Feet of Clay de Terry Pratchett [E]
Maskerade de Terry Pratchett [E]
*Postmetropolis de Edward W. Soja
*Piers Plowman de William Langland
quarta-feira, dezembro 31, 2014
domingo, dezembro 21, 2014
Profilaxe
"Adquirir unha educación é un pouco como unha enfermidade de transmisión sexual: faiche inaxeitado para moito traballos e logo sentes a necesidade de pasarlla a outras persoas".
Terry Pratchett, Hogfather
quinta-feira, dezembro 11, 2014
Arazá Vermello
Eis un dos primeiros froitos que, ás portas do inverno, dou unha das plantas de arazá vermello (psidium cattleianum) que plantei o ano pasado. O froito é realmente curioso: semella unha goiaba pequena (coa que está emparentada) e presenta un sabor complexo de clasificar: non demasiado doce, algo acedo, refrescante, cunha polpa mol entre branca e vermella e unhas pequenas sementes duras. Imaxino que cando as arboriñas dean máis, poden resultar moi útiles para batidos, tartas e (quizaves) xelados.
A especie é ao parecer bastante resistente ao frío, podéndose dar tamén nas Inglaterras. En zonas tropicais, mesmo resulta planta invasora (en Florida ou Hawaii), mais non creo que aquí cheguemos a ter problemas cos meus dous inquilinos. Canto ao seu nome, tomo emprestada a forma portuguesa, xa que non me consta forma galega (en castelán e inglés o seu nome máis habitual é 'goiaba de Cattley' -polo botánico británico que a descubriu- ou 'goiaba amorodo', supoño que máis pola cor que polo sabor -nas fotos que se ven na Rede de Redes, tenden a un vermello intenso algo alonxado deste púrpura de Tiro co que saíron as miñas-).
terça-feira, dezembro 02, 2014
Victorian Rap
Un vello favorito do mantedor: The Major General's Song, da opereta de Gilbert e Sullivan The Pirates of Penzance...
Etiquetas:
cancións,
Gilbert and Sullivan,
The Pirates of Penzance,
Victoriana
domingo, novembro 30, 2014
Libros do Mes
Palazzo Te: Giulio Romano’s Masterwork in Mantua de Ugo Bazzotti
Relación de las cosas del
mundo de Zhang Hua
The Simulacra de Philip K. Dick
Soul Music de Terry Pratchett [E]
*Postmetropolis de Edward W.
Soja
domingo, novembro 23, 2014
Manrique xa non lles dí nada aos adolescentes
... por non falar xa do meu adorado Juan de Mena. Do marqués de Santillana só asimilan, cun xesto de desprezo, que as Serranillas son patriarcais e machistas, e incompatíbeis coa sociedade (pos)moderna (e o mantedor pensa "máis que as letras do reguetón?").
Tampouco é cousa de idealizar a nosa propia xuventude (como, a nuestro parecer / cualquier tiempo pasado / fué mejor), mais alomenos no meu caso particular, os temas, ou teimas, da chegada inevitable da morte, do ubi sunt, do homo viator, da vita flumen ou da vanitas vanitatum, todo aderezado coa sinxela linguaxe manriqueña e o ritmo atraínte da copla de pie quebrado, tocaban unha fibra sensible, cunha réplica iconográfica perfecta no cadro O triunfo da morte de Pieter Brueghel o Vello, que sempre me causaba un arreguizo de terror cando o topaba entre as páxinas da Crónica da Humanidade ilustrando a entrada sobre a Peste Negra...
Etiquetas:
educación,
Jorge Manrique,
Pieter Brueghel o Vello,
pintura
domingo, novembro 16, 2014
Reseñas - Relación de las cosas del mundo
Relación de las cosas del mundo
Zhang Hua (traducen Yao Ning e Gabriel García-Noblejas)
2001, Trotta - Pliegos de Oriente / UNESCO
* * (regular)
Restos dunha enciclopedia traducidos cun chisco de desleixo. Porén, un clásico chinés necesario para frikies do eido.
