"La bondat del cavallo / vinçiá todo lo al,
nunca en este siglo / ovo mejor nin tal,
nunca fue enfrenado / nin preso de dogal,
mucho era más blanco / que nieve nin cristal.
(...)
Fizol' un elefante / como diz la scriptura,
en una dromedaria / por muy grant aventura;
viniél de la madre / ligerez por natura,
de la parte del padre / fortalez e fechura.
Quando avié el rey / a justiçiar ladrón,
dávalo al cavallo / en lugar de prisión;
ant lo avié comido, / ¡tanto era glotón!,
que veint e quatro lobos / comerién un motón".
Libro de Alexandre
sábado, outubro 01, 2016
sexta-feira, setembro 30, 2016
Libros do Mes
The Grand Scribe’s Records, vol. 10 de Ssu-ma Ch’ien
/ William Nienhauser (ed.)
Fenómenos cotidianos de Alberto Pérez Izquierdo
Contra la nueva educación de Alberto Royo
El francotirador paciente de Arturo Pérez Reverte
The Analects of Confucius de Robert Eno (tr.) [E]
*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]
*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.
*Matemáticas I (Bachillerato) de J. Colera Jiménez et al.
sexta-feira, setembro 23, 2016
O Vernero que foi: Setembro '05
A caída das follas no outono do 2005 repenicaba axeitadamente no pazo de Trasalba, mesturándose coas sombras-en-sombras de Baleirón ou coas herbas reencarnadas de Álvaro Cunqueiro. Outra negra sombra, funérea e melancólica, pairaba no meu maxín naqueles días. Eran, porén, para moitos os días da esperanza en que o Fragasaurio perdera as eleccións e nos que comezaba un pequeno paréntese entre anos e anos da gaivota; mais a negra sombra manifestábase no regusto agridoce por mor dos malos resultados do BNG nas eleccións (quen nolos dera agora!) e do reformismo quintanista que se albiscaba dende a consellería. Coa perspectiva do tempo, é seguro que os mozos fomos demasiado esixentes con aquel goberno, no que alén dos seus erros, depositabamos unhas irrealistas expectivas de mudanza radical de todo ("hai que romper / romper agora"). O caso é que os que rompimos fomos nós, e máis dunha década despois, seguimos recollendo os anacos.
Nunha das miñas non frecuentes meditación políticas, cavilaba arredor da disxuntiva que toda forza política ten que afrontar entre a fidelidade aos ideais e a vontade de transformación; é unha tensión que non se restrinxe ao político, e que Salman Rushdie reflexa moi ben en moitos parágrafos dos Versos Satánicos, que aínda non lera daquela. Anque tentaba ser ecuánime e equidistante naquelas liñas entre os puros e os posibilistas, non creo que conseguise de todo diluír a miña antipatía cara a segunda destas posturas e os seus representantes, encarnacións dun tipo de política que só me inspiraba indiferenza e un certo patricio desprezo; tal era o remol inevitábel dun ultrarradicalismo previo que ía retrocedendo aos poucos, baixamar pasiño a pasiño, festina lente, perante os enbates de lecturas, realidades e de interminábeis debates e disputas cos colegas comparatistas arredor do posmodernismo e da crise dos metarrelatos. Porén, relendo aquelas liñas non topo ningunha discrepancia intelectual con elas once anos despois, o cal podería lerse positiva ou negativamente, empregando a mesma dialéctica (neste caso, aplicada a nivel persoal) da lealdade aos vellos ideais ou do aggiornamento aos novos tempos; ou podería indicar simplemente que escribín aquel texto con tento e con siso, e xa esculcando coa mans o país dunha certa madurez persoal e intelectual.
Máis mudanza descubro ollando para as liñas que citaba de Eagleton, un crítico literario ao que sigo respectando mais que xa ten caído (e non pouco) do pedestal en que o tiña daquela; é que se naqueles días aínda aceptaba os provocativos ataques a todo formalismo literario que emanan de Literary Theory: an Introduction, a día de hoxe son un furibundo esencialista con moi pouca paciencia cara as escolas do resentimento escritoril. Seguramente o meu purismo de antano mudou de habitación propia, que non de casa, e pasou da política á estética...
Etiquetas:
memoria,
Ralladas de Fra Vernero,
Speak Memory
terça-feira, setembro 20, 2016
A prol das reválidas
Últimamente non deixamos de ler nos xornais novas sobre a inminente aprobación da primeira reválida en secundaria, filla da LOMCE, e os atrancos e a virulenta oposición que dende a 'esquerda educativa' se lle plantexan. Voume permitir, nesta ocasión, nadar contracorrente e facer unha defensa deste tipo de probas sempre e cando se fagan ben, e deixando claro que tanto a lei en vigor como a pésima praxe do goberno van ser exemplos de libro (permitídeme xogar a profeta) do que é facelas MAL.
