alexandre VII, que fora legado reticente na paz de Westfalia, bautizador de Cristina de Suecia e aceptábel mecenas e xestor, hoxe soterrado na espectacular tumba que lle fixo Bernini...


Sem comentários: