sábado, abril 30, 2016

Garden Guests - Myoga


























Esta que vos amoso eiquí chámase Myoga (técnicamente, Zingiber Myoga). É un parente xaponés do xenxibre ou da cúrcuma, anque moito menos frialleiro que os seus primos, adaptándose ben aos climas temperados.

Tamén á contra das outras zingiberáceas, o que se aproveita culinariamente dela son as flores (máis ben, os brotes sen abrir das flores). A inquilina esta aínda non tivo oportunidade de amosar algunha; este é o seu segundo ano, e quizaves estaría mellor noutra zona da horta (é máis amiga da sombra que do sol). 

Libros do Mes

Europa, génesis de una civilización de Lucien Febvre

Gōdanshō de Marian Ury (tr.) [E] [Art]

Culinary Herbs and Spices of the World de Ben-Erik van Wyk [E]

*The Elegant Universe de Brian Greene

segunda-feira, abril 25, 2016

Aesthetic proof

Lendo con atención e todo o discernimento e comprensión do que é capaz unha persoa de letras pisando terreo descoñecido 'The Elegant Universe' de Brian Greene. Nesta defensa e explicación divulgativa da teoría das supercordas para explicar o universo físico, sorpréndeme a forza que os seus defensores lle conceden ás virtudes estéticas da teoría para xustificar a súa veracidade (tamén é certo que teñen moi difícil realizar os experimentos pertinentes para demostrala ou refutala). Non podo menos que sorrir escoitando os laios atronadores dos outros físicos cando esta xentiña parece colar de contrabando pola alfándega científica aquelas verbas de Keats:

Beauty is truth, truth beauty,—that is all 
    Ye know on earth, and all ye need to know.'

domingo, abril 03, 2016

O viaxeiro lionés

"Imaxinemos a un veciño de Lyon, Lugdunum, no século IV da nosa era, que viaxa. Onde comeza para el a sensación de estrañamento total?  En Roma atópase como na casa; en Gades da Bética, tamén, e o mesmo en Cartago. Se pertence á aristocracia senatorial, é probábel que teña fincas en Grecia ou Asia Menor. Non é ningún intruso nos ambientes cultos de Antioquía ou Alexandría. Mais se cruza o Rhin ou o Danubio, está en terra de bárbaros. Todo é estraño para el.

Imaxinemos agora a un veciño de Lyon a comezos do século IX. Xa non se topa coma na casa, para nada, en Cartago, cuxas ruínas están en poder dos árabes, inimigos da Cruz. Tampouco está como na casa en Gades, que forma parte do califato (sic) de Córdoba. En Atenas, Constantinopla, Nicea, e moito máis perto, Ravena, atópase co Imperio de Oriente, terra de cismáticos que falan grego e teñen usos e costumes moi diferentes dos seus. En Alexandría volve a estar en terra de árabes. Mais se vai a Münster, a Osnabrück, a Bremen xunto ao Weser, a Magdeburgo a carón do Elba, a Wurzburgo xunto ao Main, está como na súa casa, anque non fale a língua popular, a lingua vulgar dos habitantes deste país. Mais fala cos sabios, que parolan no mesmo latín ca el (...). Se entra nunha eirexa pode cumprir cos seus deberes relixiosos con facilidade. En Magdeburgo din a misa igual que en Lyon (...). Non só o credo, os mandamentos morais tamén son os mesmos.

Lucien Fevbre, Europa, xénese dunha civilización  


quinta-feira, março 31, 2016

Agasallos

Obrigado a Ramón e Manuel por este par de volumes...

Libros do Mes

Vathek de William Beckford

Shokyuki de An. [E] [Art]

*The Elegant Universe de Brian Greene [E]

*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]

*Titus Groan de Mervyn Peake

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

quarta-feira, março 30, 2016

El sueño de la razón produce monstruos

Esta noite soñei que compartía asistencia e habitación dun congreso do Urbes Europaeae en Santiago de Chile con Mario Vargas Llosa. No canto de irmos a durmir, pasábamos as horas escuras de esmorga e de bebedela, e chegamos tarde (e en evidente estado de embriaguez) ao edificio universitario, logo de taxi e reiteradas chamadas do meu director de tese. Ao final estabamos a improvisar unha entrevista cando de súpeto, acordei. Ao espertar, a edición laranxa de La Ciudad y los Perros seguía aí.

sexta-feira, março 18, 2016

Inmersión

Os que me coñecedes estades ao tanto da personalidade fortemente adictiva do mantedor; cada x tempo obsesiónase cunha area de coñecemento, e adícase case monotemáticamente á tal area; alomenos, é un progreso con respecto ao anterior, cando me obsesionaba con xogos...

Dun tempo a esta parte, o meu hobbyhorse volveron a ser as mates (quen o diría!) grazas a, e a través de, a Khan Academy.  Nestes intres estou a pelexar coa Xeometría, logo de superar nas semanas e meses anteriores a Pre-Álxebra e a Álxebra Básica. Voume aproximando tamén aos límites do que xa estudara nos tempos do instituto, e explorando novas fronteiras.

Unha curiosidade que me chama a atención é o xeito radicalmente diferente en como se ensinan as mates na educación secundaria americana (na que se basea Khan Academy): básicamente, e despois da primaria, hai unha división da ciencia en 'materias' independentes, que se van cursando sucesivamente: as citadas Pre-Álxebra, Álxebra I e Xeometría, seguidas de Álxebra II, Trigonometría / Precálculo e Cálculo Diferencial (este xa, preuniversitario ou incluso impartido con asistencia á universidade). Á marxe anque tamén presente, unha materia de Probabilidade e Estatística.  

Ignoro se este método funciona mellor que o noso, que ata onde lembro, era máis 'xeralista' (ía dando un pouco de todo cada ano no seo da mesma materia), anque pode ser máis inmersivo (ao centrarte nunha póla do saber matemático ata tela relativamente 'completa' antes de pasar a outra).


segunda-feira, fevereiro 29, 2016

Libros do Mes

Seven Myths about Education de Daisy Christodoulou [E]

Sandman: Juego a ser tú de Neil Gaiman [R] [K]

*The Elegant Universe de Brian Greene [E]

*Titus Groan de Mervyn Peake

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

sábado, fevereiro 27, 2016

Cefalea

Dicir que a escrita de Fredric Jameson é densa é dunha redundancia tan monstruosa como reflexionar arredor da dozura do zucre ou do salgado do sal. Porén, logo de torturar os miolos con el nesta sobremesa de fin de semana, cavilo que de agora en diante, pola miña saúde mental, o vou a deixar para os intres de lucidez da mañá, e en pequenas doses. É que os hegeliáns e dialécticos varios tenden a considerar a escuridade tortuosa un exercicio de bo estilo...

quinta-feira, fevereiro 11, 2016

Eppur si toccano

A sabedoría xeométrica convencional postula, con Euclides, que as liñas paralelas son aquelas que pertencendo a un mesmo plano, endexamais se tocan. Venme isto á cachola ao pensar nas conexións ocultas que, no plano do meu maxín, teñen lugar entre lecturas paralelas anque moi diferentes. Así, as leccións sobre escritura utópica que entresaco do Arqueologies of the Future de Fredric Jameson parecen iluminar e enriquecer dun xeito curioso a miña relectura do libro do Levítico, onde a inauguración da periodo sacrificial e de culto arredor do tabernáculo por parte dos hebreus no deserto pasa a inscribirse como literatura utópica e ciencia ficción (anque sen chegar ás teorías ufolóxicas arredor da Arca da Alianza)...

sábado, fevereiro 06, 2016

Graham's Number

Últimamente entereime da existencia do 'número de Graham', unha cifra inimaxinablemente elevada e que foi empregada polo matemático que lle deu nome, Ronald Graham (que alén de bo cos números é un habelencioso malabarista e brincador de trampolín) para calcular o límite superior dun problema de hipercubos con vértices coloreados (azul-vermello).

