terça-feira, novembro 03, 2009

Comunista(s) do Mes: Os Fusileiros Letóns

Xa sei que vou con certo retraso en dúas das seccións fixas prometidas. Esta xa a tedes eiquí. A de filosofía terá que agardar a ben entrado este mes, xa que o estudo, a traducción e outras lecturas deixáronme parado ás portas da República de Platón...

Os fusileiros letóns (Latviešu strēlnieki) foron un dos corpos militares, inicialmente composto de voluntarios, que o goberno tsarista reclutou na Letonia, daquela unha provincia rusa, co gallo da Primeira Guerra Mundial. Cando en 1917 estoura a Revolución de Outubro, moitos deles pasan a apoiar ao novo goberno; receben o alcume de 'fusileiros letóns vermellos' (Latviešu sarkanie strēlnieki), e nos primeiros momentos constitúen, xunto cos mariñeiros de Kronstadt, os gardacostas e garda pretoriana dos bolcheviques, e un dos poucos corpos disciplinados e efectivos dos que dispñen nos comezos da revolución. Destácanse ao longo da Guerra Civil, suprimindo revoltas en Moscova e Yaroslav e loitando contra os líderes contrarrevolucionarios Denikin, Yudenich e Wragnel. En 1919 receben a máxima condecoración da época, a Honorábel Bandeira Vermella da VTsIK, e un dos seus oficiais -Jukum Vacietis- convértese no primeiro comandante en xefe do Exército Vermello.

Tiveron menos sorte no seu país natal, que aproveitou o dereito de autodeterminación outorgado polos bolcheviques para fundar unha república independente nas costas do Báltico. Coa firma do tratado de paz, en 1920, entre Letonia e a Rusia bolchevique, moitos dos fusileiros retornan á súa patria.

Os que ficaron en Rusia pasaron a ocupar altos cargos no Exército Vermello, na Cheka e no Partido Comunista. Nembargantes, coa chegada dos anos 30, a maioría foron fusilados e deportados ao Gulag, compartindo o destino dos 'vellos bolcheviques' e dos intelectuais.

Moito máis adiante, trala reocupación de Letonia pola URSS e a morte de Stalin, os fusileiros serían rehabilitados, e construíuselles un museo e un fermoso monumento en Riga. A caída do réxime comunista volveu a colocalos na picota, xa que moitos letóns desprézanos como colaboradores da odiada gran potencia veciña. O seu museo foi reconvertido no '
Latvijas Okupacijas Muzejs' ('Museo da ocupación de Letonia', que mete no mesmo saco aos Nazis e aos Soviéticos) e moitas voces reclaman a voadura da rosada pedra esculpida que os representa...

terça-feira, outubro 27, 2009

Volare, oh oh

Por máis que lle gorente a Dean Martin, o certo é que dar voltas polo globo partindo da Gallaecia é un considerábel quebradeiro de cabeza, agás que pretendas viaxar tan só a cidades españolas ou aos aeroportos máis terceiromundistas de Europa (si, isto vai por ti, Bologna-Forlì, ou a exemplificación de como se pode montar un galpón pequeno de cemento, vendelo como aeródromo e usurpar de paso o nome de Bologna, a moitos kilómetros de distancia).

Sen entrarmos na absurdidez minifundista do país, con tres campos de aviación en diferentes gradacións e matices do pior ao lamentábel, o caso é que incluso o presuntamente mellor deles, na Lavacolla, adoece de falta de conexión con calquera aeroporto internacional digno de tal nome. Por suposto, o sucursalismo con Madrid ou Barcelona suple moitas, pero non todas, as necesidades.

Agora mesmo o Mantedor está a romper os cornos na pescuda (non urxente nen inmediata, iso si) dun billete para Osaka, en Xapón, que non o leve en ameno percorrido de 7 días por tódalas aeroliñas do continente, outros mundos e parte de Portugal. Dado que a península ibérica carece de voos directos co País do Sol Nacente (P.S. e como farán os xaponeses para chegar a Compostela ou a Barcelona?) ata o momento fun incapaz de tecer un encaixe de Camariñas ou cubo de rúbik que implique menos de 3 cambios de avión e outros tantos días perdidos tan só nos diferentes transbordos. Se a alguén se lle ocorre algunha suxerencia ou solución para semellante nú gordián, son todo ouvidos a aperto por anticipado ao meu Alexandre Magno...

quarta-feira, outubro 21, 2009

Corrixindo apuntamentos - O Mosaico

O tema 56 das oposicións é 'Arte clásica: Grecia e Roma'. Un deses temas moi sinxelos dos que todo o mundo ten moito que dicir. Repasando a sección adicada ao mosaico, nembargantes, vexo que os meus apuntamentos deixan moito que desexar, e que mesturan o mosaico propiamente dito co lithóstroton. Como guía esquemática para perplexos e aclaración mental para sí veñen as seguintes aclaracións:

Lithóstroton

-do grego λιθoστρωτος, "cuberta/esparcido de pedras".
-decoración de chans (revestimento pavimental)
-materiais: fundamentalmente, pedras e marbres. Area, grava, pó de marbre e algúns máis para os diferentes estratos preparatorios.
-diferentes tipos: opus lapili (pedriñas e 'guijarros'), opus tessellatum (teselas de cores de non máis de 2 cms. de ancho), opus vermiculatum (teselas minúsculas; ata 68 por centímetro cadrado) e opus sectile (lousas de marbre ou alabastro, crustae, cortadas en formas xeométricas. Semellante ao taraceado).

Mosaico

-do latín musaicum, á súa vez forma neutra e tardía de musaicus, 'das musas' ou reformulación a partires de musīvum (opus), emparentado coa mesma raíz musēum, musaeum, 'museo, das musas'.
-decoración de paredes, ao estilo da pintura (ás veces, noutros formatos menores)
-materiais: vidros de cores, marbre. Os mesmos materiais de recheo e de estrato que o lithóstroton.
-diferentes tipos: para o mundo antigo, que é o que nos ocupa, só cabe falar de 'opus musivum'

Isto é se seguimos a Antonella Fuga (Tecnicas y materiales del arte), porque outros autores non ven tan claras estas distincións, e inclúen categorías que mesturan as opus do lithóstroton co mosaico. Por exemplo, opus classicum, que mesturaría o tesselatum co vermiculatum, ou opus palladianum. Se os lectores teñen suxerencias, fico con ollos e orellas abertas...

segunda-feira, outubro 19, 2009

Ver para crer

Os lectores habituais perdoaránme que cole unha caricatura (emprestada de Gonzalo Vilas e de gznación), mais ás veces é certo o dito de que unha imaxe vale máis que mil palabras...


quarta-feira, outubro 14, 2009

Escéptico co E-Book

Certamente, o aparato conta con tódalas miñas beizóns. E as posíbeis ventaxas son moi seductoras: posibilidade de carrexar nun formato confortábel centos ou incluso miles de libros, emprego de procedementos mecánicos de pescuda, marca-páxinas e navegacións hipertextuais, acceso doado a volumes doutra maneira difíciles de atopar... E nembargantes, o que parece un terreo prometedor está estancado, e non ten visos de mellorar no curto ou medio prazo.

Algúns dos problemas teñen que ver coa tecnoloxía en sí: o e-book require unha versión careira nunha carcasa (o e-reader), tanto máis dispendiosa debido ao espectro de obsolescencia tecnolóxica que acompaña sempre aos aparellos electrónicos, alén dos perigos da Bruxa Avería. O aparato necesita recargar baterías e enchufes cercanos, e o cabalo de bataia segue sendo unha resolución absolutamente non-cansina da vista, comparado co papel. Relacionado coa autonomía enerxética, as imaxes a cor de alta resolución (que son as que máis problemas dan) tamén requiren de axustes e de melloras.

Mais o problema maior ven dado ao meu ver pola torpeza e timidez das empresas do ramo, xunto coas súas arcaicas estratexias de control e de dereitos. Os e-books dispoñibles presentan unha variedade incompatíbel de formatos, e unha obsesión enfermiza por evitar os perigos da piratería que concretiza en menos dereitos para o comprador de e-books (por exemplo, non podes facer copias, e incluso a compañía pode hipotéticamente retirarche acceso ao libro que xa mercaches). Se a isto lle unimos uns prezos absurdamente caros (actualmente, moitos dos e-books custan case tanto coma os equivalentes en papel), enténdese a irrelevancia dos nichos de mercado que acadaron. Non quixera xogar a Casandra, mais temo que as limitacións dos empresarios e a ausencia dunha forte inversión improductiva e anterior ata que o sector poida manexarse por si só (que foi o que pasou con Internet) parecen condenar ao sector ao marasmo ata dentro dunhas cantas décadas, é unha situación que lamento. O fetichismo propio polo libro de papel non exclúe as utilidades innegábeis do novo (por exemplo, e como dicía, para libros 'raros' que agora teño que pillar por correo, carísimos e de segunda man), e incluso é posíbel imaxinar unha convivencia harmónica onde o libro tradicional ocupe un nicho de 'mercadoría de luxo', con mellores edicións en papeis de calidade. Mais polo momento, as posibilidades non cristalizan máis alá de soños calderonianos, 'y los sueños... sueños son'.

sexta-feira, outubro 09, 2009

Toussaint L'Ouverture


























Hoxe FraVernero quixéralle adicar este seu pazo e espazo ao libertador Toussaint L'Ouverture, obxecto da súa máis intensa e humilde admiración coma heroe revolucionario, libertador e primeiro dirixente da (ate agora) única revolta exitosa de escravos. E por evidente metonimia, fiquen tamén e sobretodo homenaxeadas as masas de xacobinos negros que racharon coas súas cadeas e devolvéronlle ao lixo humano dos tiranos e explotadores unha parte tan só do que realmente merecían.

terça-feira, outubro 06, 2009

Haiku Outense

Hoxe pola mañán animeime a ir correr. O noso clima galaico non é que acompañase moito, e máis ben ameazaba a cada intre con darme unha ducha de auga fría coma preludio da de auga quente para despois do deporte. Non é que me apetecese moito, mais o tempo escampara algo, e a tarde presaxiaba celebrar unha interminábel catarata de música acuática. A ameaza -alomenos no que tocou á mañá- ficou nunhas cantas pingas, e o percorrido ilustrou as belezas paisaxísticas da Serra de Outes, cuxo telón de fondo natural descola nun escenario de chuvias e brumas. A néboa difusa agochaba ao fondo os eucaliptos e creaba un non-sei-qué de pintura chinesa en tinta e pano de seda: a vida coma servil imitadora da arte. Cando chegaba ao final do percorrido, trotando á beira do río Tines, desconcertoume a visión dunha ánade de plumas de acibeche que corría/voaba por enriba das augas, nunha especie de velocísimo eskí a uns centímetros por riba do cristal fluído, e que me adiantou con facilidade. O episodio fíxome pensar, e lembroume un poema de Shiki:

"Sen esta viaxe / e sen a primavera / teríame perdido este mencer"

E certamente vexo coma un incidente afortunado este pequeno satori, un de tantos que a natureza produce e que as máis das veces carecen (nen botan en falla) da presenza humana que neste caso experimenta "Correndo pola ribeira / a incríbel velocidade / dun parrulo que me adianta!"

quarta-feira, setembro 30, 2009

Comunista do Mes: Vyacheslav Menzhinsky

Non é que teña moita man para as seccións fixas. A 'Oteriana' quedou sen aire, mais confío en que esta, na que homenaxeo a figuras senlleiras do movemento comunista, aínda perdure alomenos por uns meses...

Vyacheslav Menzhinsky (1874-1934) foi un revolucionario de orixe polaca e aristocrática, e o segundo Comisario do Pobo para as Finanzas despois da Revolución de Outubro. Neste cargo non tivo moitas oportunidades de lucirse (nos primeiros días, o seu ministerio consistía exclusivamente nun diván no que permanecía deitado o comisario, cunha folla de papel engadida na que poñía 'Comisariado de Finanzas', e o seu papel principal consistía en organizar a grupos de mariñeiros para que asaltasen os vellos bancos do estado e forzaran aos funcionarios, a punta de pistola, a soltar a pasta). Sería máis adiante, a partir de 1926, cando Menzhinsky acade algo máis de sona coma o heredeiro de 'Felix de Ferro' na OGPU, o servizo de seguridade soviético que sucedera á Cheka.

Digno heredeiro da intelligentisa pre-revolucionaria, Vyacheslav era un home culto e refinado, se ben un tanto diletante (Trotsky, de língua sempre afiada coma unha espada, dicía del que parecía máis ben a sombra dun home a medio facer, un pobre boceto dun debuxo inacabado). Desenrolara un dominio fluído sobre máis de 10 linguas, entre elas o koreano, chinés, turco e o persa (esta última aprendeuna ex profeso para poder ler a Omar Khayyám na súa língua orixinal).

Coma chekista, a súa labor foi bastante eficaz, conseguindo desbaratar as accións dos centros antibolcheviques do estranxeiro mediantes varias operacións de contra-intelixencia (as operacións Trust e Sindikat-2), alén da captura e execución do espía británico Sidney Reilly.

Culto e enfermizo coma un personaxe decadentista, este retrato bolchevique de Dorian Gray sufriu nos seus derradeiros anos dunha anxina aguda que o converteu prácticamente nun inválido. Recostado nun sofá do seu despacho da Lubyanka, Menzhinsky despachaba os diferentes casos e interrogatorios que eran a prerrogativa e o privilexio do Inquisidor Maior da república dos sóviets.

Fiel seguidor de Stalin, a cuxa alta sombra medrou como pranta vizosa, Menzhinsky será, con todo, o segundo e último xefe da Cheka en amosar a continuidade coa Revolución traizoada e unha certa honestidade e independencia con respecto ás fantasías e terrores delirantes do terríbel xeorxiano. Os seus sucesores no cargo serán meros psicofantas pervertidos e sádicos facendo os traballos suxos e agardando á que os pillase o reverso tenebroso da roda da fortuna. Os tres rematarían fusilados en circumstancias predecíbeis e similares...

sexta-feira, setembro 25, 2009

A voltas con Rushdie

Só hai que mirar un chisco atrás para saber que Salman Rushdie non é un descoñecido desta casa. O mantedor manifesta sempre que pode a súa grande admiración polas virtudes éticas e estéticas do autor dos Fillos da Medianoite, e fai uns días tivo oportunidade de entrevistalo co gallo do Congreso de Semiótica que ten lugar na Coruña e que viu inaugurar o escritor anglo-indio. O contacto foi máis breve do que desexaría, xa que por mor dos retrasos e problemas varios destes trafegos, o cuarto de hora que tiña asignado acabou reducido a cinco minutos, nos que apenas puiden saúdar a Salman, darlle a asinar un volume da súa última novela e formularlle 4 das 12 preguntas que levaba preparadas. Os que estexades interesados nas respostas teredes que armarvos dun chisco de paciencia e agardar ata o suplemento galego do ABCD de finais do mes que ven, e non ao de mañán (onde os forofos de Werner atoparán, de todas todas, unha reseña miña d' A santidade habita o deserto, de Ronaldo Amaral).

Un é un mitómano. E agora que pasei a ver a Rushdie de perto, venme ás mentes o célebre episodio dos Versos Satánicos visto a través do prisma infantil (ano 1988) dos meus oito anos daquela. A imaxe televisiva dos islamistas vestidos de negro queimando un libro, a condea a morte e o descubrimento do perigoso que aparentemente podía ser un libro. Ollalo despois con certo temor e fascinio nos escaparates das librerías, coma quen olla para un alacrán ou víbora velenosa nun terrario das especies máis peligrosas do mundo. Cando -moitos anos despois- cheguei ao libro, o mito xa esvaecera, e o que ficou foi a lectura agradábel dun volume excelente, ameno, intelixente e inmellorábelmente escrito...

domingo, setembro 20, 2009

Fondo sen Fondo

Coma todo adicto aos libros (incluso teño estraños soños con eles, nos que son un vampiro catador e engulidor de volumes; deben de ser flashbacks do inconsciente cara a Bola de Cristal e o librovisor...), FraVernero ten unha longa xeira de filias e fobias no que toca a formatos e edicións. Do mesmo xeito no que toca ás editoriais. Dentro do mundo hispánico, e falando do bo, hai moitas que son obxeto da miña devoción. Limitándome ás que considero as seis mellores, teríamos (en orde ascendente):

-Castalia
-Siruela
-Gredos
-Hiperión
-Cátedra
-Fondo de Cultura Económica

Todas obeceden a unha certa división do traballo intelectual. Así, Castalia descola polas súas edicións críticas e de calidade de textos literarios en língua española, sobretodo na colección de Clásicos Castalia. Edicións moi coidadas, con abondosas notas e introduccións extensas a cargo de prestixiosos especialistas configuran o paraíso do filológo castelán, vamos. Deles conto con pezas valiosas como as Soledades de Góngora ou o Persiles de Cervantes.

Siruela é unha editorial curiosa, filla dos traballos e os días dun dos descendentes da Duquesa de Alba (que agora, por certo, está insatisfeito coa liña 'comercial' que colleu Siruela e saiu a fundar unha nova). A súa especialidade son os libros medievais raros, e niso tocan unha das miñas maiores aficións privadas e confesábeis. Tamén inclúen cousas valiosas do oriente, como a primeira traducción íntegra ao español de Viaxe a Occidente, un clásico da literatura chinesa do Renacemento, ou as Historias bizantinas de loucura e santidade de Xoán Mosco.

Gredos ven a ser como Siruela, pero con máis pelas. A súa colección de clásicos greco-latinos é excepcional, mais os que me coñecen saben que nisto o que me chama son as edición bilingües da Loeb anglosaxona. Fai anos que saca unha colección de clásicos marxinais e non-europeos nunha serie carísima, gris/marrón con cousas como Jacques o Fatalista, o Heike Monogatari e teatro chinés.

Hiperión é a escolla obrigada cando se trata de poesía, máis que nada polo emprego de edicións bilingües, 'bonitas' e económicas (fronte, por exemplo, a Pre-Textos, con edicións moi boas pero que van ben pagadas), anque convén fuxir como da peste dos seus exemplares de escritores da península...

Cátedra toca cordas similares a Castalia. Os seus volumes soen ser máis baratos, e con introduccións máis modestas. De tódolos xeitos, o que a fai destacar no podio non é a súa colección de letras hispánicas (anque tamén teña moitos exemplares dela, coma Laberinto de Fortuna, o Criticón ou o Viaje a Turquía) senón as traduccións cosmopolitas da sección Letras Universales, nas que o emprego profuso de notas fai a lectura máis levadeira en autores oscuros, e incluso preferíbel ao emprego dos textos orixinais (isto tamén facilitado polo carácter bilíngüe de case tódolos volumes de poesía desta colección). Ezra Pound é o exemplo que se me ven á mente, máxime cando o mundo das edicións anglosaxón fuxe deliberadamente da nota a pé de páxina en volumes literarios.
Alén, compre louvar en Cátedra as coleccións 'universitarias' que teñen, como Frónesis ou Teorema, que inclúen libriños interesantes anque careiros e moi pequenos.

Pero o que sen dúbida arrastra a coroa da victoria para mín é o Fondo de Cultura Económica, unha iniciativa transnacional (de orixe Mexicana mais que agora inclúe boa parte de Hispanoamérica e a península) que leva producindo dende os anos 30 as mellores edicións en lingua hispana de clásicos das ciencias sociais e das humanidades. É a fonte limpa á que acode un para disfrutar da Historia da Loucura de Foucault, do Pensamento Salvaxe de Levi-Strauss, do Mediterráneo de Braudel, do Capital de Marx entre moitos outros.

Mais como está claro que na esfera sublunar non hai espazo para a perfección, o Fondo tamén ten eivas. A maior para mín é a terríbel distribución que teñen, alomenos na Galiza. As librerías mellor surtidas rara vez contan con máis de 5 ou 6 volumes desta casa, encargalos é un pesadelo e a páxina web é un caos onde só aparecen edicións ultracaras en rústica de máis de 300 dólares.

