domingo, dezembro 06, 2009

Ilusionado co E-commerce

Do mesmo xeito que sigo nas miñas trece polo que toca ao libro electrónico, debo recoñecer que a Rede de Redes abriu enormes posibilidades no que toca á adquisición de libros tradicionais de papel. Neste eido as ventaxas para os que poidan lidiar coa língua inglesa son inmensas, e de feito levaron a que o 80 por cento dos libros que merco na actualidade sigan a estela das ondas virtuais.
Postos a navegar as ribeiras do lago da fada electricidade, varios son os portais desde os que podedes atopar volumes que evitan as librerías galaicas. Os que máis emprego eu son:

-Amazon: auténtica 'multinacional' do libro, inclúe un catálogo amplísimo de volumes a prezos moi económicos e sobre case tódolos temas imaxinábeis. Alén das opcións de 'primeira man', tamén conta con links a outros vendedores dos mesmos productos (novos ou vellos), moitas veces rebaixados. Aliás, os comentarios e reseñas axudan a navegar entre diferentes opcións do mesmo producto.
O Amazon que máis emprego é o de Estados Unidos, xa que os prezos soen ser máis baratos que o do anglosaxón, máis cercano (as taxas de cambio do euro co dólar axudan moito tamén). Os libros tardan arredor de 21 días en chegar polo correo 'barato' (unha semana dende o portal inglés).

-Abebooks: este xa é un portal específico para libros de segunda man, e foi o primeiro espazo de e-commerce ao que acudín. É especialmente bo para volumes vellos e descatalogados, os prezos son moi económicos e os gastos de envío soen ser menores aínda que os do portal anterior (case nunca pasan de 15 dólares, arredor de 10 euros; en comparanza, os envíos de paquetes equivalentes por correos ascende á frioleira de 36 billetes, facendo o e-commerce da península co exterior unha imposibilidade práctica).

-Ebay: esta é unha casa de subastas, anque moitas veces tamén permite opcións de compra directa do producto, ou de facerlle unha oferta máis barata ao seu posuídor. É o portal que menos emprego dos tres, e nembargantes tamén é moi útil ás veces para libros moi concretos que non atopas nos demais enderezos.

Mais alá destes focos, hai outras tendas menores que é oportuno visitar de cando en vez, para ver se ofertan os mesmos libros un chisco máis baratos (nesa pescuda, google é o teu amigo). Para os tomos en español, o equivalente na península sería o portal da Casa del Libro, mais non quedei moi satisfeito cos seus servizos, nen os recomendo agás que o que busques só o teñan eles (son lentos, non avisan se o libro encargado está ou non en stock -neste caso fanche agardar ata que llo traen da editora- e a maioría do que teñen telo tamén nas librerías de Santiago).

segunda-feira, novembro 30, 2009

Tristia (2)

Fai unhas semanas, un aire cruel, parente encrequenado de furacáns e tifóns, ceivou un cáliz de iras e de arrebatos sobor das galaicas terras. Á mañá seguinte descubrín con infinda tristura que os ventos tronzaran dúas das tres pólas dunha feixoa que tiñamos na horta, unha árbore nobre e espléndida onde as haxa, que daba perennes follas dun verde intenso nos meses de inverno; belidas flores rosadas na primavera, coma dedas da aurora; sombra fresca no verán, e froitos doces e numerosos no outono.

Ignoro se a árbore se recuperará desta derrota. Fica a carraxe de querer castigar ao céfiro traidor e de mallar nel, tal coma el-rei dos Persas, nun día lonxano, dera ordes de azoutar ao Helesponto. É que o dano da árbore afectou o meu ánimo coma se fose o dunha persoa querida, ergueu un áspero memento arredor da fraxilidade da vida e do paso do tempo, cómplices ambos que prestaron dentes ao vento canalla que roeu de xeito sádico no compañeiro vexetal; compañeiro do que agardo que siga a agasallar a outros con beleza e feixoas cando o que escrebe estas liñas non sexa máis que unha presada de cinzas e de húmido humus, pra que o meu espírito errante e insatisfeito poida pousar uns intres ao seu redor e pensar aquilo de Serán ceniza, más tendrá sentido...

quinta-feira, novembro 26, 2009

domingo, novembro 22, 2009

Diario Poético

Pensaba falarvos de Cronoloxías e/ou do profesor Bermejo, mais o breve comentario das lecturas cotiás sempre me gorenta nunha maior medida, xa que é o que me anda a roldar pola cabeza...

Entre outros libros, estou agora co Diario poético da dama Daibu. É unha obra do Xapón medieval, parte do xénero dos 'diarios poéticos' (shu, ou nikki) cos que se entretiña a aristocracia cortesá ao servizo dos Emperadores. Mestura de experiencias vitais e de versos compostos para a ocasión, as máis das veces con comentarios introductorios e contextuais, non deixo de cavilar no doado que sería adaptar este formato para a blogosfera...