Son varias as virtudes que presenta este tipo de probas, ao meu ver; a primeira é que garantizan que o alumnado de etapa realmente acadou de xeito uniforme os obxectivos curriculares mínimos que se agardan deles (e da etapa); o sistema actual está demasiado pensado para 'maquillar' a ignorancia, o desleixo, a preguiza e o desprezo do saber e dos contidos que sanciona a doxa pedagóxica imperante, e unha proba externa seria e ben deseñada obrigaría a todos, alumnado e profesores, a 'poñerse as pilas' e garantir a consecución dos ditos obxectivos. Ven a ser expandir a etapas previas o que xa fai a selectividade na etapa pre-universitaria de finais de bacharelato.
Outra ventaxa pode ser a de mellorar un chisco a atmósfera e a atitude cara a aprendizaxe na aula: a proba externa obriga ao alumnado, se quere titular, a facer un esforzo para prepararse para a proba; ese mesmo esforzo é unha boa lección e preparación para a vida post-académica, onde as esixencias laborais sobre o traballador van estar á orde do día; isto é algo moi visíbel, novamente, en segundo de bacharelato, anque a situación non é totalmente equiparábel nas etapas previas (onde teríamos outro problema a debatir, a saber, o da uniformidade comprehensiva das ensinanzas e itinerarios).
Da man do anterior, unha vantaxe non menor sería o cambio na atitude cara o docente: con probas externas, éste pode deixar de verse coma 'o inimigo' (ese que me vai suspender) e converterse, coma os entrenadores deportivos, nun 'aliado' (ese que me vai a axudar a superar a proba). A avaliación externa crea un novo filtro de obxectividade e un rol máis positivo para o profesor.
Moitos profesores obxetan cara as revalidas en tanto as consideran unha 'descalificación' das súas notas e do seu traballo docente. Eu diríalles que non ten porqué ser tal: nas EOIs nas que levo traballado a maior parte da miña vida laboral, a 'reválida' e a non avaliación por tí mesmo dos teus alumnos é a norma, non a excepción; e podo dicir que da excelentes resultados dende tódolos puntos de vista.
Outra obxeción é que as reválidas obrigan a subordinar a docencia e o traballo nas aulas á 'preparación do exame'. Tal cousa non tería que darse cunha reválida ben feita e ben deseñada, que se centrase en garantir os contidos mínimos dos que xa falamos; realmente isto entronca con outro problema totalmente diferente e do que tamén poderíamos falar noutra ocasión, a saber, o da hipertrofia dos contidos curriculares e das materias; ámbalas dúas cousas que ao lexislador lle resulta moi doado engadir con total e perfecta indiferenza das consecuencias reais, non das imaxinadas, dese 'empacho' ).
Outra obxeción é que as reválidas obrigan a subordinar a docencia e o traballo nas aulas á 'preparación do exame'. Tal cousa non tería que darse cunha reválida ben feita e ben deseñada, que se centrase en garantir os contidos mínimos dos que xa falamos; realmente isto entronca con outro problema totalmente diferente e do que tamén poderíamos falar noutra ocasión, a saber, o da hipertrofia dos contidos curriculares e das materias; ámbalas dúas cousas que ao lexislador lle resulta moi doado engadir con total e perfecta indiferenza das consecuencias reais, non das imaxinadas, dese 'empacho' ).
Porén, e como dicía no comezo, a reválida que nos ven sabemos que non só non vai ser a óptima, senon unha auténtica trapallada: imposta sen consenso educativo, sen consultar aos docentes (o cal é o consenso máis importante neste eido), privatizada para favorecer aos amigotes do ensino privado/concertado, densa e longa de máis, avaliando cousas que non se prepararon e/ou deron nas aulas axustadas ao currículo, non á revalida... Mais todo iso son incompetencias culposas da administración educativa actual, e non do formato das probas externas en sí.
quarta-feira, setembro 14, 2016
Seal of Office
"... e no séptimo ano da Era 永工作, o Mandarín Marabilloso foi nomeado Prefecto de Lang-chou, con dereito a portar o Gran Selo de bronce prateado con forma de tartaruga".
dos Anais Básicos do Mandarín Marabilloso
quarta-feira, agosto 31, 2016
Libros do Mes
The Enlightenment de Anthony Pagden [E]
Kyoto:
An Urban History of Japan's Premodern Capital de
Matthew Stavros [E]
Tras el Big Bang de Alberto Fernández Soto
Fitful Slumbers (Utatane) de Abutsu / John
R. Wallace (tr.) [E] [Art]
La ciencia de la
ciencia-ficción de Manuel Moreno e Jordi José
Midnight’s Children de Salman Rushdie
*The Grand Scribe’s Records, vol. 10 de Ssu-ma Ch’ien
/ William Nienhauser (ed.)
*Count Zero de William Gibson [R]
*The Odyssey de Rodney Merrill (tr.) [E]
sábado, agosto 27, 2016
Curseando
Un par de meses atrás, explorando aplicacións educativas dixitais, decidín probar os cursos online que ofrecen gratuitamente algunhas universidades a través de plataformas coma coursera; sospeitaba, con razón, que estes materiais de balde ían a deixar un tanto que desexar, coma case tódalas mostras de productos que se ofrecen en rúas e supermercados; a miña primeira experiencia (How to Learn Math: For Students, da universidade de Stanford) confirmou as sospeitas.