Nestes intres estou á espera de que me cheguen dous volumes deles, que atopalos e encargalos foi toda unha odisea que de por sí merece unha entrada: Los reyes taumaturgos, de Marc Bloch, e El nuevo mundo industrial y societario, de Charles Fourier. Cun moito de sorte, o primeiro debera chegar mañán nun paquete contra reembolso. Do segundo non teño novas, e seguramente siga sen telas durante bastante tempo...

sexta-feira, setembro 18, 2009

Música para un Ouveo

Non quería deixar pasar o mes sen mencionar o soberbio espectáculo que, baixo a dirección de Borja Costa, bo e vello amigo e compañeiro de aulas, tivo lugar en Coruña e Vigo os días 3 e 4 de Setembro. A montaxe, baixo o título de Música para un Ouveo, era unha mestura de recital poético do Howl de Ginsberg (e algúns poemas máis) e de improvisación musical, cun quinteto de cordas e piano.

Aunque un non é, evidentemente, un crítico imparcial, quixera destacar a boa calidade da montaxe, cunha interrelación entre a melodía e o verso tan equilibrada e precisa coma o corte cunha pedra de diamante. Hai casos nos que o intento de mesturar varias artes xera un certo desequilibrio non buscado, ou segue a éxida da subordinación. Neste caso, temos pola contra unha polifonía e delicada arquitectura, na que tódalas pezas encaixan sen o mínimo atisbo de disonancia.

Só fica congratular a Borja, aos músicos e ao traductor/recitador, Xoán Abeleira, e recomandarvos a asistencia ao espectáculo, que agora circulará por terras hispánicas. Nalgún lugar brumento e elevado, os poetas beats que militan no sorriso fan os coros da peza que nos ocupa i erguen un cáliz de leda conmemoración...



P.S.: Na ligazón que vos adxunto, a personaxe que aparece na foto como 'Borja Costa' é en realidade Xoán Abeleira. O amigo Borja é o da foto que vos colei eiquí enriba.

segunda-feira, setembro 14, 2009

Kevin Alan Brook - The Jews of Khazaria

O estraño ritual de sacrificio do Kagan dábase ao parecer entre os turcos occidentais e os kházaros. Dacordo co historiador árabe al-Istakhri, un límite éralle imposto á duración da vida dun Kagan kházaro despois de que comezase a gobernar. Os nobres poñían unha corda de seda arredor do pescozo do Kagan, e deixaban de apretar cando o Kagan empezaba a afogar, e entón preguntábanlle: "Canto tempo pensas reinar?". A intención dos nobres era a de matalo se o seu reinado duraba un só día de máis alén do prazo especificado de anos. Pola súa banda, ibn Fadlan daba unha cifra exacta do máximo número de anos que se lle concedía ao reinado dun rei. Se un Kagan levaba gobernando polo menos corenta anos, escribiu, os seus cortesáns e vasalos asumían que a súa capacidade para razonar víase mermada, debido á moita idade. En consecuencia, asasinaban ao Kagan.

sexta-feira, setembro 11, 2009

Cours de philosophie

Acabo de rematar Reclaiming Truth: Contribution to a Critique of Cultural Relativism, o terceiro libro que leo (despois de The truth about Postmodernism e Teoría Acrítica) do filósofo galés Christopher Norris; o libro segue na súa liña habitual, que tanto me gorenta, de defensa da racionalidade, a Ilustración, a ciencia e o realismo filosófico. Tamén cunha defensa bastante apaixonada de Jacques Derrida, cuxo proxecto de Deconstrucción insiste en separar -ab Hoedis me sequestra- das torpes terxiversacións de teóricos literarios, pragmatistas, posmodernos e demais seres indesexables. O descubrimento deste autor foi, como tantas cousas da vida humana, froito do azar, como podería testemuñar Sir Gawain, un dos lectores habituais da bitácora e que me acompañaba nese momento preciso. Paseabamos polos anaqueis do fondo de Filoloxía cando unha caricatura de estilo Gillray chamou a miña atención: sobre un páramo desolado onde están ciscadas palabras como 'verdade', 'razón' e 'coñecemento', un trío de desaprensivos tira para abaixo cun busto-columna de Carlos Marx. Nun primeiro plano, uns ratos roen na 'Enciclopedia' e na 'Crítica da Razón Pura'. O argumento visual era persuasivo, e foi o primeiro paso dunha relación de lectura e seguimento que incluiría tempo despois o contacto epistolar, o envío de libros e a miña asistencia a uns seminarios que deu en Santiago nos cursos de doutoramento de Inglesa.
De todas maneiras, a lectura non deixa de porme en evidencia as miñas carencias de francotirador no terreo da Filosofía, polo que decidín obrigarme a unha especie de curso filosófico no que adique tempo concreto cada par de meses a ler e a profundizar en pensadores clásicos da disciplina. Empezando polo principio, septembro-outubro estarán adicados a Platón, do que ata agora só teño ventilado a Apoloxía de Sócrates, o Banquete e o Fedro. Agardade pois para o mes que ven unha crónica das lecturas novas e das reflexións que me suscitan na forma de nova sección fixa deste pazo evanescente... 

quarta-feira, setembro 09, 2009

Dueto de Nóbeles

Como ben sabedes, o Mantedor é persoa desconfiada e de gustos exquisitos no que toca á escrita; proba do cal é a escolla de dous premios nóbel para ir lendo nas semanas pasadas: Orhan Pamuk (cuxo volume O Museo da Inocencia fai pouco que acaba de sair en galego, denantes que en castelán ou inglés) e John Maxwell Coetzee (neste caso, o volume Desgracia, do ano 99 e que xa leva tempo traducido ao español). Bon, en realidade, estou a dicir unha mentira parcial, xa que as dúas escollas estiveron mediatizadas -unha viña dada por unha reseña que lle tiña que facer, e a outra era un préstamo de longa duración que ía acumulando pó nas miñas estanterías-, mais de todas maneiras amosaron ser libros e lecturas estupendas, que me permito comentar moi brevemente dende este espazo virtual.

Polo que toca á novela turca, ides atopar nela unha intensa historia de amor (para o meu gusto cínico e posmoderno, un chisco demasiado 'melodramática') entre o protagonista, Kemal -un exemplo da clase media-alta e occidentalizante da Turquía dos anos 70 a 80- e Füsun, unha parente lonxana das clases populares. Como telón de fondo temos unha rica visión ao fresco dos barrios de Istambul e da sociedade turca das datas citadas, con tódalas antinomias que a modernización forzada de Atatürk e das élites crea nun país de complexos e identidades divididas. E temos tamén, en contrapunto, un certo fetichismo dos obxectos que, tocados pola amada, son coleccionados de xeito compulsivo por Kemal na ausencia ou inaccesibilidade desta, e que darán lugar ao peculiar 'Museo da Inocencia' que intitula á novela e que o novelista está a construír na propia Istambul. A novela é considerábelmente entretida, cunha rica estilística e unha división en pequenos capítulos (case lembrando ao formato do folletín) que fai máis doado lidiar coas case 700 páxinas da edición en língua galega.

Polo que toca a Coetzee, o tapiz social é neste caso o dunha Sudáfrica post-apartheid que sustituiu a anterior tiranía insoportábel por unha nova anarquía (e violencia) insoportábel, alomenos para os brancos. Nas súas páxinas seguimos a decadencia e caída 'en desgracia' de David Lurie, profesor universitario cincuentón e puteiro, amante de Byron e do Romanticismo, que vive unha aventura cunha alumna e vese expulsado por iso da comunidade académica. Na súa fuxida refúxiase coa súa filla nunha granxa do Cabo rural, só para experimentar a continuación e agravamento da desgracia coa violación desta e o intento de queimalo vivo a el, nun contexto en que o 'cacique africano' Petrus está a converterse na forza en ascenso nun escenario confuso e perigoso para os antigos dominadores brancos. Segundo avanza a novela, o protagonista súmese máis a fondo no proceso de auto-humillación e (quizaves) redención a través da aceptación resignada dunha filosofía da renuncia (renuncia ao desexo, á creación e recoñecemento estéticos, e desempeño da modestísima función de incinerador de cadelos mortos).
O estilo Coetzián tamén é unha tracería delicada, detallista, elaborada, anque sometida a unha lóxica notoriamente carente de humor ou de alivio para lector ou personaxes. No escenario pesimista e distópico que debuxa, parece non haber esperanza (ou, coma no exemplo Kafkiano, infinitas doses dela, mais non para nós). As posibilidades de xustiza nun escenario de violencia histórica parecen ter que pasar antes por unha vinganza de raza e de clase que malia ser perfectamente entendíbel e xustificábel, non tecerá escenarios para a concordia e para unha xustiza futura que brilla, tan lonxana como evanescente.

segunda-feira, agosto 31, 2009

Pedra da Serpe



Na última crónica das súas Flores de Papel (ver o número 8 do Artes & Letras Galicia que tira o ABC) o compañeiro Ramón Blanco adícase a glosar a tarde de paseo e excursión que tivemos o mes pasado polo norte do país, centrándose na famosa Pedra da Serpe de Corme, citada tamén por Risco e os etnógrafos de Nós como testemuño mudo de antergos cultos pagáns e da chegada dos celtas á nosa terra. O artigo, titulado 'O camiño da serpente' terá continuidade no próximo exemplar, e anívovos a todos a seguir a senda, tortuosa e sabia, dos seu ofidios de tinta...




domingo, agosto 23, 2009

Dous Haikus

Aínda fican varias viaxes que contarvos, mais antes de nada cólovos dous haikus dunha colección de cen, todos fillos do inxenio de Masaoka Shiki, poeta e teórico xaponés de finais do século XIX e comezos do XX que morreu novo de tise e que reformulou e revolucionou completamente o xénero.