O da Dama Daibu seguramente non é o mellor nen o máis famoso dos existentes. De feito, cheguei a el case por accidente, mentres buscaba información na Rede sobre as dúas árbores (o laranxo -tachibana- e a cerdeira -sakura-) que escoltaban o acceso ao Pazo Imperial. Na pescuda apareceron uns versos seus, e gustáronme dabondo para decidir ler máis. A única traducción a unha língua occidental do libro ao que pertencían os seus poemas é unha descatalogadísima The Poetic Memoirs of Lady Daibu, verquida ao inglés por Phillip Tudor Harries para Stanford University Press (1980) que me chegou fai uns días por correo, cortesía de tenda de segunda man...

Chámame a atención, acostumado ao noso fetiche occidental da autoría clara, que do mesmo xeito que sucede con outras das xeniais poetas da súa época e lugar, descoñezamos o seu nome real, pois o título que se emprega para alcumala, Kenreimon'in Ukyo no Daibu, ven a significar algo así como "Doncela ao servizo da emperatriz retirada Kenreimon'in, patrocinada na corte polo Encargado da parte dereita da capital".

Os poemas (waka) presentan a forma tradicional da poesía cortesá xaponesa, que non é (contra o que moitos poidan pensar) o haiku, senón a tanka (短歌), tamén bastante breve, composta por cinco versos que presentan 5-7-5-7-7 sílabas cada un. Eis unha mostra:

Unha visión parella
á beleza das flores en primavera
ou á lúa de outono:
nesta aillada aldea da montaña
a neve ilumina ao amencer.

Haru no hana
Aki no tsuki ni mo
Otoranu wa
Miyama no sato no
Yuki no akebono

quinta-feira, novembro 12, 2009

Mictlán - O Inferno Azteca

O Mictlán era a mansión do deus Mictlantecuhtli, Señor dos Mortos, e da súa compañeira feminina Mictlancihuatl (Mictecacihuatl). Mictlantecuhtli sóese representar coma unha caveira sinxela, ou cun coitelo de obsidiana chantado a través do nariz.

Para chegar ao Mictlán, os mortos tiñan que levar a cabo unha longa viaxe inzada de obstáculos naturais que superar en nove fases diferenciadas. No primeiro momento os mortos tiñan que atravesar un río chamado Apanohuaya. No intre en que chegaban ás augas precisaban da asistencia do cadelo Techichi que fora enterrado con eles, para poder nadar a través do río. Despois de saír do cauce completamente nú, a seguinte barreira consistía en pasar a través do Tepetl Monamietia, unha parella de feroces montañas que batían constantemente a unha contra a outra. A partires de aquí, os mortos escalaban a montaña que se chamaba Itztepetl, cuxa superficie era un manto de pezas de obsidiana afiadas coma gumes de navalla. A seguinte proba levaba aos mortos a cruzar os oito abismos (Cehuecayan), nos que a xélida temperatura daba lugar a unha neve eterna, e os oito vales (Itzehecayan) onde ventos brutais cortaban neles coma se fosen coitelos. Ao superar isto pasaban por un camiño descendente no que se vían expostos a unha nube innumerábel de frechas (Temiminaloyan), só para descubrir que un xaguar engulira os seus corazóns. O seguinte obstáculo consistía no cruce dun misterioso lugar chamado 'onde as bandeiras ondean', e onde os mortos topan unha especie de lagarto ou crocodilo chamado Xochitonatl. O lagarto era o símbolo para a terra, e tamén para o derradeiro día do ano, o que indicaba que os difuntos estaban a chegar ao final da súa odisea e retornando á terra.

A estas alturas da viaxe, os mortos víanse na obriga de cruzar os Chiconahuapan (os nove ríos) de novo coa axuda do cadelo Techichi, para finalmente chegar a Chiconamictlan (o noveno inferno) onde eran recibidos por Mictlantecuhtli. Pensábase que esta longa e difícil viaxe requería duns catro anos para completarse. É neste intre cando os mortos perdían o vencello coa súa corporaleidade física e terrestre, pasando a desintegrarse e a desaparecer para sempre na escuridade e na nada. Aparentemente, non había posibilidade de vida eterna ou doutra existencia para aqueles destinados ao Mictlán. A inmortalidade estaba reservada para aqueles escollidos para habitar nos outros tres mundos da ultratumba.

terça-feira, novembro 03, 2009

Comunista(s) do Mes: Os Fusileiros Letóns

Xa sei que vou con certo retraso en dúas das seccións fixas prometidas. Esta xa a tedes eiquí. A de filosofía terá que agardar a ben entrado este mes, xa que o estudo, a traducción e outras lecturas deixáronme parado ás portas da República de Platón...

