segunda-feira, junho 26, 2006

sábado, junho 17, 2006

Rescoldos

Fai 63 anos, un xoven estudante xudeu do conservatorio de Kolozsvár vía os seus estudos interrumpidos. Sometido a traballos forzados, a súa familia era deportada ao trístemente célebre Auschwitz-Birkenau. Só sobreviviu a súa nai.
Despois da guerra, o rapaz proseguiu os estudos. As músicas populares de Romania e Hungría misturábanse coas atonalidades da Vangarda, arrincadas segredamente das emisións de radio occidentais. No 56 aproveita a revolta contra o Exército Vermello e fuxe a Austria, onde traballará con grandes experimentais do século XX como Stockhausen e Gottfried Michael Koenig.
Algunhas das súas pezas acadaron merecida sona, tanto na esfera culta como na popular. Dende a décima peza da Musica Ricercata (censurada polo réxime comunista por 'decadente'), ao seu Requiem (que contrapuntea, xunto con outros fragmentos roubados, o 2001 de Kubrick), á ópera escatolóxica Le Grand Macabre, ou o Poema Sinfónico para 100 metrónomos.
Estamos a falar, por se non vos enterastes, do compositor György Ligeti, que como oportunamente avisou o Sir Gawain, faleceu 5 días atrás. E dende esta casa, non podemos menor que honrar a súa memoria, e animarvos encarecidamente a facelo da mellor maneira posíbel: escoitando as súas pezas e compartindo algúns dos seus intereses (que alén do musical incluían a xeometría fractal de Mandelbrot e os escritos de Lewis Carroll e Douglas R. Hofstadter).

Noutro orde de cousas...
A época dos exames nótase ás claras no blogomillo. Apenas teño tempo de insertar entradas, e non digamos de ler e comentar as alleas. A liberación, próximamente nas súas pantallas a partir do 7 de Xullo.
Entre as cousas que non debería facer pero fago está o de planear as partidas roleiras a dirixir para a asociación que estamos a montar en Compostela: Casco Vello. En breve haberá páxina web (coa súa ligazón correspondente eiquí). Fuzando no vello manual de Warhammer 'Realms of Chaos -Slaves to Darkness', ocórrenseume unha campaña concatenada en varios xogos (de Rol e de taboleiro) cos PXs personificando a Guerreiros do Caos. Mesmo fun deseñando xa unha figura para min mesmo: Gabrad o Carnal, Campión do Caos de Slaanesh.




Máis xogos e máis propostas para máis adiante. Iso sí, voltando a outro xiro copernicano, transmítolle mensaxe cifrada a Sir Gawain -creo que xa descubrín o camiño de saída naquel asunto que tiñamos que discutir. As chaves que abren as portas levan os nomes (vai pensando...) de Levinas, 'Espectros de Marx', relixión postmoderna...

domingo, junho 11, 2006

O Demiurgo

"Agora, o arconte, que é feble, ten tres nomes. O seu primeiro nome é Yaltabaoth, o segundo é Saklas ("necio"), e o terceiro é Samael. É impío na súa arrogancia, que está nel. Porque el dixo 'Eu son Deus e non hai outro Deus alén de min', xa que é ignorante da súa forza, e do lugar de donde viu."

quarta-feira, maio 31, 2006

A Biblioteca de Stalin

Cando Stalin morreu, deixou tras de sí miles de libros no seu apartamento do Kremlin e na súa dacha de Kuntsevo. Había literatura dos emigrados, dos Gardas Brancos, e libros dos vellos coñecidos que fixera asasinar: Trotsky, Zinoviev, Kamenev, Bukharin. Os seus libros, confiscados en tódolos lugares do país, vivían na súa biblioteca. No periodo de Khrushchev a colección foi repartida, e só ficaron os libros anotados por Stalin. O lacónico Koba deixara un gran número de notas nas marxes dos seus libros, e estas anotacións ofrécennos un camiño curioso cara os pensamentos privados do Gran Conspirador. No Arquivo do Partido boteille unha ollada a dous destes libros, ámbolos dous sobre o terror. O primeiro era 'Terrorismo e Comunismo' de Trotsky (1920). En calquera lugar onde Trotsky apelaba ao terror e á violencia revolucionarias Koba anotaba entusiásticamente: 'Exacto', '¡Ben dito!', '¡Sí!'.

O segundo libro era 'Terrorismo e Comunismo' do socialdemócrata alemán Karl Kautsky (1919). 'Os líderes do proletariado' dicía o autor 'comezaron a empregar medidas extremas, medidas sanguinarias, o terror'. Koba suliñara estas palabras, e escribira 'ha-ha' nas marxes.

Edvard Radzinsky, Stalin.

sábado, maio 27, 2006

sábado, maio 20, 2006

Slavoj Žižek - Benvidos ao Deserto do Real

A idea do Acto político radical como saída deste punto morto democrático non pode, obviamente, senón provocar a reacción agardada dos liberais. A crítica estándar alude ao carácter pretendidamente 'absoluto' da ruptura radicalo, que fai imposíbel distinguir entre un Acto verdadeiramente ético e, digamos, unha monstruosidade nazi: ¿non é certo que un acto está sempre situado nun contexto socio-simbólico específico? A resposta a este reproche é clara: por suposto, un Acto é sempre unha intervención específica nun contexto socio-simbólico; no mesmo xesto pode ser un acto ou unha ridícula postura baleira, dependendo do contexto (por exemplo, facer unha declaración ética en público cando xa é demasiado tarde convirte unha intervención valente nun xesto irrelevante). ¿Onde reside entón o malentendido? Hai algo máis que perturba aos críticos do concepto lacanián de Acto: é certo, un Acto está situado sempre nun contexto determinado; nembargantes, isto non quere dicir que esté de todo determinado polo seu contexto. Un Acto implica sempre un risco radical, o que Derrida, seguindo a Kierkegaard, chama a loucura dunha decisión: é un paso no baleiro, sen garantía nengunha de éxito. ¿Por qué? Porque un acto cambia de forma retroactiva as coordenadas nas que intervén. Esta falla de garantía é o que os críticos non poden tolerar: queren un Acto sen risco, e non só sen riscos empíricos, senón sen o 'risco trascendental' moito máis radical de que o Acto non só fracasesenón que sexa un erro radical. En poucas palabras, e parafraseando a Robespierre, os que se opoñen ao 'Acto absoluto' opóñense ao Acto en canto tal, queren un Acto sen Acto. O que queren é homólogo do que querían os oportunistas 'demócratas' que, como dixo Lenin en 1917, queren unha revolución 'lexitimada democráticamente' como se un puidera organizar un referéndum e só despois, tras obter unha clara maioría, tomar o poder... Aquí podemos ver de qué xeito o Acto non pode encaixar nos límites da democracia (concebida como sistema positivo de lexitimación do poder mediante eleccións libres). O Acto acontece nunha emerxencia, cando un ten que correr o risco e decidir sen lexitimación, comprometéndose nunha especie de aposta pascaliana coa idea de que o propio Acto creará despois as condicións dunha lextimización 'democrática' retroactiva. Por exemplo, cando en 1940, trala derrota francesa, de Gaulle chamou á prosecución da guerra contra os alemáns, o seu xesto non tiña unha 'lexitimación democrática' (naquel momento, unha grande maioría dos franceses apoiaba sen nengunha ambigüidade ao mariscal Petain, Jacques Duclos, dirixente comunista francés, escribiu que se se tivesen celebrado 'eleccións libres' na Francia de 1940, Petain tería obtido o 90 por 100 dos votos). Nembargantes, e malia esta falla de 'lexitimación democrática', a verdade estaba de parte de de Gaulle, que esta a falar de feito no nome de Francia, do pobo francés como tal. Isto tamén nos permite respostar ao reproche demócrata fundamental: o acto absoluto (autorreferencial) carece de calquer control externo que poida previr excesos terríbeis; é dicer, ¿pode lexitimarse algo de forma autorreferencial? A resposta está clara: como amosa o caso da Francia de 1940 (entre outros), a democracia non pode ter unha garantía semellante, non hai garantía contra a posibilidade do exceso. Hai que asumí-lo risco, é parte do eido da política.

domingo, maio 14, 2006

Details of KZ Camp Mottos

Arbeit macht frei (literalmente=O Traballo libera). ¿Orixe? A primeira referencia (como título dun libro): Lorenz Diefenbach: Wien 1872 / (impreso como libro) Bremen 1873. Coñecido como lema dunha pegatina da pro-Nazi Deutscher Schulverein (~Asociación Escolar Alemá), Wien como moi tarde de 1924 (probablemente 1922). A orixe precisa do uso como lema de campo de concentración é descoñecida. Algunhas páxinas sen nomear a fonte atribúenlle o uso do Arbeit macht frei como lema ao Ministro de Propaganda Joseph Goebbels (1897-1945). Harold Marcuse en: "Legados de Dachau. Os Usos e Abusos dun Campo de Concentración 1933–2001", Cambridge 2001, referíndose a Johannes Tuchel: "Die Inspektion der Konzentrationslager 1938-1945. Das System des Terrors. Eine Dokumentation", Berlin 1994, atribúelle o emprego do Arbeit macht frei como lema ao primeiro SS Kommandant do KL Dachau e despois xefe da SS KL inspection (IKL) Theodor Eicke (1892-1943). Véxase tamén o libro de Eric Joseph Epstein e de Philip Rosen: “Dictionary of the Holocaust. Biography, Geography, and Terminology”, Westport 1997, referíndose a Tom Segev: ”Soldiers of Evil: The Commandants of the Nazi Concentration Camps”, New York 1987. O primeiro SS Kommandant do KL Auschwitz Rudolf Höss (1900-1947) na súa autobiografía escrita na cadea mentres agardaba o seu xuízo: “Kommandant in Auschwitz”, primeira edición Warszawa 1951, dá unha interpretación persoal do uso de Arbeit macht frei como lema dun campo-KZ.

Un elemento importante para entender o lema de Arbeit macht frei como expresión drástica das presuntas intención orixinais e 'reeducativas' dos campos de concentración vese testemuñada polas chamadas 'pedras miliarias de Himmler: ”Es gibt einen Weg zur Freiheit. Seine Meilensteine heißen: Gehorsam, Fleiß, Ehrlichkeit, Ordnung, Sauberkeit, Nüchternheit, Wahrhaftigkeit, Opfersinn und Liebe zum Vaterland! ” (~“¡Hai un único camiño cara a liberdade. As súas pedras miliares chámanse: Obediencia, Dilixencia, Honestidade, Orde, Limpeza, Sobriedade, Dicí-la verdade, Espirito de Auto-Sacrificio e Patriotismo!”), que estaban pintadas con letras enormes no KL Dachau (no tellado do edificio da cociña/lavandería/almacén), no KL Sachsenhausen (as palabras distribuídas nas portas dos barracóns), no KL Neuengamme (sobre o tellados dos barrancóns-cantinas) e probábelmente nos KL Buchenwald and KL Auschwitz (I). Ningunha destas decoracións Miliares sobreviviu ata hoxe, pero existen fotos excepto para o KL Buchenwald e o KL Auschwitz (I).

segunda-feira, maio 08, 2006

Meditacións Dreiserianas

"A woman should some day write the complete philosophy of clothes. No matter how young, it is one of the things she wholly comprehends. There is an indescribably faint line in the matter of man's apparel which somehow divides for her those who are worth glancing at and those who are not. Once an individual has passed this faint line on the way downward he will get no glance from her. There is another line at which the dress of a man will cause her to study her own."
Theodore Dreiser, "Sister Carrie"


Estaba a varios centos (máis ben miles) de pes de altura, camiño dos meus bologneses, cando comecei a engulir unha das obras de lectura obrigatoria deste curso: "Sister Carrie", de Theodore Dreiser. Fan unhas dúas horas que cheguei por fín á derradeira páxina (a 499, para ser exactos) e ocórrense algunhas ideas ao respeito da obriña.
A primeira vez que escoitara falar do autor foi co gallo doutra obra súa, máis coñecida: "An American Tragedy". Durante a súa breve estadía nos Estados Unidos, Serguei Eisenstein propuxéralle á Paramount -entre outros proxectos- facer unha película inspirada no libro de Dreiser. A proposta foi, por suposto, ignorada.
Pero voltando con Carrie, unha das cousas que me sorprendeu -tanto para ben como para mal- foi o sólido materialismo que trasuda a novela. No que parecería unha ilustración literaria das teorías de Marx sobre o Fetichismo da Mercadoría, asistimos ás voces dos distintos productos chamando á protagonista con recurrentes promesas de felicidade e do benestar, e cos horrores da miseria nas sociedades opulentas como música ambiental e telón de fondo. Os cantos de serea son desenmascarados, nembargantes, como o que son: falsos sustitutivos que alimentan unha ardente caldeira de insatisfaccións.
Por suposto, o ton realista, a falta de ordes morais e finais felices, o azar omnipotente, o aplastante peso do medio por riba de desexos e esforzos -o individuo-títere atrapado nas arañeiras do tecido social- axudan a explicar a súa deriva política (fíxose membro do Partido Comunista antes de morrer; con anterioridade, e sempre fichado polo FBI de Hoover, visitara Rusia e a España Revolucionaria).
Como soe pasar, a maior virtude leva no xérmolo o maior defecto: ese naturalismo realista peca ás veces de simplón e reduccionista, inseríndose nesa veta tan de moda en certos escritores e pensadores decimonónicos que cultivaron tamén os escritos de Engels, Zola e os torpes intentos de aplicar o Darwinismo na esfera social.
Mais con todo pesado, o saldo sae a favor. Non podo menos que rematar recomendándovos a súa lectura, sendo especialmente útil para longos momentos de viaxe o de cola, como as tres horas e cuarto que me aliviou na porta da Galería dos Uffizi poderían testemuñar.

sexta-feira, maio 05, 2006

Dende o Palazzo Paleotti

Só unhas breves liñas para lembrarlle aos escasos lectores desta bitácora que estou por Italia de vacacións, polo que o meu acceso a internet (e tempo libre) son escasos. Acabo de colarme no famoso 'Palazzo Paleotti' da Universidade bolognesa (famoso porque é dende onde os comparatistas me envían os seus comentarios) para fedellar un chisco pola rede e botarvos unha botella con mensaxe, agardando que teñades paciencia por uns días.

A recompensa, se vos prace, tomará a forma dalgunhas crónicas das miñas experiencias locais, xunto con imaxes das cousas que vín. Podemos comezar con algunha vista da capela dos Scrovegni, decorada por Giotto e que visitei hoxe en Padua.

sábado, abril 22, 2006

A Tenda de Lámpadas de Erich

É ben sabido que tódolos rexímenes políticos -e especialmente os novos- gustan de marcar física e emocionalmente os lugares que gobernan. E unha das formas máis tanxibles de facelo é a construcción de edificios e monumentos; os espectros e a metonimia atopan rápido acubillo nos tobos -novos e vellos- de pedra, cristal, madeira e aceiro.
Os comunistas da vella Alemaña Oriental non quixeron ser menos, e teceron unha peculiar topografía sobre as ruinas da capital irreal.
Unha das edificacións máis simbólicas foi o Palast der Republik, un edificio horrendo na peor liña do realismo socialista que edificaron nos anos 70 no centro mesmo do antergo Berlín. O seu solar fora anteriormente a sé do Pazo Real, seriamente danado na Segunda Guerra Mundial e derruído nos anos 50 -era símbolo pouco grato de Imperialismo Prusián para os líderes do SED. O único que se conservou do Pazo (alén das fotos e dos planos) foi un balcón, reubicado no sul da praza, e dende o cal o meu admirado Karl Liebknecht proclamara, anos atrás, a República Socialista Libre que nunca chegara a nacer, aló por 1918.
Voltando ao Palast, é un edificio xeométrico de grandes cristaleiras bronceadas. O seu hall de entrada estaba decorado con mil e unha lámpadas, o que deu lugar a un dos motes populares da casa: a Tenda de Lámpadas de Erich (de Erich Honecker,o todopoderoso Secretario Xeral e gobernante da República durante moitos anos).  Trala reunificación alemana, en 1990, descubriuse moi oportunamente que o edificio estaba contaminado con absestos. O parlamento alemán, na súa liña de aniquilación dos símbolos do anterior réxime, ordeou a súa demolición e a reconstrucción no solar do Pazo destruído -un proxecto faraónico que, calculando polo baixísimo, necesita 400 millóns de euros que aínda non se reuniron.
O esquelete desmoronado fica aínda; varios movementos culturais organizaron actos nel. Mais nada tan apropiado como a exibición dun exército de espectros: os dos guerreiros de terracota que na primavera do 2004 atoparon refuxio temporal nos seus muros.
Se queredes ver algo máis do edificio que xa non é, ou informarmos algo máis, poderedes topalo aquí e mais aquí.
E quizaves, ao final, vos pase como a min, e lle topedes un particular e difuso encanto a este fragmento do pasado que se esvaece no ar...



segunda-feira, abril 17, 2006

Albert Soboul - Comprender a Revolución Francesa

A herdanza xacobina que a Revolución Francesa legou ao século XIX encarnouse finalmente en dúas figuras cuxo valor de exemplo afírmase contradictorio: Robespierre e Marat (...).
Robespierre fora exaltado nos anos trinta polos republicans. Así, por exemplo, Laponneraye, que en 1832 publicaba un volume titulado Oeuvres choisies de Maximilien Robespierre e en 1840 unha Notice historique, na que definía a Robespierre como "unha das individualidades máis poderosas da Revolución Francesa, o xefe militante do partido xacobino, cuxo teórico fora Rousseau, e Xesús o seu iniciador". Lembremos tamén o robespierrismo de Buchez e da súa Histoire parlamentaire de la Révolution française (1834-1838). A exaltación do xacobinismo na persoa de Robespierre non sobreviviu ao ano 1848. Michelet non ocultaba as súas preferencias por Danton, ao que os sostedores do positivismo reabilitaban ao mesmo tempo. Pero sobor de todo, Robespierre veuse envolto no descrédito que, para os revolucionarios, ligábase aos homes do 48 e en particular ao "ex-predicador do Luxembourg", segundo expresión de Tridon.
O blanquismo afirmouse furiosamente antirrobespierrista. Son significativas ao respeito as notas de Blanqui sobre Robespierre redactadas en agosto de 1850 cando foi detido no castelo de Doullens, despois da súa condea por participación no motín do 15 de maio de 1848:

Robespierre era un Napoleón prematuro. Os mesmos proxectos por diferentes medios, pero coas mesmas paixóns, o mesmo odio ao espírito revolucionario e a incredulidade, a mesma antipatía polos homes de letras e sobre todo a mesma sede de poder. Nen falar da insensiblidade do corazón: nen un nen outro pertencían á especia humana. Ámbolos dous querían edificar a sociedade sobre a vella metafísica.