Ikutabi ka
Iuki no fukasa
Tazune keri

Cantas veces preguntei
Qué profunda era
A neve

Hitori jae no
Kusa minna hana to
Narini keri

A herba reverdece
Sen axuda de ninguén
A flor florece

sábado, agosto 15, 2009

Neil Postman - Technopoly

Por estes días rematei a lectura de tres libros altamente críticos coa tecnoloxía (e máis concretamente, cos computadores). Son "War in the Age of Intelligent Machines", de Manuel de Landa, "El cibermundo, la política de lo peor" de Paul Virilio e "Technopoly", de Neil Postman. Pensara en metervos unha reseña triple (ou para non facerme extenso, do derradeiro), mais como aperitivo, velaiquí o remate do volume de Postman:

Resumindo: o que propoño, como punto de partida, é un currículo no que tódalas materias sexan presentadas como estadios do desenvolvemento histórico da humanidade; no que se ensinen as filosofías da ciencia, da historia, da linguaxe, da tecnoloxía e da relixión; e no que exista unha forte énfase nas formas clásicas da expresión artística (...). Non me engano arredor das posibilidades que tal programa educativo ten para frear a tendencia cara o mundo do pensamento tecnolóxico. Nembargantes, pode servir para comezar e soster unha conversa seria que nos permita distanciarnos do modo dese mundo do pensamento, e logo criticalo e modificalo. O cal é tamén a esperanza deste libro meu.

sexta-feira, agosto 14, 2009

Libro de Viaxes

Últimamente, e aproveitando o periodo vacacional, os antigos membros do Colectivo Sacou adícanse a percorrer algunhas das vilas e das xeografías culturais do país. Onte tocou o Salón do Cómic de Coruña, xa convertido nunha tradición (debo levar alomenos 7 anos acudindo), e o luns pasado a visita á Cidade das Muraias, Lugo, que o Mantedor apenas visitara.

É a anterga fundación romana un espazo espléndido para o paseo e satisfacción da gula artística e culinaria. A catedral sorprendeume polo Gótico, estilo esquivo en terras galegas (con perdón do Gótico Mariñeiro e de Betanzos), e polo escaso gusto neoclásico da fachada principal, máis apropiada para unha academia ou facultade. Neste senso gaña moito máis unha das portadas do transpeto, baixo un pórtico vagamente similar ao da catedral de Tui e cun Cristo case-pantocrátor no tímpano e un estraño pseudo-capitel de pedra branca aos seus pés coas figuras dos doce apóstolos. Nunha torre ao seu carón vemos o escudo do antergo reino de Gallaecia: o cáliz meirande, Santo Graal, coroando a nube de nervios, de fustes e capiteis.

As muraias romanas son percorrido case obrigado. Comezamos pola Porta de Santiago, con relevo esculpido do Matamouros, e dando volta a toda a circumferencia. Vistos dende enriba, sorprenden os abandosos ocos dentro das muraias, con leiras, campos de fútbol e naves abandonadas. O casco vello lugués en senso estricto parece cinguirse tan só a anacos e rúas do interior, anque o que se conserva (incluíndo algunhas rúas asoportaladas non lonxe da fonte pétrea dalgún bispo) ten un encanto e un aire que lembra o mellor do Ourense vello ou de certas vilas mariñeiras.

A tarde desnovelouse lenta, no Museo Provincial (Praza da Soidade) e a pequena pedra preciosa do gótico de San Pedro. Menos mosaicos dos que agardaba (ú-la famosa face que aparece en tantos libros de texto?), mais sorpresas agradábeis nos escudos de pedra do claustro, nas aras, no famoso Torques de Burela, nalgunhas pezas de Sargadelos e nunha perfeita cociña tradicional, diccionario en pezas de vocábulos perdidos...

sábado, agosto 08, 2009

Pieter Brueghel o Vello: A caída dos anxos rebeldes

[Un vicio privado no que, amais, coincido con Castelao...]

domingo, agosto 02, 2009

Ritornello

Xa sei que os meus sufridos lectores botarían de menos a ausencia longa de case un mes do Mantedor. Alén das ocupacións académicas e persoais, da preguiza e ruptura da rutina, sírvavos de consolo que tódolos anos parezo coller un mes de descanso da blogosfera e deixar 31 días en branco -ou máis-.

Reanudamos, xaora, as emisións regulares, comezando cunha posta ao día dos libros que fun lendo, coa suxerencia de posíbeis reseñas ou anaquiños deles a infiltrar nestas cavernas virtuais...

Da lista que vos presentaba na derradeira entrada tiven ocasión de engulir xa The Situationist City, Variaciones sobre un parque temático e Jean Baudrillard. Dos que fican teño pensado ler, quizaves, The Dismemberment of Orpheus, Virtual Art e Hypertext 3.0, anque o máis probábel é que me limite a un saqueo interesado de citas nos dous derradeiros volumes.

Polo medio destes intercalei Ways of Reading, de varios autores, e War in the Age of Intelligent Machines, de Manuel de Landa. Se vos gorenta algunha reseña/comentario deles, só tedes que dicilo.

Actualmente loito con Virtual Light, de William Gibson (primeiro da súa triloxía da Ponte) e con relecturas do tomo II do Capital e da Divina Commedia (imos polo canto XVI de Inferno, no que adianto a ritmo piano pianissimo)...

sábado, junho 06, 2009

Ars Legendi

Sigo ocupadérrimo con lecturas e similares, polo que non me vedes moito o pelo nestas redes virtuais. Os libros que vos comentaba na entrada anterior ('Cruelty and civilization: the Roman games', 'Los orígenes de la estética medieval' e os 'Philosophical Arabesques') están dixeridos, mais unha nova morea peta nas portas do meu tempo libre esixindo dereito de entrada.

Por puro vicio lín dun tirón dúas novelas do MundoDisco de Pratchett que me chegaron rápidamente por correo: Small Gods e Men at Arms. A primeira é unha sátira irreverente das relixións monoteístas e as súas inquisicións e profetas, e a segunda unha reescritura irónica da novela de detectives. Pterry é un grande saqueador intertextual, motivo polo cal (para o seu lixeiro horror) soe citarse moitas veces en traballos académicos sobre 'escrita posmoderna'.

Igualmente por vicio (e polo tempo que agora teño) reanudei a lectura da Commedia dantesca en italiano, nunha edición ultra-anotada de Einaudi que me leva unhas 3 horas por canto. Imos polo XIV do Inferno (7º círculo, 3 girone: violentos contra Deus, Arte e Natura).

Para o Congreso recente acumulei moreas de libros e de fotocopias, algúns dos cales non tiven tempo de mirar ate agora e que (de cando en cando) van engordando as notas da miña pasada ponencia sobre 'Narracións Gnósticas'. Agora mesmo estou con 'Virtual Geographies', de Sabine Heuser, que ven a ser un intento máis (na liña de McHale ou do McAffery xa reseñado eiquí) por poñer en común o Cyberpunk e a escrita posmoderna, centrándose nos espazos. Outros que agardan unha lectura total ou parcial na estantería son:

-The Culture of Violence, de Francis Barker (isto son ensaios libres sobre Shakespeare na liña do Materialismo Cultural. O artigo sobre Titus Andronicus pode valerme, con outros, para un traballo futuro arredor dunha das obras menos populares de William).
-The Situationist City, de Simon Sadler (quizaves para lecturas críticas do urbanismo racionalista, e quizaves tamén o poida relacionar con algúns comics que seguen unha liña similar).
-Hypertext 3.0, de George Landow (xa lín a primeira versión; nesta só quero saquear algunha referencia que poña en común a simulación, o hipertexto e a espacialidade urbana).
-Variaciones sobre un parque temático, de Michael Sorkin (crítica despiadada ás cidades do espectáculo; é do que falei no congreso, e agora con tempo lerei o libro de punta a punta).
-The Dismemberment of Orpheus, de Ihab Hassan (un clásico sobre que demo é exactamente a 'literatura posmoderna'. Veremos se me convence...).
-Virtual Art, de Oliver Grau (igual que o de Landow, é un mercado intelectual no que regatear algunhas imaxes do net-art e do pasado artístico relacionadas co virtual e co simulacro).
-Jean Baudrillard, de Richard J. Lane (un destes readers para clarificar máis unha vez as ideas dun pensador que lín moito pero que atopo ao mesmo tempo seductor e confuso, e que nunca sei cando me fala en serio ou en broma).
-Virtual Geographies, de Mike Crang (mesmo título que o de Hauser, anque este é máis de artigos soltos e centrado no corpo. Algún artigo ha ser aproveitábel, anque non penso atacar todo o libro).

Xa sabedes que as listas fican convertidas moitas veces en simple catálogo de intencións. Dos nove que vos falara eiquí ao final só lin 4 enteiros e 1 a medias, anque nalgún futuro condicional seguramente ataque os 4 restantes. O mesmo pasa coas listas da compra: cantos máis volumes merco, mais medra a lista (xa vai por 40 títulos en Amazon), e dalgúns que glosara na Corte de Camelot xa no 2006 aínda me faltan 6 por comprar/mirar...


quarta-feira, maio 20, 2009

Vuelta de paseo

Xa estou recuperado -física e mentalmente- do traballo gargantuesco que me botou sobre os ombros o congreso pasado. Na volta á normalidade hai sempre a cadea de libros e temas que ocupan os instantes de lecer que teño. Estes días ando a voltas con:

-Os espectáculos romanos do Anfiteatro e do Circo. A lectura básica foi 'Cruelty and civilization: the Roman games', de Roland Auget, e outros con boa pinta son 'Spectacles of death in ancient Rome', de Donald G. Kyle e o artigo 'Fatal Charades: Roman Executions Staged as Mythological Enactments', de K.M. Coleman.

-Plotino e a estética medieval: isto sae dunha visita recente ao CGAC, onde teñen por estes días unha exposición curiosa sobre políticas de diversidade sexual na arte. O medioevo saiu da librería do museo, e cífrase nun libriño con tres artigos de André Grabar sob título 'Los orígenes de la estética medieval'. No afán consumista estivo competindo cunha pequena guía sobre o graffiti que terá que agardar por tempos mellores.

-Lecturas atrasadas: cifradas en rematar dunha vez os 'Philosophical Arabesques' de Bukharin e un volume sobre cyberpunk e posmodernismo que non era quen de asaltar nos días da excursión a Portugal, entre curvas e ascensos ao Bom Jesús...

