quinta-feira, outubro 31, 2013

Libros do Mes

Russia’s War de Richard Overy [E

Kojiki de Carlos Rubio e Rumi Tani Moratalla (tr.) 

The Taming of the Shew de William Shakespeare [R

The First Part of the Contention (2 Henry VI) de William Shakespeare [R

Hyper-Narrative Interactive Cinema de Nitzan Ben Shaul [E

*Philosophy and argumentation in third-century China: The Essays of Hsi K’ang de Robert Henricks 

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E

domingo, outubro 27, 2013

Kabuki

Na última visita lóstrego que fixen a Madrid tiven oportunidade de xantar no restaurante xaponés Kabuki da Villa y Corte. O menú foi unha delicia para tódolos sentidos, e hoxe compartireino visualmente eiquí.

Ao xeito nipón, a comida compúxose de varios pratos pequenos, regados cun pequeno xerro de sake. Comezamos cun sashimi de varios peixes (incluído atún vermello!) acompañado de daikon, wasabi e prebe de soia... 


Anque non o vaia a degustar máis, por mor de estar en perigo de extinción, agora sei porqué ten tanta sona o túnido que nos ocupa. Desfaise na boca!
Seguimos a continuación cun sushi de peixe e gambas, con algo de xenxibre para limpar o padal.


O seguinte prato, máis adaptado ao gusto occidental, conformábao unha tempura de langostinos e verduras variadas:


Ao que lle sucedeu unha das miñas larpeiradas favoritas: un peixe estilo anguía feito á grella cun prebe agridoce, cama de arroz e pickles de acompañamento!


O postre consistiu nunha escuma de Yuzu, o rei de tódolos cítricos e o máis aromático do mundo (agardo nun futuro non moi lonxano ter uns cantos plantados na horta):


E para rematar, todo ben regado cun té xaponés (ocha; unha mágoa que non tivesen koicha)...


sexta-feira, outubro 18, 2013

Professional Rant

Almorzo estes días coa nova de que para os futuros concursos de traslados, ao docentes e funcionarios de carreira que traballaron previamente para a administración coma interinos-substitutos vanlle ter en conta e sumar puntos polos tales servizos, algo que ata o de agora non se tiña en conta. É unha nova que non deixa de incomodarme, e non só porque me perxudique (o cal xa sería argumento dabondo), senón porque non acabo de vela de todo xusta.

Vaia por diante que a miña visión sobre os méritos e o acceso á docencia mudou un chisco dende aqueles días nos que un era un sufrido opositor libre e indignado polas formas dos concursos-oposición da disposición transitoria da LOE, deseñados expresamente co gallo de reducir a eventualidade no personal da Xunta. É que logo de tres anos e un chisco de traballo, dinme conta de que, en efecto, a experiencia é un grado importante neste oficio e que merece que se teña en conta. Persoalmente, o segundo ano de traballo vinme mellor profesor que no primeiro, o terceiro mellor que no segundo, e así sucesivamente.

Porén, as virtudes da experiencia non son tantas como para que absolutamente todo o demais se subordine a elas, e iso non só no concurso-oposición, senón tamén nos traslados. Do mesmo xeito que no exército decimonónico español, tamén no funcionariado actual todo é crónico e obedece a turnos de rigurosa antigüidade. Por poñer un exemplo: nos concursos de traslados para optar a un destino definitivo, cando se vai aos baremos de méritos, pódese constatar que a totalidade de méritos académicos que un pode presentar (carreiras a maiores, másters, doutorados, outras linguas, etc...) puntúa ata un máximo de 10 puntos. É exactamente o mesmo número de puntos que acumula nun só ano de traballo un funcionario con destino definitivo nun centro. Aínda así, a situación é moito mellor que na do concurso para a adxudicación de destinos provisionais para o curso seguinte (no que participas cando non che deron destino no concurso denantes citado), xa que neste só se ten en conta para as listas o ano en que sacaches a praza e a túa orde nese ano (facendo a media de nota do concurso e da oposición).

Por suposto, a situación tampouco mellora noutros eidos posteriores. Unha vez co destino definitivo e contente nel, un topa que os ascensos salariais son moi limitados e cinguidos exclusivamente á antigüidade no corpo, xa sexa antigüidade pura e dura (os trienios), ou a completada coa realización duns cursiños e actividades de formación (sexenios). Isto pode levar doadamente a que, por exemplo, unha vez que tes realizadas tódalas horas de formación necesarias para o actual periodo de seis anos (eu xa levo máis de 150, cando só son necesarias 100), carezas de motivo racional algún para te seguir a formar (ata dentro de seis anos). Do mesmo xeito, a retribución salarial tan ríxida e atada ao mero transcorrer do tempo tende a favorecer a lei do mínimo esforzo: porqué, agás polo propio amor e interese no traballo propio (motivo non trivial, por certo, nunha profesión que ten tantos elementos vocacionais), para qué esforzarse máis por mellorar a práctica, por adquirir novas competencias, por aprender cousas novas? Para onde fican, despois da adquisición da praza, os criterios de mérito e esforzo que tanto lles predicamos e esiximos aos nosos discentes (mais uns criterios que no caso destes, alomenos, conlevan un marco inmediato de recompensa/castigo, co aprobado/suspenso).