E máis adiante: "O 9 de termidor xa non había pobo. Robespierre desmoralizárao e embrutecido cos seus proxectos de dictadura reaccionaria e de reconstrucción relixiosa". Éste parece ser o argumento principar, pois Blanqui, anticlerical e ateo, non lle perdoaba a Robespierre o culto ao Ser Supremo.
O certo é que mentras Robespierre fora o ídolo dos revolucionarios ate 1848, Blanqui ensináballes a detestalo. A Histoire de Robespierre de Ernest Hamle, que apareceu en tres volumes entre 1865 e 1867, haxiográfica e algo lenificante, non era quen de remontar a corrente. A partir de entón, os hébertistas idealizados, dos cales en 1864 Tridon, discípulo de Blanqui, tornou apoloxista, foron os modelos a seguir para estes revolucionarios. Pero se ben é verdade que Blanqui guindaba a Robespierre ao inferno da contrarrevolución, a súa propia práctica revolucionaria, centralista, elitista, amosase inscrita na filiación directa do xacobinismo.
Máis precisa foi a persistencia da influencia xacobina nesa forma elemental que constituiu o maratismo. Un ano despois da reabilitación de Hébert por Tridon, Alfred Bougeart exaltaba a Marat nunha obra moi sólida, que reclaba a "cesación dun xuízo inicuo". Bougeart preguntábase, na noite do asasinato do Amigo do pobo: "¿Non se pregunta un involuntariamente, ao pensar nos acontecementos que habían de seguir, qué barreira podería opoñer Marat a Robespierre, a esa autoridade dictatorial ao parecer moito máis preocupada pola necesidade de desfacerse dos seus inimigos persoais que polo deber de rematar cos inimigos da liberdade pública?". Retomando un xuízo de Camille Desmoulins no número 2 do Vieux Cordelier (10 de decembro de 1793), Bougeart resposta: "Marat era o único que podía salvar á República, á Liberdade e á Revolución, porque era o único que se detivera no punto máis alá de onde só hai extravagancia e máis acolá só hai reacción". Posición centrista por excelencia, entre a esaxeración e a moderación, que foi precisamente ao do xacobinismo. Pero, ¿non é iso dar demasiado a Marat?

sexta-feira, abril 14, 2006

Aniversarios

Son datas de lembranza e celebración. Se un tempo atrás lembrábamos a Connolly e a Revolta de Pascua, dúas ou tres efemérides máis vanse agolpando no noso particular baúl de lembranzas.
Onte, por exemplo, cumpríase o centenario do nacemento de Samuel Beckett -outro irlandés-, o xenial escritor, secretario de Joyce, loitador da Resistencia en Francia, Premio Nobel e Saoi de Aosdána. E non hai método mellor de festexo que o de (re)ler os seus estupendos libros, que sempre están de actualidade (non só nestas datas sinaladas).
Saltamos agora ao que Nabokov chamaba con carácterístico mal xenio o 'matasáns vienés'. Neste caso xa son 150 dende o natalicio do pai da psicoanálise, bo fumador de puros, tremendo influxo alén da psicoloxía en innúmeros ámbitos do noso breve século vinte (os filósofos de Frankfurt, a escritura surrealista, ...). Tiña pensado meses atrás unha entrada falándovos da visita que fixera á súa casa, en Londres, co famoso diván, mais é algo que segue quedando pendente. Polo de agora, só un anticipo: falaremos tamén nesa entrada de Bloom, que considera que as obras de Sigmund pervivirán antes no canon literario que no científico...
Last, not least, hoxe é, como ben sabedes, 14 de Abril. Van 75 anos dende a proclamación da 'niña bonita', a Segunda República Española.




Como galego separatista, é de supoñer a miña escasa simpatía por todo o español. Mais certamente, o meu profundo desprezo pola tribo carpetovetónica tería evoluído doutro xeito de ter sido outra a nosa historia: a dun estado español republicano, laico, socialista e confederal, orgulloso da pluralidade de línguas e nacións do chan peninsular. Unha esperanza que alumeou con forza tal día coma hoxe, tan só para ser esmagada anos despois polos fusís do Feixismo e a deixadez e covardía das democracias occidentais.
E lendo en historiadores estranxeiros os encendidos eloxios dos españois que, derrotados, continuaron a loita contra o feixismo en Francia, en Rusia..., o tremendo valor e unidade dos 'españois roxos' en Mauthausen, conséguese suscitar en min (só en parte) ese orgullo e sentimento de pertenza que ningunha adoutrinación ou sistema educativo son quens de crear.
Ma non troppo. Moito teñen que mudar as cousas para voltar a prestarlles a miña confianza. E. por suposto, é condición indispensábel a reedición da República que quixemos rememorar hoxe.