Porén, voulle dar outra volta de porca nestes días, tan de retorno aos estudos, de setembro. Apunteime a outro curso de Stanford (Introduction to Mathematical Thinking) que me parece ten un pouco máis de empaque, e a outro choio da universidade de California en Irvine: Pre-Calculus: Trigonometry. Xa vos irei contando como van...
Etiquetas:
Docencia,
educación,
nativos dixitais
segunda-feira, agosto 15, 2016
O Vernero que foi: Agosto '05
É un lugar común, en boa medida falso, que as células do corpo humano son completamente substituídas cada sete ou dez anos. Algunhas, como as neuronas, nunca se mudan; mais seguindo co xogo ao que da lugar o lugar común, pensemos por uns intres en canto fica do nós de van 10 anos atrás: seguramente haxa fotos, lembranzas, ideas. Cousas que permanecen e cousas que mudaron. Aproveitando a miña habitual tendencia á nostalxia e que esta bitácora leva sendo dende o 2005 un íntimo e público diario e memoria paralela / para lela, dou comenzo a unha sección na que revisitar as cousas nas que cavilaba no pasado, e as continuidades (ou non) no meu cavilar do agora.
No Agosto do 2005 inauguraba este espazo con catro pequenas cousas; As dúas primeiras eran un introito de homenaxe Oteriá, xa que Don Ramón Otero Pedrayo era e é un dos autores galegos aos que máis admiro e co que máis empatizo. O seu trasunto literario poboa, baixo o nome de 'Maître Obscur' a novela 'No ventre do silencio' de Méndez Ferrín, perseguido na miña primeira entrada por Narda ate os adentros da catedral compostelá. Neste pazo dixital de Trasalba, un podía xogar ao Maître Obscur anónimamente observado por presadas de lectores virtuais.
Libros de Otero que tiña lido 'naquel tempo' (como se dí nas lecturas do Evanxeo na misa) incluían, amais do evidente Fra Vernero, o meu favorito, a triloxía d' Os camiños da vida (o primeiro volume como parte das lecturas obrigatorias do COU de letras), a súa versión apocopada no Arredor de sí e os contos breves de Entre a vendima e a castañeira. Hoxe tería que engadir O señorito da reboirana, que en boa medida desprazou ao Zacarías nos meus afectos; e na estantería agarda, impaciente, A romería de Xelmirez, que ei comezar antes que remate o ano.
Tampouco tivo maior fortuna lectora, malia unha compartida admiración, o escritor de Lübeck Thomas Mann, anque poucos anos despois había de visitar a Buddenbrookhaus, hoxe convertida en museo; dende a Montaña Máxica só lle adiquei un par de días a un pequenísimo volume seu publicado en Edhasa (quinteto) con La muerte en Venecia e Mario y el mago. A mala conciencia arremuíñase nesta volta arredor dunha edición boa, de tapas duras, do Doktor Faustus, que agardo mercar antes que remate o 2016. Lela xa será fariña doutra costal...
Remataba aquel agosto cunha meditación e pregunta retórica arredor da miña sempiterna fascinación cos mitos, en aberto contraste cun racionalismo militante que ás alturas deste agosto segue ardendo con igual ou maior rigor, mutando tan só un chisco dende auroras de Marx ás luces da Ilustración; coa perspectiva que dan os anos, volvería a plantexarme a pregunta e a respostala, desta volta: máis que o mythos, o que sospeito que me fascina de sempre é a ficción e a narratividade; foi ese amor, malguiado polo falta dunha man sabia e directora, o que acabou condensando na mitoloxía e, logo, na historia (pensade, nun pequeno excursus, que as línguas da península non distinguen, baixo a etiqueta de 'historia' os feitos máis ou menos reais do pasado -history- das narracións ficticias -story- como fan os anglosaxóns). E foi esa confusión, en parte, á que me levaría a certo estupor, rematando a miña primeira carreira: o do nulo interese que espertaba en mín a investigación histórica máis 'científica': cando non había nomes propios e historias de reises ou de revoltas que contar; cando xurdían, como ameazantes torres no ar, as estatísticas demográficas e os artigos encol de excavacións arqueolóxicas, o meu subconsciente comezou a pescudar un carreiro e un proxecto de vida novos. E por eses carreiros andamos...
Etiquetas:
memoria,
Ralladas de Fra Vernero,
Speak Memory
sexta-feira, agosto 12, 2016
Chutney Tasting # 2
Toca falar hoxe da segunda fornada de Tomato Chutney que cociñara o ano pasado; a data de cocción como testemuña a lapela, foi o 28 de xullo do ano pasado.
Xa a partir da foto podedes constatar que a cor desta volta é dun vermello máis vivo e brillante, que pode ser o resultado dun tempo de fervedura menor que co chutney previo; na súa preparación incluín bastantes menos especias que a primeira volta, anque engadín máis pementón picante e guindilla; eis a razón de que o alcumase de 'Hot' na lapela.
Porén, na cata non me pareceu notar ese extra de picante que tería que ter, e que debeu amansar moito no ano que ficou preso e enfrascado. A textura é moi semellante ao previo, quizaves algo menos compacta; o sabor é menos doce e complexo: é moi claramente tomate, con poucos matices.