Todo o cal nos remite de novo ao tema do principio. O recoñecemento dos servizos prestados polos ex-interinos e xa funcionarios pode ser de rigor, mais súmase unha vez máis á inercia de recompensar sempre e simplemente a mera ocupación da cadeira, e á abulia das recompensas (que non terían porqué ser só materiais, senón tamén simbólicas) do estudo, do esforzo, da formación e da praxe. E seguramente poderíamos ir camiñando cara isto con pequenas pero significativas reformas inmediatas (entre elas, eliminando os límites na valoración da formación, ou con programas específicos e opcionais de mellora educativa e de obxectivos (realistas) unidos á posibilidade de melloras laborais e/ou salariais.

domingo, outubro 13, 2013

Taming the Tamers

Relendo The Taming of the Shrew, constato que en efecto, non é das mellores obras de Shakespeare, malia que presente os habituais e altamente creativos usos de linguaxe que fan famoso ao cisne de Avon, e algúns outros elementos redentores; constato tamén que é unha obra moi difícilmente dixeríble para a sensibilidade actual, polo seu discurso misóxino indisimulable (na liña co antisemitismo xocoso de The Merchant of Venice ou co desprezo á chusma e á democracia de Coriolanus). Porén, resúltanme moitísimo máis insoportables os intentos por parte de certa crítica dogmático-sectaria por branquexar os textos. É tan difícil aceptar que as obras e autores xeniais doutros tempos e lugares poidan ofender e opoñerse á nosa ética, moral e ideoloxía, e aínda así poder respectar e aprezar os tales libros e escritores, malia tales diverxencias?. 

Falando de textos 'clásicos' e da súa inevitable acumulación de capital cultural, é de agardar unha feroz loita polos significados e as interpretacións (ou a prédica directa á eliminación directa dos cánones). Reactualizar un texto (e polo tanto, convertelo realmente nun clásico para cada xeración que se enfronta a el) sen dúbida require a súa reapropriación e relectura en relación aos nosos intereses, inquedanzas e xeitos de ver o mundo, mais non me parece moito pedir esixirlle aos lectores contemporáneos o mínimo esforzo de honestidade intelectual que require, alomenos nunha primeira lectura, tentar aprezar obra e autor estrictamente baixo as coordenadas intelectuais, estéticas e ideolóxicas do seu presente e do seu mundo, e aceptar a tal lectura como relevante e valiosa; só despois se podería proceder, coa conciencia tranquila, aos equilibrismos, arquitecturas (re)interpretativas e reconstruccións persoais que se desexen...

Para domear aos domeadores desta obra, nada mellor que unhas verbas finais de Jonathan Miller, director dunha das adaptacións televisivas desta peza: "Penso que é unha cousa irresponsable e parva converter á obra nun panfleto feminista: empregala coma un xeito de demostrar que as mulleres teñen sido humilladas e sometidas polo chovinismo machista. Hai outro xeito máis complexo de lela, consistente en vela como unha visión particular e da época sobre como debera organizarse a sociedade para restaurar a orde a un mundo caído. Agora, a día de hoxe, xa non cremos que sexamos herdeiros do pecado de Adán, ou que a orde só se poida manter a base de cederlle o poder a maxistrados e soberanos, a pais e maridos. Mais o feito de que algunha vez se pensou así é innegable, e as produccións que tentan agochar isto e que tentan sabotear a obra para facer que se enfronte a problemas modernos sobre a posición actual das mulleres na sociedade tórnanse aburridas, simplonas e sectarias".

segunda-feira, setembro 30, 2013

Libros do Mes

The Golden Peaches of Samarkand, de Edward H. Schafer

Enciclopedia de las frutas del mundo de Susanna Lyle [E]

A New Account of the Tales of the World de Liu I-ching / Richard B. Mather (tr.)

*Russia’s War de Richard Overy  [E]

*Kojiki de Carlos Rubio e Rumi Tani Moratalla (tr.)

domingo, setembro 29, 2013

A Fig!

Malia ser un froito estupendo, o certo é que o figo ten moi mala sona, e tívose por cousa de tan pouco valor que deu lugar a senllas exprensións resaltando indeferenza e desprezo nas tradicións do teatro isabelino e do Século de Ouro.

Porén, o froito da figueira (Ficus carica) está entre os meus doces favoritos, por riba incluso de mangos e cherimoias. Resulta difícil describir as súas virtudes cando a froita está perfectamente madura e en boas condicións: presenta unha dozura óptima, nada aceda mais tampouco dozaina. A textura é mol, sen resistencias de cáscaras, ou sementes, ou dunha pel perfectamente comestíbel; o sabor é difícil de describir, mais evoca o dun mel moi diluído, fresco, floral e gorentoso.

A única pexa que se lle pode facer a esta cousa marabillosa ven sendo que, coma moitos outros produtos da natureza (pensemos nas oliveiras, no trigo, nas vides, nos cítricos e nas amendoeiras), está realmente adaptado ao clima mediterráneo, de veráns secos e cálidos, algo que por regra xeral non é o noso caso galego, unha especie de clima oceánico moi suave, con acentos mediterráneos mais xenerosamente chuvioso en tódalas épocas. Por iso, o figo soe darse mal por estes lares, e anque a planta medra vizosa, os froitos son con frecuencia insípidos. Mais neste verán de tempo solleiro, a figueira do noso Areal disfrutou arreo, e dou abondosa colleita de figos docísimos que comín a fartar, e dos que algúns se gardan con almibre en xerros de cristal. Pensando neles, aínda me relambo...

O cariño e agradecemento á planta hanme levar a porvos algunha foto dela e a tentar sacarlle algún fillo para o caso -que ogallá nunca chegue- de que algo malo lle aconteza á árbore. Xa vos irei informando, ao tempo que parolamos, quizaves, das diferentes figueiras da(s) horta(s) das que teño memoria.
   

segunda-feira, setembro 23, 2013

Reseñas - O Clan dos Lupercos

Esta que vos presento hoxe non é unha reseña ao uso, xa que non vai dun libro que lera recentemente, senón dun que traducín par Urco Editora o ano pasado: The House of the Wolfings, de William Morris. A reseña apareceu xa vai tempo no suplemento cultural do ABC, mais como non dou topado a ligazón, aquí vola poño, na procura de que esperte o voso interese (non, non pensedes que vou a comisión nas vendas, eh?).



