Como xa vos contaba, en abril do 2007 soltaba unha peza de oratoria para o acto de licenciatura de inglés, sen que se me pasase pola cabeza naqueles días que ía rematar de profesor da lingua de Shakespeare nas EOIs (institucións cuxa existencia ignoraba completamente) logo doutra peza de oratoria unhas xornadas atrás. Encarreirando a recta final dos estudos, o que máis me chama a atención relendo o que escribín son os textos encol da Doncela de Xenxibre, pola que bebía os ventos no inverno do meu descontento e da miña formación académica, doce musa inspiradora de verbas e de desexos e á que, paradoxos do tempo, agora coñezo un chisco mellor, ma non troppo.
Con non menos pudor (e rubor) repaso as miñas respostas ao cuestionario Proust, testemuño dun Eu que aínda se recoñece en moitas cousas pero non tanto noutras, coma o runrún de bolxevismo militante, School of Resentment total no político, estético e afectivo. Fitando para atrás sempre me choca o parviño, ignorante e arrogante que me vexo en perspectiva, e iso faime temer (xogo de espellos) no que dirá deste Eu que agora escrebe o Eu máis vello, posíbelmente máis sabio, menos ou máis feliz, de dentro de 11 anos, Hannibal ante portas do medio século e cun fillo xa pre-adolescente que quizaves -con pudor e rubor- leas nestas páxinas virtuais os pensamentos do seu vello. Pra ti, Mamo, deixo a memoria de onte cando fumos á praia de Broña e entraches sorridente nas súas frías augas comigo.
Sem comentários:
Enviar um comentário