Concédolle de sobra o 'apto' na avaliación final, anque confeso que agardaba máis del, sobretodo no apartado do picante. Ao mellor engádolle tabasco a próxima volta...
terça-feira, agosto 09, 2016
Contraste
Facendo un pequeno exercicio de historia comparatista, é doado comprobar a semellanza histórica de dous periodos xeográficamente moi afastados: o do Renacemento Italiano e o dos Estados Combatentes en China. Nos dous escenarios contamos cunha area culturalmente unida mais políticamente fragmentada en pequenos estados en permanente competición e hostilidade; temos un pasado idealizado de unión, paz e progreso (o Imperio Romano nun lado; a dinastía Zhou no outro) e oposto a un presente de individualismos e moral laxa, mais de grande creatividade técnica, científica, artística e política; temos unhas sociedades en efervescencia intelectual e filosófica, xerando estados racionalmente xestionados, centralizados, apoiados nunha meritocracia na que o que se ten en conta para os cargos é a habelencia, e non a sangue nobre, e multitude de escolas diverxentes de pensamento...
Malia que ámbolos dous periodos contan coas súas luces e sombras, é moi significativo o xeito en que foron conceptualizados nas súas respectivas culturas: mentres que para Occidente o Renacemento e os seus valores representan un polo de positividade, o bautismo de modernidade, un primeiro chanzo nunha escaleira que inclúe os descubrimentos transoceánicos (no XVI), a Revolución Científica (no XVII) e a Ilustración (no XVIII), e onde ata os vicios e defectos da época (as guerras e tiranías) son valorados positivamente como mostra do individualismo do home moderno que rompe coas falsas ideoloxías do feudalismo e da igrexa medieval, para o mundo chinés o Periodo dos Estados Combatentes aparece retratado de xeito inexorábel como unha etapa ignoble, decadente e miserábel, onde se dan tódolos 'defectos' que un par de milenios de goberno imperial tentarán facer desaparecer, como a fragmentación política, a diversidade de ideas e o relativismo destas, o individualismo, a aplicación da racionalidade instrumental a tódalas facetas da vida, o escepticismo fronte ao pasado...
Nun exercicio desta volta de historia filosófica, meditaría un tamén en qué medida estes diferentes enfoques influíron na evolución das dúas áreas de civilización, partillando a longo prazo na hexemonía europea sobre o mundo e a natureza, e na decadencia, invasión e humillación exterior do Reino do Medio ao longo dos séculos XIX e XX, e os seus intentos de modernizarse a marchas forzadas. O debate non é orixinal: xa os philosophes da Europa das Luces discutían o tema dende perspectivas moi opostas; hoxe quizaves dispoñemos de maior perspectiva, e asistimos tamén á recuperación por parte de China dunha posición destacada e forte que históricamente sempre lle correspondeu -por medios, por xente, por recursos e por cultura.
domingo, julho 31, 2016
Libros do Mes
Love and Math de Edward Frenkel
Neuromancer de William Gibson [R]
The Sandman – Noches Eternas de Neil Gaiman [K]
Poetry
and Politics: The Life and Works of Juan Chi de Donald
Holzman
Writing and Renunciation in Medieval Japan: The Works of the Poet-Priest
Kamo No Chomei de Rajyashree Pandey
*The Enlightenment de Anthony Pagden [E]
*Count Zero de William Gibson [R]
sábado, julho 23, 2016
竹林七賢
Temos ensinado nalgunha ocasión os versos do poeta Juan Chi (ou Ruan Ji, ou 阮籍), mais non temos falado del, ou da súa 'xeración' dentro da tradición das historias literarias de China. Xunto con outros seis autores, Juan Chi é encadrado no grupo dos 'Sete Sabios do Bosque de Bambú', unha agrupación de eruditos, poetas e músicos de mediados do século III da nosa era. É este un momento histórico de transición no Reino do Medio, apenas medio século logo da caída da dinastía Han que gobernara de xeito máis ou menos próspero o país por perto de 400 anos; por diante viñan outros 400 de desunións e guerras, mais tamén de fecundo desenrolo artístico, cultural e relixioso.
Máis concretamente, os 'sabios do bosque de bambú' viven no periodo de turbulenta transición entre a dinastía Wei, cuxos monarcas xa perderan xa todo poder político real, e os usurpadores do clan Ssuma (nestes anos aínda ministros, mais preparándose para destronar á familia imperial e ocupar o seu lugar). Rexeitando as corruptelas e perigos da época e a hipocresía confuciá dos Ssuma, os 'sabios do bosque de bambú' representan un grupo de autores bohemios, bebedores e pouco amigos das regras e normativas, simpatizantes do pensamento taoísta, que se terían xuntado nun 'bosque de bambú' ás aforas da capital para disfrutar dos seus ocios e praceres. Alén do citado Juan Chi, o máis importante do grupo é o músico e filósofo Hsi K'ang, que remataría sendo executado polos arribistas no poder.
Dentro da tradición literaria chinesa, os 'Sete Sabios' ocupan un lugar intermedio entre a primeira 'xeración' propiamente dita de poetas, da era Chien-'an (196-220), de estilo directo, subxetivo e transparente, e os autores 'refinados e decadentes' da dinastía Chin Oriental (265-317). Porén, os estudosos actuais son algo escépticos con estas clasificacións: se ben é certo que os sete poetas que se inclúen no grupo do que falamos existiron e interactuaron no seu tempo, non parece claro que constituísen un grupo como tal: a súa agrupación é seguramente unha construcción a posteriori influída pola relixiosidade taoísta, que os semidivinizou e incluiu en gravados e relevos de tumbas.
A razón de falarvos hoxe disto é que xusto rematei un estudo-tradución moi interesante das obras de Juan Chi. Especialmente interesante me resultou unha nota a pé de páxina cunha anécdota arredor dos poetas do grupo, anécdota que me fixo sorrir e pensar nas relacións e membros do antigo Colectivo Sacou, que seguro que se poderán autorecoñecer, mutatis mutandis, nos personaxes. A anécdota é parte do volume "Novo relato dos contos do mundo' de Liu-I-ch'ing (obra tamén xa citada en Trasalba), e dí así:
"A primeira vez que Shan T'ao se xuntou con Hsi K'ang e Juan Chi, uniuse a eles nunha amizade 'máis forte que o metal e máis fragrante que as orquídeas'. A súa dona percibiu que a relación do seu home cos seus dous amigos era diferente dunha amizade ordinaria, e preguntoulle por ela. Shan retrucou: 'É tan só a estes dous cabaleiros a quenes podo considerar os amigos dos meus anos de madurez' (...).
Outro día que viñeron os dous homes, a dona de Shan T'ao persuadiuno para que quedasen a durmir. Logo de preparar o viño e a carne, esa noite fixo un buraco a través da parede para velos, e chegou a aurora antes de que se lembrase de tornar á súa habitación.
Cando Shan lle preguntou 'Qué che pareceron os dous homes?', a dona replicou: 'As túas propias habilidades non son comparables ás súas. É tan só a conta do teu xuízo á hora de avaliar ás persoas o que che capacita para ser amigo deles'.
Shao dixo: 'Eles tamén concordan en que o meu xuízo é superior' ".
Etiquetas:
China,
Colectivo Sacou,
Juan Chi,
Sete Sabios do Bosque de Bambú,
Shih-shuo Hsin-yü
quarta-feira, julho 20, 2016
Marrow, marrow on the wall
Consonante coa miña teoría de que, se algo medra demasiado ben, non pode ser moi gorentoso, a cabaciña é unha verdura da que non son entusiasta: demasiado acuosa e insípida...
Porén, como a xente me fala moi ben dela, e como sempre se dan a fartar, algún uso hai que darlles... Noriko andivo a buscar e topou a receita dun pan doce de cabaciña que está bastante bo; ao parecer, tamén vai ben mesturado con chocolate...
Eu rescatei unha receita que topara tempo atrás de mermelada de cabaciña con xenxibre, e púxenme máns á pota e a cocer...
A cor resultante é dun dourado moi agradábel; o sabor, segundo a receita, gaña en matices e profundidade logo duns meses; agora mesmo, sabe doce e ben, algo alimonada (levou raiadura, zume e algo máis), delicada. Xa veremos no inverno (se dura ata alá)...
Uns días atrás probara outra receita dixital que xuntaba dúas cousas que me gorentan por separado: dun lado, o ruibarbo, pouco comido en Galicia e moi popular en Europa, cunha agradábel acidez que vai moi ben en crumbles, pies e outras larpeiradas inglesas; doutro, os conos do xenebreiro, que lle dan o seu sabor á bebida homónima, outro clásico das illas británicas.
A mermelada está moi boa, xuntando un toque agridoce que me tolea dende rapaz co elemento 'resinoso' do xenebreiro; porén, creo que a cocín de máis, o que a fixo moi espesa e 'acaramelada'.
Etiquetas:
cabaciña,
comida,
doces,
mermeladas,
ruibarbo
sexta-feira, julho 15, 2016
ἐμπάθεια
Leo estes días, nunha historia da Ilustración, encol dos debates que tiñan estes pensadores arredor da natureza humana en xeral e da colaboració e a vida en común destes en particular. Logo de rexeitar a antiga visión aristotélica e tomista (dogma ate a Reforma) que consideraba ao home como un ser 'sociable por natureza' e inscrito no seu interior polo mesmo Deus con certos principios de Lei Natural, é Thomas Hobbes o que formula unha primeira, racional, e polémica explicación, debullada nos seus libros Leviathan e De Cive, e que seguramente coñecedes: os homes son egoístas e violentos por natureza; a súa única lei, a a da autopreservación; isto xera un 'estado de natureza' que é o da 'guerra de todos contra todos', e unha vida "solitaria, pobre, desagradable, brutal e breve". Usando o seu medo, a súa razón e o seu interese propio, os humanos acordan un 'pacto social' no que os individuos renuncian á súa completa soberanía e se subordinan á orde social para acadar os seus fíns.
Tales consideracións non resultaban do agrado dos philosophes, xa que presupoñían unha visión moi escura, 'mecanicista' e materialista da natureza humana, e deixaba sen lugar de ser a outros aspectos da natureza humana aos que os ilustrados lles daban poder fundacional: básicamente estamos a falar das emocións (non só a razón utilitaria), e de entre todas estas, a empatía, a capacidade de poñerse no pelello doutro, e de axir máis alá do círculo inmediato de persoas e intereses.