A ESPADA CONTRA O GLADIO

ÉPICOS COMBATES DUN POBO ANTIGO POLA SÚA LIBERDADE

O Clan dos Lupercos
William Morris
Urco Editora, 2012

Nunha brumento e lonxana paisaxe, un pobo nobre e primitivo que vive en harmonía coa natureza vesa na obriga de enfrontarse a un invasor cruel, tecnológicamente avanzado e ben organizado; non estamos a falar do Avatar de David Cameron, malia que as semellanzas visíbeis e profundas son dabondas para arricarnos un sorriso de recoñecemento; a obra en cuestión é unha novela histórica ou de fantasía con máis dun centenario ás súas costas: The House of the Wolfings, de William Morris.
Publicada en 1889, no ‘Clan dos Lupercos’ Morris (ben coñecido pola súa faceta artística coma un dos máis destacados expoñentes da Irmandade Prerrafaelita mais tamén diseñador textil, novelista de éxito na ciencia ficción e na fantasía historizante e socialista libertario practicante) recrea nun fresco a vida idealizada das antigas tribos xermánicas que, nos primeiros séculos da nosa era, resistían con éxito os embates do poder romano, provocando entre outras a famosa derrota das tropas imperiais no bosque de Teutoburgo, na que foron aniquiladas tres lexións romanas e o seu comandante, Publio Quinctilio Varo (disque Augusto, cando soubo da noticia, perdeu o siso durante uns días, e vagaba polas estancias imperiais batendo a testa contra as paredes e berrando ‘Varo! Varo! Devólveme as miñas lexións!’). Despois da clades Variana, os romanos aceptarían fixar o seu avance norteño nas beiras do río Rhin, eles mesmos fabricando unha literatura que exaltaba a nobreza guerreira e a valentía dos xermanos e godos e os contrastaba, idealizados, cos ‘decadentes latinos’ (véxase a Germania de Tácito). 
Noutro tempo e lugar, a idealización de Morris obedece a outras circumstancias: a Inglaterra de finais do século XIX é a grande potencia imperial, herdeira da mesma Roma, e a patria da revolución industrial e do avance capitalista, daquelas Coketown retratadas por Dickens coma urbes aburridas inzadas dunha arquitectura de tixolos tinxidos de fume, dunha clase obreira miserenta e dunha burguesía hipócrita e moralista: eis a sociedade Victoriana no seu apoxeo, e os seus críticos e intelectuais non deixan de revolverse contra ela, soñando paraísos arcádicos e harmónicos, xa fose no futuro utópico que se agardaba ou no pasado idealizado polo que se suspiraba. Ámbalas dúas vertentes explorou Morris: a utópico-futurista en News from Nowhere, por exemplo, mais a arcaizante en todo o movemento artístico no que militou; amante feroz do pasado e das tradicións artesanais medievais, tamén tiña espazo no seu corazón para aqueles remotos antergos dos Anglo-saxóns que, antes de cruzar o Mar da Mancha e colonizar a antiga Britania Céltica, xa pasaran tempo nas terras do norde de Europa e crearan unha cultura de seu.
O ‘Clan dos Lupercos’ exalta este mundo primixenio e as súas costumes, e leva a exaltación ao eido da linguaxe; pois no seu orixinal, a obra está inzada de arcaísmos, de expresións e de imaxes que nos levan atrás á literatura do inglés antigo: unha das poucas escritas en vernáculo a comezos da Idade Media, e con todo tipo de textos: crónicas históricas, adiviñas, poemas épicos, coma o Beowulf, ou relixiosos, como The Dream of the Rood. Especialmente vistoso alén do léxico xermánico son os kennings, unha especie de epítetos épicos nos que o mar se converte na ‘estrada da balea’, o sangue no ‘suor do guerreiro’ ou a espada no ‘arado dos homes’.
Voltando á trama da novela, os seus protagonistas son os Godos das tres Marcas (Superior, Media e Inferior) que, agrupados en clans, viven harmoniosamente ás beiras dun Grande Río. A chegada dos invasores forasteiros (alcumados primeiro coma ‘Galeses’, pois nun comezo os Godos non os distinguen dos Celtas) mobiliza ás tribos todas do pobo, cada unha co seu nome e a súa referencia totémica, e das que a máis importante é o clan dos Lupercos e o seu caudillo, o ‘Duque Guerreiro’ Thiodolf.
Ao longo dun centenar longo de páxinas iremos vendo as formas de vida, traballo e ocio dos xermanos, as súas asambleas guerreiras e as súas sacerdotisas e videntes (destacando o Sol do Bosque, da estirpe dos deuses, e o Sol da Sala, gardián da lámpada epónima que ilumina o Teito e a Grande Sala (o hall) tan importante na vida comunitaria dos antigos xermanos, os seus guerreiros e líderes e, sobretodo, unha manchea de épicos combates descritos en detalle e que nos fan imaxinar esceas semellantes do mellor cine de acción (Gladiator, The Lord of the Rings). 
A conexión co ‘Señor dos Aneis’ non é, porén, accidental, xa que o ‘Clan dos Lupercos’ é quizaves unha das primeiras obras modernas en que un escritor tentou xunguir un mundo imaxinario con elementos sobrenaturais, anticipando a posterior vaga de literatura fantástica. Cousas que Tolkien, en declaración propia, colleu emprestadas desta novela son os nomes de raíz Anglo-saxona (coma Mirkwood, o Bosque Negro), nomes xermánicos de persoa (Thiodolf), os ananos coma expertos forxadores (cunha máxica cota de malla dos ananos facendo acto de presenza), etc...
Outra característica salientábel é a presenza da poesía: a novela descríbese coma un ‘romance en prosa e en verso’ e moito do diálogo adiántase a través de poemas que recitan os protagonistas, fillos dunha sociedade da cultura oral e cun forte compoñente bárdico. A linguaxe destes versos, escura e profética, axuda a adiantar episodios e accións, mais deixando abertas varias posibilidades no desenrolo da trama e axudando a crear emoción e expetación.

O ‘Clan dos Lupercos’ fará as delicias daqueles que gorenten de percorrer batallas épicas e mundos salvaxes, fermosos e perdidos nos recunchos da súa imaxinación. De pertencerdes a esta tribo de soñadores, preparade entón o maxín para grandes combates, espadas con alcumes, formacións en cuña e combates corpo a corpo con espadas, machados e escudos cantando a música do combate. E que Tyr e Odín recollan as valerosos finados, mentres os vivos festexan co corno de hidromel na Sala do clan e baixo a atenta mirada de lobos, deuses e lectores.  
   

domingo, setembro 15, 2013

Pedra de mel

Unha das formas nas que o zucre se preparaba para o consumo diario era a través de pequenos bloques ou paneis que pasaban baixo o nome de 'mel de pedra'. Estes facíanse en Tongking en data tan temperá coma o século terceiro a partir do zucre que se obtiña de secar o zume de cana ao sol. De cando en cando, dábanselle formas de homes pequenos, tigres, elefantes e cousas semellantes. Os 'leóns de zucre' da dinastía Han Oriental son un exemplo destas figuriñas doces, mais non é seguro que o zucre que contiñan viñese da cana sureña. Na dinastía T'ang, este 'mel de pedra' elaborábase en varias vilas; os paneis de zucre destinados á mesa imperial viñan de Lu-chou, no sureste de Shansi, que os enviaba en dirección ao norde xunto con ginseng, liño e tinta; viñan tamén de Yüeh-chou, no norte de Chekiang, xunto con cinabrio, porcelana e telas adamascadas, e de Yung-chou, no sur de Hunan, xunto coa planta rubidoira kudzu, barras de frecha e fósiles interesantes.


