terça-feira, março 26, 2013

Concerto no castelo

Uns días atrás tiven o pracer de asistir a un fascinante acto cultural que tivo lugar no castelo de Sobroso, case a carón da fronteira con Portugal. Tratábase nada menos que dun concerto de shakuhachi, un tipo de flauta xaponesa moi popular no pasado entre os monxes da seita Fuke-zen. 



O músico, Rodrigo Rodríguez, estudou a complexa técnica do instrumento en Xapón e, asentado agora en Galicia, vai percorrer tamén outros escenarios algo menos pintorescos que o castelo.

Recoméndovos encarecidamente escoitalo en vivo, ou nos cedés que xa ten editados. E como aperitivo, eis un pequeno video que gravei durante a actuación:


terça-feira, março 12, 2013

Bibliomanía

Os que seguides esta pequena bitácora xa poderíades  comprobar que o seu mantedor é un adicto dos libros: de lelos e de mercalos. Unha adicción que me resulta tanto máis desconcertante en canto vexo a diario o espectáculo xeral da indiferencia e rexeitamento que provocan. Un tende a pensar que o que lle gorenta e causa ledicia habería de satisfacer a outras persoas, mais día a día os lectores imos voltando a inmensa minoría...

Máis recente é o meu pracer por facer listas, que seguramente se relacione cun deixe meu algo obsesivo e ordenancista, con gusto por rutinas e planificacións. Algúns coleccionan cromos, bolboretas, paxaros, perfumes ou persoas (cfs. The Collector, John Fowles). No meu caso, entre os rexistros e series que acumulo destaca a dos libros que penso mercar no ano en curso e na Rede de Redes, repartidos en cadanseu mes, libreiro e cuantía estimada. Actualmente só leva uns tres meses de adianto, mais ten contado cos libros para todo o ano seguinte. E en xeral, o seu marxe de variación é escaso, anque fluctúa cando certos volumes deixan de estar dispoñibles ao prezo que agardaba pagar por eles.

Pescudando na xenealoxía destas relacións topo, na miña bitácora anterior, unha lista do 2006; dos seus nove volumes, rematei por mercar a día de hoxe uns 5, e de ler outros 2; había de historia medieval, marxismo e teatro clásico, que seguen sendo frikadas miñas, anque seguramente desprazadas no inmediato presente por outras rivais do estremo oriente...

No propio Pazo de Trasalba, e alén das listaxes dos libros que engulo ávidamente cada mes, topo senllas entradas de finais do 2008 e mediados do 2009 moi na liña dos traballos cos que andaba daquela, e que quizaves algún día non moi lonxano agromen en tese, arredor de te(i)mas de urbanismo, arte e literatura, comunidades virtuais, cultura de masas, ciencia ficción, simulación e simulacro e cultural studies...

Mais a día de hoxe as listas escaparon á modesta gaiola de bits da miña bitácora e/ou computador: en tres páxinas de amazon (a americana, a británica e a española) e na de abebooks teño os carriños da compra cheos cos libros 'de compra próxima', amais doutras listas, de acceso público, con libros de compra máis lonxana (aquí a americana e aquí a española). 

Eis unha auténtica barricada, un enorme imperio de papel co que resistir os embates, dardos e frechas da nosa sociedade audiovisual. Ou unha balsa coa que navegar o posmoderno mar de adversidades do presente, e coa súa axuda, vencelo.

quinta-feira, fevereiro 28, 2013

Libros do Mes

Princeton Companion to Classical Japanese Literature de Earl Miner et al.

The Yi-King de James Legge (tr.) [E]

Li Chi: Book of Rites, vol. 1 de James Legge (tr.) [E]

*Tao Yuan-ming, vols. 1 e 2 de A.R. Davis

* The Grand Scribe’s Records, vol. 7 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

*The Cambridge History of Ancient China de Michael Loewe e Edward L. Shaughnessy (eds.) [E]

domingo, fevereiro 24, 2013

Reseñas - The Yî King

The Yî king (I Ching)

James Legge (traductor)

1882, Clarendon Press

* * (regular)

Algo anticuada e escura versión dun texto xa de por si confuso e, por momentos, pesado.

O I-Ching constitúe un dos alcumados 'Cinco Clásicos' da tradición clásica de China e pretende ser, xunto cos outros catro, parte dun legado textual que tería a súa orixe na época Zhou Occidental (1046-771 antes da E.C.) e que tería pasado pola peneira editorial de Confucio e a súa escola para posteriormente converterse nunhas das obras canónicas de obrigado coñecemento e estudo nos perto de dous mil anos de Celeste Imperio. Dentro destes textos, o I-Ching chama un chisco a atención pola súa estrañeza,  xa que o 'Libro das Mutacións' é unha sorte de manual adivinatorio, ao estilo daquelas tradicións longamente desaparecidas dos arúspices etruscos ou das máis recentes e vivas do Tarot ou dos oráculos yorubas de Ifá.

Na China antiga, como noutras sociedades, a práctica adivinatoria fixo unha aparición moi temperá: as súas primeiras mostras coñecidas relaciónanse co emprego de osos oraculares (escápulas ou cunchas de tartaruga): gravábanse os materiais con diferentes preguntas, e logo aplicábase unha fonte calorífica ao oso que, ao rachar, permitíalle ao adiviño interpretar a resposta divina segundo fosen as fendeduras aparecidas. Esta técnica, típica da dinastía Shang (1600-1046 a.E.C.), forneceunos as primeiras mostras da escrita chinesa que se coñecen (datábeis de arredor do 1200 a.E.C), mais coa chegada da nova dinastía, Zhou, comezou a ser desprazada pola lectura de polas rachadas ou sen rachar da milfollas, ou herba dos carpinteiros. Éste é o método adivinatorio que, mal que ben, se explica no I-Ching.

Segundo a tradición, a invención deste método correría a cargo do heroe cultural Fuxi (伏羲), que elaborando tódalas combinacións posibles de liñas rachadas e sen rachar en grupos de 3 inventaría os oito (2 elevado a 3) trigramas. Con posterioridade, el-rei Wen (文王), o fundador da dinastía de Zhou, xuntaría estes trigramas para formar os sesenta e catro hexagramas (tódalas posibles combinacións en grupos de 6 das liñas rachadas e sen rachar.

O núcleo duro do I-Ching, polo tanto, constitúese destes 64 emblemas con liñas rachadas e/ou sen rachar, xunto cun nome e un par de parágrafos que darían a interpretación xeral do significado adivinatorio deste hexagrama. Así, por exemplo, temos o primeiro hexagrama: o seu nome é Ch'ien ('Forza'), e está composto por seis liñas sen rachar (o resultante de sumar por duplicado o trigrama homónimo, composto por tres liñas sen rachar).
E a súa interpretación sería "Ch'ien representa o que é grande e orixinante, penetrante, ventaxoso, correcto e firme".

Mais este é só o comezo da madeixa textual, pois moi cedo, estes lacónicos comentarios víronse incrementados por toda unha tradición de escrita. A segunda, atribuída ao Duque de Zhou (周文公), un dos fillos de el-rei Wen, consiste en comentarios e interpretacións de cada unha das 6 liñas dos sesenta e catro hexagramas. Vexamos as deste hexagrama:

"Na primeira liña, sen rachar, vemos a un dragón agochado no fondo das augas. Non é o intre de obrar de xeito activo. Na segunda liña, sen rachar, vemos ao dragón aparecendo nos eidos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na terceira liña, sen rachar, vemos ao home superior, activo e vixiante todo o día, e pola tarde aínda coidadoso e aprensivo. A posición é perigosa, mais non se cometerá ningún erro. Na cuarta liña, sen rachar, vemos a un dragón que parece que vai comezar o voo, mais que aínda está no fondo. Non haberá erro algún. Na quinta liña, sen rachar, o dragón está voando nos ceos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na sexta liña, sen rachar, vemos un dragón excedendo os seus límites. Haberá ocasión para arrepentirse".

