Foi no verán do 2007 cando me deixei engaiolar polos cantos de serea dos Comparatistas e, logo de pedir e serme concedida a correspondente bolsa, cando tiven a temeridade de pasar arredor dun mes no Báltico facendo algo de turismo e tentando domear ao cabalo bravo da língua estonia. Certo é que o domeamento era relativo (non lle adicaba as horas extraescolares de estudo que necesitaba), e a escolla oriental, colleita propia (logo da boa experiencia persoal co grupo dos 'fillos de Kalev' no congreso literario de Kiel, o Nadal anterior).
Case sen propoñermo, a serie de entradas glosando os meus infortunios e infelicidades nos confíns da Unión Europea convertéronse nas máis exitosas, a high tide deste bitácora cando aínda a lía alguén. Véndoas en perspectiva, teñen unha comicidade engaiolante, buscada anque -daquela- non sentida pola mantedor.
A memoria da viaxe inclúe imaxes soltas, oníricas: o exemplar en tapas brandas de Paradise Lost que me acompañaba en tantas e melancólicas xornadas; as casas de madeira entre bosques, bandeira letona á porta ondeando en mástil, de Riga; unha máis señorial, de pedra, vista de esguello dende o tranvía; a presentación no xardín botánico de Tartu; o museo de xoguetes, cheo dos máis curiosos monicreques; a película de debuxos animados vista na clase; a catedral de tixolo en ruinas; a caixa de mistos da kaubamaja, onde mercara algún xeado; o moderno minirañaceos do Tasku Centre cuxa tenda de libros visitaba, alén de navegar en internet mentres fitaba con tristura a través dos cristais tintados; o marabilloso cemiterio de Raadi, coas tumbas de Lotman, Kreutzwald e Betti Alver; o xardín de Jüri Talvet en Pärnu, inzado de baias e froitos vermellos que rillar; os desexos (cumpridos) vencellados á ponte Inglisild e á correa do Bom Jesús de Bahía...
Aínda máis que a lembranza dos espazos, a lembranza das persoas, con moi poucas das cales tristemente sigo en contacto: Reda, a lista e adorábel lituana ratiña de biblioteca da que medio namorisquei (mágoa que estivera casada); Ruth, a simpática hispanista que me aloxou e guiou por Tallinn; Esen, a altísima búlgara namorada de España que se laiaba da ausencia cirílica nos billetes de euro; Käbi, a beleza sueca algo baixiña mais digna dunha película de Esteso; Anton, o simpatiquísimo sueco médico e trotamundos co que xantaba e trasfegaba A. Le Coq -a negra, por suposto-; os inseparábeis Inna e Gregory; a bonhomía e intelixencia de Jaak no seu propio terreo.
A estampa é a da fin da segunda fornada de aulas; terei que contactar de novo co sueco a ver se garda fotos da primeira tanda...
Sem comentários:
Enviar um comentário