Edward H. Schafer, The Golden Peaches of Samarkand


sábado, agosto 31, 2013

Libros do Mes

The Grand Scribe’s Records, vol. 5.1 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

The Five Confucian Classics de Michael Nylan [E]

Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R]

Confucius de Meher McArthur [E]

The History of the Former Han Dynasty de Pan Ku / Homer H. Dubs (tr.) [E] (1)

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E]

*Enciclopedia de las frutas del mundo de Susanna Lyle [E]

*A New Account of the Tales of the World de Liu I-ching / Richard B. Mather (tr.)


(1) Só os 12 anais básicos (pen-chi) e a memoria de Wang Mang, que se poden topar on-line eiquí.

segunda-feira, agosto 26, 2013

Tarta de pexego

















A última do verán, sospeito, e un xeito goloso de despedirse dos días de ocio estival...

sexta-feira, agosto 23, 2013

By the rivers of Babylon

Cando facía bo tempo, aqueles que cruzaran o río Yangtzé (1) reuníanse sempre en Hsin-t'ing (un arrabaldo ao sur da capital, Chien-k'ang) para beber e festexar sobre a herba. Nunha ocasión Chou I, que estaba entre os asistentes, laiouse e dixo: "A escea non é diferente á dos vellos días no norte; porén, hai diferenzas entre estas montañas e ríos e aquelas".

Tódolos presentes fitaron os uns para os outros e choraron. Tan só o chanceler, Wang Tao, foi quen de, fitando gravemente, comentar con profunda emoción: "Deberamos todos xuntar as nosas forzas arredor da casa real e recuperar as provincias sagradas. Con qué finalidade sentamos eiquí, fitando os uns para os outros, coma se fosemos 'prisioneiros de Chu'?".


Liu I-ch'ing, Novo relato dos contos do mundo

(1) entre os anos 311-16, pobos bárbaros invadiron e conquistaron o norte de China e o val do río Amarelo, obrigando á corte e o goberno a fuxir ao sur, asentándose no val do Yangtzé.

segunda-feira, agosto 05, 2013

Reseñas - Early Medieval Chinese Poetry

Early Medieval Chinese Poetry: The Life and Verse of Wang Ts'an (A.D. 177-217)

Ronald C. Miao

1982, Franz Steiner Verlag GMBH Wiesbaden

* * * * (bo)

Excelente estudo e tradución dun interesante poeta chinés e do contexto histórico-cultural-literario no que xurde.

 Un dos formatos de libro que máis me gorentan cando se trata de poetas estranxeiros é o da monografía con tradución; o tal formato permite familiarizase cos textos dun autor ao tempo que abrir unha pequena claraboia a outros aspectos contextuais que enriquecen a lectura dos versos traducidos; unha claraboia que se fará tanto máis necesaria canto máis distante no tempo, no espazo e nos aspectos lingüísticos sexa o escritor do que nos ocupamos e a língua na que escribe. Persoalmente, sempre considero que en todo proceso de tradución poética dunha a outra língua, a perda é do 50 ao 100%; notas, contextos e habelencias artísticas do tradutor axudan algo a apuntar para a parte baixa deste ranqueiro.  

Centrándonos no volume que nos ocupa, estamos ante unha adaptación reducida da tese doutoral de Ronald C. Miao arredor dun dos máis importantes poetas chineses anteriores á dinastía T'ang. Wang Ts'an é, xunto co príncipe Ts'ao Shih, a figura máis sobranceira da era de Chien-an. O periodo de Chien-an, que vai dos anos 196 ao 220 da nosa era asiste a unha cadea de mudanzas profundas que alterarán de xeito permanente o mundo chinés: nel é derrocado o derradeiro Emperador da dinastía Han, poñendo fin aos perto de 400 anos de historia unificada do país, e abrindo as portas a un periodo confuso de fragmentación e de guerras que tardaría máis de 350 anos en fechar, cunha nova unificación e o correspondente esplendor político e cultural da dinastía T'ang. Á creba da unidade política (cunha China conformada en tres reinos equilibrados e hostís: Wei, Shu e Chu) séguelle unha bancarrota intelectual e moral: os intelectuais plantéxanse a invalidez das vellas fórmulas de cultura e de goberno, e sobretodo do escolástico 'Confucianismo Sintético' da dinastía Han, anque polo lado positivo, isto lévalles a experimentar con novas ideas, formas de goberno, xéneros literarios e relixións.