O número, que para a súa formulación emprega un sistema de notación especial, é tan absurdamente enorme que todo o universo visible non sería quen de conter a súa representación gráfica, ainda que cada díxito ocupase un espazo tan pequeno como a lonxitude de Plank (2.6121 × 10−70 m2). Paradoxalmente, sí coñecemos as súas últimas 500 cifras. A derradeira de todas é 7.

Xa me están tardando so frikis en deseñar unha camiseta con el. Mentres sigo intentando descifrar a súa notación, podedes aprender máis da man do seu creador neste vídeo.




domingo, janeiro 31, 2016

Libros do Mes

The One World Schoolhouse de Salman Khan [E]

Pan Chao de Nancy Lee Swann

*Seven Myths about Education de Daisy Christodoulou [E]

*Archaeologies of the Future de Fredric Jameson

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

segunda-feira, janeiro 25, 2016

Mitos educativos

"Os sete mitos que teño identificados son os seguintes:

1) os coñecementos impiden a comprensión
2) a instrucción dirixida polo profesor é pasiva
3) o século XXI cámbiao todo
4) sempre podes consultar a información
5) debemos ensinar destrezas transferibles
6) os proxectos e as habilidades son os mellores xeitos de aprender
7) ensinar coñecementos é adoutrinar

Tomados en conxunto, algúns dirían que estes mitos son exemplos da 'educación progresista'. Eu rexeito esta lapela. En primeiro lugar, non hai nada progresista nos mitos. En segundo lugar, como amoso no capítulo 7, nunca houbo acordo e unanimidade entre os progresistas arredor destas ideas. En terceiro lugar, a palabra 'progresista' implica novidade e orixinalidade, e non hai nada novo nestas ideas, que levan en circulación dende fai décadas, ou ás veces máis. O progreso que estamos a acadar coa descuberta dos xeitos reais a través dos cales aprenden os humanos está, de feito, a refutar estas ideas.

Se tivera que sintetizar nunha palabra ou frase a lóxica intelectual detrás destes mitos, entón preferiría empregar o termo 'formalismo educativo', xa que moitos destes mitos teñen como punto de partida a idea de que a forma é máis importante que o contido. Se tivese que pescudar as bases intelectuais que os fundamentan, entón escollería o posmodernismo, non o progresismo. O posmodernismo é escéptico encol do valor da verdade e do coñecemento, e moitos destes mitos teñen na raíz un escepticismo profundo arredor do valor do coñecemento. É por esta razón que comezo cos mitos 1 (os coñecementos impiden a comprensión) e 2 (a instrucción dirixida polo profesor é pasiva). Poderíase dicir que estes dous son os piares fundamentais de tódolos demais que se descreben no libro. Teñen un longo pedigrí e fornecen a xustificación teórica de moito do que ten lugar nas escolas. Os seguintes dous mitos (que o século XXI mudou todo de xeito fundamental, e que sempre podes consultar a información) son, en esencia, xustificacións modernas do mito 1. O mito 5 (debemos ensinar destrezas) é outra xustificación para non transmitir coñecementos. O mito 6 ten que ver coa pedagoxía: suxire xeitos de organizar a aula que reducen a transmisión do coñecemento; o mito final relaciónase cos aspectos políticos do coñecemento: suxire que a ensinanza de coñecementos é realmente un mero 'lavado de cerebro'. Tomados en conxunto, todos estes mitos danan severamente a educación dos nosos alumnos".

Daisy Christodoulou, Seven Myths about Education

segunda-feira, janeiro 11, 2016

The Three Magi

Unha das cousas para as que a aproveito as vacacións de Nadal é para facer unha pequena reunión cos bos e vellos amigos Javier Rodríguez, Pablo Varela e David Fernández; alén de intercambiar lembranzas, anécdotas e humoradas varias, tamén nos agasallamos libros, co que estos tres se converten nos meus reis magos particulares. Porén, as nosas xuntanzas soen coincidir co Día dos Inocentes, o que tamén da que pensar...