É o Bowuzhi (o título orixinal da obra que nos ocupa) unha peza que faría as delicias de Borges, e que tal parece sacada do seu maxín, das súas clasificacións e enciclopedias imaxinarias de estremo oriente. O texto consiste nos restos fragmentarios (apenas uns 10 capítulos dos 300 orixinais) dunha inmensa enciclopedia na que o polígrafo, poeta e ministro Zhang Hua (232-300), unha das figuras literarias máis senlleiras do periodo Jin Occidental (265-316), facía unha perspectiva detallada de lendas, historias, alquimia, farmacopea, botánica, antropoloxía e xeografía anterga chinesa.
Por desgracia, e no seu estadio actual de semiruina rescatada penosamente, anaco a anaco, pedra a pedra, doutras enciclopedias e refundicións, a Relación de las cosas del mundo ten un interese relativamente menor, anque ilumina e complemente curiosidades intelectuais nos terreos denantes citados (anque moitas veces con información semellante á que se topa en obras contemporáneas coma o Shang Hai Jing). Podedes imaxinala coma un equivalente asiático das Antigüidades Xudaicas de Xosefo ou dos fragmentos anticuarios de Varrón: unha auténtica e antiga tenda de curiosidades.
Persoalmente, xa tiven ocasión de ler outros textos do mesmo autor, na forma dun libriño pequeno coa totalidade da súa obra poética conservada e un pequeno perfíl biográfico; coñecemento previo que fixo de catalizador, na ausencia de tradución inglesa accesible deste texto, da súa compra e lectura. Porén, teño que lamentar que a tradución presenta moitos dos típicos erros que nacen da ausencia dunha tradición académica de estudos siníticos na península e que xa teño topado noutras versións españolas de clásicos chineses: as traducións son moitas veces 'indirectas' e a dúas mans (un chinés que coñece a língua clásica e un occidental que 'pule' e refina a primeira versión) e cólanse numerosos erros nas notas, comentarios e mesmo no texto que calquera que coñeza un chisco de cultura chinesa clásica detecta rápidamente máis que dan unha sensación de desleixo. Hai confusións en dinastías e emperadores, confusións en periodos históricos, confusión de títulos dos señores feudais e, aínda máis grave, descoidos co nome da mesma persoa; así, podemos ver nun anaco referencia ao poeta Wang Can e, pouco despois, mención dun tal 'rei Can' (erro básico que parte de que o nome do poeta, Wang, é tamén a forma chinesa de 'rei').
Porén, quixera rematar cunha nota optimista, aplaudindo unha colección como a de 'Pliegos de Oriente' e só desexando que poñan algo máis de esmero no futuro. As traducións moitas veces (e falo por experiencia propia) fanse nuns tempos estresantes e limitados e non sempre por profesionais da especifiquísima materia que trate un texto, mais un chisco máis de tento e revisión serían de agradecer nunha obra que, amais, leva o carimbo da UNESCO.
Etiquetas:
China,
Libros,
Relación de las cosas del mundo,
reseñas,
Zhang Hua
domingo, novembro 09, 2014
Moorcock, o carallán
The Dancers at the End of Time
Michael Moorcock
1981, Book Club Associates
* * * * (bo)
Michael Moorcock
1981, Book Club Associates
* * * * (bo)
Entretida e hilarante exploración dun futuro remoto e hedonista e dos contrastes entre unha sociedade hipermoral (e hipócrita) e unha sociedade amoral (e aburrida).
Como xa sabedes, Michael Moorcock é unha das vacas sagradas do mantedor desta bitácora, un escritor que case sempre consegue entreterme e instruírme a partes iguais (anque tamén é humano, e como vive de vender libros, ten compilacións e relatos escritos co piloto automático de máis ben dubidosa calidade). Moitas das súas novelas, pertencentes ao ciclo do 'Campión Eterno' son, en realidade, variacións sobre un mesmo tema, algunhas máis logradas que outras (o ciclo de Elric, por exemplo, moito mellor que os de Corum ou Dorian Hawkmoon, anque estes tamén teñan os seus encantos e deliciosas peculiaridades).
