Conta a lenda (e contaba o xadrecista aficionado Javier Rodríguez 'Panero' con delectación) que logo de fuxir da URSS, e cando o xadrecista ruso Víktor Korchnoi participaba no torneo polo título mundial de 1978, a delegación soviética esixiu que xogase baixo unha bandeira branca rotulada 'apátrida', ao que o mestre ruso tería respondido, con moita retranca, que aceptaba a idea da bandeira branca anque cun recheo tipográfico diferente: "Eu conseguín fuxir". A anécdota venme ao maxín cando reflexiono, nesta chuviosa tarde outonil, encol da miña propia escapada da ensinanza secundaria, consumada de xeito definitivo este ano.
Son consciente de que non fun xusto coa docencia a adolescentes (anque certo é que xa non me gorentaban moito cando eu era un deles): para empezar, só botei un ano neses trafegos, e a miña imprensión subxetiva é que un non se sente seguro e cómodo nun traballo alomenos ata botar 2 ou 3 anos nel (é o que calculo que me levou no caso das Escolas Oficiais de Idiomas); malia pertenceren ao eido educativo, os dous tipos de traballo que realicei non tiñan prácticamente nada en común, e non se retroalimentaban; que o centro e os grupos que me tocaron en secundaria non fosen os máis doados de lidiar para un profesor novel tampouco facilitou que me integrase ben. Estou seguro de que, con máis anos, experiencia e noutras contornas había facer un traballo tan bo, e de sentirme tan a gusto como agora na sección de Noia. E seguramente, había ser quen de cultivar algunha maior empatía cos meus discentes (algo que me resulta moi doado cando son adultos, agradecidos e/ou racionais).
A vida da moitos xiros, e anos atrás tería considerado merecedor dunha hospedaxe permanente en Conxo a quen me asegurase que ía rematar os meus días ensinando inglés, e disfrutándoo. Non creo que as reviravoltas me leven de novo ás trincheiras das ensinanzas medias, e dende logo nun mudarán o respecto e admiración cara o traballo e a paciencia dos ex-compañeiros que persisten nunha meritoria guerra fría contra as cadeas da ignorancia e da inmadurez, e nun contexto de case nulo recoñecemento e aprezo.
Sem comentários:
Enviar um comentário