PS.: Teño que desdicirme sobre a xente de Vintage Books, por certo, xa que tiveron a amabilidade de enviarme un volume novo e impoluto para sustituír o defectuoso de Valis...

domingo, maio 03, 2009

Urbes Europaeae

Mañán comeza o congreso que, xunto co máster, me leva comendo todo o tempo que teño (e parte do que non teño) no último mes e medio, e que explica a ausencia regular de entradas. Se queredes algún detalle del -incluído o programa- podédelo contemplar na bitácora que fixen ex-profeso para o Programa Intensivo.


sexta-feira, maio 01, 2009

Cabreo de campeonato

É o que teño cos cabritos de Vintage Books, ao comprobar, no medio da lectura dun libro que lles merquei (exactamente Valis, de Philip K. Dick) que colaron unhas 30 páxinas doutro libro (un volume sobre xeopolítica euro-americana) e comeron o mesmo número das da novela sci-fi... Envieilles un correo de reclamación, anque son escéptico...

sábado, abril 18, 2009

Bud e Terence - Carnavalesco Bakhtinián

Ando liadísimo estes días, ate o extremo de que o tempo para meter novas entradas é moi limitado. Mais que colarvos novos anacos das miñas lecturas, deixo caer este momento glorioso de saxo e de jazz do filme Non c'è due senza quattro de Bud Spencer e Terence Hill, e outro máis que tedes na xanela, abaixo. Ámbolos dous son herdeiros de tradicións de arte popular (e populista) que un case podería retrotraer á Commedia, ás Atelanas e á mitoloxía greco-latina. O nexo con Bakhtin e o carnavalesco é para mín tamén evidente, sobretodo na ínclita segunda escea, onde a subversión das diferenzas de clase, xénero e raza remata cunha orxía (musical) e todos na piscina: E' l'ora del bagnetto, tutti in piscina! (virtual).


domingo, abril 12, 2009

Mary Magdalene



Ésta é a María Magdalena que imaxinou o pintor prerrafaelista Anthony Frederick Augustus Sandys. Visto o visto, calquera non deixaría que lle untase de aceite os pés (e masaxe gratuíta deses cabelos alaranxados...)

terça-feira, abril 07, 2009

Jorge Luis Borges - There Are More Things


"Hacia el alba soñé con un grabado a la manera de Piranesi, que no había visto nunca o que había visto y olvidado, y que representaba el laberinto. Era un anfiteatro de piedra, cercado de cipreses y más alto que las copas de los cipreses. No había ni puertas ni ventanas, pero sí una hilera infinita de hendijas verticales y angostas. Con un vidrio de aumento yo trataba de ver el minotauro".

terça-feira, março 31, 2009

Knight Rider (Pesadelo)

Hai xentes ás que lle gusta conducir. Non é o meu caso. Durante as tardes-noites do inverno pasado nas que ía conducindo os tres cuartos de hora que separan a Facultade de Filoloxía da Serra de Outes, era habital que me sentise atrapado nunha costra de ámbar xeado, ou pesadelo onírico, no que a miña morte xa tivera lugar (nalgún esquecido accidente do pasado, co coche bailando un ballet cubofuturista sobor do asfalto a cámara lenta), e o purgatorio, ou inferno, consistía en percorrer unha autoestrada infinita polo resto da eternidade...

terça-feira, março 24, 2009

Ética social i ecolóxica no Brasil: Curitiba

"O seu buque insignia é Curitiba, unha cidade brasileira de dous millóns de habitantes que soubo artellar de xeito exemplar o compromiso social e o desenrolo urbán sostíbel e integrado. O artífice da denominada 'milagre sulamericana' é Xaime Lerner, aquitecto e alcalde da cidade de maneira discontinua dende 1971 ate 1992. As estratexias de desenrolo urbán sobre as que cimentou a súa fama internacional refrexan de xeito nidio os dictados da cidade sostíbel. As antigas canteiras foron transformadas en axardinados centros culturais; unha delas contén a Universidade do Meio Ambiente, outra un teatro de ópera suspenso sobor dunha lagoa, e a terceira un auditorio ao aire libre. As zonas inundábeis, antes ocupadas por favelas, empregáronse para construir parques e estanques. O problema do favelismo foi afrontado con solucións imaxinativas, mais sempre consecuentes co principio da economía dos medios: reparto gratuíto de pequenos solares e hortas, ofrecemento de asesoramento xurídico e técnico, financiación de materiais e agasallo de dúas árbores (unha de froita e a outra ornamental) por cada casa autoconstruída e rematada. Amais, construíronse 14.000 vivendas sociais, 30 bibliotecas de bairro (modestos edificios prefabricados e alcumados 'faros do saber'), 20 teatros, 74 centros culturais, escolas e centros de saúde. Para os habitantes dos bairros de favelas, a maioría desempregados, Lerner deseñou orixinais políticas de promoción de emprego. Por exemplo, o lixo que con anterioridade abandonaban nas marxes dos regatos foi obxecto dun programa de recollida e intercambio por bonos de autobús, paquetes de comida e cadernos escolares. Actualmente, o 96% dos residuos de Curitiba recíclanse; isto permitiu aforrar grandes sumas que, doutro xeito, terían que gastarse na construcción de vertedoiros".

Ciudad hojaldre. Visiones urbanas del siglo XXI, de Carlos García Vázquez

quarta-feira, março 18, 2009

Autocrítica: J'Accuse/Song of Myself


En vista de que xa dimitiu o homiño este, e despois da tormentosa sesión de onte no curso de Teoría Feminista e Arte (seguido de intensa discusión fóra das aulas! Isto vai por ti, Elena...), decidín que o Mantedor tamén debía poñerse á altura das circumstancias e rescatar para sí a clásica estratexia marxista da autocrítica, ou jiǎntǎo (检讨). O catolicismo da xuventude fai que sinta un nexo especial coas prácticas da confesión e a lóxica masoquista dos antigos bolcheviques (ver: Procesos de Moscova, Koestler, Jorge Semprún e Costa Gavras). Imos aló:

1) O primeiro é acusarme de inconsistencia práctica no que toca aos meus principios maximalistas. O burgués marxista é un tropo común xa na literatura hispana e francesa dos 60, e a Posmodernidade parece deixar poucas saídas alén do reformismo desvergoñado e o sectarismo autocompracente (búsquese a FraVernero no apartado segundo). De todos xeitos, como dicía o poeta: Du musst dein Leben ändern.

2) Relacionada coa anterior está a tendencia idealista do Mantedor a limitar a súa acción á escrita de xeito narcisista, autocompracente e pouco dialéctico. As letras douradas da XIª Tese sobre Feuerbach nas escaleiras da Universidade Humboldt fítanme con carraxe e bérranme aquilo de que o truco é o de mudar a realidade, non o de analizala.

3) Esta bitácora (e o seu Mantedor) é insufríbelmente brancoeurocéntrica. Habida conta do número de visitantes da lusofonía (alomenos, segundo os mapiñas de puntos vermellos da esquina inferior dereita) e sinaladamente do Brasil e de toda Latinoamérica, FraVernero comprométese a prestarlle maior atención e centralidade aos outros mundos, que é onde por outra banda se coce o emerxente e as políticas coas que máis simpatiza.

4) Relacionado co anterior, o patricio pesismismo do Mantedor con tódalas formas da política posmoderna ten incluído un culpábel distanciamento e minimización das 'outras loitas' alén da problemática socio-intelectual de rematar co capitalismo. Sinaladamente, as temáticas ecoloxistas e as visións de xénero da teoría Feminista e da teoría Queer.

Con isto chega por hoxe. Poderíamos seguir coas miserias persoais de FraVernero, mais iso tería escaso interese, alén do morbo (xa sei que vos encanta!), e de por sí constituiría unha práctica narcisista a maiores. Toca aplicar propósito de enmenda ou caso contrario, pedir sobre a miña culpábel cabeza tódolos castigos do Comité Central do Futuro, incluíndo sanas sesións de traballo e reeducación nun Gulag imaxinario nas Canteiras do Caurel (reenchéndoas e non facendo máis, espero. O traballo libera!).

quinta-feira, março 12, 2009

quo usque tandem abutere, Quintana, patientia nostra?

En realidade, do que vos quería falar hoxe é dun textiño de William Burroughs, unha especie de borrador para o capituliño 'The Black Meat' do 'Naked Lunch' que ao final non incluiu e no que disfrutei dun reflexo despiadado daquel Xeneralísimo de mans tintadas en sangue que tivemos que aturar por corenta anos. Mais a ira dominoume ao ler as patéticas excusas do inútil ese, o Spartaculus que polos nosos pecados segue a espernexar e que se topo algún día pola rúa vai recibir unha sarta interminábel de improperios e un pequeno intento de linchamento. Por sorte, contamos con lecturas un chisco máis atinadas, como aquela de monsieur Lándoas dende a súa bitácora, á que só me permito protestarlle amistosamente que incide pouco na necesaria e despiadada autocrítica que debe facer o nacionalismo galego e os seus tiránicos/titánicos (só polo barco afundido e a metáfora da nave sen goberno) timoneis da U. E afortunadamente, amais, temos as lúcidas declaracións de Beiras, antigo convidado de pedra e commendatore resucitado, único político vivo no que o Mantedor confía (xunto con algúns dirixentes latinoamericanos) e ao que seguiría (Capitán, meu capitán) ate a fín do mundo, e máis en calquera iniciativa política que encarreire, coma cirurxán de ferro, se os burócratas e 'galeguistas' seguen controlando o aparato do 'nacionalismo real'...



