Onte saiu publicado no DOGA o Decreto 81/2018 do 19 de xullo que establece o currículo dos diferentes niveis de idiomas que se imparten nas Escolas Oficiais de Idiomas. Aínda estou a botarlle unha olladela, e vou aproveitar para tomar notas e facerme preguntas arredor dalgúns dos seus contidos segundo os vaia lendo.
Artigo 8: Acceso e matrícula
4. Os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega,
Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 permitirán o acceso, respectivamente, ás ensinanzas
de galego dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2.
Isto creo que é novo; cando eu cursara o B2 de Galego, a titulación requerida para o acceso era o Celga 4. O novo parece máis lóxico, anque podería xerar unha avalancha de matriculados no C2 de galego.
O decreto (alomenos nesta parte) non fala dos accesos que darán os diplomas de entidades privadas (Cambridge sinaladamente) ou as titulacións universitarias. De novo, cando me matriculei por libre para o B2 de inglés, daquela non había posibilidade, creo, de matricularse directamente no C1 ou C2 (que non se impartía) incluso coa licenciatura en inglés (alomenos, na modalidade libre; tería que consultar no caso da oficial).
Artigo 11: Certificacións
"... a consellería competente en materia de educación determinará as condicións en que o profesorado especialista en linguas estranxeiras deba participar na elaboración, administración e avaliación das probas para a obtención dos certificados dos niveis básico A1 e básico A2 dos idiomas que se determinen".
O interesante desta nota é que parece deixar a porta aberta a que 'profesorado especialista en línguas estranxeiras' (e non só profesorado de EOI; os de secundaria?) tamén avalíe e certifique os niveis básicos de línguas. É un desexo que ven de atrás (xa a consellería o tentara infructuosamente cunha especie de tribunais paritarios secundaria-eoi para avaliar e certificar alumnado de secundaria. A inclusión eiquí pode ser un brinde ao sol ou agochar unha nova concretización disto).
Na mesma liña, a Disposición adicional cuarta (Extensión da orferta educativa) no punto dous afirma, logo de dicir que tentará gradualmente extender as ensinanzas de EOI a tódalas comarcas de Galicia, que
"a consellería competente en materia de educación deberá determinar as condicións en que se poida impartir o nivel básico noutros centros docentes públicos, seguindo criterios de equidade territorial en materia de educación e emprego".
Sem comentários:
Enviar um comentário