quinta-feira, abril 13, 2006

sexta-feira, abril 07, 2006

Intertextualidade

Agora sabemos que un texto non é unha serie de palabras que liberen un significado único, teolóxico (a 'mensaxe do Autor-Deus'), senón un espazo multidimensional no que unha variedade de escritos, ningún deles orixinal, mestura e choca. O texto é un tecido de citacións arrincadas de innumerables centros de cultura ... o escritor pode tan só imitar un xesto que sempre é anterior, nunca orixinal. O seu único poder é o de mesturar escrituras, confrontar unhas con outras, de tal xeito que nunca descanse plenamente en ningún en concreto. Se o que quixese fose expresar o seu ser, debería alomenos saber que a 'cousa interior' que desexa transmitir é simplesmentes un diccionario previamente elaborado, as súas palabras só explicables a partir doutras palabras, e así indefinidademente.

(Roland Barthes, Image-Music-Text)

sexta-feira, março 31, 2006

Os Versos Satánicos - Salman Rushdie




Na pantalla, representaba ao 'prigado' -o pailán que se namora da bela e que non é quen de ver que ela nunca se namoraría del nun millón de anos-, ao tío gracioso, ao parente pobre, ao paleto local, ao criado, ao estafador incompetente, ningún dos cales era o tipo de rol no que lle tocase algunha vez unha escea amorosa. As mulleres mallaban nel, abofeteaban, quentábano ou ríanse del, pero nunca, no celuloide, fitaban para el ou danzaban ao seu redor con amor cinemático nos seus ollos. Fóra da pantalla, vivía só en dúas habitacións baleiras perto dos estudos, e tentaba imaxinar cómo serían as mulleres cando se ispen. Para sacar a cabeza do tema do amor e do desexo, estudou, converténdose nun omnívoro autodidacta, devorando os mitos metamórficos de Grecia e Roma, os avatares de Xúpiter, o rapaz que tornaba en flor, a muller-araña, Circe, todo; e a teosofía de Annie Besant, a Teoría Unificada dos Campos, e o incidente dos Versos Satánicos na carreira temperá do Profeta, e a política no harén de Mahoma despois do retorno triunfal á Meca; e o surrealismo dos xornais, nos cales bolboretas podían voar dentro das bocas das mociñas, pedindo seren consumidas, e nacían nenos sen cara, e os rapaces soñaban con imposíbel detalle as súas anteriores reencarnacións, por exemplo, nun Forte dourado cheo de pedras preciosas. Encheuse de Deus sabe qué, pero non podía negar, nas pequenas horas das súas noites de insomnio, que estaba cheo dalgo que nunca usara, e que non sabía como comezar a usar, isto é, o amor. Nos seus soños era atormentado por mulleres de beleza e dozura inaturábeis, polo que prefería estar esperto e forzarse a sí mesmo a ensaiar algunha parte do seu coñecemento xeral para borrar o sentimento tráxico de estar dotado dunha máis-que-habitual capacidade de amar sen unha soa persoa no mundo a quen ofrecerlla.

sábado, março 25, 2006

Jean Rhys - Sorría, por favor

Libros

Antes de que puidese ler, sendo case un bebé, imaxinaba que Deus, esa estraña cousa ou persoa da que escoitaba falar, era un libro. Algunhas veces era un libro grande que se erguía de pé, medio aberto, e podía albiscar os caracteres impresos no interior, mais carecían de sentido para min. Noutras ocasións o libro era máis pequeno, e dentro había cousas afiadas e brillantes. O máis pequeno era -agora estou segura- o libro de coser de miña nai, e as cousas brillantes e afiadas as súas agullas co sol a bater nelas.
Tardei tanto en comezar a ler que os meus pais comezaban a preocuparse. Entón, de súpeto, coma se cun brinco, podía lidiar con palabras bastante longas. Non pasou moito tempo e xa era quen de entender os contos de fadas que me enviaba a miña avoa irlandesa -o vermello, o azul, o verde e o amarelo-. Despois envioume Os heroes, As Aventuras de Ulises, Perseo e Andrómeda. Lía todo o que chegaba ás miñas mans. Contábamos co habitual estante de libros con cuberta de cristal no fondo da sala de estar, mais a chave perdérase e nunca estaba pechado. A única advertencia era que había que mantelo arrimado, xa que había que protexer aos libros dos insectos.
Aínda podo ver os volumes da Enciclopedia Británica -que nunca tocaba-, unha Biblia grande, varios libros de historia, novelas de lombo amarelo e no alto da estantería unha curiosa colección de poetas: Milton, Byron, despois Crabbe, Cowper, Mrs. Hemans, tamén Robinson Crusoe, A Illa do Tesouro, As viaxes de Gulliver, O camiñar do peregrino.
Á miña coidadora, que se chamaba Meta, non é que lle gustase moito, e armada cun libro xa era demasiado. Un día topoume envurullada na escaleira e lendo unha versión expurgada das Mil e Unha Noites e de minúscula letra.
Dicíame: 'Se todo ti les tanto, sabes o que che vai pasar? Vanche caer os ollos, e vanche fitar despois dende a páxina'.
'Se me caesen os ollos, non podería ver', retrucaba.
Ela reafirmouse: 'Caen, menos os pequenos puntiños negros cos que ves'.
Crina a medias, e imaxinei as miñas pupilas como cabezas negras de alfiler, o resto desaparecido. Pero seguín lendo.