Pensando na proxección actual destes debates, véñenme á cachola explicacións científicas actuais da empatía, conectadas coas 'células espello' do cerebro, cuxa relativa abundancia estaría detrás do maior ou menor grado de empatía dos individuos (ou da carencial total dela, no caso dos psicópatas). Hai un video moi interesante dun dos youtubers que citaba na entrada anterior, onde se explica un fenómeno que me resultou sorprendente: nos campos de batalla ata moi recentemente (Segunda Guerra Mundial), a inmensa maioría dos soldados NON disparaban adrede aos soldados inimigos agás baixo orde directa ou ameaza percibida de morte; estamos a falar de porcentaxes altísimas (da orde do 70%), algo que dí moito arredor das nosas resistencias mentais a ferir a outras persoas agás que nos vexamos directamente atacados. Porén, para todo o bo hai solución, e o exército americano, con entrenamentos e técnicas inductistas, conseguiu que os seus soldados actuais 'disparen antes de pensar' de xeito case reflexo, o que axuda a que teñan mellor puntería...
Etiquetas:
empatía,
Ilustración,
Ralladas de Fra Vernero
domingo, julho 03, 2016
Tele educativa
Como probablemente supoñades, o certo é que non lle adico moito tempo ao televexo: o único programa que vexo tódolos días é o apartado do tempo na TVG, mentres almorzo; é que malia a presada de canles novas da TDT, non hai ningún que pague a pena -o exemplo máis notoriamente vergoñante, a canle 'Historia' (sic) que se limita a emitir programas de casas de empeños e de ovnis.
O contrario, pola contra, tópase a día de hoxe en Youtube, auténtica porta de entrada para unha posíbel televisión educativa, e que conta con canles moi ben feitas e de enorme interese académico, intelectual e (por qué non) recreativo. Dun tempo a esta parte fíxenme seguidor e audiencia de varias canles, cada unha das cales seguramente mereza unha reseña completa nesta bitácora. Neste introito, limitareime a sinalar brevemente algunhas das miñas favoritas con algunhas verbas breves que as describen:
Khan Academy: xa vos teño falado desta xente; o número de videos sobre as diferentes disciplinas académicas que teñen van medrando día a día.
PBS Spacetime: Unha canle moi amena sobre astrofísica, que sabe conxugar a densidade e o lúdico a partes iguais.
Numberphile: un dos múltiples fillos de Brady Haran, adicado ás matemáticas.
Crash Course: clases temáticas moi ben montadas de historia, literatura, filosofía, política, economía, etc...
Lyndybeige: un excéntrico e entrañábel inglés amante do pasado, das armas e tecnoloxías antigas e dos xogos de rol.
Skallagrim: experto en armas antigas de todo tipo.
Sixty Symbols: canle de Brady adicada á divulgación da Física.
Periodic Videos: outra canle de Brady, co profesor Poliakoff facendo divulgación da Química.
Vi Hart: Matemúsica e doodleadora excepcional
... e hai moitos máis. Se non coñecedes ningún destes, recoméndovos que lle botedes unha ollada ao que vos chamen polos seus contidos, e vos divirtades aprendendo.
Etiquetas:
A Caixa Tonta,
educación,
Khan Academy,
youtube
quinta-feira, junho 30, 2016
Libros do Mes
Estiven moi liado cos exames estes días pasados para poder escribir algo eiquí, anque tiven varias ideas que ei poñer por escrito nos meses do verán. En tanto materializo esas cousiñas, velaiquí a habitual lista de lecturas consumadas e en proceso de conclusión:
Basic Math & Pre-Algebra
for Dummies de Mark Zegarelli [E]
The Crusades Through Arab Eyes de Amin Maalouf [E]
*Midnight’s Children de
Salman Rushdie
*Poetry
and Politics: The Life and Works of Juan Chi de Donald Holzman
*Love and Math de Edward
Frenkel
domingo, junho 05, 2016
Romance de FraVernero
Anque soe a tópico, o certo é que unhas das cousas que máis me sorprendeu o curso pasado, cando impartía docencia de lingua e literatura españolas a grupos de adolescentes, foi a súa absoluta indiferencia e impermeabilidade á beleza dos textos, e iso malia que me esforcei non pouco en buscarlles cousas que puideran resultarlles atractivas. Quizaves a culpa sexa propia, e o meu criterio estético excesivamente alonxado do deles; porén, non podo deixar de facer comparanzas co meu caso propio, á súa idade...
É que anque vos resulte sorprendente, o FraVernero de 15-16 anos, non tiña ningunha simpatía ou interese especial pola literatura. De certo, gustábame moito ler, e xa me ía inclinando cara as humanidades, anque levado ao rego polo bo facer da Historia e da Mitoloxía. Aínda máis: a miña fobia insobornábel pola gramática e a análise sintáctica, que aínda perdura, conpiraban para alonxarme de calquer materia que tivese que ver co traballo das palabras.