Coincidindo cos seus gustos, carácter e ideas, David, o 'vello bolxevique' engadiu aos meus estantes dous volumes de Mike Davis, un xeógrafo e urbanista marxistón-apocalíptico, que me virán moi ben para a tese; Pablo, o 'nutty professor' e bo coñecedor da banda deseñada, tráeme o célebre cómic arxentino 'El Eternauta'. Javier, o noso literario e clasicista Saulo de Tarso amojamado na estepa castelá, preséntame as reflexións de Stefan Zweig encol de Dostoievski, Balzac e Dickens...




sábado, janeiro 09, 2016

New Year Resolutions

É algo do que estou falando cos alumnos; e no meu caso persoal, alén da consabida promesa de perder algo de peso este ano, propúxenme algo máis innovador, e que en realidade levo facendo silandeiramente dende uns meses atrás: refrescar o meu coñecemento matemático e físico, sendo quen de volver a realizar as operacións que levaba a cabo no bacharelato, e quizaves ir un pouco máis alá; agora teño o interese, a falta de presión e a madurez que me faltaba daquela, e xa que teño un esaxerado (ao ver dalgúns colegas) respecto e veneración polas ciencias 'duras', ben está que me familiarice con elas mellor - e no fondo, estoulle tamén a facer caso ao sermón de C.P. Snow que lín recentemente.

Ferramenta tremendamente útil e didáctica neste proceso foi a Khan Academy, unha estupenda e ben plantexada iniciativa dixital de docencia e axuda para as mates que recomendo, e que me gorentou tanto que boto unha media dun par de horas tódolos días nas súas páxinas; de moito interese son tamén as reflexións en formato libro do seu fundador, Sal Khan.


quinta-feira, dezembro 31, 2015

Libros do Mes

The Last Continent de Terry Pratchett [E]

Libro Blanco sobre la Profesión Docente de José Antonio Marina [E]

The Two Cultures de C.P. Snow [E]

Sir Gawain and the Green Knight de Marie Borroff (ed.) [R]

Traces of the Brush de Louise Boudonnat

*Pan Chao de Nancy Lee Swann

*The New Oxford Annotated Bible with Apocrypha: New Revised Standard Version de VVAA [E]

sexta-feira, dezembro 25, 2015

To Marry or not to Marry (by Charles Darwin)

Marry

Children — (if it Please God) — Constant companion, (& friend in old age) who will feel interested in one, — object to be beloved and played with. — better than a dog anyhow.– Home, & someone to take care of house — Charms of music & female chit-chat. — These things good for one’s health. — but terrible loss of time. —
My God, it is intolerable to think of spending one’s whole life, like a neuter bee, working, working, & nothing after all. — No, no won’t do. — Imagine living all one’s day solitarily in smoky dirty London House. — Only picture to yourself a nice soft wife on a sofa with good fire, & books & music perhaps — Compare this vision with the dingy reality of Grt. Marlbro’ St.

Not Marry
Freedom to go where one liked — choice of Society & little of it. — Conversation of clever men at clubs — Not forced to visit relatives, & to bend in every trifle. — to have the expense & anxiety of children — perhaps quarelling — Loss of time. — cannot read in the Evenings — fatness & idleness — Anxiety & responsibility — less money for books &c — if many children forced to gain one’s bread. — (But then it is very bad for ones health to work too much) Perhaps my wife wont like London; then the sentence is banishment & degradation into indolent, idle fool -

terça-feira, dezembro 22, 2015

Reseñas - The Two Cultures

The Two Cultures

C.P. Snow (introducción de Stefan Collini)

2012, Canto Classics

* * * * (bo)

Unha das primeiras e intersantes chamadas de atención arredor dun problema recurrente e non resolto: o do coñecemento humanístico e científico nas nosas sociedades e o equilibro destes.

