O outono deste ano debeu ser bastante melancólico, visto que os poetas comparatistas cos que compartira tantas reflexións e intimidades nos anos inmediatamente anteriores e posteriores estaban ese ano de Erasmus en Bologna, anque enviando dardos, peticións, colaboracións e protestas dende lonxe, coma os fillos de Leto. Entre elas estivo no mes de outubro unha canción de Franco Battiato que non escoitara daquela e que agora sí; ten un toque como a antiga melodía inglesa que lle acae ben...
Naquel tempo (que debía ser o penúltimo ano da miña última carreira) estabamos a ler, entre outras cousas, The Scarlet Letter de Nathaniel Hawthorne, que era e é unha grande novela que me deixou gorentoso de máis; porén, a suxerentemente titulada The House of the Seven Gables segue agardando a que a merque e lle adique as súas correspondentes horas; algo máis (contos breves) teño lido dende aquela de Hawthorne, e segue escamándome o seu puritanismo. Lendo o que escribía daquela na mini-reseña da novela, tópome hoxe menos escéptico cara os valores humanísticos da literatura (bebía entón con máis intensidade os velenos da crítica postestructuralista e a Escola do Resentimento); da man da miña maior felicidade actual, contemplo con algo máis de distancia a miña forte empatía daquela con personaxes literarias tétricas, coma Chillingworth.
Publicaba daquela tamén unha das poucas colaboracións literarias que teño na revista 'Terra de Outes'; agora teñen que consolarse coa entrevista que me fixeron a traizón e que orna as páxinas do penúltimo número, e que moito máis cedo que tarde, polos meus pecados, habedes de ler eiquí. Dinme que na foto que a acompaña saio moi guapo e moi novo, anque eu sería escéptico (agás na crítica implícita ao meu aspecto actual).
Sem comentários:
Enviar um comentário