sábado, maio 29, 2021
Libros do Mes
terça-feira, maio 25, 2021
La règle de bienséance (2)
Xa que nos puxemos a falar da farándula, imos a continuar cunha das miñas obesións neste eido: a dificultade, ou imposibilidade práctica, de disfrutar de obras de teatro clásicas (entendendo 'clásico' latu sensu, non só no contexto gregolatino) que amosen un mínimo de fidelidade historicista ás técnicas de representación das súas respectivas épocas.
O teatro como espectáculo performativo, e non como texto literario, inclúe en cada representación e montaxe unha 'recreación' dunha obra dun xeito non disimilar a cómo fan os concertos musicais coas composicións e partituras dos grandes compositores. Porén, no teatro soe darse unha disociación entre o texto teatral, que como a partitura, soe manterse relativamente incólume (anque habitualmente recortado) e os demais elementos escénicos (vestiario, escenario, montaxe, escenografía...), onde directores e actores contan con maior liberdade de adaptación e modernización, por razóns que van dende o pragmático ao divulgativo ("adaptar un clásico aos gustos/inquedanzas do tempo actual").
Todo clásico, para seguir vivo, require dun diálogo activo e dunha reapropriación por parte do presente, e temos exemplos moi logrados (estou pensado en adaptacións cinematográficas de Kozintzev, Kurosawa ou Welles, por exemplo) mais moitas veces, este argumento emprégase como excusa para evitar o esforzo (ético e estético) que debe representar a comunión con textos e ideas do pasado, a loita e superación de barreiras lingüísticas e ideolóxicas e de apertura e grandeza de miras intelectual a mundos que non son peores por ser distintos ao noso. Supoñer que un público non vai poder entender ou empatizar cun Romeo e Xulieta agás que o reconvirtamos nunha pelexa de bandas latinas, ou cun Ricardo III agás que transformemos a trama nunha recreación/censura do nacionalsocialismo dos anos 30 (trasunto moi imperfeito das monarquías renacentistas á sombra de Maquiavelo, ou das Guerras das Dúas Rosas) son, ao meu ver, recursos insufríbelmente paternalistas; perfectamente lexítimos quizaves, en contextos pedagóxicos, pero que dende logo non deberan de ser os únicos. Menos aínda tendo en conta que o teatros das nosas cidades a día de hoxe fican bastante lonxe de seren espazos para un público e nun formato popular e didáctico.
A miña experiencia de non-cosumidor de espectáculos teatrais dende moito tempo atrás nace precisamente desa frustración: cando ía ver, poñamos por caso, un Hamlet ou un Edipo (obras que ía ver para disfrutar do arte de Shakespeare ou de Sófocles, e non das vaidades e narcisismos dalgún director e/ou actor), as máis das veces topábame cunha montaxe 'moderna', cos personaxes vestidos con vaqueiros, espíndose e arrebolándose fariña enriba, reinterpretando e 'recontextualizando' cousas á luz das súas (ás veces) escasas luces, e demais ronseis de variada chocalleirada. Porén, non tería nada que opoñer a isto se alomenos existise, digamos, unha soa compañía de teatro clásica que puxese en escea obras fieis a letra e a espírito; aos aspectos e actuacións das representacións do seu tempo: traxedia clásica con coros e máscaras, por exemplo, comedia isabelina con roupaxes de época e declamación axeitada... Os espectáculos serían ben instructivos e divertentes, e penso que ampliarían as miras e a sensibilidade estética do público. Nisto, como en tantas outras cousas, os xaponeses lévannos séculos de vantaxe, e un alá pode disfrutar de música e danzas cortesás da dinastía Tang, teatro noh de finais da Idade Media ou pezas con monicreques renacentistas, todo segundo as convencións, valores e formas do tempo en que naceron.
Porén, como tal cousa non se vai a dar, tentarei consolarme con versións gravadas (teatro ou cine) o máis semellantes posíbeis a boas recreacións. Algunha cousa hai, como esta versión do Agamenon de Esquilo...