No terreo literario, estas novidades van da man da aparición, por primeira vez, dunha poesía individualizada, 'de autor', na que se reflexan as inquedanzas e experiencias persoais do poeta concreto. Abandónanse ou desprázanse antigos xéneros poéticos consolidados (o verso tetrasilábico do Libro das Odas, ou o solemne, xamánico e tristeiro das Elexías do Sur) e escríbese no novo metro pentasilábico, destinado a converterse no máis fértil da poesía chinesa. A temática dos poetas de Chien-an é bastante ousada e directa, incluíndo guerras e matanzas en descripción explícita, a fugacidade da vida e os seus praceres e a separación dos amigos e das parellas, e abusa moi pouco ou nada do formalismo requintado ou do emprego de paralelismos, xogos fónicos e alusións pendantes ás que tan acostumados nos ten a maioría da poesía chinesa clásica..

Ronald Miao infórmanos de todo isto, e algo máis, nos dous primeiros capítulos do seu libro. O primeiro serve de introdución á posición de Wang Ts'an no canon literario chinés, e o segundo fai un percorrido polo periplo vital de Wang Ts'an, en fuga dos saqueos das capitais e ao servizo do caudillo militar máis exitoso do momento (e un non mal poeta, tamén): T'sao T'sao, que reunirá ao seu redor a un grupo de artistas e intelectuais que conforman os 'Sete Sabios do Periodo Chien-an'. Wang T'san é un deles.

O máis interesante do libro ven, porén, nas dúas seccións seguintes, que despregan un comentario e close reading da maioría do corpus poético de Wang Ts'an, dividido entre os seus poemas líricos (shih) e prosimétricos (fu). A análise vai debullando algunhas das características especiais do autor (por exemplo, a interrelación temática nos seus poemas destes dous xéneros, algo que non acontecera ata entón; a absorción productiva de influencias da poesía popular, ou o seu clasicismo, bastante superior ao dos seus contemporáneos) alén de agasallarnos boas traducións dos seus poemas máis sonados., dos que podemos destacar os tres dos 'Sete Laios' (七哀诗), onde contemplamos en escalafriante detalle o saqueo da capital imperial, ás nais que abandonan aos seus fillos polas congostras e os laios do poeta no desterro, en terra estraña.

O libro é unha lectura moi recomendable, mais non deixarei de mencionar dous dos seus defectos: o maior ten que ver con algo que xa vos mencionei, é que esta obra é unha 'reducción' da tese doutoral a un formato 'aceptable' para unha editorial; como tal, foi feita con moi pouco coidado, estando inzada nos comentarios de repeticións, incongruencias e discontinuidades, con explicacións ou comentarios que fican a medio camiño ou que se volven a repetir sen necesidade. Do mesmo xeito, a 'maquetación' é bastante pobre; a tipografía é de máquina de escribir, e os caracteres chineses están escritos 'a man' sobre as planchas de impresión e ocos deixados ao efecto. Todo isto contribúe a darlle un aspecto moi pouco seductor , máis de 'tese fotocopiada dos 80' que de libro moderno propiamente dito. Por último, o libro non inclúe tódolos poemas de Wang Ts'an, o cal é unha mágoa, e pouco maior número de páxinas tería ocupado das que xa conta o volume.

sexta-feira, agosto 02, 2013

Libros do Mes (con retraso)

Si, xa sei que isto chega cun retraso de 3 días, mais é que tiven o computador a arranxar... 

En breve conto tamén con metermos alomenos unha parella de entradas. 

Chinese Lyricism de Burton Watson 

Sir Gawain and the Green Knight de Marie Borroff (ed.) 

The Japanese Way of Tea de Sen Sōshitsu XV [E

*The Five Confucian Classics de Michael Nylan [E

*The Grand Scribe’s Records, vol. 5.1 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.) 

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E
 

terça-feira, julho 23, 2013

Sir Gawain

Van alá oito anos, cando inauguraba a miña primeira e efímera bitácora, xa adicaba a primeira entrada, amais de a dar a benvida á Corte de Camelot, a homenaxear unha das xoias da literatura inglesa medieval: o poema Sir Gawain and the Green Knight. Como estes días ando a reler a obra (desta volta, no texto orixinal, un dialecto ben atravesado do Inglés Medio que fai á língua de Chaucer parecer un xogo de nenos), aproveito para inserirvos un anaco e outra imaxe das ilustracións, toscas pero engaiolantes no seu primitivismo, do manuscrito (o Cotton Nero A.x).

  
then þay schewed hym þe schelde þat was of schyr goulez 
wyth þe pentangel depaynt of pure golde hwez
he braydez hit by þe bauderyk aboute þe hals kestes
þat bisemed þe segge semlyly fayre
and quy þe pentangel apendez to þat prynce noble
I am in tent yow to telle þof tary hyt me schulde
hit is a syngne þat salamon set sumquyle
in bytoknyng of trawþe bi tytle þat hit habbez
for hit is a figure þat haldez fyue poyntez
and vche lyne vmbelappez and loukez in oþer
and ayquere hit is emdelez and englych hit callen
oueral as I here þe endeles knot
forþy hit acordez to þis kny3t and to his cler armez
for ay faythful in fyue and sere fyue syþez
gawan watz for gode knawen and as golde pured
voyded of vche vylany wyth verertuez ennourned
in mote

forþy þe pentangel nwe
he ber in schelde and cote
as tulk of tale most trwe
and gentylest kny3t of lote

