Nun artigo moi interesante, os investigadores Paul A. Kirschner e Jeroen J. G. van Merriënboer adícanse a desmontar algunhas das lendas urbanas que circulan arredor da educación e que conforman a praxe e unhas direccións educativas ás que os sufridos docentes nos vemos obrigados a someternos. Unhas desas lendas é que as novas xeracións son "nativos dixitais", cun coñecemento e dominio case intuitivo dos computadores e similares e que en consecuencia, aprenderían "doutra maneira" (interconectada, multitarefa, intertextual). Mais o certo é que as investigacións empíricas parecen amosar o contrario: o coñecemento das tecnoloxías por parte dos mozos é moi básico e limitado a destrezas básicas (emprego de correo e redes sociais e de mensaxería) e amósanse incapaces, sen axeitada formación, de aproveitar de xeito creativo as posibilidades educativas das novas tecnoloxías. Aínda peor: son vítimas do "efecto bolboreta":
"O que realmente estamos a observar é a unha xeración onde os aprendices diante dos computadores compórtanse coma bolboretas deslizándose arredor da información das pantallas, tocando ou non tocando pezas de información (os hipervínculos) e voando rápidamente á seguinte peza de información sen tomar conciencia do seu valor e sen nengún plan (...). Os estudantes son seducidos para que clikeen nos links, habitualmente esquecéndose do que estaban a pescudar. Este 'deslizarse' leva, no mellor dos casos, a unha moi fráxil rede de coñecementos. Moitas pescudas rematan nunha poza estanca de quizaves interesantes mais irrelevantes anacos de información".
Sem comentários:
Enviar um comentário