quarta-feira, junho 29, 2005

Os estertores da Besta... e os seus Lacaios

Pareime sobre as areas do mar e vín rubir del unha besta que tiña sete cabezas e dez cornos; e nos seus cornos, dez diademas; e sobre as súas cabezas, un nome blasfemo. E a besta que vin era semellante a un leopardo, os seus pés como de oso, e a súa boca como boca de león. E o Dragón deulle o seu poder e o seu trono, e grande autoridade.
Vin unha das súas cabezas como ferida de de morte, pero a súa ferida mortal foi sandada.
¿Sandada? Pois vai ser que non...

Boas, parroquia. Non pretendía mandar unha nova entrada tan cedo (xa vedes que teño a manía de escribir moitas, e aínda non me comentaron case as primeiras), pero lendo as páxinas do Galicia Hoxe de hoxe (vala a redundancia) atópome coas seguintes declaracións de Fraga na súa derradeira entrega das 'Medallas Castelao' aos intelectuais orgánicos/estómagos agradecidos:
"Fraga, que se emocionou durante o acto, comparou os versos 'pesimistas' do escritor ourensán José Luis (sic) Méndez Ferrín, dirixente do grupo independentista Fronte Popular Galega (FPG), cos optimistas de Luis González Tosar, 'un de tantos galegos nados en Bos Aires', no relativo á visión que ambos os dous teñen desta terra (...). 'De lirismo, si, tamén de lirismo; pero non de calquera lirismo', adrediño, para se referir á poesía de Méndez Ferrín, que cualificou de 'triste, negra, que enerva e acovarda, que nos devolve ao século XIX, responsable de que se perdese a riqueza e o impulso alcanzados polos galegos no século XVIII'. En contraposición, resaltou a visión reflectida na poesía de González Tosar, un dos distinguidos, porque anuncia 'unha Galicia que se vai facer realidade co esforzo de todos os galegos e galegas ó longo do novo milenio que comeza' ".
Na última apoteose do fraguismo agónico hai algo de novela gótica, ou caída da casa Usher: os que dan e os que reciben as medalliñas parecen fantasmas, cadáveres vivientes. O seu reino 'xa non é deste mundo', senón da Oposición, onde é o pranto e o rinchar de dentes, o país dos cans raibosos que ladran o seu rencor polas esquinas. Un aire irreal -fantasmagórico- pinta as fazulas dos conselleiros, que xa se ven fóra dos sillóns da prezada Xunta. Os premiados padecen unha evidente incomidade nesta danza macabra, xa que o bafo de espectros e un peso como de bolas e cadeas de ferro (¿catalizado polas medallas que lles agasallan?) turra deles para abaixo e asóciaos co Fraga Caído. Igualiño que na Habana dos últimos días de Batista, o que se estila agora é máis ben o '¡Sálvese quen poida!', e non estas engorrosas exaltacións, tocando os instrumentos nun 'Titanic' que se afunde.
Mais o caso será quizaves que xa se consideran perdidos de antemán, e tentan arrapiñar as últimas migallas da mesa fraguista. Lembremos que estamos a falar de personajillos, carentes de catadura moral: un González Tosar (alias 'Ché') antigo escudeiro de Lister e dende fai tempo Lamecús, Bufón Oficial de Fraga e babexante reencarnación poética do don Celidonio de Risco. Da súa corda o mediocre Darío Villanueva, cuxo maior mérito é ter comezado cousas que outros sí que saben facer e (dende a perspectiva do seu Amo) o terlle ensinado aos estudantes revoltados fai catro anos de quén era a Universidade. ¡Eis os salvadores da Patria e a Revolución!
É a festa de despedida. En breves instantes, os Insignes e Ilustrísimos Intelectuais Áulicos pasarán a un estadio máis alto, lonxe das maldades do mundo e os dardos e frechas da ultraxante fortuna: "á morea de esterco da historia" (Trotsky dixit), o sitio que lles corresponde. Gañáchedelo a pulso, rapaces. Agora, a disfrutar da paga polos servizos prestados...

8 comentários:

Anônimo disse...

Suelo leer blogs literarios y he de decir que las referencias que encuentro en este me parecen estimulantes y, admito que en muchos casos, desconocidas. Pena que los textos sean de difícil digestión sobre todo en la pantalla de un ordenador.