terça-feira, março 21, 2006

Kitsch Socialista

O primeiro que nos ven á mente, en arquitectura, son as 'Sete Irmás', os sete rañaceos da Moscova de Stalin que fusionaban heteróclitamente as torres barrocas do Kremlin coas góticas catedrais da europa medieval e coas ascendentes torres norteamericanas dos anos 30.
Tamén o 'agasallo' do líder soviético ao pobo de Varsovia: o Pazo da Cultura e a Ciencia, que aparece de fondo no debuxo de Marzo dese calendario rancio e sovietista que me mandou David dende Polonia.
Contaban os nativos que o Pazo era o lugar coas mellores vistas de Varsovia: era o único lugar da cidade dende onde o edificio mesmo non era visíbel...
Só en extremo oriente, nembargantes, segue florecendo o estilo. Concretamente, en Pyongyang, onde os escasos visitantes occidentais poderán disfrutar da Torre da Idea Juche; da Gran Casa de Estudo do Pobo; do Arco do Triunfo, na rúa Kaeson; do Gran Monumento de Mansudae...
E sobre todo, o máis coñecido: o Monumento á Fundación do Partido:




Alén das clásicas fouce e martelo, o que parece unha lanza é, en realidade, unha brocha, símbolo dos intelectuais.
A mesma imaxe poderédela topar na novela gráfica 'Pyongyang', de Guy Delisle, que agardo ler en breve...

domingo, março 19, 2006

Im Grau

"No Grís é o punto e final do meu periodo dramático"
(Kandinsky en 1936 a Hilla von Rebay, pintora e coleccionista)


'No Grís' é un dos escasos traballos da época rusa de Kandinsky. Unha breve consulta ao volume de Taschen danos a súa data (1919) e algúns detalles: complexa composición sen dirección clara, 'óleo en xeroglíficos abstractos que xiran e flotan nun fondo gris indefiníbel (...). A pintura da época moscovita parace máis sobria e fría grazas a grandes superficies abstractas de cores'. A súa obra futura, moi influída polos suprematistas e os compañeiros da Bauhaus xermana, seguirá un camiño máis 'visual abstracto-xeométrico'.
Anque deteste o biografismo simplón, é posíbel empregar este cadro fascinante e lixeiramente deprimente como metáfora da insatisfacción do pintor no país dos Soviets. Director do Instituto para a Cultura Artística, Kandinsky tópase co rexeitamento das súas posicións entre os vangardistas, que as consideran 'subxetivas e irracionais'. Eses mesmos que o critican, nembargantes, contarán co dubidoso honor de compartir con cadros seus unha futura exposición na Galería Tretiákov de Moscova, en 1937: contra unha parede, os cadros 'Nublado', de Kandinsky; a 'Composición núm. LXIV', de Rodchenko; 'Suprematismo dinámico' e 'Cadrado negro sobre fondo branco', de Malévich. En tiras de papel, a frase: "A arte da burguesía, no calexón sen saída do formalismo e a autonegación".
Agora o biografismo barateiro é cando se estende a min mesmo, pois hoxe teño un deses domingos preguizosos e estériles, no que as ideas escapan e o gris tórnase nota dominante -tan dominante como para empregar o cadro de Kandinsky como excusa para unha entrada-.
Estou enpantanado co Mark Twain e o seu 'Huckleberry Finn', que non dou rematado. Estame a resultar unha novela aburrida (case un oxímoron), e cústame crer que haxa persoas que a inclúan entre as obras que loitan polo mítico, griálico título da 'gran novela americana' (NOTA: se alguén quere discutirme as súas virtudes, agradézolle os argumentos de antemán, anque son escéptico). Tamén me pesa a mala conciencia e a necesidade de atacar con rigor os temarios das Oposicións para acceder ao mandarinato inferior...
No inmediato, estou a debatir internamente se me resisto aos cantos de serea do Heroes of Might and Magic IV ou dou comezo ás miñas programadas 'sesións de opera' dominicais: escoitar os cedés no computador ao tempo que os sigo cuns librettos en rede.
Mentres me decido, podedes ir botándolle un ollo a isto, que xa me mandaron o outro día: os comparatas atacan de novo. O último exemplar da Revista das Letras está adicado aos novos poetas de filoloxía, e non podían faltar os meus queridos bologneses...

quinta-feira, março 16, 2006

Antoninus Heliogabalus

'...Gustáballe sobremaneira facer bromas aos seus escravos, obrigándoos incluso a que lle trouxeran mil libras de teas de araña, e ofrecéndoas como recompensa; e conseguiu reunir ata dez mil libras, e entón sentenciou que calquera se daría conta por isto de qué grande cidade era Roma. Tamén lle gustaba enviar aos seus parásitos xerros con rás, alacráns, cobras e outros reptís, como se lles mandase a ración anual de provisións, e pechaba unha enorme cantidade de moscas en xerros deste tipo, chamándolles 'abellas domeadas'.
Con frecuencia introducía as cuádrigas do Circo nos pórticos e salas do banquete mentres xantaba ou ceaba, incitando aos seus convidados a conducilas, malia que moitos eran homes maiores e algúns rexentaran cargos públicos. Incluso cando chegou a Emperador, daba ordes para que lle presentasen dez mil ratos, mil denociñas, ou mil musarañas. Tan habilidosos eran os seus pasteleiros e leiteiros que tódolos tipos de comidas que servían os demais cociñeiros (xa fosen de carne ou de froita) as replicaban, facéndoas desta volta con productos lácteos ou de confitería.
Aos seus parásitos servíalles ceas feitas de vidro, e ás veces enviaba ás súas mesas só panos tecidos con debuxos das viandas que tiña diante súa, tan abondosas en números como pratos el ía comer, de tal xeito que aos lambóns só se lle servían estas representacións feitas con agulla e dedal. Noutras ocasións, en cambio, tamén se lles servían pinturas , de tal modo que anque lles presentaran toda a cea, estaban atormentados coa fame. Tamén lle gustaba misturar xoias con mazás e flores, e arrebolábaa polas xanelas tanta comida como a que lle servía aos seus amigos'.

domingo, março 12, 2006

After Theory - Thomas Docherty

Esta música postmoderna, compositiva, pode retrotraerse exitosamente ao Prelude à l`après-midi d´un faune, de Debussy, que deixou sentada a idea de que era posíbel compoñer sen empregar unha única, sólida clave como fundamento. A música torna, dalgún xeito, desarraigada e desterritorializada, como o escandoloso baile de Nijinsky, os movementos do cal suxerían unha orientación erótica cara o pracer autónomo do corpo implícito nunha desterritorialización. Aínda máis, a música de Debussy, tante nesta peza como noutras, como La mer, cumpre outra importante función máis tarde extendida á música do século XX: o abandono dunha progresión narrativa explícitamente lineal. O que temos aquí é unha música que prefigura os desenrolos da narrativa de autores como Joyce ou Gide, ou máis recentemente, a completa anti-linealidade dos nouveaux romanciers (Robbe-Grillet, Sarraute, Butor, Sollers, Pinget), e o traballo importantísimo e innovador de Wittig, cuxos textos esquivan as narración lineares como unha forma masculinista.
Con Debussy, por suposto, pode un engadir a Stravinsky e a Schoenberg como innovadores nos que se albisca un fugaz destello de posmodernidade. Stravinsky abandoa a clave, sustituíndo ese chan cun asentamento máis explícitamente temporal no ritmo nunha obra como Le Sacré du printemps; e Schoenberg abandoa (ao seu pesar, quizaves) a tonalidade e a harmonía. Estes son os principais feitos no denserolo da nova música e nas orientacións políticas destas obras. Atali argumenta que con Schoenberg, Berg e Webern,

a música forzou á ruptura coa tonalidade antes de que a acumulación económico forzara a ruptura coas leis da economía da representación. A harmonía -o principio represor do real-, despois de ter creado o romanticismo -o principio utópico do real, a exaltación da morte na arte- convértese na morte do arte é destruída polo real. Un exceso de orde (harmónico) dá lugar a pesudodesorde (serial). A antiharmonía é a ruptura do medre combinatorio, ruído. Ao final do significado, integra ao aleatorio, ao sen-sentido, quérese dicir... a repetición.

Para Atalli -e como se podería suxerir, para Lyotard, Baudrillard e outros pensadores postmarxistas- a sociedade actual, ensombrecida pola música da repetición, e unha na que nada pasa, 'coa excepción de pseudoeventos creados artificialmente e violencia azarosa que acompañan o poñer-en-lugar dunha sociedade repetitiva'. O clásico texto teatral aquí é, por suposto, o Agardando a Godot de Beckett, no que os silencios están puntuados por actos de violencia, e toda a peza suxire a súa propia, interminábel auto-repetición, unha repetición que se torna explícita na posterior Comédie de Beckett.