Porén, e anque The Dancers poida encadrarse de xeito laxo entre as series do Campión Eterno, realmente o que Moorcock fai nas tres novelas que compoñen esta triloxía (An Alien Heat, The Hollow Lands e The End of All Songs) é virar o taboleiro de xadrez e porse a xogar ao backgammon. Expliquémonos.
A premisa e o elemento sustentante que está por detrás de The Dancers é o que, un pouco informalmente, poderíamos definir, no mellor sentido do termo, como unha carallada: Moorcock decide confrontar a través de dous personaxes e o seu (posible) amorío a dúas sociedades nos estremos máis radicais posíbeis da moralidade: dun lado temos a Jherek Carnelian, habitante da 'Fin dos Tempos', un periodo no que os escasos humanos que fican son decadentes inmortais adicados aos praceres e a xogos de omnipotencia facilitados por aneis de poder creados polos seus ancestros millóns de anos antes; podendo resucitar a vontade e alterar o mundo físico que os rodea cun mero chiscar dos dedos, as súas vidas indolentes só afrontan o obstáculo do aburrimento e as visitas ocasionais de viaxeiros do tempo e do espacio, moitos dos cales pasan a engrosar as coleccións e os 'zoos' privados desta sociedade. Coma tódolos seus contemporáneos, Jherek é un ser totalmente amoral, coas peculiaridades propias de ser o último home nacido "ao xeito tradicional" e de posuír unha curiosidade arqueolóxica no século XIX da historia humana, que se dedica a recrear con cómida torpeza e confusión. Toda a trama da novela comeza co seu intento por comprender o concepto de "moralidade" que aparece nalgúns dos rexistros documentais do pasado que chegan ás súas mans.
E eiquí é onde entra en escea a outra personaxe principal, que ao contrario que Jherek, que non sabía nada de moralidade, sabe todo o que hai que saber dela: a señora Amelia Underwood, unha matrona victoriana arrastrada de xeito pouco claro ao futuro "dexenerado" da Fín dos Tempos e que rápidamente interesa a Jherek como fonte de coñecementos e coma obxectivo amoroso (o amor tamén está medio esquencido na hedonista sociedade da Fín dos Tempos, ao contrario que tódalas formas imaxinables de sexualidade, incluídos incestos gráficamente descritos e presentados coa naturalidade con que se practican no seu tempo).
Con tales mimbres, podedes imaxinar o cesto que forxa o escritor londinense: a historia é unha humorada onde rir a cachón coas torpezas e anacronismos de Jherek na súa reconstrucción do século XIX, da súa lenta "educación sentimental e moral" e dos agudos contrastes e malentendidos que provocan os subseguintes viaxes no tempo (incluída á Inglaterra Victoriana) nos que Jherek pescuda á súa desaparecida e amada Amelia no seu Bromley natal, un aburrido e monótono suburbio do Londres decimonómico nas antípodas da exhuberancia futurista e decadente da que provén o protagonista. Polo medio aparecen interesantes esceas e personaxes secundarias, como H.G. Wells (co que Jherek discute nunha viaxe en tren sobre viaxes no tempo), a Orquídea de Ferro, nai do protagonista ou o maquiavélico e misterioso Lord Jagged de Canaria.
En conclusión, Moorcock creou unha obra cómica e deliciosa case como unha desas "morality tales" do teatro medieval inglés, obra que se le con regusto e na que se ven con moita claridade algunhas das paixóns do seu narrador: a Inglaterra Victoriana, o decadentismo fin-de-siècle e unha certa cosmovisión hippie e decadentista (como sería unha sociedade amoral e omnipotente) unida ao concepto de que o 'equilibrio' ideal para os seres humanos está entre un caos de ausencia de normas e infinitas posibilidades (que estanca na repetición aburrida e vangardista do perpetuum mobile) e unha lei de normas lóxicas, inmutables e claras (que estanca na idolización e fosilización dunha orde que non será sempre valida e correcta, e que esclerotiza a libertade e a creatividade humanas).