Os fusileiros letóns (Latviešu strēlnieki) foron un dos corpos militares, inicialmente composto de voluntarios, que o goberno tsarista reclutou na Letonia, daquela unha provincia rusa, co gallo da Primeira Guerra Mundial. Cando en 1917 estoura a Revolución de Outubro, moitos deles pasan a apoiar ao novo goberno; receben o alcume de 'fusileiros letóns vermellos' (Latviešu sarkanie strēlnieki), e nos primeiros momentos constitúen, xunto cos mariñeiros de Kronstadt, os gardacostas e garda pretoriana dos bolcheviques, e un dos poucos corpos disciplinados e efectivos dos que dispñen nos comezos da revolución. Destácanse ao longo da Guerra Civil, suprimindo revoltas en Moscova e Yaroslav e loitando contra os líderes contrarrevolucionarios Denikin, Yudenich e Wragnel. En 1919 receben a máxima condecoración da época, a Honorábel Bandeira Vermella da VTsIK, e un dos seus oficiais -Jukum Vacietis- convértese no primeiro comandante en xefe do Exército Vermello.

Tiveron menos sorte no seu país natal, que aproveitou o dereito de autodeterminación outorgado polos bolcheviques para fundar unha república independente nas costas do Báltico. Coa firma do tratado de paz, en 1920, entre Letonia e a Rusia bolchevique, moitos dos fusileiros retornan á súa patria.

Os que ficaron en Rusia pasaron a ocupar altos cargos no Exército Vermello, na Cheka e no Partido Comunista. Nembargantes, coa chegada dos anos 30, a maioría foron fusilados e deportados ao Gulag, compartindo o destino dos 'vellos bolcheviques' e dos intelectuais.

Moito máis adiante, trala reocupación de Letonia pola URSS e a morte de Stalin, os fusileiros serían rehabilitados, e construíuselles un museo e un fermoso monumento en Riga. A caída do réxime comunista volveu a colocalos na picota, xa que moitos letóns desprézanos como colaboradores da odiada gran potencia veciña. O seu museo foi reconvertido no '
Latvijas Okupacijas Muzejs' ('Museo da ocupación de Letonia', que mete no mesmo saco aos Nazis e aos Soviéticos) e moitas voces reclaman a voadura da rosada pedra esculpida que os representa...

terça-feira, outubro 27, 2009

Volare, oh oh

Por máis que lle gorente a Dean Martin, o certo é que dar voltas polo globo partindo da Gallaecia é un considerábel quebradeiro de cabeza, agás que pretendas viaxar tan só a cidades españolas ou aos aeroportos máis terceiromundistas de Europa (si, isto vai por ti, Bologna-Forlì, ou a exemplificación de como se pode montar un galpón pequeno de cemento, vendelo como aeródromo e usurpar de paso o nome de Bologna, a moitos kilómetros de distancia).

Sen entrarmos na absurdidez minifundista do país, con tres campos de aviación en diferentes gradacións e matices do pior ao lamentábel, o caso é que incluso o presuntamente mellor deles, na Lavacolla, adoece de falta de conexión con calquera aeroporto internacional digno de tal nome. Por suposto, o sucursalismo con Madrid ou Barcelona suple moitas, pero non todas, as necesidades.

Agora mesmo o Mantedor está a romper os cornos na pescuda (non urxente nen inmediata, iso si) dun billete para Osaka, en Xapón, que non o leve en ameno percorrido de 7 días por tódalas aeroliñas do continente, outros mundos e parte de Portugal. Dado que a península ibérica carece de voos directos co País do Sol Nacente (P.S. e como farán os xaponeses para chegar a Compostela ou a Barcelona?) ata o momento fun incapaz de tecer un encaixe de Camariñas ou cubo de rúbik que implique menos de 3 cambios de avión e outros tantos días perdidos tan só nos diferentes transbordos. Se a alguén se lle ocorre algunha suxerencia ou solución para semellante nú gordián, son todo ouvidos a aperto por anticipado ao meu Alexandre Magno...

quarta-feira, outubro 21, 2009

Corrixindo apuntamentos - O Mosaico

O tema 56 das oposicións é 'Arte clásica: Grecia e Roma'. Un deses temas moi sinxelos dos que todo o mundo ten moito que dicir. Repasando a sección adicada ao mosaico, nembargantes, vexo que os meus apuntamentos deixan moito que desexar, e que mesturan o mosaico propiamente dito co lithóstroton. Como guía esquemática para perplexos e aclaración mental para sí veñen as seguintes aclaracións:

Lithóstroton

-do grego λιθoστρωτος, "cuberta/esparcido de pedras".
-decoración de chans (revestimento pavimental)
-materiais: fundamentalmente, pedras e marbres. Area, grava, pó de marbre e algúns máis para os diferentes estratos preparatorios.
-diferentes tipos: opus lapili (pedriñas e 'guijarros'), opus tessellatum (teselas de cores de non máis de 2 cms. de ancho), opus vermiculatum (teselas minúsculas; ata 68 por centímetro cadrado) e opus sectile (lousas de marbre ou alabastro, crustae, cortadas en formas xeométricas. Semellante ao taraceado).