Alén, é o meu parecer que Quintana debe ser cesado de inmediato e a UPG, hidra velenosa, expulsada do control do BNG. En caso contrario, a ruptura do Bloque é unha necesidade e un feito.

sábado, março 07, 2009

Cadros dunha exposición

Promenade



1. 'Gnomus'

[Farsa para títeres/caricatura para xornal. A marioneta do noso Quin, Spartaculus arromanado cun chisco de Kirk Douglas, barba e tamaño pequeno ao estilo dos gnomos de Rien Poortvliet. Monta dacabalo sobre un Clavileño mecánico, quizaves cyborg de cociña de ferro, vasoira, botóns vellos e calcetín recheo do arco da vella e de cores variadas que escapan do espectro cromático e abstencionista. Espada de cartón-pedra en man, arremete con grande ímpeto contra tres portas almenadas e arqueadas de neón roxo, branco e azul. O frontispicio da primeira é 'Burguesía Galega'. O da segunda, 'Allariz, Nubicucópole'. O da terceira, 'Vicepresidencia de Sasurrofóns, Aprendizes de Bruxo e caciqueos varios'. Spartaculus-Quin vai petando nas tres sucesivamente. No alto, unha tribuna vermella pechada con tapices de veludo e damasco, co símbolo gravado da UPG]:
QUIN (petando na porta 1): Barato, barato! Véndese nación en proceso de construcción. Prezos de saldo! Privilexios sen fín para a burguesía galega. Sexa patriota, non sexa bárbaro. Dentro do lote incluiremos catorce odas dos intelectuais de recoñecido prestixio, algunha gasificadora e unha lexión infinda de viraventos. Barato! Barato!
[A porta ábrese tímidamente. Quintana, extasiado, tenta entrar, mais escoitamos un peido sonoro e a porta péchaselle nos fuciños. Retrocede, espantado]
QUIN (irado): Pois habedes saber que a materia e o mundo naceron tamén dunha morea de gas! Reganosa é do máis eficiente!
[e segue fedendo. tamén a burguesía galega]
QUIN (petando na porta 2): Barato, barato! Extenderemos a utopía nacionalista a tódolos currunchos do país. Labregos ourensáns, meu vellotes de paparota, acudide ás novas romerías do Monte Faro. Paquiño Rodríguez garantizou que non había problemas sempre e cando quitásemos o vinilo de fondo de Manolo Escobar. Merquen a patria en cómodos prazos, acepte as imitacións do fragaleguismo patrio. Barato, barato!
[un paisano de boina e gaita asoma tímidamente a cabeza pola porta, e fita para o Spartaculus de arriba abaixo. Ou dadas as circunstacias, de abaixo a menos abaixo. Suspira e axita a cabeza, negativamente.]
PAISANO: Para cousa tan cativa, preferimos o produto orixinal...
[peche de novo da porta nos fuciños de Quin. Dende detrás escoitase un tímido marmurio de gaivotas, reggaeton e carne ao caldeiro].
QUIN (petando na porta 3): Barato, barato! (aparte): Bon, non é cousa aínda de aforcarse dos cordóns dos zapatos, que fica a consellería, e o poder para autoperpetuarse coma o visgo do carballo socialista. (En alto): Barato, barato!
[a porta abre e saen en procesión 39 Drabas, etíopes de tridente, ébano e redes coas que enguedellar ao malpocado Quintana. De fondo sona unha versión entre o jazz e o can-cán do 'Aprendiz de Bruxo'. Quin é doadamente reducido e descabalgado. Clavileño dase á fuga. Os etíopes erguen os tridentes para ensartar a Spartaculus como a unha sardiña ou almorzo nú]
QUIN (enleado, cara a tribuna): Piedade, piedade meu señor Craso, Laurence Olivier, amigo Francisco!
[as cordas da marioneta rompen. Matanza xeralizada]

Promenade II. Moderato commodo assai e con delicatezza.


... éche moi linda a rusa, sí. Se é que xa cho dicía Aser das Airas: Ex oriente lux!

2. 'Il vecchio castello'

(soño 1)

O edificio e o país eran claramente escandinavos. A proba, alén das xanelas de cristal do rañaceos era o manto de neve denso, o tráfico racional e rúas en cuadrícula, mais sobretodo ese sol morno e preguiceirón do que tiña a seguridade absoluta de que non se puxera nunca nos derradeiros 24 meses. Perto do círculo polar, sen dúbida. Suecia, Finlandia, Carelia. Mumarsk.
O interior conta coa asepsia fría, gris e ordenada de máis alá dos paneis de vidro. Azafatas loiras subastan os artefactos deixados polos turistas. A peza estrela neste momento é unha cerámica lisa e sen decoración, pola que me descubro puxando cunha paixón ludopática. Calquera cousa para rachar o aburrimento deste purgatorio de séculos, incluso sen o fetichismo desa mercadoría tosca. Sei que vin buscar algo a este remedo de purgatorio, mais temo botar toda a eternidade en descubrir o qué...


[Nota Ca(ta)tónica]

Alén, é o meu parecer que Quintana debe ser cesado de inmediato e a UPG, hidra velenosa, expulsada do control do BNG. En caso contrario, a ruptura do Bloque é unha necesidade e un feito.

terça-feira, março 03, 2009

Potop

O Potop (máis concretamente: Potop Szwedzki) é unha palabriña polaca que significa 'dioivo' e que se refire a unha catástrofe nacional sen precendentes: unha serie de guerras de finais do século XVII que arrasaron á Rzeczpospolita, deixando o país en ruinas e listo para os sucesivos repartos e a desaparición da nación dos mapas durante máis dun cento de anos, ao punto de que cando un socarrón estudante francés chamado Alfred Jarry quixo ambientar a súa famosa e escatolóxica fábula nun non-lugar, escolleu Polonia "que é como dicir, en calquera parte", ou ningures.

Perdido o vezo ata para a metáfora, terei que esixirlles aos lectores que enchan os ocos e peguen o chimpo á inesperada e catastrófica derrota electoral do pasado domingo, que xa ten sido obxeto de análises máis sisudos que os meus (anque non todo o duros co nacionalismo que deberan ser) por exemplo eiquí, eiquí, eiquí ou tamén eiquí, e de dispersas reflexións no blogomillo. Agora toca, de certo, apandar, recoller os cristais rotos e ir poñendo un reloxo nuclear de rubidio, cesio e francio á espera. A travesía polo deserto promete ser longa (20 anos, Barreiro Rivas dixit, é un home que sabe ben do que fala), anque na opinión do Mantedor, demasiado leviá para os incompetentes e inutiles responsábeis desta desfeita.

'Autocrítica' é un termo legado do antigo 'socialismo real' e que lle acae perfectamente a esas persoas e estructuras do Bloque que só conservaron os tics máis detestábeis da experiencia do leste, anque en Galiza somos moi civilizados e non chegaremos ás purgas ou os campos de traballo. Esas persoas e estructuras que levantaron do pó ao pequeno Espartaco, apenas Spartaculus de romería, eterno forxador de derrotas á pescuda (tal o noso Sísifo posmoderno e barbudo) do evanescente centro galeguista, perdido -engadiría Ferrín- sen que nunca fose noso.

Da autocrítica, digo, é do que necesita en grandes doses un BNG que fixo unha xestión verdadeiramente decepcionante destes 3 anos e medio dende a arrogancia, a soberbia, a traizón aos seus principios e movementos sociais, o continuísmo e, en definitiva, dende a falacia -nociva e autocompracente- de rematar por crer os discursos demagóxicos sobre o país e as súas xentes, presuntos escravos servís e irracionais dun poder faraónico no que chegaba entrar para termos a poltrona asegurada durante alomenos unhas cantas décadas. Na orde do día está o pranto e o rinchar de dentes, e a remota esperanza de tornar (espectro de Milton e os teólogos máis líricos a visitar as terras galaicas) a caída nunha victoria futura co retorno ás bases e as ideas, e coa longamente demorada limpeza interna dun Bloque en caída libre (corenta mil votantes por elección) dende a marcha do Beiras idealizado que consumara -brevemente, alas!- o soño do sorpasso. Última variación, metáfora, cita co Stalin alporizado da invasión do exército feixista, espetando: "Lenin (digamos, Beiras) fundou o noso estado, e nós (os inadaptados, Quintana e os Coroneis) acabamos de fodelo".

sábado, fevereiro 21, 2009

Deseño Burricán

Xa que estamos no ano Darwin, e dado que a Raíña xa tocou parte destes temas na súa bitácora, perrmítome o corta-pega dun anaco dos Philosophical Arabesques de Bukharin no que se atacan as teleoloxías que fican detrás dos 'argumentos' (sic) do 'Deseño Intelixente' (dobre sic!), e que nos remiten a Aristóteles, á complexidade 'inexplicábel' dos fenómenos naturais agás se metemos no medio un facedor de reloxos king size e acudir a explicacións 'vitalistas' nas que cada elemento ten inscrito o seu estadio ideal, inscrito nas súas posibilidades (o exemplo clásico, de Hegel, é a landra que inclúe in nuce ao carballo; máis tosco sería ver o destino do corcho como cubridor de botellas ou do polo para facer estupenda carne asada, especialmente á pekinesa).

Pola contra, a filosofía idealista realiza a seguinte operación: transforma a categoría que apareceu como resultado do devir histórico, coma un aspecto da necesidade natural, nunha cantidade inicial e dada, universalizando esta categoría. Logo esta cantidade dada, supostamente primaria e universalizada, describe un xigantesco círculo e torna a sí mesma. En esencia, este truco non é para nada difícil, mais ten que ser entendido no seu desenrolo e dacordo coa súa natureza, como facemos nós eiquí (...). En realidade, o ser humano, coma o individuo biolóxico e socio-histórico que é, é ao mesmo tempo un suxeito que se plantexa metas e un eslabón na cadea da necesidade natural. O 'obxectivo' é eiquí un aspecto desta necesidade, malia que xa non sexa unha metáfora, nen o embrión dun obxectivo, xa non é dynamis, senón obxectivo actualizado, energeia. Un entendemento disto faise sentir tamén en Hegel, por exemplo, cando afirma que o ser humano, na pescuda dos seus obxectivos, depende da natureza e atópase subordinado a esta.

quarta-feira, fevereiro 18, 2009

Doutor Goebbels, supoño

Como ben saben os lectores, o Mantedor é ateo, non maniqueo. De tódolos xeitos, é quen de imaxinar doadamente o equivalente ao Mal Absoluto na terra: o Feixismo. Hoxe é un maligno aniversario: o do célebre discurso do Sportpalast, ou 'da guerra total', de Josef Goebbels -discutíbelmente, a súa obra mestra-, polo que pensei tecer algunhas ideas soltas arredor do anano velenoso e filólogo renano. Tamén pensara en comentar de pasada a excelente película de King Vidor The Fountainhead, posíbelmente o ataque cinematográfico máis brutal que teña visto xamais a todo pensamento socialista, mais iso polo momento ficará reducido ao traballo arredor do melodrama que lle debo ao profesor Hueso...