Etiquetas:
Fantasía,
Libros,
Michael Moorcock,
reseñas,
The Dancers at the End of Time
sexta-feira, outubro 31, 2014
Libros do Mes
Time out of Joint de Philip K. Dick
City of Quartz de Mike Davis
Ratzinger’s Faith: The
Theology of Pope Benedict XVI de Tracey Rowland [E]
*Palazzo Te: Giulio Romano’s Masterwork in Mantua de Ugo Bazzotti
domingo, outubro 26, 2014
Efecto Bolboreta
Nun artigo moi interesante, os investigadores Paul A. Kirschner e Jeroen J. G. van Merriënboer adícanse a desmontar algunhas das lendas urbanas que circulan arredor da educación e que conforman a praxe e unhas direccións educativas ás que os sufridos docentes nos vemos obrigados a someternos. Unhas desas lendas é que as novas xeracións son "nativos dixitais", cun coñecemento e dominio case intuitivo dos computadores e similares e que en consecuencia, aprenderían "doutra maneira" (interconectada, multitarefa, intertextual). Mais o certo é que as investigacións empíricas parecen amosar o contrario: o coñecemento das tecnoloxías por parte dos mozos é moi básico e limitado a destrezas básicas (emprego de correo e redes sociais e de mensaxería) e amósanse incapaces, sen axeitada formación, de aproveitar de xeito creativo as posibilidades educativas das novas tecnoloxías. Aínda peor: son vítimas do "efecto bolboreta":
"O que realmente estamos a observar é a unha xeración onde os aprendices diante dos computadores compórtanse coma bolboretas deslizándose arredor da información das pantallas, tocando ou non tocando pezas de información (os hipervínculos) e voando rápidamente á seguinte peza de información sen tomar conciencia do seu valor e sen nengún plan (...). Os estudantes son seducidos para que clikeen nos links, habitualmente esquecéndose do que estaban a pescudar. Este 'deslizarse' leva, no mellor dos casos, a unha moi fráxil rede de coñecementos. Moitas pescudas rematan nunha poza estanca de quizaves interesantes mais irrelevantes anacos de información".
Etiquetas:
educación,
Mitos,
nativos dixitais
terça-feira, outubro 21, 2014
Hoax
Alédame sobremaneira descubrir que o arresto de Banksy foi un engano, xa que é un dos pouquísimos artistas contemporáneos (meus) cuxas obras aprezo e admiro a partes iguais tanto no estético coma no conceptual. E por moitos anos, agardemos (e a proseguir discusións arredor do graffiti como unha das belas artes)...
quinta-feira, outubro 09, 2014
Cidade-Cárcere
En última instancia, os obxetivos da arquitectura contemporánea e da policía converxen de xeito chocante arredor do problema do control das masas. Como temos visto, os deseñadores de centros comerciais e de espazos pseudo-públicos atacan á multitude a través da súa homoxeneización. Constrúen barreiras arquitectónicas e semióticas para filtrar aos "indesexables". Pechan á masa que fica, dirixindo a súa circulación cunha ferocidade behaviorista. Esta vese estimulada polos estímulos visuais, abotargada polo muzak, algunhas veces incluso perfumada con ambientadores invisibles. Esta orquestación Skinneriana, cando está ben artellada, produce unha evidente sinfonía comercial dunha marabunta de mónadas consumidoras movéndose dunha caixa rexistradora a outra.