Mosaico

-do latín musaicum, á súa vez forma neutra e tardía de musaicus, 'das musas' ou reformulación a partires de musīvum (opus), emparentado coa mesma raíz musēum, musaeum, 'museo, das musas'.
-decoración de paredes, ao estilo da pintura (ás veces, noutros formatos menores)
-materiais: vidros de cores, marbre. Os mesmos materiais de recheo e de estrato que o lithóstroton.
-diferentes tipos: para o mundo antigo, que é o que nos ocupa, só cabe falar de 'opus musivum'

Isto é se seguimos a Antonella Fuga (Tecnicas y materiales del arte), porque outros autores non ven tan claras estas distincións, e inclúen categorías que mesturan as opus do lithóstroton co mosaico. Por exemplo, opus classicum, que mesturaría o tesselatum co vermiculatum, ou opus palladianum. Se os lectores teñen suxerencias, fico con ollos e orellas abertas...

segunda-feira, outubro 19, 2009

Ver para crer

Os lectores habituais perdoaránme que cole unha caricatura (emprestada de Gonzalo Vilas e de gznación), mais ás veces é certo o dito de que unha imaxe vale máis que mil palabras...


quarta-feira, outubro 14, 2009

Escéptico co E-Book

Certamente, o aparato conta con tódalas miñas beizóns. E as posíbeis ventaxas son moi seductoras: posibilidade de carrexar nun formato confortábel centos ou incluso miles de libros, emprego de procedementos mecánicos de pescuda, marca-páxinas e navegacións hipertextuais, acceso doado a volumes doutra maneira difíciles de atopar... E nembargantes, o que parece un terreo prometedor está estancado, e non ten visos de mellorar no curto ou medio prazo.

Algúns dos problemas teñen que ver coa tecnoloxía en sí: o e-book require unha versión careira nunha carcasa (o e-reader), tanto máis dispendiosa debido ao espectro de obsolescencia tecnolóxica que acompaña sempre aos aparellos electrónicos, alén dos perigos da Bruxa Avería. O aparato necesita recargar baterías e enchufes cercanos, e o cabalo de bataia segue sendo unha resolución absolutamente non-cansina da vista, comparado co papel. Relacionado coa autonomía enerxética, as imaxes a cor de alta resolución (que son as que máis problemas dan) tamén requiren de axustes e de melloras.

Mais o problema maior ven dado ao meu ver pola torpeza e timidez das empresas do ramo, xunto coas súas arcaicas estratexias de control e de dereitos. Os e-books dispoñibles presentan unha variedade incompatíbel de formatos, e unha obsesión enfermiza por evitar os perigos da piratería que concretiza en menos dereitos para o comprador de e-books (por exemplo, non podes facer copias, e incluso a compañía pode hipotéticamente retirarche acceso ao libro que xa mercaches). Se a isto lle unimos uns prezos absurdamente caros (actualmente, moitos dos e-books custan case tanto coma os equivalentes en papel), enténdese a irrelevancia dos nichos de mercado que acadaron. Non quixera xogar a Casandra, mais temo que as limitacións dos empresarios e a ausencia dunha forte inversión improductiva e anterior ata que o sector poida manexarse por si só (que foi o que pasou con Internet) parecen condenar ao sector ao marasmo ata dentro dunhas cantas décadas, é unha situación que lamento. O fetichismo propio polo libro de papel non exclúe as utilidades innegábeis do novo (por exemplo, e como dicía, para libros 'raros' que agora teño que pillar por correo, carísimos e de segunda man), e incluso é posíbel imaxinar unha convivencia harmónica onde o libro tradicional ocupe un nicho de 'mercadoría de luxo', con mellores edicións en papeis de calidade. Mais polo momento, as posibilidades non cristalizan máis alá de soños calderonianos, 'y los sueños... sueños son'.

sexta-feira, outubro 09, 2009

Toussaint L'Ouverture


























Hoxe FraVernero quixéralle adicar este seu pazo e espazo ao libertador Toussaint L'Ouverture, obxecto da súa máis intensa e humilde admiración coma heroe revolucionario, libertador e primeiro dirixente da (ate agora) única revolta exitosa de escravos. E por evidente metonimia, fiquen tamén e sobretodo homenaxeadas as masas de xacobinos negros que racharon coas súas cadeas e devolvéronlle ao lixo humano dos tiranos e explotadores unha parte tan só do que realmente merecían.