Recoñecer os méritos do inimigo é sempre unha atitude intelixente. No caso de Goebbels, non é de todo imposíbel evocar o espectro desacougante do intelectual caído, tanto máis desacougante polos seus indubidábeis méritos e virtudes postas ao servizo dunha causa tenebrosa. Xa se sabe: Dios, qué buen vassallo, / si oviesse buen señore.

Un primeiro paradoxo do "noso doutorciño" (como lle chamaban os camaradas do partido) é o mal que encaixaba cos ideais e estereotipos do nazismo. Baixiño, moreno, coxo -e polo tanto, incapacitado para participar na 'Gran Guerra'-, culto (era doutor especialista no Romanticismo alemán e ávido lector de Dostoyevsky e de Goethe; para que logo sigan os liberal-humanistas coa cantinela do estupendas personas que nos fai a boa literatura), Goebbels non parecía troquelado nese molde dos loiros e musculosos heroes arios, belicosos antiintelectuais que botaban man da mauser ao escoitar os brados da Kultur. Un novelo para saír do labirinto cífrase nos complexos, autoodios e loitas contra a inseguridade que tanto caracterizan ao intelectual burgués. Nas verbas de Joachim Fest:

"Isto era a fonte do seu odio cara o intelecto, que era unha forma de auto-odio, a súa ansia por degradarse, por sumerxirse nas ringleiras da masa, que curiosamente competía coa súa ambición e atormentada necesidade de distinguirse. Sentíase torturado incesantemente polo temor a ser considerado un intelectual burgués. Daba a impresión que o seu ofrecemento de devoción cega era un intento de compensar por todas aquelas características da élite racial que a natureza lle negara".

Un segundo paradoxo, forma máis refinada do anterior, ten que ver coa súa devoción total, absoluta, 'irracional', cunha fidelidade 'canina' ao ideal nacional-socialista e á figura do propio Adolfo Hitler na que descolou sobre os seus camaradas (e no amargo final, foi dos poucos que tiveron o valor e a dignidade de permanecer co Führer en Berlín, agardando a morte xusta e certa a mans do Exército Vermello. Namentras, Himmler cría poder pactar cos Aliados, e un Göring obesísimo e adicto á morfina adicábase a vivir a todo tren na súa casiña de campo, decorada con pezas de arte saqueadas nos mellores museos de Europa). Tal cegueira conecta con outras do personaxe, coma o cinismo confeso co que recoñecía a falsidade da propaganda que o facía famoso. Na nosa escéptica sociedade posmoderna non é o cinismo dun intelectual o que resulta complicado de ver (máis ben é a norma que, pace Zizek, enmascara a verdadeira complicidade ideolóxica co sistema), senón a complexa alternancia entre o recoñecemento irónico da derrota e da mentira, e a obstinación fanática na causa e na suspensión da razón. Os intelectuais 'nosos' por outra banda amosan unha singular propensión, tamén, a disfrutar moito coa suspensión absoluta de toda facultade crítica (quizaves resulta inevitábel en certas circumstancias sociais e políticas) e a renderse ao Líder, ao Grande Outro que pense, razone e xustifique por eles.

Para o terceiro paradoxo non recurrirei á psicoloxía. Neste caso temos o antisemitismo visceral do Reichsminister, apenas superado polo pornógrafo Julius Streicher (que morreu na forca ao berro de 'Purim-Fest 1946!'). Tendo en conta que os seus profesores favoritos na universidade de Heidelberg eran xudeus, a sospeita apuntaría a que o antisemitismo acervo (malia que interiorizado polo Doutor) fose parte dunha estratexia de ascensión política. Trala toma de poder polos nazis, no 32-33, o papel do propagandista, tan importante con anterioridade, comezou a perder peso. Alemaña preparábase para a guerra, e a economía e o exército copaban os intereses e os postos de privilexio na xerarquía nacional-socialista. Nesta loita de poderes, o antisemitismo raiboso e activo (Goebbels foi o principal responsábel da Kristallnacht) permitiulle seguir na primeira liña, do mesmo xeito que na guerra a súa labor incesante no interior, ocupándose das condicións materiais de vida, visitando e consolando ás víctimas dos bombardeos, organizando a derradeira mobilización de vellos e nenos na Volkssturm para defender Berlín (ese Berlín do que dicía con moita fachenda que llo quitara aos Roxos no 32 con 200 homes e que non ía permitir que llo quitasen de novo) déronlle certa popularidade nos agonizantes últimos días do Reich. Leal ate o fin (nisto refórzase unha vella idea miña: a de que as nosas mellores virtudes son tamén os nosos peores defectos), foi incapaz de romper co feitizo de Hitler e de facer outra cousa que escoller un final macabro para sí mesmo e a súa familia, cos seis nenos envelenados no führerbunker e a posterior despedida, coa muller, cara unha cita con dúas máusers e un bidón de gasolina, pechando o pano á escea e á Kultur. Teatral ata o final, só uns días antes despedírase nunha reunión do Ministerio de Propaganda dicindo: "Cabaleiros, dentro de cen anos proxectarán películas en cor describindo os terríbeis días polo que estamos a pasar. Non queredes representar un papel na película? Resistide un pouco máis, para que dentro de cen anos o público non ouvee e proteste cando aparezades na pantalla"

sábado, fevereiro 14, 2009

Meme Larpeiro

'Yo he venido aquí a hablar de mi libro'...

De certo, o que máis me gorentaba hoxe era reflexionar un pouco sobre algún dos seguintes temas, que quizaves arrinquen entrada nunha futura ocasión:

1) os
Philosophical Arabesques de Nikolai Bukharin, escritos en tenebrosos días nos que o seu autor agardaba a saída das celdas da Lubyanka cara o seu fusilamento e visita permanente ao Comité Central da Eternidade, 'onde os compañeiros / militan no sorriso'.

2) Conectado co anterior, unha serie de reflexións sobre a traxedia do
Marxismo Occidental, ou o intento de defender unha teoría e praxe revolucionarias (máis o primeiro que o segundo) no contexto do fracaso da revolución e o seu alonxamento cada día maior das realidades do Primeiro Mundo.

3) Temos tamén a enorme decepción que me causa o triunfo electoral da estrema dereita en
Israel, e unhas impactantes imaxes televisivas dunha rapaza palestiniana de 9 anos coas pernas queimadas polas bombas de fósforo sionistas; todo o cal suma para que me resulte cada dia máis difícil opoñerme aos discursos que reclaman a destrucción dese estado bárbaro, colonial e terrorista.

4) A Bauhaus, exemplo de 'bolchevismo cultural'?


Como nunca faltan ocasións para reflexionar sobre as miserias humanas e os seus fracasos, ídesme permitir que por hoxe siga unha nota algo máis frívola e vitalista mediante a colaboración no meme-cepo que me enviou o señor Raposo, nunha clara inversión da metáfora do cazador-cazado. Non é só que os memes sexan unha praga electrónica e un simulacro do funcionamento dos virus: é que agora, con este 'Meme das Larpeiradas', invento ao parecer da maligna bitácora LM, teño que escoller un producto típico da nosa zona (neste caso, Serra de Outes) e sortealo entre os comentaristas! Veremos como dou artellado o xeito de mandar o producto ao gañador...

Un dos problemas habituais cos productos 'típicos' e sempre soen ser típicos tamén doutros lares (quen dubide só ten que comprobar a fundamental igualdade da cociña alemana, polaca, estonia, lituana e letona no fundamental). Famoso de San Cosme son as cebolas, que como imitador de Sancho Panza podo engulir crúas cun anaco de pan de centeo (anque mellor con tomate, queixo e un pouco de sal, aceite e vinagre). Ao final decidinme polas estupendas orellas que, modestia aparte, facemos na miña casa, e que seguindo a lóxica deste meme conservador e vicioso sortearei entre os comentaristas a finais de mes.

A quen lle paso o morto? Pois creo que aínda non foron atrapados Modesto, Sul e o Moncho, así que xa sabedes...

terça-feira, fevereiro 10, 2009

Saussure e os anagramas

Coñecido é o fascinio que sentía Ferdinand de Saussure polos anagramas. Os mesmos constituían unha matriz da linguaxe que entraba en contradicción coas súas propias ideas plantexadas no Curso de lingüística. De feito, entre 1906 e 1909, adicouse a investigar un achádego que lle sorprendera fortemente. Saussure descubrira unha serie de regularidades nas obras que estaba analisando (Homero, Virxilio, Séneca, Horacio, os Carmina Epigraphica, Policiano, etc.) que o levaron ao convencemento de que existía unha serie de 'anagramas', de 'palabras baixo as palabras' de 'texto baixo o texto' que se constituía coma parte esencial da técnica de composición.
O interese que espertan hoxe os estudos de Saussure sobor dos anagramas débese sen dúbida a que a partir dos mesmos é posíbel construír unha teoría moderna da literatura. Jakobson, por exemplo, veu neles unha confirmación da súa propia teoría, segundo a cal a función poética 'descubre o lado material dos signos' e 'proxecta o principio de equivalencia, do eixo de selección ao eixo da combinación'.

sexta-feira, fevereiro 06, 2009

Palazzo Te



Como son fervoroso manierista, anque do meu tempo, non podo deixar de terlle certo afecto ao Movemento e ás súas figuras máis destacadas. Giulio Romano non soe recibir a atención que merece, entre outros moitas razóns porque boa parte das súas obras foron efémeras: tramoias e mascaradas renacentistas. Entre o sólido que deixou está o Palazzo Te, en Mantua, marabilla de frescos ilusionistas, triglifos e xigantes, motivos paladianos, grutas e grotescos. Apenas seis anos despois de rematado, o Pazo foi saqueado, e a cidade padeceu unha das peores epidemias de peste da súa historia.