Mike Davis, City of Quartz
Etiquetas:
Capitalismo,
City of Quartz,
Libros,
Mike Davis,
urbanismo
domingo, outubro 05, 2014
Rule, Britannia
A vila natal da miña dona, Shimonoseki, conta con algunhas edificacións curiosas. Unha delas é o santuario de Akama, adicado á memoria do neno emperador Antoku e os seus parentes do clan Taira, afogados perto do templo trala batalla naval de Dannoura que se descrebe de xeito emotivo e maxistral no Heike Monogatari. Outra, pertencente case a outra galaxia ou universo cultural, é o antigo edificio do consulado británico, construído en 1906: unha arquitectura tan anglosaxona e fora de lugar na súa contorna que tal parece que aquel tornado do Wizard of Oz decidiu ignorar a Dorothy desta volta e levar consigo de vacacións a Xapón unha desas casiñas tradicionais de tixolo e mármore que tanto abundan nos cascos vellos e entre a burguesía acomodada das inglaterras.
Este mesmo ano completouse a renovación e restauración do edificio, que agora funciona coma museo, tenda e restaurante de comida inglesa de calidade. Nesta última faceta puiden disfrutalo nos días do verán pasado, cando alén de para praceres gastronómicos, o ex-consulado serviume de ancoraxe nostálxica e culturalmente próxima nun océano de exotismos e de sensacións de "non é aquí o noso sitio".
A infancia de Antonio Machado, se lembrades, eran lembranzas "de un patio de Sevilla / y un huerto claro donde madura el limonero". A miña é un chisco máis cosmopolita, e inclúe sobretodo esceas da miña vila natal, con longos paseos escoltados por piñeiros monumentais, sólidos e sensatos edificios victorianos de tixolo vermello e estilos eclécticos, rampas en zig-zag en outeiros de arenisca que descenden ata longas praias e peiraos inzados de restaurantes, atraccións e penny arcades, ou grandes parques onde os esquíos baixan a comer froitos secos á túa man e que de noite se enchen de frascos de coloreado cristal con velas dentro, formando unha cromática sinfonía nocturna...
O consulado foi, porén, unha pequena máquina do tempo e do espacio para mín, tal a TARDIS do tamén britaniquísimo doutor Who, e un recordatorio de que, alomenos no meu caso particular, os restos culturais ingleses non son tan só testemuño de barbarie, imperialismo e dominio, senón (para min) de nostalxia, de amor e de pertenza.
terça-feira, setembro 30, 2014
Libros do Mes
Kuei Hsing: A Repository of
Asian Literature in Translation de VVAA.
The Ch’un Ts’ew with the Tso
Chuen de James Legge [E]
Como sobrevivir a la ESO y ser feliz de Eduardo López Prieto [E]
*Palazzo Te: Giulio Romano’s Masterwork in Mantua de Ugo Bazzotti
*The Japanese Tea Ceremony,
Cha-No-Yu, de A.L. Sadler [R]
sábado, setembro 27, 2014
κρίσις
Estes días téñovos abandonados, mais é que estiven e estou liado con mil cousas que me impediron unha certa volta á normalidade. En primeiro lugar, falloume de xeito xa terminal e definitivo o meu vello PC, e ata hoxe mesmo non puiden comezar a experimentar co seu recambio, un MacBook Air dende o que vos estou a teclear nestes intres. Máis relevante foi outro suceso, crise ou catástrofe se o queredes ver así, que me aconteceu no eido laboral, xa que para o curso presente fun destinado por primeira vez a un instituto de ensinanza secundaria, coas materias de inglés e (afín) língua e literatura castelá. Aínda estou superando o shock da adaptación ás ensinanzas medias, ao seu público e ao seus métodos de traballo, polo que ata dentro dun par de meses non conto con retornar á rutina desta casa, coas súas reseñas, anacos de lecturas e reflexións variadas.