(P.S.: E desta vez entendo o texto! Yuhuuuuu!)

quarta-feira, julho 17, 2013

No niño do Fénix

Un dos espazos que máis me gorentou da miña visita á Villa y Corte e que atopei case por casualidade, agachada perto das Cortes e da Carrera de San Jerónimo, foi a casa de Félix Lope de Vega Carpio, 'Fénix de los ingenios' e 'Monstruo de la naturaleza'.

A súa vivenda, conservada de xeito admirábel e amoblada nunha coidadosa restauración histórica, é un museo gratuito que conta, amais con visitas guiadas. Mentres agardabamos pola nosa conductora, podíamos disfrutar do pequeno xardín de modestas dimensións ("mi güertecillo") que o seu dono loubou en varios versos e cartas, e no que se plantaron as mesmas especies e árbores que menciona neses textos. Tamén puidemos aprezar a placa-busto que encasquetou na entrada, fai século e medio, a Real Academia Española.


Non é que tirara moitas fotos, e se vos interesa un percorrido máis detallado, podédelo seguir eiquí; mais algunhas imaxes si que teño para vós; a seguinte, por exemplo, é a do comedor, con boas vistas e cerámica de época...
 

Esta sala da paso, dun lado, á cociña (anque a guía explicounos amablemente que a verdadeira cociña anterga da casa estaría no piso de abaixo), e doutro a salas de visitas e o dormitorio lopesco. A xoia da visita non é, nembargantes, a súa espartana alcoba, senón o estudio, onde recibía ás visitas e onde debeu escribir algunhas das moitísimas obras que saíron da súa pruma. No lado esquerdo temos algunhas pinturas, incluída a máis famosa do artista, un escritorio e vellos incunables...


No lado oposto hai máis libros aínda e un cómodo braseiro, arredor do cal parolar e facer tertulia nas frías xornadas matritenses (iso sí: imaxino que nen Cervantes nen Góngora estarían convidados...).


Tamén me chamaron poderosamente a atención as portas, igualiñas que as que saen nas Meninas, e que evocan aquel Alcázar dos Austrias tristemente desaparecido, no canto do cal temos hoxe esa horríbel tarta de nata neoclásica e dezaoitesca do Palacio Real. Cada vez que cruzabamos por unha delas, agardaba toparme con Velázquez e verme dentro do cadro, con lexións de turistas, no canto das súas maxestades católicas, a fitar para nós...



segunda-feira, julho 08, 2013

Reseñas - El libro del Tao

El libro del Tao

Lao Zu / Juan Ignacio Preciado (tr.)

1983, Alfaguara

* * (regular)

Traducción decente anque de notas curiosas dun texto clásico aburrido (para min) e dun hermetismo vacuo.

Antes de comezar a reseña, sería oportuno aclarar que dentro do que é a triple tradición relixiosa e cultural da China clásica, caracterizada por tres correntes (Confucianismo, Budismo, Taoísmo) o Tao é a que me resulta máis antipática e carente de interese, algo que sen dúbida inflúe na miña apreciación negativa deste texto en cuestión á marxe da labor traductora. O pensamento de Confucio e o do Tao configuran dous eixos opostos anque conectados, cunha serie de dicotomías como as que paso a expoñer e que, no 90% dos casos, me sitúan no bando confuciano, a saber:

Confucianismo                                                                        

Comunitario e familiar
Racional
Primacía da ética e do social
'Sabios', homes virtuosos, antepasados
Valora o estudo e aprendizaxe
Cultura e cultivo do eu. Servizo ao estado como ideal
Xerarquía e orde. Meritocracia
Linguaxe transmite a realidade
Idealización do pasado
Carencia case total de sacerdocio
Ritual


Taoísmo

Individualista
Místico, Máxico
Primacía da harmonía co cosmos e do natural
Inmortais. Non corrompidos pola cultura (nenos). Panteón extenso de divinidades
Valora a intuición, rexeita o saber libresco
Iluminación, prácticas para adquirir lonxevidade (alquimia) e trascendencia
Liberdade e anarquía
Linguaxe como falsa, contradictoria, paradóxica
Idealización da natureza
Monxes e practicantes (laicos, cultos e a nivel popular)
Atitude espontánea