Entre as fantasías algunha vez mencionadas do Mantedor fica a de escribir un libro (quizaves a tese?) estructurado mediante as estancias do Palazzo Te. Todo se andará...

Dentro do recordatorio bibliográfico, interésavos saber (ou non) que daquela lista de 9 libros que colgara para o Nadal levo 4 rematados, e que polo medio intercalei unha relectura da Introducción á Teoría Literaria, de Terry Eagleton (consummata est) e as Escrituras nómades de Belén Gache (en proceso).

Déixovos cunha entrevista que acaba de publicar o Manuel no xornal Certo. Agardemos que, malia a definitiva cancelación da presentación, Antítese Nativa poida estar en breves instantes nas nosas mans.

Post Scriptum (8/02/06): Hoxe por fín saín de dúbidas con respecto a certo tema que se discutira en anteriores entradas sobre Slavoj Zizek, a saber, o 'insulto' co que agraciara á súa "inimiga teórica, amiga persoal" Judith Butler. A resposta tédela polo medio deste soliloquio de hora e un chisco, anque para os preguiceiros e menos mitómanos, pódovos dicir que a frase foi (preguntándolle se unha das súas amigas era tamén lesbiana) 'Is she also a degenerate stinking bitch like you?'

quarta-feira, janeiro 28, 2009

Minireseñas e algo máis

Á espera dos días de ocio de Febreiro para despachar traballos pendentes e sumerxirme en lecturas selectivas, meto unhas liñas breves que antecedan ás reflexións xudeas do Mantedor, alén doutra peza de escritura para ela, 'the' woman como diría Sherlock Holmes, e que escribirei en breve. Seguindo o formato narcisista das miñas reseñas, falarei brevemente da 'Virtual Community' de Howard Rheingold e do 'Cyberspace: first steps' de Michael Benedikt (ed.), para rematar cun anuncio e cun chisco de dozura oriental...

O primeiro foi unha grata sorpresa, xa que sobrepasou as espectativas. Rheingold foi un dos primeiros gurús da comunidade virtual, cando a Rede aínda se chamaba Arpanet e tiña acceso restrinxido, aínda nos EEUU. O seu libro funciona como unha divertida introducción á Prehistoria de Internet (dende mediados dos anos 60 ata 1993), o que de por sí non deixa de ter interese para aqueles que descubrimos o ciberespazo non antes de 1998 (nun cibercafé en Irlanda), e que apenas comezamos a habitalo e a visitar con regularidade nos comezos da década do 2000. Mais alén da parte histórica ten interese a parte ético-política: o autor defende con paixón as posibilidades da Rede para formas máis actualizadas de democracia, alén de demostrar mediantes exemplos cómo, dende os comezos, Internet foi herdeira da contracultura dos 60, cuns programadores/hackers que creaban productos de software libre e que buscaban en maior medida que o diñeiro, a creación de espazos e redes sociais de comunidade, e unha Rede por todos e para todos. Certamente, ver a súa óptica dende o 93 en diante -marcada pola mercantilización rampante- fainos algo escépticos coas teses do autor; mais a honestidade intelectual cos discursos críticos que amosa Rheingold xogan ao seu favor, facendo a súa tese, se non compartíbel, alomenos respectábel.

A antoloxía de artigos que compila o arquitecto Michael Benedikt foi, pola contra, unha pequena decepción, malia que non poida falar mal do libro, e algunhas das intervencións sexan certamente lúcidas e visionarias. Nacido das dúas primeiras conferencias sobre Realidade Virtual e Internet que tiveron lugar a finais dos 80/comezos dos 90, 'Cyberpsace: first steps' converteuse nunha obra de referencia sempre citada en posteriores teorizacións sobre o Ciberespazo. O seu maior problema, dende o meu punto de vista (alén da presenza elevada da física e da matemática nos artigos dos arquitectos, que os converten no equivalente das taboíñas cretenses en Lineal A para a miña humanística cabeciña) é o peso que lle concedían daquela, nas visións sobre cómo se ía desenrolar a Rede de Redes, aos temas de Realidade Virtual. Facede memoria, e seguro que lembraredes aquelas aparatosas luvas e cascos, os soños de crear entornos interactivos e inmersivos onde puidésemos pasear e vivir (uns entornos fantaseados en diferente grado por Baudrillard e William Gibson), e que puidesen chegar a esluír a impresión do Real. Toda esa liña profética non se cumpriu, e seguimos apegados ás máis conservadoras interfaces da pantalla e do rato (e por moito tempo, seguramente. O que non quita que un porvir relativamente remoto faga realidade as fantasías que soñaban os teóricos primeiros da cibercultura).

Falabamos antes dun anuncio e unha dozura. O anuncio é a saída, este sábado, do primeiro número dun suplemento cultural e mensual na edición galega do ABC e que coordina e dirixe Ramón Blanco. Ficades emprezados a botarlle un ollo e a perdoar o eco monárquico que esbare polas páxinas alén da separata. A dozura é un poema coreano de Park Hyo-gwan que (xa daquela) evocaba as infindas delicias e marabillas da Doncela de Xenxibre...

Desexaría que o soño no que sentía saudades da miña amada
transmutara en alma de grilo.
e que na noite longa e profunda do outono
entrara o grilo no cuarto da miña amada.
Así pois, quixera espertalo cando durme profundamente,
esquecida de mín.

quinta-feira, janeiro 22, 2009

Liado

Pois iso, que se estes días é certo ando algo escaso de entradas, tamén o é que conto con desculpas convincentes, xa que os traballos do máster e as lecturas atrasadas deixan pouco tempo para fedellar no eido virtual. E cando arrinco uns minutos de lecer, varias ideas pelexan con variada sorte para acadar o estado de entradas...

Como me vexo incapaz de decidir entre elas, de novo recurro ao referendo coma cifrado de escollas. Podería latricar un chisco sobre:

-O cidadán Tipu Sultán, fundador do clube dos Xacobinos e que morreu heroicamente, sable en man, defendendo as ruinas da súa capital contra os odiados invasores ingleses.

-Libros: tanto unha reseña de 'Virtual Communities' de Howard Rheingold coma un anaquiño de 'Cyberspace: First steps', editado por Michael Benedikt.

-Reflexión: Israel e a cuestión nacional: Ontoloxía do Xudaísmo.

-Barroco, alienación, materialismo cultural: Carlos I, 'el-rei mártir' e a antipatía estética de Cromwell e os puritanos.

Xa sabedes. Sen pretender dirixir a opinión dos lectores, non me privo de colar un retrato do Sultán loitador...

domingo, janeiro 11, 2009

Palestina é Palestina

Contemplo con estupor e raiba contida o terrorismo do estado sionista a tecer o seu habitual pano, mortalla, traxedia nas costas de Gaza, a afondar aínda máis na fendendura que separa Palestinos de Israelís dunha posíbel convivencia e resolución de conflictos e de violenzas, engadindo novas datas e nomes a pasados episodios de barbarie...

Aqueles que me coñecen son conscientes do dobremente violenta da situación para mín, xa dentro da subxetividade do Mantedor, dado o estremo e belixerante filosemitismo que me caracteriza. Non hai pobo do mundo polo que sinta a priori máis simpatía e interese que polo xudeu, tradicionalmente perseguido e maltratado, fonte de luminarias en tódolos eidos do saber, gran aprezador das letras e da cultura, e mantedor tenaz das súas tradicións e elementos identitarios fronte a un mar desbocado de adversidades.

Sobre un fondo de música de balas e laios dun pobo martirizado, non deixo de cavilar no feito de que unha da respostas sobre en qué consiste o ser xudeu (podemos debatir sobre esta complexa cuestión se vos apetece), como é a da construcción do estado-nación sionista no antergo territorio de Palestina, remate cun éxito parcial (e tan parcial, en tanto que a maioría dos xudeus do mundo seguen sen seren, e nunca serán Israelís) e cunha derrota maior: un odio terríbel, visceral e irrefrenábel que a violencia sionista está facendo abrollar entre tódalas persoas de ben do mundo. Abandoado de toda defensa moral alén do uso da forza e do sinistro eco dos übermenchen SS e da conquista de espazo vital en Oriente Medio, o Yeretz Israel fíxose digno herdeiro da Sudáfrica do Apartheid, vai convertindo con cada novo día a Terra da Promesa e da Utopía nunha xigatesca cadea estreita para árabes e xudeus. A Xerusalén de Ouro que cantaba Naomi Shemer tornou en Xerusalén de Ferro, pesadelo panóptico de exterminio dos canaanitas e do crecente aillamento e miseria moral dos hebreos.

sábado, janeiro 03, 2009

Anxo Abuín - Escenarios del caos

A cidade posmoderna é unha cidade porosa ou discontinua, coma soubo ver Giandomenico Amendola: "Xa non existen visións ou proxectos totalizadores como a torre, o panorama, a vista a voo de paxaro, o cadro dos paisaxistas ou as imaxes dos pintores renacentistas. A grande metrópole contemporánea escapa á visión global, sustráese á posibilidade de ser apreendida polo individuo" (Améndola, 1997:38). Fálase así da cidade bricolage, ou cidade feble, como sistema indeterminado, anárquico e caótico de signos, de cidade porosa, discontinua, fragmentaria, episódica e incoerente na que o caos e o azar marcan as relacións entre o suxeito e o seu contorno. O lugar como cualidade central foi sustituído polo "non-lugar da metrópole difusa e da cidade inmaterial de redes", máximo expoñente da supramodernidade. Por outra banda, todo fica dominado por un pacto colectivo de simulación, como diría Umberto Eco emulando ao Rousseau de Émile. A cidade tornou escea, e 'ata resulta difícil falar de distorsión da realidade, posto que falta un parámetro de validación ao cal facer referenza" (Améndola, 1997: 85). Coma en Blade Runner, é imposíbel diferenciar ao replicante do humano. Na cidade posmoderna a experiencia cotiá tornou irrecoñecíbel, ameazante e perversa.