Agustín González Ruiz
2016, Batiscafo
* * * * (bo)
Amena, ilustrativa e interesante introducción á filosofía da ciencia.
O libro do que falamos hoxe é outros dos volumes da colección divulgativa da colección 'Descubrir la ciencia' de Materia III. Xa se reseñara eiquí o segundo dos libros, adicado á física cuántica, e xa levo lidos en total da serie uns 9 exemplares cun balance positivo, anque non exento de irregularidades. Do que falamos hoxe é para mín a contribución máis interesante ate o de agora.
Nas súas escasas 140 páxinas (incluíndo apéndices de bibliografía e glosario), González Ruiz fai unha boa labor explicando as bases da filosofía da ciencia: comeza por cuestións terminolóxicas, aclarando cal é o consenso intelectual arredor da definición de 'coñecemento científico', os seus criterios de demarcación e clasificación. Prosegue logo cunha breve historia da disciplina, centrándose en detalle nas dúas grandes escolas: a clásica (conectada co positivismo lóxico) e a estructural. A isto séguelle un capítulo sobre os criterios de xustificación racional do coñecemento científico, para rematar cunha xeira de tres capítulos contrastativos, onde se plantexan as relacións Ciencia-Filosofía, Ciencia-Pesudociencia e Ciencia-Relixión.
É unha obra escrita con gran claridade e relativamente doada de seguir nos seus argumentos, anque por veces haxa que prestar atención e ler de vagar os argumentos (especialmente na sección adicada ao modelo estructuralista de filosofía da ciencia). A claridade expositiva foime persoalmente de gran valor á hora de distinguir entre os dous 'paradigmas', se se quere, que houbo na disciplina, anque sospeite un chisco que González Ruíz peca de moi partisano (e quizaves por iso non totalmente obxectivo) da visión estructuralista, unha visión á que a priori eu lle tiña bastantes sospeitas (todos os neosofistas posmodernos citan cada dous por tres a T.S. Kuhn para xustificar o seu relativismo e as súas críticas ao saber científico). Tampouco entra nos debates das teses realistas-irrealistas, anque imaxino que por falta de espazo.
En definitiva: un exemplar moi recomendábel e clarificador como punto de partida para aprender sobre o tema. Ficaremos atentos a outras cousas do autor.
Sem comentários:
Enviar um comentário