Como podedes albiscar, o comentario consiste en imaxes bastante illadas e de interpretacións diferentes para cada liña. Nalgúns casos (como neste hexagrama), a imaxinería é relativamente común, unida por figuras recorrentes; noutros, non parece haber ningún entrelazamento nas imaxes da cada liña e de cada hexagrama.

E novamente, a este núcleo duro, engádeselle unha serie de apéndices (alomenos 7 na traducción de Legge), moitos deles atribuídos a Confucio, e que lonxe de clarificar o significado (adivinatorio, ou simbólico, ou moral), aínda o enguedellan máis, mesturando diferentes lecturas posíbeis de cada hexagrama (baseadas nos significados dos trigramas combinados, na figura representada polas liñas, que pode evocar obxectos coma pozos ou caldeiros), significados asociados ás posicións de cada liña dos hexagramas, ás posicións 'correctas' das liñas rachadas e sen rachar, interpretacións filosóficas sobre o cosmos e os elementos da natureza relacionados cos hexagramas, ou cos ciclos vitais e políticos dunha sociedade, etc... As notas do propio traductor son pouco máis clarificadoras que estes comentarios, e o lector fará ben na maior parte dos casos en ignoralas e proceder coa lectura.

Por todo o anterior, podedes imaxinar que a lectura deste libro é un xogo de adiviñas complexo, frustrante e por veces aburrido. Unha parte da culpa pode tela o propio traductor, mais sospeito que está no texto en si. De todos xeitos, segue a ser unha lectura recomendábel de xeito instrumental: como dicía ao comezo, o I-Ching será un dos clásicos de lectura e memorización obrigada para os poetas-funcionarios confucianos (os mandaríns), e un lixeiro coñecemento das súas imaxes e emblemas axudará a disfrutar mellor dos seus versos cando fan referencia a clásicos coma este.
 

quarta-feira, fevereiro 13, 2013

sábado, fevereiro 09, 2013

Clásicos

Como o bo mandarín que son, ando dende fai unha tempada enfrascado na lectura dos clásicos e do pensamento confuciano que, alén da brincadeira, resulta bastante afín a moitos aspectos do meu xeito de pensar e de ver o mundo. Unha das pedras angulares deste pensamento o constitúen os seus 'libros clásicos' (經, ching), herdados en maior ou menor medida dun pasado remoto (o da dinastía Chou Occidental, 1046–771 antes da era común) e posteriormente canonizados pola escola de Confucio e fixados oficial e textualmente ao longo da dinastía Han (206 a.e.c. - 220 e.c.). 

Anque a etiqueta de 'clásico' se teña asociado a unha grande variedade de textos, o seu núcleo duro confórmano os 'cinco clásicos' que, xunto cos 'catro libros', constituían o corpus esencial de textos que tiñan que estudar e memorizar os estudosos que desexaban presentarse ás oposicións da antiga China. Estes cinco son:
-O 'Clásico das Odas' (Shih), do que xa temos falado con anterioridade. É unha antoloxía de arredor de 300 poemas temáticamente moi diversos co metro tetrasilábico como base.
-O 'Clásico da Historia' (Shu), unha colección de documentos e discursos na súa maioría apócrifos e atribuídos a figuras históricas da máis remota antigüidade.
-O 'Clásico das Mutacións' (I), básicamente un manual adivinatorio non moi desemellante ao noso Tarot e composto por 64 hexagramas que se forman con tódalas combinacións posibles de grupos de 6 liñas rachadas ou sen rachar.
-O 'Clásico dos Ritos' (Li), onde se fixa unha longa serie de cerimonias e costumes rituais (vestimentas, obxectos, conductas axeitadas en diferentes eidos, etc...) e composto por tres libros diferentes: o Rexistro dos ritos, o Libro de etiqueta e ritos e os Rituais de Chou.
-Os 'Anais das Primaveras e Outonos' (Ch'un ch'iu), unha crónica analística e estremadamente concisa do estado de Lu (un dos moitos en que estaba dividida China na Época dos estados combatentes, 475-221 a.e.c.) e atribuída a Confucio.