terça-feira, outubro 06, 2009

Haiku Outense

Hoxe pola mañán animeime a ir correr. O noso clima galaico non é que acompañase moito, e máis ben ameazaba a cada intre con darme unha ducha de auga fría coma preludio da de auga quente para despois do deporte. Non é que me apetecese moito, mais o tempo escampara algo, e a tarde presaxiaba celebrar unha interminábel catarata de música acuática. A ameaza -alomenos no que tocou á mañá- ficou nunhas cantas pingas, e o percorrido ilustrou as belezas paisaxísticas da Serra de Outes, cuxo telón de fondo natural descola nun escenario de chuvias e brumas. A néboa difusa agochaba ao fondo os eucaliptos e creaba un non-sei-qué de pintura chinesa en tinta e pano de seda: a vida coma servil imitadora da arte. Cando chegaba ao final do percorrido, trotando á beira do río Tines, desconcertoume a visión dunha ánade de plumas de acibeche que corría/voaba por enriba das augas, nunha especie de velocísimo eskí a uns centímetros por riba do cristal fluído, e que me adiantou con facilidade. O episodio fíxome pensar, e lembroume un poema de Shiki:

"Sen esta viaxe / e sen a primavera / teríame perdido este mencer"

E certamente vexo coma un incidente afortunado este pequeno satori, un de tantos que a natureza produce e que as máis das veces carecen (nen botan en falla) da presenza humana que neste caso experimenta "Correndo pola ribeira / a incríbel velocidade / dun parrulo que me adianta!"

quarta-feira, setembro 30, 2009

Comunista do Mes: Vyacheslav Menzhinsky

Non é que teña moita man para as seccións fixas. A 'Oteriana' quedou sen aire, mais confío en que esta, na que homenaxeo a figuras senlleiras do movemento comunista, aínda perdure alomenos por uns meses...

Vyacheslav Menzhinsky (1874-1934) foi un revolucionario de orixe polaca e aristocrática, e o segundo Comisario do Pobo para as Finanzas despois da Revolución de Outubro. Neste cargo non tivo moitas oportunidades de lucirse (nos primeiros días, o seu ministerio consistía exclusivamente nun diván no que permanecía deitado o comisario, cunha folla de papel engadida na que poñía 'Comisariado de Finanzas', e o seu papel principal consistía en organizar a grupos de mariñeiros para que asaltasen os vellos bancos do estado e forzaran aos funcionarios, a punta de pistola, a soltar a pasta). Sería máis adiante, a partir de 1926, cando Menzhinsky acade algo máis de sona coma o heredeiro de 'Felix de Ferro' na OGPU, o servizo de seguridade soviético que sucedera á Cheka.

Digno heredeiro da intelligentisa pre-revolucionaria, Vyacheslav era un home culto e refinado, se ben un tanto diletante (Trotsky, de língua sempre afiada coma unha espada, dicía del que parecía máis ben a sombra dun home a medio facer, un pobre boceto dun debuxo inacabado). Desenrolara un dominio fluído sobre máis de 10 linguas, entre elas o koreano, chinés, turco e o persa (esta última aprendeuna ex profeso para poder ler a Omar Khayyám na súa língua orixinal).

Coma chekista, a súa labor foi bastante eficaz, conseguindo desbaratar as accións dos centros antibolcheviques do estranxeiro mediantes varias operacións de contra-intelixencia (as operacións Trust e Sindikat-2), alén da captura e execución do espía británico Sidney Reilly.

Culto e enfermizo coma un personaxe decadentista, este retrato bolchevique de Dorian Gray sufriu nos seus derradeiros anos dunha anxina aguda que o converteu prácticamente nun inválido. Recostado nun sofá do seu despacho da Lubyanka, Menzhinsky despachaba os diferentes casos e interrogatorios que eran a prerrogativa e o privilexio do Inquisidor Maior da república dos sóviets.

Fiel seguidor de Stalin, a cuxa alta sombra medrou como pranta vizosa, Menzhinsky será, con todo, o segundo e último xefe da Cheka en amosar a continuidade coa Revolución traizoada e unha certa honestidade e independencia con respecto ás fantasías e terrores delirantes do terríbel xeorxiano. Os seus sucesores no cargo serán meros psicofantas pervertidos e sádicos facendo os traballos suxos e agardando á que os pillase o reverso tenebroso da roda da fortuna. Os tres rematarían fusilados en circumstancias predecíbeis e similares...

sexta-feira, setembro 25, 2009

A voltas con Rushdie

Só hai que mirar un chisco atrás para saber que Salman Rushdie non é un descoñecido desta casa. O mantedor manifesta sempre que pode a súa grande admiración polas virtudes éticas e estéticas do autor dos Fillos da Medianoite, e fai uns días tivo oportunidade de entrevistalo co gallo do Congreso de Semiótica que ten lugar na Coruña e que viu inaugurar o escritor anglo-indio. O contacto foi máis breve do que desexaría, xa que por mor dos retrasos e problemas varios destes trafegos, o cuarto de hora que tiña asignado acabou reducido a cinco minutos, nos que apenas puiden saúdar a Salman, darlle a asinar un volume da súa última novela e formularlle 4 das 12 preguntas que levaba preparadas. Os que estexades interesados nas respostas teredes que armarvos dun chisco de paciencia e agardar ata o suplemento galego do ABCD de finais do mes que ven, e non ao de mañán (onde os forofos de Werner atoparán, de todas todas, unha reseña miña d' A santidade habita o deserto, de Ronaldo Amaral).