Foi naquel brumento curso de 2º de B.U.P. cando comecei a encariñarme coa linguaxe (literaria), e unha parte non menor da miña conversión agóchase nos textos que líamos nas aulas. Lembro con especial cariño os romances, un formato poético moi pegadizo, eufónico o e sinxelo, e unha fotocopia na que aparecían unha presada deles. En menos dun ano estaría lendo un par de libros deles.
Son tres as pezas que lembro en especial desa fotocopia: un era o Romance del Prisionero, un dos poucos poemas que son quen de recitar, aínda hoxe, de memoria; outro era o misterioso e evocador Romance del conde Arnaldos; a terceira, o Amarrado al duro banco de Luis de Góngora e o seu aliterante e derradeiro "al forzado de su fuerza".
O libro de texto tamén contaba cunha presada de anacos e poemas moi ben seleccionados; mais deles falaremos noutra ocasión.
Etiquetas:
educación,
Luís de Góngora,
romances
terça-feira, maio 31, 2016
Libros do Mes
The Elegant Universe de Brian Greene
Mundo cuántico de R.A. Alemañ Berenguer
Las matemáticas de la
naturaleza de Carlo Frabetti
Persiguiendo a Einstein de Antonio e Eduardo Acín
*Midnight’s Children de
Salman Rushdie
*Love and Math de Edward
Frenkel [E]
*Basic Math & Pre-Algebra for
Dummies de Mark Zegarelli [E]
quinta-feira, maio 19, 2016
Reseñas - Mundo Cuántico
Mundo Cuántico. Guía de viaje para peatones
Rafael Andrés Alemañ Berenguer
2015, Batiscafo
* * * (regular/ben)
Unha decente introducción para leigos no mundo da física cuántica.
O libro do que falamos hoxe é a segunda entrega da colección 'Descubrir la ciencia' de divulgación científica ' a cargo de Materia III. O volume en cuestión ten coma fin o de facer accesíbel aos non iniciados a disciplina da física que estuda o moi, moi pequeno, e os seus 'paquetes' mínimos de información, os cuantos. Sinónimo habitual de escuridade, dificultade e conceptos anti-intuitivos, a física cuántica atopa neste pequeno volume unha máis que aceptábel explicación, resumo e difusión.
Ao longo das súas páxinas vaise desnovelando o nacemento desta póla da Física, produto moi peculiar do século XX, xunto coas súas figuras senlleiras e os seus descubrimentos máis destacados: Max Plank, primeiro formulador da teoría; a cuantización da luz e as visións críticas de Einstein; o modelo atómico e o relativismo subxetivista de Niels Bohr; a dualidade onda-corpúsculo de de Broglie; o Principio de Incertidume, de Heisenberg, ou os gatos vivos e mortos de Schrödinger. Tamén conta o libro con explicacións dalgúns experimentos, descubertas, aplicacións prácticas e posibles prediccións neste eido para o futuro.
É de louvar a claridade expositiva e o limitado emprego de fórmulas que fan este breve volume moi accesíbel, xunto coa presenza de imaxes e biografías dos científicos máis ilustres do eido, e a bibliografía final. Quizaves a extensión e a profundidade puideran ter sido maiores (anque o formato e tamaño imaxino que están dictados e estandarizados para toda a colección).
No negativo, o máis salientábel é en moitas ocasións o ton sentencioso e pouco obxectivo que abrolla de xeito repetitivo. As críticas á pseudo-ciencia e aos empregos populares e pouco serios da etiqueta 'cuántica' receben reiterada atención (anque seguramente estexan xustificadas nunha obra divulgativa que pode chegar a un público potencialmente receptivo ou pouco crítico coas supercherías). O autor insiste algo machaconamente nos defectos de divulgacións previas da física cuántica, e nalgunhas ideas que el comparte mais que imaxino non son consensualmente aceptadas por toda a comunidade científica: dous exemplos serían a súa visión realista da ciencia e da física cuántica (fronte ao idealismo relativista que nega a existencia non-perceptual dos seus fenómenos) e a súa minusvalorización da Teoría das Supercordas; á marxe de que un poida estar ou non dacordo coas opinións do autor (anque bastante leigo, tópome concordando co primeiro destes puntos, mais non co segundo), quizaves sería de agardar unha posición un chisco máis equidistante.
O libro é unha lectura recomendábel, anque moitas das súas teses e formulacións xa as topara moi ben explicadas noutros lados (sobretodo na primeira parte do The Elegant Universe de Brian Greene, onde se descrebe con detalle e habelencia narrativa o sonado experimento das dúas rendixas de luz e as súas consecuencias). Se non líchedes ren sobre isto, é unha boa e amena primeira exploración do terreo.
Etiquetas:
Ciencia,
Libros,
Mundo Cuántico,
R.A. Alemañ Berenguer,
reseñas
domingo, maio 08, 2016
Chutney Tasting # 1
Anque non é a primeira ocasión en que probo as mostras enbotelladas da xenerosa producción tomateira do ano pasado, decidinme desta volta, e nun futuro, a ser un chisco máis sistemático, e a ir apuntando ingredientes e resultados destes pequenos esperimentos gastronómicos. Comezamos con esta primeira fornada de Tomato Chutney, fervida dous días despois do Día da Patría do 2015.