Os dous primeiros destes foron lecturas dabondo interesantes e instructivas. Actualmente estou empantanado co I-ching, que me está a resultar, pola contra, unha lectura ardua e aburrida, ao que sen dúbida contribúe a partes iguais o meu total escepticismo coas artes adivinatorias e o seu estilo seco, fragmentario e contradictorio. En breve falaremos en máis detalle dos seus contidos a través dunha reseña que ando a argallar...  
  

quinta-feira, janeiro 31, 2013

Libros do Mes

Kukai: Major Works de Yoshito S. Hakeda [E]

Soledades, de Luis de Góngora

In Praise of Shadows de Jun'ichirō Tanizaki [E]

Japanese Nō Dramas de Royall Tyler (tr.) [R]

*Tao Yuan-ming, vols. 1 e 2 de A.R. Davis

*Princeton Companion to Classical Japanese Literature de Earl Miner et al.

*Life and Poetry of Wang Anshi, de Jonathan Otis Pease [E]

*The Yi-King de James Legge (tr.) [E]

domingo, janeiro 27, 2013

Tolkieniana

Entre os meus amigos é ben coñecida a miña afición polas obras e a figura de J.R.R. Tolkien, en pequena disonancia e contraste coas miñas habituais tendencias canónicas e clasicistas. O certo é que dentro da literatura xenérica, sempre me ten gorentado máis a fantasía (non só nas historias do profesor oxoniense, senón tamén nas páxinas de Moorcock e Peake) do que a ciencia ficción, malia que sexa con esta última coa que teña traballado un chisco no eido académico.

A miña primeira achega aos textos de John Ronald Reuel debeu de producirse cando andaba polos 9 anos, na pequena biblioteca composta dun dobre anaquel que tiñamos na miña aula de primaria do colexio Corpus Christi, en Bournemouth. O Hobbit facía compaña a outras obras que tamén me chistaron moito daquela e ao seu mesmo nivel, coma Charlie e a fábrica de chocolate ou Matilda de Roald Dahl. Cóntase polo tanto entre os primeiros libros que lin na lingua inglesa, naqueles días nos que o meu maxín infantil loitaba con non poucas dificultades por facerse dono daquela xiria inintelixíbel.

O segundo asalto tería que agardar a unha etapa escolar máis adiantada: no ano 97 estaba a cursar o terceiro curso de bacharelato (letras puras) no instituto Virxe do Mar (Noia); nesta ocasión o fornecedor de libros non un estante abstracto, senón un concreto compañeiro de aulas e hoxe excelente productor discográfico Borja Costa. O volume en cuestión era o Silmarillion, nunha coidadosa edición de tapas duras do Círculo de lectores, e do que o seu dono non pasara da primeira historia: 'A música dos Ainur' (Ainulindalë). 

Malia non ser nen o máis popular nen o máis 'redondo' dos libros de Tolkien (el mesmo non viviu dabondo para editalo nun formato definitivo), foi con el, coas súas historias épicas, líricas e mitolóxicas de deuses poderosos, linguas estrañas, novas razas e grandes combates co que me engaiolou definitivamente: rematei mercando o volume para min ao tempo que me ía facendo con outras obras (O señor dos aneis, os Contos inconclusos, o Libro dos contos perdidos).