Un é un mitómano. E agora que pasei a ver a Rushdie de perto, venme ás mentes o célebre episodio dos Versos Satánicos visto a través do prisma infantil (ano 1988) dos meus oito anos daquela. A imaxe televisiva dos islamistas vestidos de negro queimando un libro, a condea a morte e o descubrimento do perigoso que aparentemente podía ser un libro. Ollalo despois con certo temor e fascinio nos escaparates das librerías, coma quen olla para un alacrán ou víbora velenosa nun terrario das especies máis peligrosas do mundo. Cando -moitos anos despois- cheguei ao libro, o mito xa esvaecera, e o que ficou foi a lectura agradábel dun volume excelente, ameno, intelixente e inmellorábelmente escrito...

domingo, setembro 20, 2009

Fondo sen Fondo

Coma todo adicto aos libros (incluso teño estraños soños con eles, nos que son un vampiro catador e engulidor de volumes; deben de ser flashbacks do inconsciente cara a Bola de Cristal e o librovisor...), FraVernero ten unha longa xeira de filias e fobias no que toca a formatos e edicións. Do mesmo xeito no que toca ás editoriais. Dentro do mundo hispánico, e falando do bo, hai moitas que son obxeto da miña devoción. Limitándome ás que considero as seis mellores, teríamos (en orde ascendente):

-Castalia
-Siruela
-Gredos
-Hiperión
-Cátedra
-Fondo de Cultura Económica

Todas obeceden a unha certa división do traballo intelectual. Así, Castalia descola polas súas edicións críticas e de calidade de textos literarios en língua española, sobretodo na colección de Clásicos Castalia. Edicións moi coidadas, con abondosas notas e introduccións extensas a cargo de prestixiosos especialistas configuran o paraíso do filológo castelán, vamos. Deles conto con pezas valiosas como as Soledades de Góngora ou o Persiles de Cervantes.

Siruela é unha editorial curiosa, filla dos traballos e os días dun dos descendentes da Duquesa de Alba (que agora, por certo, está insatisfeito coa liña 'comercial' que colleu Siruela e saiu a fundar unha nova). A súa especialidade son os libros medievais raros, e niso tocan unha das miñas maiores aficións privadas e confesábeis. Tamén inclúen cousas valiosas do oriente, como a primeira traducción íntegra ao español de Viaxe a Occidente, un clásico da literatura chinesa do Renacemento, ou as Historias bizantinas de loucura e santidade de Xoán Mosco.

Gredos ven a ser como Siruela, pero con máis pelas. A súa colección de clásicos greco-latinos é excepcional, mais os que me coñecen saben que nisto o que me chama son as edición bilingües da Loeb anglosaxona. Fai anos que saca unha colección de clásicos marxinais e non-europeos nunha serie carísima, gris/marrón con cousas como Jacques o Fatalista, o Heike Monogatari e teatro chinés.

Hiperión é a escolla obrigada cando se trata de poesía, máis que nada polo emprego de edicións bilingües, 'bonitas' e económicas (fronte, por exemplo, a Pre-Textos, con edicións moi boas pero que van ben pagadas), anque convén fuxir como da peste dos seus exemplares de escritores da península...

Cátedra toca cordas similares a Castalia. Os seus volumes soen ser máis baratos, e con introduccións máis modestas. De tódolos xeitos, o que a fai destacar no podio non é a súa colección de letras hispánicas (anque tamén teña moitos exemplares dela, coma Laberinto de Fortuna, o Criticón ou o Viaje a Turquía) senón as traduccións cosmopolitas da sección Letras Universales, nas que o emprego profuso de notas fai a lectura máis levadeira en autores oscuros, e incluso preferíbel ao emprego dos textos orixinais (isto tamén facilitado polo carácter bilíngüe de case tódolos volumes de poesía desta colección). Ezra Pound é o exemplo que se me ven á mente, máxime cando o mundo das edicións anglosaxón fuxe deliberadamente da nota a pé de páxina en volumes literarios.
Alén, compre louvar en Cátedra as coleccións 'universitarias' que teñen, como Frónesis ou Teorema, que inclúen libriños interesantes anque careiros e moi pequenos.