terça-feira, maio 11, 2021
La règle de bienséance
En máis dunha ocasión téñovos falado da biblioteca municipal de Outes, a cova de Zaratustra da que tiraba exemplares para ler e cultivarme cando aínda non gañaba para libros. Penso que foi na tardo-adolescencia cando lín completo dos seus anaqueis, en traducións españolas, todo Shakespeare (na edición de Aguilar, 1969, con ilustracións francesas), o teatro grego clásico -Esquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes e Menandro- en dous volumes na mesma editorial ca William, as traxedias latinas de Séneca (neste caso, estou menos certo; penso que era un libriño vermello de tapas duras, ao mellor da biblioteca de Outes ou senón da do instituto) e Racine (un volume de tapa branda da Editora Nacional). Lembro tamén que para o meu gusto daquela, non pouco influído polo cinema, e especialmente por Tarantino, resultábame ennervante o 'recurso do mensaxeiro', a pouca acción e os longos discursos no caso das obras gregas e francesas. Podería obxetarse que, dado que se trataba de teatro lido, tanto lle ten ao lector imaxinar as esceas directamente coma a través das verbas descriptivas do ἄγγελος; mais o caso é que sen episodios de acción, a obra fica reducida a longos e estáticos exercicios de retórica. Tales recursos xustificaríanse posteriormente por convencións e/ou regras do decoro, anque sospeito que os motivaba no caso grego a escaseza de actores e medios escenográficos e o costume de escoitar longos cantos corais e relixiosos, ou as tiraxes da épica cando aínda recendía a arte oral-formulaica, medio improvisada polos aedos a partires da Materia Troiana e semellantes.
Estes días estou a ler (non diría reler, xa que se trata doutra tradución, obra de Alan H. Sommerstein, desta volta en inglés co grego orixinal na páxina oposta) a traxedia esquílea; anque pasaron moitos anos e son outra persoa en mente e gustos, máis receptiva aos engados artificiosos da linguaxe poética, non deixa de chamarme a atención a estaticidade monocroma de Πέρσαι, que pode resumirse nunha longa ladaíña de lamentos por parte dun coro de nobres persoas, da raíña, do espectro finado de el-rey Darío e, finalmente, de el-rey Xerxes. Todo moi patriótico e con verbas, imaxes e metáforas ben engarzadas, pero algo ríxido como espectáculo para o lector contemporáneo, tal esa rixidez arcaica do κοῦρος, anque nos salve non pouco a descrición da batalla de Salamina, moi próxima ao meu corazón e metáfora empregada nun meu texto perdido contra certo vil sátrapa de nome persa nos días lonxanos da LOU...
quinta-feira, maio 06, 2021
O Vernero que foi - Abril/Maio '10
Nunha algo frialleira primavera do presente e con resfriado de cambio de temperaturas engadido, boto a ollada atrás ao muro de néboa dos meus tempos idos, tentando lembrar (con axuda das vellas entradas) os costumes e o que me andaba no maxín once anos atrás. Supoño que andaba moi atarefado estudando os temas da inminente oposición (anque só se transparenta parcialmente nunha entrada sobre o Keywords de Raymond Williams). Topaba tempo, porén, para varias lecturas que se transparentan (as memorias da Pasionaria, o opúsculo contra a posmodernidade de Alex Callinicos) e por suposto, para facer tartas e conservas de moi diverso tipo, que despois enguliría con larpeira delectación.
O que máis me chama a atención e a foto da feixoeira, que sufrira os embates dun vento afuracanado no inverno que a tronzara severamente; en abril botou a brotar e anos despois podédela ver esplendorosa, auténtica cornucopia de produtividade, na seguinte imaxe que lle tirei hoxe á mañá:
Coa perspectiva dos anos, permítome xogar a ler un aquel profético no evoluír da mirtácea da nosa horta: a pranta mancada simbolizaba as miñas malas perspectivas laborais daquela, un humanista e tradutor no medio do vendaval da Grande Recesión e coa táboa de salvación da función pública flotando coma un espellismo no horizonte. Meses despois, tal o peregrino errante de Góngora, había saír a flote dun océano de adversidades:
Del siempre en la montaña opuesto pinoAl enemigo Noto
Piadoso miembro roto
—Breve tabla— delfín no fue pequeño
Al inconsiderado peregrino
Que a una Libia de ondas su camino
Fió, y su vida a un leño.
Del Océano, pues, antes sorbido,
Y luego vomitado
No lejos de un escollo coronado
De secos juncos, de calientes plumas
—Alga todo y espumas—
Halló hospitalidad donde halló nido
De Júplter el ave.
domingo, maio 02, 2021
quinta-feira, abril 29, 2021
Libros do Mes
The Road to Serfdom de Friedrich Hayek [E]
Heroic Failure and the British de Stephanie Barczewski [E]
Captain Scott de Ranulph Fiennes [E]
The Last Great Quest de Max Jones [E]
Animal Farm de George Orwell [R]
*Visions of Infinity de Ian Stewart
*Naive Set Theory de Paul R. Halmos
terça-feira, abril 27, 2021
Elliptic Functions
Un dos libros que estou a ler últimamente é o excelente Visions of Infinity, de Ian Stewart, onde se fai un percorrido por varios grandes problemas matemáticos, resoltos ou non. Anque é un libro divulgativo e os capítulos son bastante pequenos, require moita atención, e benefíciase da relectura; porén, todo o que poida dicir dos seus méritos fica curto, é ben merecedor dunha reseña que quizaves lle faga.