A día de hoxe, o meu nivel de frikismo inclúe non só ir lendo os textos máis marxinais e secundarios da súa escrita, ou pasar polo cine para disfrutar coas adaptacións da súa obra, cortesía de Peter Jackson, senón a planificación futura de facerme con edicións de luxo, carísimas, dos seus volumes, e a participar na escolástica textual xerada polos seus textos. Para ilustrala, nalgunha xornada vindeira, debatiremos arredor dun dos cabalos de batalla dos foros de Internet: os Balrogs, o seu aspecto, e a súa capacidade para o voo... 

sábado, janeiro 19, 2013

Tanizaki e os retretes

"Cada vez que me ensinan un retrete vello, escasamente iluminado e (engadiría) impecábelmente limpo nun templo de Nara ou Kyoto, síntome impresionado polas singulares virtudes da arquitectura xaponesa. O recibidor pode ter os seus engados, mais un retrete xaponés é certamente un lugar de repouso espiritual. Sempre fica separado do edificio principal, ao final dun corredor, no medio dun xardín vizoso e fragrante con follas e musgo. Non hai palabras que poidan describir a sensación de sentarse na luz velaíña, absorvendo o lene lampo reflectido no shoji, perdido en meditación ou fitando cara a fora, ao xardín. O novelista Natsume Sōseki consideraba as súas visitas matinais ao retrete como un grande pracer, alcumábaas "unha delicia psicolóxica". E certamente non hai lugar mellor para saborear este pracer do que un retrete xaponés no que, rodeado de muros tranquilos de madeira finamente granulada, un fita ao exterior, vendo os ceos azuis e as verdes follas".     

Jun'ichirō Tanizaki, Eloxio das sombras

segunda-feira, dezembro 31, 2012

A alma escolle a súa propia compaña

Con estas verbas comeza o recitado que, a carón do mar, fai Ramón Blanco dun anaco do seu Emily on the road. A xira do libro entra na súa recta final, cunha pequena serie de recitais a comezos de xaneiro, mais contamos con ir ilustrando de xeito virtual os recitais xa feitos, xunto cuns videos con preguntas e respostas arredor do libro que gravamos a comezos da xira e aínda non tivemos tempo de montar. Eis un aperitivo privilexiado para vós, que podedes acompañar, de gustardes, coas reflexións escritas que o autor pendurou recentemente na súa bitácora arredor do nacemento do poemario en cuestión.


Libros do Mes

Kwaidan de Lafcadio Hearn [E]

The Nō Plays of Japan de Arthur Waley [E]

Gagaku. Court Music and Dance de Masataro Togi

The Grand Scribe’s Records, vol. 1 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

The Cambridge History of China vol. 3: Sui and T’ang China de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E]

*Japanese Nō Dramas de Royall Tyler (tr.) [R] 

*Kukai: Major Works de Yoshito S. Hakeda [E]

*Soledades, de Luis de Góngora

segunda-feira, dezembro 24, 2012

Reseñas - Gagaku

Gagaku. Court Music and Dance

Masataro Togi, William P. Malm (introducción)

1971, Weatherhill

* * * * (bo)

Unha moi boa introducción á antiquísima danza e á música clásica da corte xaponesa.

Dentro do que son as artes performativas do Xapón, algunhas son máis coñecidas que outras. Case todos escoitaron falar algunha vez dos teatros kabuki e noh, e quizaves do de monicreques (joruri, ou bunraku). Mais soamente os máis avanzados na materia teñan escoitado falar do gagaku e do bugaku, as máis que milenarias artes de música e danza que chegaron á corte xaponesa arredor do século VIII da nosa era procedentes das prácticas artísticas da chinesa dinastía T'ang e que sobreviviron dende entón, mais ou menos fosilizadas e ritualizadas, no mundo pechado da corte imperial.

No pequeno volume de Masataro Togi (non pasa moito das 200 páxinas) temos unha eficaz intruducción a este arte: dividido en tres capítulos, o primeiro (artellado como unha conversa do músico cos espectadores antes dunha función) explícansenos os rudimentos do gagaku, as súas clasificacións, os instrumentos que emprega, os traxes e máscaras, e danse algúns detalles dun par de danzas. Na segunda parte temos unha historia do gagaku dende a súa chegada a Xapón ata a restauración de Meiji (1868). Na derradeira faise unha pequena perspectiva do arte dende Meiji ata a actualidade.