Pero o que sen dúbida arrastra a coroa da victoria para mín é o Fondo de Cultura Económica, unha iniciativa transnacional (de orixe Mexicana mais que agora inclúe boa parte de Hispanoamérica e a península) que leva producindo dende os anos 30 as mellores edicións en lingua hispana de clásicos das ciencias sociais e das humanidades. É a fonte limpa á que acode un para disfrutar da Historia da Loucura de Foucault, do Pensamento Salvaxe de Levi-Strauss, do Mediterráneo de Braudel, do Capital de Marx entre moitos outros.

Mais como está claro que na esfera sublunar non hai espazo para a perfección, o Fondo tamén ten eivas. A maior para mín é a terríbel distribución que teñen, alomenos na Galiza. As librerías mellor surtidas rara vez contan con máis de 5 ou 6 volumes desta casa, encargalos é un pesadelo e a páxina web é un caos onde só aparecen edicións ultracaras en rústica de máis de 300 dólares.

Nestes intres estou á espera de que me cheguen dous volumes deles, que atopalos e encargalos foi toda unha odisea que de por sí merece unha entrada: Los reyes taumaturgos, de Marc Bloch, e El nuevo mundo industrial y societario, de Charles Fourier. Cun moito de sorte, o primeiro debera chegar mañán nun paquete contra reembolso. Do segundo non teño novas, e seguramente siga sen telas durante bastante tempo...

sexta-feira, setembro 18, 2009

Música para un Ouveo

Non quería deixar pasar o mes sen mencionar o soberbio espectáculo que, baixo a dirección de Borja Costa, bo e vello amigo e compañeiro de aulas, tivo lugar en Coruña e Vigo os días 3 e 4 de Setembro. A montaxe, baixo o título de Música para un Ouveo, era unha mestura de recital poético do Howl de Ginsberg (e algúns poemas máis) e de improvisación musical, cun quinteto de cordas e piano.

Aunque un non é, evidentemente, un crítico imparcial, quixera destacar a boa calidade da montaxe, cunha interrelación entre a melodía e o verso tan equilibrada e precisa coma o corte cunha pedra de diamante. Hai casos nos que o intento de mesturar varias artes xera un certo desequilibrio non buscado, ou segue a éxida da subordinación. Neste caso, temos pola contra unha polifonía e delicada arquitectura, na que tódalas pezas encaixan sen o mínimo atisbo de disonancia.

Só fica congratular a Borja, aos músicos e ao traductor/recitador, Xoán Abeleira, e recomandarvos a asistencia ao espectáculo, que agora circulará por terras hispánicas. Nalgún lugar brumento e elevado, os poetas beats que militan no sorriso fan os coros da peza que nos ocupa i erguen un cáliz de leda conmemoración...



P.S.: Na ligazón que vos adxunto, a personaxe que aparece na foto como 'Borja Costa' é en realidade Xoán Abeleira. O amigo Borja é o da foto que vos colei eiquí enriba.

segunda-feira, setembro 14, 2009

Kevin Alan Brook - The Jews of Khazaria

O estraño ritual de sacrificio do Kagan dábase ao parecer entre os turcos occidentais e os kházaros. Dacordo co historiador árabe al-Istakhri, un límite éralle imposto á duración da vida dun Kagan kházaro despois de que comezase a gobernar. Os nobres poñían unha corda de seda arredor do pescozo do Kagan, e deixaban de apretar cando o Kagan empezaba a afogar, e entón preguntábanlle: "Canto tempo pensas reinar?". A intención dos nobres era a de matalo se o seu reinado duraba un só día de máis alén do prazo especificado de anos. Pola súa banda, ibn Fadlan daba unha cifra exacta do máximo número de anos que se lle concedía ao reinado dun rei. Se un Kagan levaba gobernando polo menos corenta anos, escribiu, os seus cortesáns e vasalos asumían que a súa capacidade para razonar víase mermada, debido á moita idade. En consecuencia, asasinaban ao Kagan.