No capítulo de hoxe, sobre a conxetura de Morell, toca un obxecto matemático que me resulta particularmente intrigante: o das funcións elípticas. Para que vos fagades unha idea, son algo semellantes ás funcións trigonométricas que estudáchedes na secundaria (seno, coseno...), pero no plano complexo, e con esteroides. Coma poida que lembredes, unha das características das funcións trigonométricas é que son periódicas: se o sen(x) = y, sendo x e y números reais, hai unha infinitude doutros valores x1, x2, x3... cuxo seno tamén é y; concretamente, son todos aqueles valores que se constrúen sumándolle a x o valor de 2πk, onde k é calquer número enteiro (0, ±1, ±2, ±3...). Cos exemplos anteriores, sen(x) = sen(x±2π(0)) = sen(x±2π(1)) = sen(x±2π(2)) = sen(x±2π(3)) = ... = y.
sexta-feira, abril 23, 2021
With Scott to the Pole
Resiliencia, perseverancia, humildade, estoicismo perante as adversidades, 'xogo limpo', preocupación polos demais antes que por un mesmo. Eis un catálogo de virtudes, moitas das cales están non pouco démodés na nosa sociedade actual, mais coas cales empatizo completamente. Mais a santo de qué as presento hoxe para a vosa contemplación/reflexión?
Estes días atrás tivemos a primeira sesión virtual do noso clube de lectura (EOI Santiago - Noia) pra parolar sobre The South Pole, unha crónica realista (e voluminosa! Dous tomos na primeira edición) sobre a conquista do Polo Sur pola expedición encabezada polo explorador noruegués Roald Amundsen. Como relato biográfico de aventuras, é unha lectura bastante lixeira e prosaica (anque con algúns elementos literarios entretecidos coa narración); o engado está no que se conta, e non tanto no cómo: as enormes dificultades da vida e da exploración antártica a comezos de século vinte, a valentía persoal e hábil organización da expedición, a simpatía cos compañeiros de expedición e coa horda de huskies empregados como mecanismo de locomoción principal, as panorámicas dunha terra estraña, inhumanamente fría, exótica e fascinante...
Porén, sen restarlle os seus numerosos méritos e virtudes a Amundsen, o certo é que o xénero das exploracións xeográficas nunca me ten apaixonado, e no caso concreto da Antártida, o meu corazonciño británico, agochado na granítica e galaica masa do meu ser, empatiza en moita maior medida coas andanzas doutra expedición, rival e contemporánea da norueguesa: a Terra Nova, ou British Antarctic Expedition baixo a éxida do capitán Robert Falcon Scott.
Dende o punto de vista estético, afectivo e moral, a expedición Terra Nova conta con moitos ases na manga: o seu tráxico final, o seu carácter científico, a habilidade literaria dos seu narradores (sobretodo as derradeiras liñas escritas por Scott -rescatadas un ano despois da súa morte fría da tenda de campaña en que, tal estatuas de sal, os corpos momificados del e dos seus compañeiros conformaban un horríbel tableaux non vivant- ou o famoso volume The Worst Journey in the World de Apsley Cherry-Garrard). Anque son pouco dado á exteriorización das emocións tristes, teño que reprimir as bágoas cada vez que leo e releo o desnovelamento final da aventura, ou por mellor chamarlle, desventura.
Como parte da miña personalidade obsesiva-compulsiva no intelectual, ao rematar a lectura do libro de Amundsen procedín a engulir en moi pouco tempo dous libros directamente relacionados coa expedición inglesa (Captain Scott, de Ranulph Fiennes e The Last Great Quest, de Max Jones) e outro que a encaixa e descrebe nun contexto maior (Heroic Failure and the British, de Stephanie Barczewski) ao tempo que merquei e/ou engadín á lista da compra The Coldest March de Susan Solomon, Scott of the Antarctic, de David Crane, o libro de Cherry e os Diarios de Scott; neles refléxase tanto a importancia da expedición na tradición británica (Scott, Oates, Wilson, Evans e Bowers foron convertidos póstumamente en heroes nacionais e científicos, símbolos de masculinidade -These were men!- e das boas virtudes anglosaxonas que eu comparto e coas que comezaba esta entrada) coma a evolución histórica e a reformulación do mito a teor das cambiantes realidades globais do Reino Unido logo da decadencia e caída do seu imperio. Logo dun ataque particularmente vicioso e sesgado a finais dos setenta, a reputación desta xentiña, cal ave fénix, vai recuperando estimacións e gabanzas, testemuñando o carácter sempre polimórfico e adaptábel dos grandes mythos e textos literarios.