Nembargantes, o texto é realmente breve, xa que a metade, alomenos, do volume, está adicado a ilustracións do texto: as fotos (en branco e negro máis tamén en cor) dannos unha idea da suntuosidade e da beleza estética do gagaku, fan palpábeis as estrañas máscaras e instrumentos, e enriquecen en grande maneira a lectura.  

O único defecto desta pequena xoia, alén do seu pequeno tamaño (imaxino que haberá volumes máis extensos, mais desgraciadamente sen traducir á lingua inglesa) é a falta dun acompañamento sonoro e visual das danzas e da música, anque o tal é un erro sinxelamente subsanábel grazas ás novas tecnoloxías. Só en youtube podedes atopar videos de non menos dunha trintena destas danzas antiquísimas, co que poderedes enriquecer a lectura e facervos unha idea máis exacta da arte en cuestión.

O gagaku é un dos patrimonios inmateriais da humanidade (cortesía da UNESCO). Non se me ocorre mellor adro para o seu coñecemento e disfrute que este volume, xunto cun documental do que xa vos teño falado e que tamén toparedes na rede, se vos pica o vezo por esta arte.




segunda-feira, dezembro 17, 2012

Recalada - Navy Bar

O sábado pasado a xira 'Emily on the Road' tivo a ocasión de recalar na cidade olívica, mais concretamente no local da asociación cultural Bou Eva, no que resultou unha estupenda velada cun público entregado, e unha ocasión de reencontro -después de tantos años- con Oriana e Alberto.  Non desaproveitedes a ocasión de visitar o local social se pasades por Vigo!

Trala lectura completa de onte á noite no Fina Stampa (Noia), a xira vai chegando á súa fin, mais as presenzas virtuais hanse intensificar cando en breve comecemos a pendurar videos dos actos. Dende esta bitácora en concreto iremos insertando os anacos dunha longa entrevista que tivo lugar pouco despois da saída do libro e que de seguro han axudarvos na navegación literaria das súas páxinas...


sexta-feira, novembro 30, 2012

Libros do Mes

La caligrafía japonesa de Noni Lazaga

The songs of the Orchis Tower de Friedrich Alexander Bischoff (tr.)

Tonoharu de Lars Martinson [K]

Sources of the Japanese Tradition, vol. 1 de Wm. Theodore de Bary (ed.) [E]

The Shu King de James Legge (tr.) [E] [R]

The Grand Scribe’s Records, vol. 9 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

*The Nō Plays of Japan de Arthur Waley [E]

*Kwaidan de Lafcadio Hearn [E]

*The Cambridge History of China vol. 3: Sui and T’ang China de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E]

sexta-feira, novembro 16, 2012

A Rose for Emily

Non, non se trata daquela solteirona sureña de nome Emily Grierson sobor da que teceu un relato breve o xenio de William Faulkner, senón dunha rosa persoal de homenaxe a Emily Dickinson e ao libro de poemas Emily on the road que, baixo a firma de Ramón Blanco, acaba de publicar a editorial Acha Escrava, e que hoxe presentamos na Serra de Outes.

Aqueles que fiquedes perto e que amedes a boa poesía estades convidados a esta sesión, que terá lugar na Casa da Cultura dende as 8 e media en adiante. Caso de que vos veña mal, podedes consultar na bitácora de Acha Escrava a axenda coas diferentes presentacións en numerosas cidades e vilas do país.