A miña confrontación coa ESO, ate o de agora, foi de todo menos relaxante, placenteira e instructiva, mais como tódalas crises, ou caídas (neste caso, tropezo), agrado aproveitala para aprender e para mellorar como persoa e como docente. Xa vos terei informados...
quarta-feira, setembro 03, 2014
Sadness II
Setembro é para mín un mes dunha certa melancolía; non pensedes, malevos, que é polo retorno ás aulas, senón máis ben pola sensación de fìn que este retorno produce: as primeiras semanas son, en realidade, as derradeiras do curso anterior, cos exames de recuperación; a maiores, cando aínda non se ten destino definitivo, poden ser os últimos días que pasas no centro, ou cos anteriores compañeiros de traballo.
Encirrando o sentimento outonizo ven tamén un poema de Tanikawa Shuntarō, parte da antoloxía de literatura asiática que desnovelo estes días, e titulado 'Tristeza II', e que debulla unha serie de obxectos cotiáns que evocan na voz poética a citada emoción. Erguendo o ollar das páxinas, fito para os meus outros libros, e cavilo nestes obxectos tan valiosos para mín e que fican orfos cando se ausenta ou sufre o seu pasamento o dono-lector. Abandonados na non lectura, tristes iconos a convertérense en polpa descomposta, véñenme ao maxín as bibliotecas das casas-museos de escritores, prisioneiros tralas vitrinas; e moi particularme as do Pazo de Trasalba físico, non o meu dixital, de Ramón Otero Pedraio, onde os volumes que adoraba o egrexio petrucio languidecen en anaqueis e gaiolas de cristal.
domingo, agosto 31, 2014
Libros do Mes
Like Clouds or Mists: Studies and Translations of Nōh Plays of the Gempei War de Elizabeth Oyler e Michael Watson (eds.)
The Dancers at the End of Time de Michael Moorcock
Urasenke Chado Textbook de Sen Soshitsu e Sen Genshitsu (eds.)
India, a History: Revised and Updated de John Keay [E]
The Japanese Tea Garden de Marc Peter Keane
*Kuei Hsing: A Repository of Asian Literature in Translation de VVAA.
*The Ch´un Ts´ew with the Tso Chuen de James Legge [E]
*The Japanese Tea Ceremony, Cha-No-Yu de A.L. Sadler [R]
quinta-feira, julho 31, 2014
Libros do Mes
Dende o 22 do presente mes ándovos novamente por terras niponas, así que vos deixei esta entrada auto-publicábel con aquelas cousiñas que rematei de ler antes da viaxe, ou que deixei para rematar á volta...
Courtier and Commoner in Ancient China: Selections from the History of the Former Han de Burton Watson
Japanese Farm Food de Nancy Singleton Hachisu [E]
China de John Keay [E]
*India: A History. Revised and Updated de John Keay [E]
*Kuei Hsing: A Repository of Asian Literature in Translation de VVAA.
*The Ch’un Ts’ew with the Tso Chuen de James Legge [E]
*The Japanese Tea Ceremony, Cha-No-Yu de A.L. Sadler [R]
segunda-feira, julho 21, 2014
O Mandarín Marabilloso - Redux
Catro anos atrás, case tal día coma hoxe, anunciábavos o meu acceso ao mandarinato coma profesor de ensinanza secundaria (inglés). Con aínda maior satisfacción anuncio hoxe que, superadas as opos deste ano pola quenda de novas especialidades, paso a ser tamén profesor de xeografía, historia e arte, con dereito a un alfinete de lapis lazuli na monteira e un bordado de seda, veludo e fío de ouro para o peito con representación dun pavón.
terça-feira, julho 08, 2014
Lotería
15. Canadá e EE.UU.: aspectos físicos e humanos.
31. Os reinos peninsulares nos séculos XIV e XV. Conflitos sociais. Diversidade cultural.
35. O pensamento político moderno: do Humanismo á Ilustración.
40. Transformacións agrarias e proceso de industrialización na España do século XIX.
48. Fascismo e neofascismo: caracteres e circunstancias nas que se desenrolan.
Subscrever:
Mensagens (Atom)
%2B18.23.jpg)