sexta-feira, setembro 11, 2009

Cours de philosophie

Acabo de rematar Reclaiming Truth: Contribution to a Critique of Cultural Relativism, o terceiro libro que leo (despois de The truth about Postmodernism e Teoría Acrítica) do filósofo galés Christopher Norris; o libro segue na súa liña habitual, que tanto me gorenta, de defensa da racionalidade, a Ilustración, a ciencia e o realismo filosófico. Tamén cunha defensa bastante apaixonada de Jacques Derrida, cuxo proxecto de Deconstrucción insiste en separar -ab Hoedis me sequestra- das torpes terxiversacións de teóricos literarios, pragmatistas, posmodernos e demais seres indesexables. O descubrimento deste autor foi, como tantas cousas da vida humana, froito do azar, como podería testemuñar Sir Gawain, un dos lectores habituais da bitácora e que me acompañaba nese momento preciso. Paseabamos polos anaqueis do fondo de Filoloxía cando unha caricatura de estilo Gillray chamou a miña atención: sobre un páramo desolado onde están ciscadas palabras como 'verdade', 'razón' e 'coñecemento', un trío de desaprensivos tira para abaixo cun busto-columna de Carlos Marx. Nun primeiro plano, uns ratos roen na 'Enciclopedia' e na 'Crítica da Razón Pura'. O argumento visual era persuasivo, e foi o primeiro paso dunha relación de lectura e seguimento que incluiría tempo despois o contacto epistolar, o envío de libros e a miña asistencia a uns seminarios que deu en Santiago nos cursos de doutoramento de Inglesa.
De todas maneiras, a lectura non deixa de porme en evidencia as miñas carencias de francotirador no terreo da Filosofía, polo que decidín obrigarme a unha especie de curso filosófico no que adique tempo concreto cada par de meses a ler e a profundizar en pensadores clásicos da disciplina. Empezando polo principio, septembro-outubro estarán adicados a Platón, do que ata agora só teño ventilado a Apoloxía de Sócrates, o Banquete e o Fedro. Agardade pois para o mes que ven unha crónica das lecturas novas e das reflexións que me suscitan na forma de nova sección fixa deste pazo evanescente... 

quarta-feira, setembro 09, 2009

Dueto de Nóbeles

Como ben sabedes, o Mantedor é persoa desconfiada e de gustos exquisitos no que toca á escrita; proba do cal é a escolla de dous premios nóbel para ir lendo nas semanas pasadas: Orhan Pamuk (cuxo volume O Museo da Inocencia fai pouco que acaba de sair en galego, denantes que en castelán ou inglés) e John Maxwell Coetzee (neste caso, o volume Desgracia, do ano 99 e que xa leva tempo traducido ao español). Bon, en realidade, estou a dicir unha mentira parcial, xa que as dúas escollas estiveron mediatizadas -unha viña dada por unha reseña que lle tiña que facer, e a outra era un préstamo de longa duración que ía acumulando pó nas miñas estanterías-, mais de todas maneiras amosaron ser libros e lecturas estupendas, que me permito comentar moi brevemente dende este espazo virtual.

Polo que toca á novela turca, ides atopar nela unha intensa historia de amor (para o meu gusto cínico e posmoderno, un chisco demasiado 'melodramática') entre o protagonista, Kemal -un exemplo da clase media-alta e occidentalizante da Turquía dos anos 70 a 80- e Füsun, unha parente lonxana das clases populares. Como telón de fondo temos unha rica visión ao fresco dos barrios de Istambul e da sociedade turca das datas citadas, con tódalas antinomias que a modernización forzada de Atatürk e das élites crea nun país de complexos e identidades divididas. E temos tamén, en contrapunto, un certo fetichismo dos obxectos que, tocados pola amada, son coleccionados de xeito compulsivo por Kemal na ausencia ou inaccesibilidade desta, e que darán lugar ao peculiar 'Museo da Inocencia' que intitula á novela e que o novelista está a construír na propia Istambul. A novela é considerábelmente entretida, cunha rica estilística e unha división en pequenos capítulos (case lembrando ao formato do folletín) que fai máis doado lidiar coas case 700 páxinas da edición en língua galega.

Polo que toca a Coetzee, o tapiz social é neste caso o dunha Sudáfrica post-apartheid que sustituiu a anterior tiranía insoportábel por unha nova anarquía (e violencia) insoportábel, alomenos para os brancos. Nas súas páxinas seguimos a decadencia e caída 'en desgracia' de David Lurie, profesor universitario cincuentón e puteiro, amante de Byron e do Romanticismo, que vive unha aventura cunha alumna e vese expulsado por iso da comunidade académica. Na súa fuxida refúxiase coa súa filla nunha granxa do Cabo rural, só para experimentar a continuación e agravamento da desgracia coa violación desta e o intento de queimalo vivo a el, nun contexto en que o 'cacique africano' Petrus está a converterse na forza en ascenso nun escenario confuso e perigoso para os antigos dominadores brancos. Segundo avanza a novela, o protagonista súmese máis a fondo no proceso de auto-humillación e (quizaves) redención a través da aceptación resignada dunha filosofía da renuncia (renuncia ao desexo, á creación e recoñecemento estéticos, e desempeño da modestísima función de incinerador de cadelos mortos).
O estilo Coetzián tamén é unha tracería delicada, detallista, elaborada, anque sometida a unha lóxica notoriamente carente de humor ou de alivio para lector ou personaxes. No escenario pesimista e distópico que debuxa, parece non haber esperanza (ou, coma no exemplo Kafkiano, infinitas doses dela, mais non para nós). As posibilidades de xustiza nun escenario de violencia histórica parecen ter que pasar antes por unha vinganza de raza e de clase que malia ser perfectamente entendíbel e xustificábel, non tecerá escenarios para a concordia e para unha xustiza futura que brilla, tan lonxana como evanescente.