http://profile.ak.fbcdn.net/hprofile-ak-snc6/211221_432923236754776_187636110_n.jpg

sexta-feira, novembro 09, 2012

Sorpresa, sorpresa

Estes días, entre outras lecturas, estou cun volume do profesor Friedrich Alexander Bischoff adicado ao ciclo de poemas do Pavillón das Orquídeas. Os poemas, acompañados dun famoso prólogo que é unha das obras mestras da arte caligráfica chinesa, son a mostra perdurábel dunha xuntanza de 43 literatos que, aproveitando o festival da purificación da primavera do ano 353, pasaron un serán agradábel compoñendo poemas, tocando música e bebendo viño. Un dos costumes destes cabaleiros (entre os que estaban o xenial calígrafo Wang Xizhi -王羲之-, o estadista e antergo de poetas Xie An -謝安- ou o poeta Sun Chuo -孫綽-) consistía en facer flotar copas de viño sobre os regatos do parque onde repousaban; cando unha copa chegaba ás marxes do río e ficaba queda, o home que máis perto estaba dela tiña que baleirala e escribir un poema. En total, vinteseis dos participantes escribiron os trinta e sete poemas do ciclo.

Ata aquí, todo moi aristocrático e refinado. De feito, a xuntanza do Pavillón das Orquídeas deu lugar ao máis valorado dos rollos caligráficos chineses, e a numerosas pinturas que recreaban o elegante evento. Mais a tese a a tradución que defende o profesor Bischoff destes textos non ten nada que ver con estas lecturas tradicionais: segundo el, a xuntanza consistiu no fundamental nunha orxía gay mística e taoísta; así, a súa tradución do prólogo e dos versos fai lecturas explícitas do que el toma por referenzas indirectas ao sexo anal, a inxesta de seme, a falos e cús e a lecturas verdes, intertextuais e obscenas dos clásicos confucianos. O libro (The songs of the Orchis Tower), porén, fará as delicias dos amantes do homoerotismo e da teoría queer.

Ignoro ata qué grado a orixinal interpretación de Bischoff é realmente defendíbel; na súa contra xoga o recoñecido carácter polémico das súas lecturas, mais ao seu favor que foi un académico rigoroso e de renome, consultando as súas traducións cos maiores e máis reputados especialistas occidentais do momento na lingua chinesa. A poesía chinesa clásica, amais, caracterízase pola súa ambigüidade e carácter elusivo e aberto, sempre esixindo a co-participación do lector na tarefa de forxar significados. En todo caso, serve como testemuño de que, rañando detrás da surficie de cousas e textos, hai moitas voltas océanos soterrados que nada teñen que ver co que agardamos ou con milenarias tradicións de lectura e interpretación textual...
    

quarta-feira, outubro 31, 2012

Libros do Mes

The Cambridge History of China vol. 1: the Ch’in and Han Empires de Dennis Twitchett e John K. Fairbank (eds.) [E]

A Companion to Latin Literature de Stephen Harrison (ed.) [E]

The Grand Scribe’s Records, vol. 8 de Ssu-ma Ch’ien / William Nienhauser (ed.)

Hsi K’ang and his Poetical Essay on the Lute de R.H. Van Gulik

*La caligrafía japonesa de Noni Lazaga

* The Shu King de James Legge (tr.) [E] [R]

*Sources of the Japanese Tradition, vol. 1 de Wm. Theodore de Bary (ed.) [E]

domingo, outubro 28, 2012

Video et [G]audeo

En efecto, vexo e alédome de ver que, malia que a maioría do material en youtube sexa breve e de escaso valor, de cando en cando aínda se descubren cousas que disfrutar. Recoméndovos varias: temos unha película chinesa sobre a vida de Confucio e que está pendurada íntegra; tamén de moito interese é un documental sobre a antiquísima música da corte xaponesa, o gagaku; e para rematar, tres variacións sobre as flores da ameixeira no guqin, o máis fermoso -física e acústicamente- dos instrumentos tradicionais chineses.

domingo, outubro 21, 2012

Deja Vú

Escoitando ao Beiras retrucar coa súa grande oratoria os resultados e a 'doce derrota' sinto por uns intres coma se os últimos 10 ou 15 anos non tiveran pasado en absoluto...

sábado, outubro 13, 2012

Seis poetas en busca de tradutor

No último ano e medio, o meu hobby-horse é a poesía chinesa clásica (sobretodo, a anterior á ocupación de China polos mongois, en 1279). Non se pode dicir que este eido conte con escaseza de tradutores nas linguas europeas: centrándonos tan só en autores da dinastía T'ang, conseguín non menos de 21 volumes monográficos adicados á tradución/antoloxía e/ou estudo de outros tantos poetas da que sen dúbida é a era do seu maior florecemento en sínicas terras.

