domingo, outubro 03, 2010

Outono en Sōgi

Percorrendo as lagoas da memoria e as brumas do tempo pasado, síntome incapaz de determinar con exactitude cando descubrín os versos e a persoa do poeta xaponés Sōgi (宗祇). Mais empregando os textos pasados dos amigos como angareiras da lembranza, vexo que na revista Casa da Gramática número 10 (Decembro do 2000) aparece unha parella de textos de Ramón Blanco e de Iria Lago; o de Iria leva o evocador título que tomei prestado para esta entrada da bitácora; o de Ramón é un poema que comeza coa seguinte cita do monxe zen do que falamos hoxe: "Non é que atardeza, / é que a chuvia é noite: / outono na fiestra".

Sōgi debeume de aparecer nalgunha daquelas antoloxías de haikus que circulaban entre os escritores do Colectivo Sacou nos derradeiros meses do milenio pasado. Lembro particularmente unha edición barata de Grijalvo/Mondadori que servira de libro de viaxes tralo recital que demos en Vigo. Á noite en vela seguíralle unha cadea de vagóns interminábeis que nos levaban de volta a Compostela, e digo interminábeis porque o pesadísimo sono e as ganas de estomballarse na cama santiaguesa fixeron do retorno un auténtico tour de force; os compañeiros rendéranse, moucheando, ás apertas de Morfeo, mais eu resistía, "qué pasa", co libro de Haikus nas mans: lía un poema, dáballe un chisco de asueto aos meus ollos, e tornaba a ler. Lembran graciosamente os sacousos a miña face de gato sorprendido mentres sostiña unha alternancia entre o escapar brevemente das gadoupas do sono e o proseguir do percorrido polos versos orientais...

Anos despois descubriría que Sōgi, que non era o meu poeta favorito da escolma, anque lle recoñecese a beleza e o mérito ao terceto denantes citado, non era realmente poeta de haikus, senón de renga (連歌), unha forma complexa e refinada de poesía encadeada e colaborativa, mediante a cal un grupo máis ou menos amplo de poetas vai encetando grupos de tres ou de dous versos aos que xa engadiu outra persoa da serie. Imaxino que os versos citados por Ramón pertencen, xa que logo, a unha desas rengas, quizaves a de Minase, ou a de Yuyama, o seu par de series máis famosas. Descubro tamén (por mediación da historia da literatura xaponesa, de Keene) a vida aventureira deste poeta medieval, procedente das máis baixas clases populares e que, aproveitando as guerras e a mobilidade social do Xapón do século XV (eles chamárono gekokujō, 'os de embaixo desprazando aos de enriba'), chegou a converterse na estrela poética do seu tempo, xenerosamente protexido por mecenas provinciais e el mesmo xeneroso protector do nobre da corte, grande ministro e rexente Ichijō Kaneyoshi, persoa dunha cultura prodixiosa á que os horrores das Guerras Ōnin deixaron reducido a unha situación prácticamente de fame e de indixencia.

É unha mágoa que moi pouca da producción de Sōgi estexa traducida a linguas occidentais. Mentres pescudo algunhas das traduccións anglosaxonas dos seus diarios de viaxes e secuencias de renga, confórmome con este verso que faga xogo coa chuvia e o outono na fiestra que nesta mañá fai acto de presenza na miña xanela: "A vida neste mundo é breve coma o tempo empregado en acubillar das chuviscas do inverno".

1 comentário:

Anónimo disse...

Que bonito, Manolo!
Grazas.
Ramón