Coma un deses fractais que eternamente se descompoñen en versións pequenas de sí mesmos, a problemática arredor da relevancia e posición dos coñecementos humanísticos na sociedade actual conforma un relato de caída libre na que nunca parece que se chegue ao fondo. Con preguizosa rutina chegan titulares de prensa sobre doutores de letras vivindo da caridade pública, universidades xaponesas decididas a pechar as súas facultades de humanidades ou a inminente desaparición da filosofía no bacharelato español. E xunto coas novas, algún enésimo artigo, libro, reflexión ou discurso sobre a crise das humanidades, con posibles solucións (poucas) e defensas destes saberes fronte ao materialismo utilitarista da sociedade actual. O libro que reseñamos hoxe é unha pedra miliaria nestes debates, un título que sempre se cita como polémico punto de partida das non-bodas de Ciencia e Filoloxía.

Antes de ler o discurso de Snow, que xa sabía de boa tinta que fora atacado inmisericordemente por F.R. Leavis e lexións de humanistas posteriores, xa partía por eses mesmos motivos dunha simpatía inicial cara o autor e a súa tese (non pola virtude, tan galega, do autoodio, senón por outras causas das que podemos falar noutra ocasión). A simpatía confirmouse, anque tamén teño que dicir que aspectos da tese de Snow me decepcionaron un pouco.

A respecto desta: a idea principal que desenvolve o autor neste discurso público pronunciado en 1959 é a da fractura na vida intelectual de Occidente entre a cultura e os saberes humanísticos e os científicos, cos conseguintes problemas de comunicación entre os estudosos e de acción moral conxunta. Mais detrás desta tese xeral agóchanse outras máis partisanas entretecidas con esta: o rexeitamento do sistema educativo inglés, demasiado centrado para Snow nas Humanidades (para a élite) e na separación temperá de disciplinas; a arrogancia neoludita e pesimista dos 'intelectuais de letras', que desprezan a modernidade, o progreso e a acción moral e adoptan políticas inmorais (Pound, Eliot, D.H. Lawrence); e a necesidade de tender pontes entre os dous saberes (co exemplo notorio do descoñecemento, por parte da xente 'culta' de letras de principios básicos da ciencia como a Segunda Lei da Termodinámica).

Como dicía antes, en boa medida tópome dacordo coas ideas de Snow, anque sen dúbida algunhas envelleceron non pouco co paso dos anos. A súa confianza inxenua en que a labor científica, de por sí, crea persoas máis 'socialmente conscientes' do que a labor humanística topaba xa un desmentido xenial na 'Vida de Galileo' do seu contemporáneo Bertold Brecht; do mesmo xeito, a reducción dos campos de saber aos dous polos de cultura humanística vs. científica é moi simplista, anque podería aceptarse como válida tendo en conta que representan os dous polos estremos nun campo de coordenadas cartesián do Saber Humano; neste campo, o estremo esquerdo representaría as disciplinas máis accesibles ao método científico e á producción de verdades 'epistemolóxicas' e o estremo dereito a aquelas disciplinas que, sen caer por iso nun 'todo vale', son irreducibles de momento a leis universais e necesarias con experimentación recurrentes. No medio e entre os dous estremos toparíamos un amplo espazo para múltiples matices, proximidades e diferenzas.

O longo prólogo de Collini é tamén digno de encomio á hora de contextualizar as ideas e o debate arredor das 'Dúas Culturas', anque non quixera deixar de comentar que a súa deformación profesional (é humanista á fín e ao cabo) lévalle a soltar, á hora de criticar os esencialismos diferenciadores de Snow, a eterna, cansina e falsa cantinela postmoderna arredor dos 'cambios' no eido científico nas últimas décadas que terían relativizado o carácter verdadeiro e incuestionable do saber científico 'forte': sempre as mismas citas a Feyerabend e Kuhn (coma se estes representasen a opinión maioritaria no eido da Filosofía da Ciencia, ou como se algún científico se tomase en serio o que dín), as mesmas imcomprensións mal dixeridas da relatividade, a indeterminación, etc...

quinta-feira, dezembro 10, 2015

The Outes Tea Party

Doctor Johnson came to tea today...