Nembargantes, a abundancia aumenta -no canto de reducir- a cobiza por aqueles autores albiscados escasamente en volumes colectivos e que malia o prometedores que resultan nesa lectura, non conseguiron espertar a interese de tradutores e editores (bon, ás veces sí dos primeiros, normalmente no seo dunha tese doutoral de estudo de autor e obra, mais como imaxinaredes, as teses moi raramente chegan a libros normais e mercables). Deixo aquí unha pequena lista de 6 poetas clásicos que ben merecen o seu volume, e a esperanza de que algún día topen co seu verquedor ás letras anglosaxonas.

Encabeza a miña lista Liu Yuxi (劉禹錫), un filósofo, poeta e ensaísta de mediados da dinastía T'ang (772-842) e seguramente un dos máis destacados rapsodas do movemento das 'Novas Baladas', un tipo de poesía confuciana crítica e de compromiso social. É coñecida a historia de que por uns versos foi exiliado, e cando retornou, teimudo, escribiu outro poema que continuaba o anterior, gañando con el outro novo desterro. Aproveitando este aloxamento en zonas remotas e entre xentes de etnia diferente, topou a inspiración para un ciclo de poemas folclóricos de moita sona (as Cancións da póla de bambú).    

Seguen en interese Lu Zhaolin (盧照鄰) e Luo Binwang (駱賓王), ámbolos dous de comezos da dinastía homónima, e ámbolos dous agrupados por parte dos historiadores da literatura chinesa nun grupo de 'Catro Eminencias Literarias de Comezos de T'ang' (初唐四杰). Ao parecer, son moi coñecidos no seu país por un tipo de prosa requitadísima, erudita, rimada e paralelística que chaman bianwen, e que non topa interese algún nos tradutores, mais os seus poemas tampouco corren mellor sorte, agás un par de pezas antologables. Binwang ten sona pola súa participación na revolta contra a Emperatriz Wu, unha das poucas mulleres que foi quen de rubir ao trono do dragón, e contra a cal elaborou un famoso manifesto. Zhaolin esperimentou problemas e dores físicas toda a súa vida, e ten melancólicos poemas onde retrata árbores murchas e paxaros solitarios.

De finais da dinastía é a figura de Luo Yin (羅隱), un xenio satírico físicamente moi pouco agraciado e con ben pouca sorte nos exames dos mandaríns, e que versificou entre outras cousas sobre a vida da aristocracia capitalina, os heroes e homes do pasado, os festivais taoístas e outros fenómenos, sempre dende un gusto orixinal e barroco polo espectral, o irónico e o funerario.

Por último, mencionarei a unha parella de monxes poetas: Guanxiu (貫休) foi un grande pintor e calígrafo, amais de monxe e poeta, sendo o autor dunha obra mestras das artes plásticas chinesas nun conxunto de dezaseis arhats, logo copiado noutras épocas e países. Os seus versos inclúen un percorrido pola linguaxe da ilusión e da alucinación elegante, como reflexan os paraísos minerais dalgúns dos seus poemas. Polo que toca a Qíjǐ (齊己), este foi un amante das terras acuosas e das lagoas do sur de China, e refractou os temas e imaxes tradicionais a través da dogmática budista da transitoriedade e carácter ilusorio das cousas, superando o recurrente memento mori cunha resignación e ecuanimidade tranquilas.