Frank Leboeuf

Anônimo disse...

Ola Conde!

Son o Moncho de Brión (Uberich). Sigo a diario o teu caderno de bitácora (prefiro evitar o termo "blog", sobra) e teño que dicir que gozo con el. Continúa así.

Graciñas por poñeres unha ligazón á miña páxina web :-) E pola sinatura no libro de visitas. É todo un detalle. Moita sorte e xa sabes que estou á túa disposición.


Con respecto a Fraga, eu só ouzo os derradeiros laios da besta, antes de ser devorada polos seus continuadores e os seus detractores. Eu sempre dixen que o PP en Galiza non existe, que é un partido foráneo que "vestiu" e deu siglas aos caciques do País. E agora estes caciques van arrastrar o tirano á profundidade das cavernas por non ser quen de manter a mesa chea de comida.

Saúdos!

seneschalkay disse...

Boas!
Antes de nada, agradecer os vosos amables comentarios. Alédame inmenso ver que xente coma vós segue esta bitácora/singradura que vos está aberta. Ou, como dicía a poeta, 'vós tamén navegar'.
Leboeuf, un pracer terche abordo. As limitacións que apuntas no medio son, tristemente certas. O espacio é limitado (eu soio ser moi prolixo nas cousas que escribo na nosa revista non virtual, 'A Caramuxa'), e tanto mirar a pantalla cansa á vista. Polo momento, haberá que resignarse niso...
¡E diantres!¡Moncho de Brión!¿Qué tal, meu?¿Remataches todo? Xa me tarda que quedemos un día destes, o. Eu remato o venres que ven (e xa a volta da esquina está o Día da Patria; este ano deberiamos saír xuntos).
Concordo plenamente coa crítica da Asociación de Esmorgantes, Clientelismo e Caciqueo (PP). Agora o tema é coller palomitas e porse en primeira fila para ver o circo de cómo se despelexan.
Unha aperta.

P.S.: acéptanse propostas sobre temas que queirades que se traten aquí. e lembrade de visitar a páxina de Moncho: o máis completo e melloriño sobre a nosa língua.

S O S disse...

eiiii. Quem é o Moncho de Brión? O nosso Moncho? Tem página? Está pavero iso do "grupo independentista" Nesta lucíches-te. Todo por que nom sejam um partido (xd). Saudinhos!

seneschalkay disse...

Boas, parroquia.
¿Quén é Moncho de Brión? ¿é o noso?. Pois sí e mais non. Dende logo que é o noso, anque non aquel no que ti estás a pensar, riseiro (nese caso, sería Ramón de Cando).
Se les con algo máis de atención a súa entrada verás que se trata do famoso Uberich da antiga canle #Galiza do irc-hispano. O mesmo co que estivemos un tempiño o pasado Día da Patria.
Alédome de que che gustase a entrada, pero, ¡por favor!, as referencias a Ferrín e á FPG non son da miña colleita, senón de Fraga e do xornal.

S O S disse...

uiss. Perdoa no que a Ferrín se refire. No da FPG tenho que reconhecer que Fraga estivo um algo lúcido (perdoem-me vosses). Ti já sabes que eu prefiro "Colectivo" no canto de "Grupo". Um bico!

Anônimo disse...

- Queremos facernos "peras" e non "pallas" (e se nolas fan, moito mellor)
- Queremos foder e non follar (aínda que xa nos conformariamos só con follar).
- Queremos facer lambeidas de conas ou ameixas (que nos saben mellor que o "a palo seco" coño)
- QUeremos que nos lamban a pirola ou pixa (que soa moito mellor que iso de "pene")
- Queremos xogar ao trompicallo (ti pos a cona e eu o c..."), frente a tanto menoige a trois de importación
- Queremos empregar estas metáforas galegas tan bonitas: "Caeu espatarrada e víuselle ata a conciencia"; "Nena, vas moi descocada"; "os peitetes de chuchamel", "que boas espeteiras que tiña"; "a rapaza fervía"; "fervíame o pote das papas"; "moito me quentaba o forno"

Anônimo disse...

Bravo, meu conde. Mágoa que o teu texto versus fraga podería ser, mutatis mutandi, parte do caderno de bitácora dos conselleiros morituri, Goebbles Varela, sen ir máis lonxe.