Malia pescudas varias, para este receita cinguinme ás indicacións de John Seymour no seu Self-sufficient Gardener, incluíndo cos tomates maduros unha boa porción de mazás, cebola, allo, xenxibre, vinagre, zucre e unha mistura de especias varias, pasas e dátiles que había pola casa. Creo lembrar que fun moi xeneroso cos productos aromáticos: algo máis do que en posteriores ferveduras.
A primeira impresión de textura e cor é bastante positiva: o chutney ten un agradábel ton entre vermello apagado e rubí. A textura é moderadamente consistente.
No padal é moi apreciábel a 'tomaticidade', anque sen acidez, unida a unha certa dozura avinagrada e especiada difícil de concretar. No rebumbio só recoñezo con claridade unhas notas de allo.
En combinación, funciona ben con queixo, anque se o sabor deste non é moi forte, o do chutney pode ser algo abrumador. Pregúntome como iría coa inclusión (no proceso ou despois?) dalgunhas herbas aromáticas (asubiote? ourego?).
quinta-feira, maio 05, 2016
Garden Guests - Shungiku
Se o anterior era un chisco melindroso, o hóspede que vos amoso hoxe é, pola contra, un todoterreo: multiplícase só e abondosamente, e con tanta forza que non se diría que é unha planta anual. Tampouco é que debera sorprenderme tanto, xa que o Glebionis Coronaria é unha asterácea nativa do Mediterráneo; porén, é no estremo oriente onde a empregan como verdura comestíbel baixo o nome de shungiku ('Crisantemo de primavera') e cun sabor moi peculiar, 'floral' e fresco.
sábado, abril 30, 2016
Garden Guests - Myoga
Esta que vos amoso eiquí chámase Myoga (técnicamente, Zingiber Myoga). É un parente xaponés do xenxibre ou da cúrcuma, anque moito menos frialleiro que os seus primos, adaptándose ben aos climas temperados.
Tamén á contra das outras zingiberáceas, o que se aproveita culinariamente dela son as flores (máis ben, os brotes sen abrir das flores). A inquilina esta aínda non tivo oportunidade de amosar algunha; este é o seu segundo ano, e quizaves estaría mellor noutra zona da horta (é máis amiga da sombra que do sol).
Libros do Mes
Europa, génesis de una civilización de Lucien Febvre
Gōdanshō de Marian Ury
(tr.) [E] [Art]
Culinary Herbs and Spices of the World de Ben-Erik van Wyk [E]
*The Elegant Universe de
Brian Greene
segunda-feira, abril 25, 2016
Aesthetic proof
Lendo con atención e todo o discernimento e comprensión do que é capaz unha persoa de letras pisando terreo descoñecido 'The Elegant Universe' de Brian Greene. Nesta defensa e explicación divulgativa da teoría das supercordas para explicar o universo físico, sorpréndeme a forza que os seus defensores lle conceden ás virtudes estéticas da teoría para xustificar a súa veracidade (tamén é certo que teñen moi difícil realizar os experimentos pertinentes para demostrala ou refutala). Non podo menos que sorrir escoitando os laios atronadores dos outros físicos cando esta xentiña parece colar de contrabando pola alfándega científica aquelas verbas de Keats:
| Beauty is truth, truth beauty,—that is all | |
| Ye know on earth, and all ye need to know.' |
Etiquetas:
Brian Greene,
Ciencia,
John Keats,
Supercordas
domingo, abril 03, 2016
O viaxeiro lionés
"Imaxinemos a un veciño de Lyon, Lugdunum, no século IV da nosa era, que viaxa. Onde comeza para el a sensación de estrañamento total? En Roma atópase como na casa; en Gades da Bética, tamén, e o mesmo en Cartago. Se pertence á aristocracia senatorial, é probábel que teña fincas en Grecia ou Asia Menor. Non é ningún intruso nos ambientes cultos de Antioquía ou Alexandría. Mais se cruza o Rhin ou o Danubio, está en terra de bárbaros. Todo é estraño para el.
Imaxinemos agora a un veciño de Lyon a comezos do século IX. Xa non se topa coma na casa, para nada, en Cartago, cuxas ruínas están en poder dos árabes, inimigos da Cruz. Tampouco está como na casa en Gades, que forma parte do califato (sic) de Córdoba. En Atenas, Constantinopla, Nicea, e moito máis perto, Ravena, atópase co Imperio de Oriente, terra de cismáticos que falan grego e teñen usos e costumes moi diferentes dos seus. En Alexandría volve a estar en terra de árabes. Mais se vai a Münster, a Osnabrück, a Bremen xunto ao Weser, a Magdeburgo a carón do Elba, a Wurzburgo xunto ao Main, está como na súa casa, anque non fale a língua popular, a lingua vulgar dos habitantes deste país. Mais fala cos sabios, que parolan no mesmo latín ca el (...). Se entra nunha eirexa pode cumprir cos seus deberes relixiosos con facilidade. En Magdeburgo din a misa igual que en Lyon (...). Non só o credo, os mandamentos morais tamén son os mesmos.
Lucien Fevbre, Europa, xénese dunha civilización
Etiquetas:
Europa,
Historia,
Libros,
Lucien Fevbre
Subscrever:
Mensagens (Atom)










