"Hai moitas cousas na internet: por exemplo, o 50% do seu contido é pornografía, como sinala Hedges, o que responde a unha certa demanda do mercado e cumpre unha función ao servizo da sociedade. Na internet están as revistas científicas, que non se poden consultar gratuitamente, senón a prezos desorbitados impostos polas tres multinacionais que controlan ese tipo de mercado, e na internet tamén hai miles e miles de libros. Un libro é un libro, xa estea gravado en pedra, arxila, pergamiño, papel ou nun soporte electrónico. Un libro é un texto máis ou menos longo e complexo que esixe un esforzo de lectura e comprensión, xa sexa segundo un relato, un argumento, un discurso ou unha demostración matemática. O desprezo cara os libros que se está implantando en España dentro do chamado "proceso de Bolonia" non pode ser un desprezo ao papel imprenso, senón que en realidade é un desprezo ao pensamento.
No uso da internet, como analizou Nicholas Carr, pódese caer baixo o dominio da superficialidade. Os programas informáticos facilitan a procura de datos previamente recistrados e detectables mediante programas de procura (os non rexistrados nin detectables pasan simplemente a non existir), polo cal quen controla o rexistro e o patrón de procura controla e crea a realidade. Nunha procura de datos de tipo x cun programa e, todos os usuarios acaban por atopar os mesmos datos, razón pola cal a internet pode ser un instrumento esencial á hora de uniformar o pensamento. E é por iso polo que os deseñadores do "proceso de Bolonia" admiran o Grande Irmán da internet.
Por outra banda, a internet, como sinala N. Carr, privilexia a conectividade sobre o fluxo lineal mediante o uso constante de links, cada vez máis breves, máis numerosos, que obrigan a desprazar constantemente a atención e a abandonar a trama narrativa, discursiva ou demostrativa, facendo que o internauta poida perderse polos camiños do bosque. A internet e todas as ferramentas dixitais existentes, cuxo deseño é o froito do traballo, o esforzo e a intelixencia, son iso, ferramentas utilizables para un fin, mellor ou peor, segundo a intelixencia e os coñecementos de quen as utilice. En España, pola contra, e no "proceso de Bolonia" en concreto, a internet é a bandeira baixo a que se está predicando o odio ao pensamento, á intelixencia e ao espírito crítico, e baixo a que se pretenden uniformar e someter as comunidades académicas dentro dun molde común de mediocridade".
José Carlos Bermejo Barrera, Os Señores da mentira
José Carlos Bermejo Barrera, Os Señores da mentira
Sem comentários:
Enviar um comentário