O Tao te ching ('Libro do Camiño e do Seu Poder') é un dos clásicos fundacionais da escola taoísta, anque con menor antigüidade da que se gaban os seus seguidores. e a obra máis traducida das letras chinesas. Ao longo dos seus 5000 caracteres, 2 seccións ('Libro do Camiño' e Libro do seu poder') e 81 breves capítulos, vai ceibando unha serie de lacónicas reflexións arredor dunha forza primordial que controla o universo: o Tao, e definida pola súa inefabilidade (non se pode explicar o que é con palabras), pasividade, baleiro, anti-dualismo e circularidade (eterno retorno). Escrito nun chinés clásico sumamente compacto e inzado de alusións, paradoxos e ambigüidades (algunhas delas non intencionadas, e froito da azarosa historia textual da obra), o Tao te ching ten feito as delicias de centos de traductores e lectores místicos amantes desa ambigüidade evocativa e das moi variadas interpretacións ás que da lugar (case unha por lector e traductor).

Para que vos fagades unha idea máis concreta dos contidos e do estilo, imos a insertar un dos capítulos, en tradución miña desde unha versión inglesa do texto:

"Cando algúns ven algunhas cousas coma fermosas
 outras cousas tórnanse feas.
Cando algúns ven algunhas cousas coma boas
outras cousas tórnanse malas.
Ser e non ser créanse o un ao outro.
O difícil e o sinxelo apóianse o un ao outro.
O longo e o curto defínense o un ao outro.
Alto e baixo dependen o un do outro.
Diante e atrás seguen o un ao otro.
Porén, o Mestre
actúa sen facer nada
e ensina sen dicir nada.
As cousas aparecen, e déixaas vir;
as cousas desaparecen, e déixaas ir.
Ten, pero non posúe,
actúa, pero non agarda.
O traballo feito, esquéceo.
É por iso que perdura eternamente".

Pasando ao que é esta traducción concreta do Libro do Tao, hai que dicir que se trata dunha edición coidada (premio Fray Luís de León de traducción en 1979), bilíngüe, de tapas duras, cunha boa introducción e baseando o seu texto nos (no seu momento de edición) recentes descubrimentos de edicións máis antigas do texto nas tumbas de Mawangdui (e que levaron a alterar a orde das dúas grandes seccións do libro). A única eiva que se lle pode presentar está nas notas: o traductor baséase para estas nos estudos chineses daquela época, uns estudos que estaban distorsionados por un maoísmo tosco e dogmático que insistía en ler o pasado chinés a través das categorías escolásticas do materialismo histórico, inventándose unha 'época esclavista' na dinastía Chou e lendo o pensamento confuciano como 'reflexo directo da ideoloxía escravista dos vellos terratenentes' e o taoísmo coma 'a ideoloxía dos novos propietarios capitalistas e/ou dos labregos que proviñan da comuna colectiva orixinaria'). As notas envelleceron moito, moito moito. Agardo que novas edicións desta traducción, se vos facedes con ela, puliran e limasen bastante nese eido.

Para rematar, só cumpre subliñar que o Tao Te Ching é, porén, un texto moi necesario de ler para todos aqueles interesados na literatura clásica chinesa, obxecto de múltiples citas e intertextualidades sobre todo naqueles autores (Li Po, Juan Chi) ou periodos (as 3 dinastías) en que o pensamento Taoísta máis influxo exerceu entre os escritores. Un texto máis seductor e literario para ver estes influxos e para disfrutar lendo seguramente sexa o Chuang Tzu (Libro do mestre Chuang), creo que tamén verquido ao castelán por Iñaki Preciado Idoeta.

segunda-feira, julho 01, 2013

Treasure chest

















Este tesouro que me chegou hoxe nun case cofre de cartón non llo debo a Long John Silver ou ao Capitán Kidd, senón ao servizo de correos e a un libreiro de vello, unha persoa de confianza que vende volumes interesantes de segunda man na anterga Eboracum...

domingo, junho 30, 2013

Libros do Mes

Si, xa sei que vos teño abandonados dende fai case un mes, mais pensade que estiven cos exames e con moi escaso tempo libre (como tamén se pode constatar nas escasas lecturas que culminei nestes últimos 30 días).

En breve vos compensarei cun par de reseñas e algo máis, quizaves algunha foto ou comentario dunha visita-lóstrego que vou facer á Villa y Corte entre o martes e o xoves por motivos burocrático-turísticos.

Ata entón, tede algo de paciencia e afiade os dentes da curiosidade na modesta pedra de amolar dos volumes engulidos no recente tempo pasado...

Bajo el palio del gran rey de Javier Arce [R]

Early Medieval Chinese Poetry: The Life and Verse of Wang T’san de Ronald C. Miao

*Chinese Lyricism de Burton Watson

*The Japanese Way of Tea de Sen Sōshitsu XV [E]

*Chámome Vermello de Orhan Pamuk [R]

*The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics de Alex Preminger e T.V.F. Brogan (eds.) [E