sábado, junho 30, 2012

Resistencia

Tende un a pensar que a resistencia é a única postura ética, estética e política realmente dispoñíbel para os mirrados nestes tempos de capitalismo serodio. A palabra evoca imaxes de maquis franceses con cruz de lorena e gabardina, ou partisáns italianos ou rusos cantando cancións pegañentas; e a nivel galego, a chulesca comicidade dunhas liñas do Estirpe de Méndez Ferrín ("Xullo, noventa e dous, resistimos, qué pasa"). Mais lendo últimamente os versos dunha antoloxía de poesía chinesa, atopo outra resistencia coa que empatizo, como é a que busca valentía perante o fundamental absurdo da existencia, a brevidade da vida e a inexorábel desaparición. Juan Chi (ou Ruan Ji, 阮籍) exprésao á perfección deste xeito:

O hibisco florecendo nas tumbas
debuxa unha vívida mancha de cor.
Cando o branco sol descende entre as árbores,
as pétalas caen, borboleteando na estrada.
O grilo canta no umbral e no peitoril
as cicadas choran entre as toxeiras.
Por só tres días o enxamio das moscas de maio
voa coas súas azas iridiscentes.
Para qué nos adubiamos con tanta beleza,
vestíndonos de dourado para tan só un intre?
Canto dura a vida dun home?
Mais contodo, tentemos amosar un chisco de valentía.

Sem comentários: