segunda-feira, agosto 27, 2012

Reseñas - Liu Tsung-yüan

Liu Tsung-yüan and Intellectual Change in T'ang China, 773-819

Jo-Shui Chen

2006, Cambridge University Press

* * * * * (excelente)

Un valioso e detallado estudo académico arredor dunha figura e dunha época interesantísima e fundamental na Historia de China.

Para aqueles que lean algo de poesía oriental, a dinastía chinesa de T'ang non é unha completa descoñecida, xa que foi baixo a súa éxida cando viviron e escribiron os mellores poetas de toda a historia do milenario imperio: nomes coma os de Li Po, Tu Fu ou Wang Wei que aparecen incluso en traduccións casteláns e citas galegas de cando en cando.
Alén da súa fertilidade estética, a era de T'ang (618-903) produciu a reunificación política do país despois de case catrocentos anos de fragmentación e invasións estranxeiras, e unha política exterior expansiva que tornou Asia Central e o actual Vietnam ao mundo sinocéntrico. Mais a expansión non foi undireccional, e a cultura chinesa puido enriquecerse con novas artes, músicas, pobos e danzas que revitalizaron ao país e axudaron non pouco ao florecemento da época.

Mais o Imperio que renacía cal ave fénix non puido, no bo e no mal, borrar os anos da fragmentación coma se non existisen. Un dos legados deste periodo foi a chegada e o éxito da relixión Budista ás Terras do Medio, e competindo con esta, a elaboración relixiosa e institucional da relixión Taoísta. O Confucianismo, que fora a relixión oficial e o piar ideolóxico sustentante da Dinastía Han, entrara nunha paseniña decadencia e subordinación, mesturando cos dous credos anteriores como unha subordinada manifestación externa (na práctica política, familiar e institucional) das verdade interior, teolóxica, do Tao ou do Buda. É o que se chamaba 'Confucianismo no exterior, Budismo (ou Taoísmo) no interior'.

A mediados da dinastía T'ang, e logo de varias crises políticas e literarias, a situación cambia. Os escritores e intelectuais póñense á cabeza dun movemento por restaurar o Confucianismo como eixo central da vida chinesa tanto nas artes (co movemento a prol da 'vella escrita', ku-wen) coma na teoloxía e na política. O nacemento deste movemento intectual, destinado a grande éxito no futuro chinés (dende a seguinte dinastía, Song, e adiante, cando se estandariza nun pensamento alcumado 'neo-confuciano' e recibe o respaldo total do estado) é o obxecto de estudo deste libro, e singularmente artéllase mediante un estudo biográfico dun dos seus representantes máis conspicuos: o nobre, escritor, poeta e funcionario Liu Tsung-yüan (柳宗元, na transcripción pidgin Liu Zongyuan).

Nas páxinas deste volume aprendemos o transfondo biográfico de Liu, e como inflúe este nas súas posicións políticas, relixiosas, rituais e estéticas; a súa meteórica pero á fin desafortunada carreira política; a súa vida no desterro do sul, e a evolución do seu pensamento intelectual, que se vai achegando paseniñamente ao confucianismo renacente da época, capitalizado polo tamén escritor e funcionario desterrado Han Yü (韓愈). Aprendemos o que comparte  Liu Tsung-yüan co movemento nacente, mais tamén no que discrepa. Estas discrepancias son as que o fan, como pensador, tremendamente interesante: así, Liu é anti-metafísico e materialista por definición; cre apaixonadamente na obrigación dos funcionarios e do estado de servir ao pobo e loitar polo seu benestar, e refuga das vellas e conservadoras visións confucianas dun Ceo que intervén no mundo para castigar aos malvados e recompensar aos bos. Precisamente por estas e outras razóns, Liu ten sido moi defendido e canonizado na República Popular China coma un precursor dos comunistas.     

O libro de Jo-Shui Chen é un excelente e entretido estudo académico que vos axudará a poder navegar por este periodo tan fundamental da historia chinesa, e para coñecer con algo de profundidade a un dos seus mellores escritores (sendo Liu un dos mellores prosistas clásicos de China). Se algún defecto lle podemos atribuír á obra é somentes que non inclúa máis poemas e fragmentos da escrita do autor que a inspira, e que non é que estexa moi traducido nen sequera ao inglés; unha maldición que comparte con outro gran escritor e poeta contemporáneo, Liu Yü-hsi (劉禹錫) do que falaremos nalgunha outra ocasión.

1 comentário:

Anónimo disse...

grazas por compartir a túa sabiduría, manolo

unha aperta,
irma