sábado, abril 03, 2021
quarta-feira, março 31, 2021
Libros do Mes
The South Pole de Roald Amundsen [E]
*Visions of Infinity de Ian Stewart
*The Road to Serfdom de Friedrich Hayek [E]
*Naive Set Theory de Paul R. Halmos
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
terça-feira, março 30, 2021
Aussonderungsaxiom
Con semellante título, un pensaría que o mantedor vai falar dalgunha unidade especial do Terceiro Reich adicada a algunha 'operación especial' terríbel, mais non; o encabezamento fai referencia a un dos axiomas da Teoría de Conxuntos na formulación de Zermelo e Fraenkel, o que poderíamos traducir coma o Axioma de Especificación, e que ven a dicir algo así coma:
"Para calquer conxunto A e para calquer predicado lóxico P(x) existe un conxunto correspondente, B, cuxos elementos son exactamente os elementos x de A para os cales o predicado P(x) é verdadeiro".
Imaxino que se chama 'de especificación' porque permite especificar un conxunto a partir doutro e dun predicado lóxico que cumpre. No libro Naive Set Theory de Paul R. Halmos que estou lendo explícase un resultado curioso que se deriva deste axioma, e que ten moita relevancia á hora de desterrar da teoría a entidades coma os 'conxuntos de tódolos conxuntos' que acaban xerando contradiccións lóxicas. Como sei que estas frikadas matemáticas interesan en xeral pouco á miña (pequenísima) audiencia, vou deixar a explicación enlazada tan só a un vídeo non tan pequerrecho para os interesados...
quinta-feira, março 11, 2021
Making progress - Unit 4
Anque xa rematei (e aprobei!) a materia de Lenguaje Matemático, non tiven tempo durante o curso de cumprir un dos meus obxectivos, que era o de facer tódolos exercicios do libro de texto. Deste tema só chegara, penso, ata o 6d, onde ficara algo atascado. Agora por fín topei o tempo de facer os 20 exercicios, anque en máis dun tiven que botar a ollada atrás ás solucións, porque estaba atascado.
Xa falei en entradas anteriores desta unidade, na que se fai unha presentación básica da álxebra universitaria, moi diferente da das ensinanzas medias, e dalgunhas estruturas e relacións básicas: grupos e aneis, corpos, orde e operacións e homomorfismos.
No que atinxe aos exercicios, foron bastante difíciles de media (tivemos sorte que nos exames e nas probas titoriais caeron os do espectro baixo da táboa: comprobar se dado un conxunto cunhas operacións, estabámos diante dun grupo, dun anel, con divisores de cero ou non, unitario, etc...). O 6d, como vos comentaba, resultoume moi difícil ao comezo, porque non daba visualizado nen sequera o que o enunciado describía, anque na segunda volta resultoume bastante doado. O 14, sobre Ideais, penso que o teño mal e que teño que lerme ben a solución para entendelo. Moitos (coma o 18, o 19 ou o 20) requiren dunha certa 'pillería' matemática (o que se soe chamar 'idea feliz') da que aínda carezo para coller a idea principal que che leva a resolvelos satisfactoriamente.
Non me viría mal repasar o tema cando poida. En todo caso, toca agora volver a ler o capítulo 5, sobre números naturais e enteiros, e pelexar logo cos seus 24 exercicios, dos que non fixera ningún...
sexta-feira, março 05, 2021
terça-feira, março 02, 2021
O Vernero que foi - Marzo '10
Foi o marzal do 2010 cando descubrín unha certa vocación pasteleira, que me levou a realizar unha decena de tartas neste mes e seguintes, e a reencarnar dun certo xeito a fantasía do musical sobre un pasteleiro trotskista de Nanni Moretti, anque no meu caso non me botase a cantar, escoltado por vedettes e música de fondo...
sábado, fevereiro 27, 2021
Libros do Mes
Guide to Kulchur de Ezra Pound [E]
Hello World de Hannah Fry [E]
*The Science of Discworld IV – Judgement Day de Ian Stewart / Terry Pratchett / Jack Cohen
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
quarta-feira, fevereiro 24, 2021
O Vernero que foi - Xaneiro / Febreiro '10
Algunhas cousas parecen non mudar nunca. Botando a ollada atrás ao que me irritaba nos comezos da segunda década do século, vexo as miñas protestas polos e-books caros (aínda faltaban por sumarse as relacionadas co tamaño e tinta electrónica dos e-readers). Como un terreo que xa dou por perdido, as miñas queixas actuais céntrase na descendente calidade dos libro impresos. A impresión baixo demanda pode ter cousas boas (por exemplo, dispoñibilidade permanente dos libros do catálogo) pero faise ao prezo de libros materialmente miserábeis, colados (con indiferencia de seren de tapa branda ou de tapa dura), impermanentes.
Outras cousas sí que mudan, e considerábelmente. Non falo das avances da idade, ou da (algo máis ca unha) década prodixiosa deste docente; neste par de meses que rememoro, e alén de abandosa literatura xaponesa clásica, lín un libro, que reseñei, e que influiu de xeito moi relevante nunha mudanza masiva no meu xeito de ver as cousas, políticamente. Non é que xurdira da nada, mais cando trazamos historias (xa sexan persoais ou nacionais) hai eventos concretos que consideramos catalizadores de cambios, marcadores definitivos de inicio e de fin. Anque non o pareza de todo no ton que adopto na devandita reseña.
domingo, fevereiro 21, 2021
εὕρηκα
Pois sí, parece que conseguín aprobar (cun 7,3) a miña primeira materia da UNED, Lenguaje Matemático, Conjuntos y Números, da que xa vos teño falado en varias ocasións. É un pequeno paso para a humanidade, mais un salto xigantesco para FraVernero...
Para este curso, nun exceso de prudencia, non me matriculara en máis nada, mais penso ir adiantando cousas, e adicar o segundo trimestre e o verán ao temario de estatística básica. Veremos se non fica no intento, porque tamén penso investir o tempo en realmente consolidar a materia que superei, xa que algúns dos seus conceptos non están todo o asentados que deberan.
No caso (improbábel) de que algún lector desta bitácora lle teña vezo aos números, pode disfrutar da miña explicación/resposta das 10 preguntas que me caeron na proba do pasado día 12, ou da serie en curso na que resposto a tódalas demais preguntas que lle caeron a outras persoas no devandito exame...
quinta-feira, fevereiro 04, 2021
sexta-feira, janeiro 29, 2021
Libros do Mes
[Adianto a listaxe porque de tódolos xeitos, non vou rematar na fin de semana ningún dos volumes en curso]
Cantares Completos (3) de Ezra Pound
Early China: A Social and Cultural History de Li Feng [E]
El Conde Lucanor de Don Juan Manuel
*Book of Odes de Bernhard Karlgren (tr.) [E]
*The World According to Physics de Jim Al-Khalili [E]
*MyGrammarLab Advanced C1/C2 de Mark Foley / Diane Hall
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
sábado, janeiro 23, 2021
Not quite a gift
O mes pasado falábavos das tribulacións ás que se expón o comprador de libros virtual e exquisito. Poucos días despois tiven a confirmación das miñas verbas coa chegada dun exemplar que deixaba moito que desexar.
Esta mesma bitácora testemuña a afición do Mantedor por Ezra Pound dende moitos anos atrás. Ao respecto, posuía unha edición bastante decente dos Cantos, os "Cantares Completos" de Cátedra en 3 volumes, bilíngüe, de Vicente Amaral (tradutor) e Javier Coy (editor), unha edición de tapa branda pero cosida e moi profusamente anotada. Porén, a súa maior eiva é que é incompleta, ao faltárenlle os últimos bloques da serie (Rock Drill, Thrones e borradores e poemas fragmentarios). É por iso que me puxen a buscar recentemente un substituto, que idealmente reunise só dúas características: texto íntegro (e só en inglés) e boa calidade física (papel alcalino, cosido e tapas duras).
A edición estándar é a de New Directions; ésta tivo varias reimpresións que foron reincorporando cousas, polo que o punto de partida tería que ser a decimoterceira, de 1996, que inclúe os dous Cantos escritos en Italiano (LXXII–LXXIII) e a tradución dun deles. Acudo, xa que logo, ao mercado virtual do libro estranxeiro por excelencia, Amazon, e comprobo que a descripción do libro non detalla esas cousas tan importantes para mín coma son a encuadernación e o papel. Logo de varias reviravoltas, escríbolle ao seu servizo de atención ao cliente e parecen darme unha resposta satisfactoria, ata que chega o libro e comprobo isto:
















